31 de dez. de 2015

Quince flashes do meu 2015


O ano dos coidados familiares e de máis noites no hospital.

O ano da campaña electoral que vivín con maior intensidade, aínda que a comezase máis tarde. Estiven grazas a iso con xente encantadora, como a da foto.

O ano en que participei en máis debates e entrevistas co tempo hipertaxado. ("Señor Callón, ¿cuál es su modelo de Estado? Tiene 18 segundos".)

O ano en que fun a un parque de atraccións e subín de novo a unha montaña rusa (non a máis grande, claro, mais compenseino indo a varias... digamos intermedias).

O ano en que case non chego á mani en defensa do idioma, mais dei chegado.

O ano en que adelgacei seis quilos (dous supoño que de inconstante ximnasio; catro sei que de campaña).

O ano en que menos fun á miña secreta praia favorita.

O ano en que biquei a Jorquera.

O ano en que conseguín Portugués como optativa no instituto e me sentín Hércules pasando os doce traballos.

O ano en que volvín muxir unha vaca, aínda que fose a entrañábel boneca que é a Mazarica.

O ano en que me emocionei corrixindo un exame.

O ano en que escribín horas e horas seguidas o meu proxecto máis ambicioso, que a ver se termino para o 2017.

O ano en que me fixen fan de Tyrion Lannister.

O ano en que axudei a que saísen bandeiras galegas na noite electoral en Cataluña.

O ano en que me mergullei e me decidín a mergullarme máis.




Ano vello con ben vaias,
ano novo con ben veñas,
así di o Apalpador
para ti e para quen ti queiras!



Por un 2016 de boas decisións e algo de sorte!

28 de dez. de 2015

A obra poética e o programa cultural de Valentín Paz-Andrade

Pouco antes de que comezase a voráxine da campaña electoral chegou ás librarías que distribúen novidades no noso idioma o título Cicatrices de ferro nas palabras, un ensaio que escribín a catro mans con Paulo Filgueiras Fachal. Xa nos comezos de 2016 faremos algúns actos públicos de presentación.

Hai un punto no cal a peripecia vital e política de Paz-Andrade dá para pensar sobre o presente electoral. El sempre estivo a dubidar entre acreditar ou non na autoorganización política e, de feito, a única vez que desempeñou un cargo institucional foi en 1977, cando foi senador por unha "confluencia" da época, a chamada Candidatura Democrática Galega, promovida por un PSOE visto socialmente como rupturista. Iso si, non se adscribiu no grupo do PSOE e mantivo posturas singulares nalgúns debates sobre o país, como o relacionado coa pesca, polo que xa non o tiveron en conta nas seguintes eleccións, as de 1979. Tentou daquela recuperar o PG, mais o piñeirismo impediuno activamente. Como é sabido, a aposta de Ramón Piñeiro foi a de "galeguizar" os partidos estatais, unha estratexia que hoxe ten un novo revival.

Xa antes da guerra, Paz-Andrade ziguezaguea entre o apoio ao nacionalismo organizado (o Partido Galeguista, cuxo nome parece que foi proposta del) e a inclusión nas listas electorais no partido centrista estatal de Portela Valladares, que xustificou dicindo que así sería posíbel que houbese outro nacionalista máis no Congreso.

Moitas cousas que nos poden parecer recentes talvez non o sexan tanto. Sexa dunha perspectiva de Marx, Nietzsche ou Lacan, o certo é que na historia hai moito de repetición e, a pesar da calor dos momentos, hai que saber ter a frialdade para ollar un pouco desde arriba. Eu, que queredes, penso que o que ten máis razón dos diferentes paz-andrades é o último, o que, despois de tantas experiencias históricas e tantos desencantos, sabe que a autoorganización é o camiño.

26 de dez. de 2015

"Non me chega con ser respectado, quero ser dono de min mesmo"

Hai moitos artigos por acó e por aló sobre o resultado das eleccións, mais do mellor que lin foi este demorado estado no Facebook de Carlos Lixó :)

Pasada a resaca electoral e vendo tanto opinador que non me dá a cabeza para ir respondendo un por un, vou tentar facer un resumo aí xeral de como vexo as cousas. Supoño que tamén volo debo ás persoas que vos dei tanto a chapa coa campaña, non vou ser covarde. Perdemos. Dito isto (xD), paso por paso:

Ás persoas que votastes Nós. Grazas e ánimo. Grazas por confiardes no nacionalismo galego nunhas eleccións híper mediatizadas e televisivas, reducidas a unha batalla entre os catro grandes líderes españois e centradas en substutuír ou perpetuar a Rajoy. Iso é ser valentes. Ánimo porque aínda sen estar no Congreso non imos defraudar e imos continuar, vémonos nas batallas nas que haxa que estar.

Ás persoas nacionalistas que nesta ocasión non confiaron en Nós. Querémosvos e imos dar a talla, eu vou continuar a traballar no meu tempo libre para reconstruír un proxecto nacional galego atractivo. Son tempos duros para os nacionalismos de liberación, a debacle foi en todas as nacións do Estado e nós que eramos máis débiles resistimos peor; o discurso de "un país unido en su diversidad" arrasa. Eu podo comprendelo en parte: despois de séculos de negación salvaxe, ver un posíbel líder de España aparentemente respectuoso coa diversidade pode parecer un atractivo cravo ardendo ao que agarrarse. Por iso Podemos tivo os seus mellores resultados en Cataluña, Euskadi e Galiza. Para min non serve, non me sinto incluído nese proxecto de construción nacional español. Non me chega con ser respectado, quero ser dono de min mesmo. As demócratas cremos na soberanía nacional, as nacionalistas defendemos que Galiza é unha nación. Quero que as galegas e os galegos sexamos quen de afrontar e resolver os nosos problemas sen nos termos que sumar ao carro de proxectos alleos. No hay más preguntas, señoría.

Ás persoas que, votásennos ou non, están desgustadas co noso resultado. Relax, take it easy. Vexo moito catastrofismo, e hai que calibrar. A política é caprichosa, ás veces gáñase e outras pérdese, e non é a primeira vez que perdemos. As que cremos en Galiza como un proxecto político de dignidade para as persoas existimos. Haberá que darlle voltas á cabeciña para subir de novo, e farémolo. Soberanía e esquerda. Non hai fallo.

Á militancia que está enfadada e que busca desesperada unha explicación, que quere ter a quen culpar porque non entende que o seu traballo en tantas loitas xustas, en manifestacións e nas rúas, non sexa valorado polo electorado. Non hai culpábeis, hoxe traballamos moito e saíu mal, mañá farémolo aínda mellor e sairá ben. É duro, pero non loitamos só para ter votos, loitamos porque cremos. Unha das mellores satisfaccións de votar Nós para min foi ver como o día 21 a súper candidata Olalla Rodil reclamaba prezos dignos para o leite. Non hai tempo para a demora.

Ás que teñen que sufrir hienas exixindo, (repito, exixindo) autocrítica: resistencia, amigas. Imos sufrir un asalto emocional e ideolóxico polo simple feito de non abandonar Galiza como proxecto político. Eu digo, autocrítica si, sempre que sexa por e para un mesmo; autohumillación e fustigamento no lombo para disfrute alleo non. De ningunha das maneiras.

Ás que están pensando nas autonómicas: xa haberá tempo. Calma. Primeiro toca pensar como podemos mellorar o mundo mañá, pasado mañá, o día despois. Se só nos importan as eleccións si que estaremos condenadas a perder. Vémonos nas rúas.

Ás que ven a política coma un partido de fútbol e se apresuran a desmarcarse do equipo perdedor. Que teñades bo camiño. Ás que falan con condescencia, "vedes como tiñamos razón? vedes, vedes?", "a xente que vota PP hai que mallar neles, son burros", "prff votar partidos pequenos non é práctico! o voto útil señoresss". Son un desastre os vosos argumentos, en serio. Stop tratar á xente de parva. Stop crer que hai unha verdade absoluta. Isto de "todo o mundo ten unha opinión sectaria / condicionada polos medios / froito do descoñecemento, menos eu que son orixinal e 100% libre" é moi do século pasado, hai que ir superándoo xD

A todo canto NOSólogo e Blocólogo que aparece da nada con análises extravagantes a ordenarnos o que temos que facer sen que ninguén llo pregunte: non nos importa. Berra o que queiras, que o facemos todo mal, que ti xa sabías todo, que somos maos, cerriles, tontos, crueis, torpes. Que temos o que nos merecemos. Nada pasa. A maioría de nós temos a tranquilidade de facermos o que debiamos, de estarmos no proxecto onde nos gustaría estar. A vosa actitude manifesta unha vez máis que mesmo nos momentos máis baixos o soberanismo galego proe e molesta. Guai. Uns maos resultados electorais non invalidan unha ideoloxía nin un proxecto de futuro. Non vos imos facer caso, non imos disolvernos e desaparecer. Síntoo por vós.

Á (minoría de) xente da Marea que aproveita o momento da derrota para rirse de nós. Non comparto o voso proxecto, douvos os parabéns polo voso éxito e desexo que polo menos sirva para algo. Celebro saber que se a situación fose a inversa eu non me comportaría coma vós. A política flúe e todo muda.

Á xente que aínda se reconcome con non haber unha candidatura unitaria galega. Moitas persoas non queríamos iso se supuña renunciar a un proxecto autónomo galego, algo que era imposíbel levando Podemos a voz cantante. En calquera caso, para quen anda buscando onde botar culpas, é importante lembrar que quixéramos ou non esa candidatura (xa digo que eu non), non se nos permitiu sequera decidilo. As Mareas entenderon que o que o BNG representaba restaba máis do que sumaba en relación aos seus obxectivos e impediron desde o primeiro momento que iso se puidese concretar. Calquera que seguise o proceso cun mínimo de atención sabe que iso foi así.

Á xente que pasa o día xogando ás suposicións, como ironizaban o Álvaro e o Arboiro (partinme o cu xD), xogando a ver que pasaría se nestas eleccións a miña avoa tivese rodas ou se a lei electoral a definise a punta do meu dedo gordo: non pasou, nin ía pasar, nin podía pasar. Fin. Está clara a intencionalidade de quen di que cos votos de Nós a Marea tería máis escanos. Vaia cousa! E se con estes resultados se presentasen xuntos PP, PSOE, C's e Marea tamén sacaban todos os escanos. E se eu fose un aburrido tamén podería facer os cálculos contrarios: se uns cantos de miles de votos da Marea fosen para Nós, teríamos representación e a Marea mantería a que ten agora. Pero non me parecen razoamentos interesantes en absoluto. Cero. O relevante disto para min é con que facilidade hai quen fabula cos votos dos demais como se fosen deles, ignorando que para quen ten máis importancia o seu voto é para o propio votante. Poucas cousas imaxino máis desagradábeis que votar unha opción na que non acredita. Co meu voto non podedes especular, non podedes sumarllo a ninguén excepto a quen eu votei, asumídeo. Antes de votar a quen vós credes que debería votar igual eu tragaba a papeleta.

Ás persoas nacionalistas que traballan na Marea. Tal como eu o vexo, o éxito foi de Podemos. Así o vivín mesmo no colexio electoral, "quién son ésos de la Marea?", "yo quiero votar a Podemos", "cual es la papeleta de Pablo Iglesias?", etc. Pensar que os resultados son un éxito do nacionalismo porque unha minoría de nacionalistas participades niso é facer trampas ao solitario. Que a algunha persoa lle servise o traxe de candidatura popular galega para non sentirse mal consigo mesma iso é outra cousa.

Sobre Podemos. É obvio que é un proxecto de éxito, polo momento. É curioso que, malia definirse como asembleario, funcione en realidade como un experimento politolóxico dirixido por unha mini pandilla de persoas vinculadas a un departamento concreto dunha determinada universidade. Non o digo despectivamente nin moito menos, ollo. De feito supoño que parte do seu éxito vén precisamente de aí: un líder claro, un plan claro, unha estratexia clara, un control ríxido e ben meditado de cada paso a dar. Sen dúbida máis efectivo a curto prazo que os procesos construídos con dificultade desde a base, con moito traballiño e contradicións. A maiores disto, que Podemos tivo parte en certo espertar político de moitas persoas até o momento inactivas, verdade, un punto por iso. Que axudou a debilitar os máis firmes opositores do capitalismo nos últimos tempos, é dicir, os nacionalismos de clase e o comunismo no resto do estado, a base de renuncias (apoio á OTAN, militarismo, ensino concertado, connivencia coas imposicións da UE, etc.) eu tamén o vexo claro.

Por último dúas cousiñas, e xa corto o rollo:

Ás persoas que aínda consideran que votar un sobre cun chourizo ten graza, ides uns aniños por detrás dos tempos e iso xa non lle fai graza a ninguén xD

Ás persoas que cren que Star Wars é súa, vin onte a peli sen ter idea de nada e, aínda que demasiado previsíbel nalgunhas cousas, desfruteina. Sen coñecer cada detalle dese universo imaxinario. Ao mellor dáme a avenada e póñome ao día coas anteriores, ao mellor non. Deal with it

Bon, xa quedei a gusto. Parece que máis que para ninguén precisaba escribir para min.

En resumo, familia: CERO DRAMAS, SEMPRE SMILE

27 de nov. de 2015

Por xente como Neira Vilas é pola que continuamos a ser alguén

O primeiro libro que lin en galego foi O cabaliño de buxo. Grazas por tanto, Pepe! A túa obra é inmortal!


Para divers@s, NÓS





25 de nov. de 2015

Erradiquemos os feminicidios!

Se o PP quere ser críbel no 25N, que expulse a Baltar e poña os medios materiais para erradicar os feminicidios.





16 de nov. de 2015

Contra o atraso

Galiza está á cola nos salarios e á cabeza en horas de traballo efectivas. Hai empresarios escravistas que aínda con iso non teñen suficiente.

Son empresarios cuxa mentalidade nos leva ao atraso.

Empresarios que pensan que hai que fomentar o autoodio, que Galiza non se pode valer por si mesma, e por iso non invisten no país.

Empresarios que pensan que a riqueza consiste en non pagar con xustiza aos seus traballadores e ás súas traballadoras e en impedir que poidan defender os seus dereitos lexítimos... e legais!

Por fortuna, tamén hai moitas empresarias e moitos empresarios que saben que ese non é o camiño nin para Galiza nin para o mundo, que non se crea riqueza coa explotación e co desprezo polas persoas e polos pobos.

NÓS estamos contra o atraso.

NÓS estamos polos dereitos e por unha verdadeira creación de riqueza.

13 de nov. de 2015

Carlos Luis Rodríguez

No El Correo Gallego Carlos Luis Rodríguez vén de publicar un artigo dedicado a me criticar por encabezar a lista de NÓS - Candidatura Galega ao Congreso pola Coruña. É curioso que, aínda que se trata dun texto de crítica ad hominem, en ningún momento se atreva a dicir o meu nome. Anímoo a xuntar as letras que o compoñen, verá que non pasa nada: "Carlos Callón", así de faciliño.

Penso que é a primeira vez que Carlos Luis Rodríguez se refire a min desde que o 19 de outubro de 2009 gravou unha entrevista comigo para a TVG, tras unha manifestación masiva  en defensa do galego e contra as políticas retrógadas do PP impulsada pola asociación que eu daquela presidía, A Mesa pola Normalización Lingüística. Esa entrevista, que se converteu en viral, tense pasado en facultades de Comunicación como exemplo do que un entrevistador con ética xornalística non debe facer.

Carlos Luis Rodríguez non mantiña un estilo agresivo con todos os convidados que entrevistaba na TVG, pois nese caso sería oportuno e mesmo interesante o acontecido aquel día na televisión pública galega. Chega con cotexar aquela "entrevista" coas conversas de sobremesa coa presidenta e case única socia da galegófoba Galicia Bilingüe, ou cos conselleiros que neses momentos levaban a cabo os principais retrocesos contra o noso idioma. Todos eses programas son fáciles de encontrar en internet e comparar para que cadaquén tire as súas conclusións.

Desde esa entrevista nunca máis pisei un plató da TVG até hai unha semana, malia que a asociación que presidín até 2014 chegou a reunir 100.000 persoas en Santiago de Compostela en defensa do galego ao ano seguinte e en sucesivas convocatorias.

E que despertou o interese de Carlos Luis Rodríguez pola miña persoa seis anos despois daquela entrevista? Pois que, como antes dixen, volvín á TVG como candidato de NÓS e o primeiro que fixen na emisión ao vivo foi beliscarme, para estar seguro de que estaba alí despois de tanto tempo.

Non podo negar que sempre me sorprendeu a teima de Carlos Luis Rodríguez contra a lingua galega, moito máis tendo en conta que grazas a este idioma tivo contratos nunha televisión que non existiría se non tivésemos idioma propio.

Outra das súas lerias, que repite esta semana tras varios anos no caixón dos argumentarios, é a de me presentar como alguén que disimula as súas ideas para enganar. Na súa cabeza non colle que eu, sendo nacionalista, sendo militante de base do BNG, consiga  sentarme e unir esforzos con persoas de sensibilidades políticas diversas.

Non entendeu, ou non quixo entender, que eu puidese encabezar un movemento social de masas en defensa do idioma galego no cal tiveron presenza todas as forzas de esquerdas, galeguistas e nacionalistas de Galiza. Non entende tampouco agora, nin quere entender, que como candidato de NÓS estea a ser capaz de xuntar forzas e persoas, de novo de sensibilidades diversas, nun  ilusionante proxecto común, que vai dar a gran sorpresa nestas eleccións, por moito que a Carlos Luis Rodríguez lle desguste que Galiza teña unha voz propia que fale alto e claro en defensa deste país, tamén en Madrid.

12 de nov. de 2015

Vida, forza e dereitos para a lingua galega!



Sempre é unha alegría saber que o traballo que un fai ten boa acollida e é útil. Obrigadísimo a Jack Paris por me enviar este testemuño.

Adiante co noso idioma!

11 de nov. de 2015

Seis anos e un mes

Desde o debate-entrevista con Carlos Luis Rodríguez en outubro de 2009, nunca de novo me chamaron para pasar por un plató da TVG. Hei de lembrar que continuei a ser presidente da maior asociación cultural galega no resto de 2009, todo 2010, todo 2011, todo 2012, todo 2013 e o primeiro cuadrimestre de 2014. Nese tempo, fun o portavoz dun movemento cidadán que congregou as maiores manifestacións en defensa do noso idioma. Mais, para os directivos da TVG, nomeados polo PP, foi como quen ouve chover...

Como xa era moita exhibición de listas negras ás portas dunhas eleccións en que son cabeza de lista de NÓS - Candidatura Galega, e van ter a obriga legal de me teren en conta, decidiron permitir a miña presenza nun programa informativo de tarde (en prime time xa sería moito). E xa non entro en máis apreciacións, que cada persoa tire as súas propias conclusións.

Esta foi a entrevista, que tamén podedes divulgar a través desta ligazón en Facebook:



Estou tamén moi agradecido por esta montaxe, liña "Thug life", que se está a divulgar tanto por Facebook e Twitter como polo Whatssapp. Obrigado pola creatividade e a retranca! :) Recoméndovos que lle deades a esta ligazón e que, se vos fai rir, non deixedes de pasárllelo aos vosos contactos.


Non imos calar!

Toda a forza para NÓS Candidatura Galega!

10 de nov. de 2015

En Ferrol con Fermín Bouza Brey

Hoxe, terza feira (martes) 10 de novembro e a vindeira terza feira 17, ás 19.30 h, realizarase na Galería Sargadelos de Ferrol unha xornada de lectura e comentario sobre a obra poética de Fermín Bouza Brey.

O convite partiu da Sociedade Cultural Medulio. É unha actividade aberta a todas as persoas interesadas.

Poñamos en valor a nosa rica cultura!

9 de nov. de 2015

Que se preparen Rajoy e Rivera! Galiza terá máis forza e máis decisión!

8 de nov. de 2015

Sen estimular a participación non hai transformación positiva

É unha mágoa que as outras forzas que se presentan ás eleccións lle teñan medo á participación aberta das persoas. Mais hai unha obviedade que non podemos esquecer: non pode haber ningunha transformación social positiva que non estimule a participación.

No entanto, a fórmula que escolleron ou están a escoller a inmensa maioría desas forzas é a chamada "dixital": o dedazo. Se isto é ser dixitais, mellor sermos analóxicos!

A esta hora ábrense esas urnas analóxicas en 144 puntos de toda Galiza. 61 mesas electorais estarán na provincia da Coruña, onde me presento á decisión, libre e soberana dun censo aberto, sobre a miña forma de participación nesta ferramenta colectiva que é NÓS-Candidatura Galega.

O de hoxe é un esforzo organizativo inmenso, 100% altruísta, de todas as persoas que nel colaboran. Moitísimas grazas, compas!

Lembremos que as urnas van estar abertas desde xa até as 15 horas e que podedes consultar toda a información na páxina polaunion.gal.

O que Galiza vota vai á misa!

Toda a forza para NÓS - Candidatura Galega!
 
 
ALGUNHAS LIGAZÓNS DE UTILIDADE PARA A XORNADA:

30 de out. de 2015

Activémonos! Forza para a candidatura galega!



Se aínda non te inscribiches para as primarias para a candidatura galega que estamos a construír persoa a persoa, podes facelo desde aquí.

29 de out. de 2015

Soberanismo: o federalismo do século XXI?


Estiven onte na presentación, no Vide, Vide! de Santiago, do libro Tempos chegados? Sobre o futuro político da Galiza, unha obra colectiva coordinada por Arturo de Nieves e Carlos Taibo.

O primeiro que me chamou a atención foi o título. O himno galego é, até onde eu sei, o único himno nacional que comeza con preguntas: "Que din os rumorosos...?", "Que din as altas copas...?" Continúa e finaliza, iso si, con afirmacións sostidas na esperanza cara a un futuro próximo, como "Os tempos son chegados..." Porén, neste título, como tantas veces na nosa realidade, reconvértese o claro proxecto en interrogante, en dúbida, en hipótese, en posibilidade por comprobar.

Nesa liña, nas 140 páxinas deste pequeno volume son varias as achegas que se fan á posibilidade de cadanseus horizontes de futuro para Galiza. Onte estaban presentes no acto tres destas opcións, con cadansúa disciplina de saber para a explicar.

José Antonio Portero defendeu, en castelán, o mantemento como autonomía, desde a súa óptica de catedrático de Dereito Constitucional, mais deixando a salvidade de que el mesmo preferiría unha maior centralización, que só rexeitou por nostálxica. Justo Beramendi, catedrático emérito de Historia, amparou un encaixe federal, cunha moi boa e amena exposición, onde subliñou a importancia da táctica intelixente para dar pasos adiante. Por último, Xavier Vence, como catedrático de Economía Aplicada, achegou algunhas reflexións cruciais para defendermos a postura soberanista, como unha ferramenta democratizadora básica nos tempos da globalización, xa que mesmo os vellos estados teñen unha soberanía moi relativa nestes tempos. Ademais, centrándose no noso país, deu algún dato verdadeiramente revelador, como que se contásemos agora mesmo Galiza como independente sería a economía número 55 do mundo, de entre os case 200 estados que existen na actualidade. Non vos fai pensar?

Tras escoitalos, a miña conclusión foi: "O soberanismo é o federalismo do século XXI". Así que lle quito o interrogante ao título desta entrada e subliño que, si, a loita pola soberanía é a loita polos dereitos democráticos, a loita para que as persoas e os pobos de verdade decidan.

28 de out. de 2015

Un proceso sen limitacións, construído desde abaixo, co corazón e co pensamento en Galiza


Artigo que publiquei no xornal electrónico Sermos Galiza:

Cada persoa conta para construírmos a candidatura galega

Paréceme moi ben deseñado o proceso de primarias abertísimas da Iniciativa pola Unión. Calquera persoa pode inscribirse libremente no censo para configurar a candidatura: para votar e decidir, para ser avalista dunha ou dun aspirante e para se propor para ir nas listas.

Non é necesario ter ningún carné, non hai que demostrar antigüidade en nada, o voto de cada persoa vale o mesmo... É unha chamada enorme á participación e á colaboración, algo inusual no panorama político galego e do conxunto do Estado, mesmo nalgunhas forzas que se poden presentar publicamente como asemblearias, mentres non leas a letra pequena do seu asemblearismo e vexas que está cheo de obstáculos e reviravoltas para controlaren os resultados.

A única pexa que lle podo pór, visto desde fóra, é o axustado dos prazos, toda vez que as votacións das primarias serán o 8 de novembro e as eleccións xerais son o 20 de decembro. A campaña electoral vai ser un sprint! Porén, todas e todos entendemos que se a cousa ficou para tan tarde foi polos enormes esforzos para que a unidade que se está a construír desde abaixo puidese ser tamén unidade de partidos. Ademais, o seu propio procedemento aberto podería facilitar a posibilidade da suma, en calquera momento do cronómetro, de máis partidos que decidan apostar polo grupo propio galego, polo centro de decisión en Galiza e pola pluralidade.

Pensemos que algunhas forzas que se ven como paradigmas da "nova política" ou do 'novo rupturismo', como Barcelona en Comú, non tiveron procesos así de abertos para a configuración das súas listas e que Catalunya en Comú renunciou directamente a toda posibilidade de primarias, argumentando que non había tempo para iso que aquí si se está a facer.

Reparemos tamén en que o número de avais solicitados para poder presentarse na Iniciativa pola Unión é mesmo irrisorio, por ser só simbólico, en comparación con outras primarias nas cales se reclaman centos de apoios previos.

Está, pois, en andamento un proceso sen limitacións, construído desde abaixo, co corazón e co pensamento en Galiza. Eu xa me inscribín. Anímote a ti a que tamén participes. É moi sinxelo: é só clicares aquí.

Construamos unha forte e grande candidatura galega!

27 de out. de 2015

Nin truco nin trato: "Polos defuntiños que van alá"

Na Illa de Arousa permanece moi, moi viva a tradición de ir pedir polas portas no día de Defuntos, chamado alí tamén como Día de Pedir. Porén, non preguntan por truco nin trato, senón que pregan que lles dean algo "polos defuntiños que van alá".

O de "ir alá" recórdame moito a miña avoíña Pepa e os rezos que nos aprendía aos seus netos, en galego, para pregarmos en favor dos mortos da familia, mesmo daqueles que nunca chegamos a coñecer, tal e como os da siña Sinforosa de Castelao.



Por se non vos lembrades da siña Sinforosa, que pertence a esa xenialidade que é Cousas, colo aquí a ilustración e o texto:



Todos cantos sabían algo da hestoria da vila en que eu nacín, xa repousan debaixo dos terróns.

A siña Sinforosa era unha velliña que todos os días pasaba o mar porque era mandadeira de oficio, como xa fora súa nai, súa avoa e cicais todas as súas devanceiras, dendes que os da banda de acá tiveron comercio cos da banda de alá. Era honrada ou parecía selo pois vivía do seu creto de muller de ben. Engaioleira e faladora con todos, tiña sempre, para a xente fidalga, un caravel na súa boca chuchada. A siña Sinforosa sabía todas as traxedias do mar naquela travesía.

Nos días de tempo ruín, cando funga o vento nas cordas e os salseiros varren a cuberta do barco, a siña Sinforosa metíase en si e rezaba pola súa ialma.

Nos días mainos a siña Sinforosa rezaba polos afogados. O barco ía andando cara á banda de alá e a mandadeira ía rezando sempre.

— Un padrenuestriño polo Xan de Codeso, que morreu afogado un día da Candelaria.

— Unha salve por doña Rosa Faxardo, que se botou a afogar na punta da Falcoeira.

— Un padrenuestriño, unha salve e unha avemaría polas catro fillas do Belurico, que morreron de volta do mercado.

— Unha salve por Ramón Collazo, que o levou un cóngaro e nunca máis apareceu.

Así seguía rezando, rezando sempre, por todos cantos morreron naquel camiño do mar. A vella mandadeira gardaba na memoria os nomes dos afogados e as datas das traxedias.

Un día reparei que a siña Sinforosa rezou por “un rapaciño que morreu en Tronco”, e pergunteille:

— Quen foi o rapaciño que morreu en Tronco, siña Sinforosa?

I ela respondeume:

— Non o sei, meu amantiño; ise afogado non é do meu tempo pois xa rezaba por el a difunta de miña avoa, que no Ceo estea.

A siña Sinforosa morreu xa, e de tantas traxedias non quedan máis que tres ou catro cruces de madeira chantadas nas pedras de beiramar. A vella mandadeira levou ao Alén a hestoria de todos os afogados da vila en que eu nacín.

Unha vez que atravesei o mar, sentín dentro do meu peito o baleiro de tanto esquecimento e en nome de todos os afogados preguei:

— Un padrenuestriño pola siña Sinforosa.

26 de out. de 2015

24 de out. de 2015

Van de modernos, mais parecen o NO-DO. Temos que activarnos!

O concello de Ribeira é un dos poucos de Galiza onde ten presenza institucional o partido do Ibex 35, máis coñecido como Ciudadanos. Para Cataluña, a nación para a que comezou a pensarse esta formación, decidiron no bautismo que a marca fose "Ciutadans".

Resulta cando menos curioso que aló utilicen decote a súa denominación en catalán e que o seu líder se presente co nome nesa lingua (Albert) mentres que aquí non teñen nin un só referente público co nome en galego e senten como unha auténtica ofensa que se poida chamar Cidadáns ao seu partido, aínda que sexa con letra itálica e en pequeniño. "¡No somos Cidadáns, somos Ciudadanos!", escoitei protestaren en varias ocasións, con énfase e indignación, aos edís de Ribeira (que non Rivera).

No conxunto de Galiza, Ciudadanos / Ciutadans ten dezaseis concelleiros e concelleiras (once na provincia da Coruña, tres en Lugo, dous en Pontevedra, ningún en Ourense). Un dos seus temas obsesivos é que a lingua galega careza de toda cobertura institucional e que vaia desaparecendo darwinianamente. Por exemplo, en Ferrol acaban de presentar unha moción para que o galego deixe de ser idioma oficial! Van de modernos, mais cando abren a boca parece que se volven de preto e branco e que pola súa gorxa gurgulla a sintonía do NO-DO.

Ciudadanos / Ciutadans vai ter un enorme apoio mediático e económico para conseguir representación en Galiza nas próximas eleccións xerais, a pesar de que é un partido sen estrutura no noso territorio. A posibilidade de o lograren e de condicionaren o próximo goberno do Estado suporía unha nova e grave fase de represión contra a nosa cultura. 

Non podemos permitilo!

As persoas que amamos a nosa cultura TEMOS QUE ACTIVARNOS.

22 de out. de 2015

Hoxe, con Fermín Bouza Brey

Non sei moi ben a razón da feliz casualidade, mais pedíronme que interveña tres veces nas próximas semanas para falar da obra literaria de Fermín Bouza Brey: hoxe mesmo en Vilagarcía de Arousa e xa en novembro en dúas ocasións -que axiña concretarei- na cidade de Ferrol.

Tendo en conta que unha das persoas que lle fixo máis dano a Bouza foi o franquista Filgueira Valverde, tan traído e levado neste 2015, eu vou aínda máis feliz para abrir a boca sobre o tema.

O acto desta mañá é froito do convite que me realizaron desde o instituto que leva o nome do grande escritor e prodúcese dentro dunhas amplas xornadas que coordina a hiperdinámica Patricia Arias Chachero. Algúns datos desta actividade podédelos ver nesta entrada do blogue do centro e nos seguintes documentos:


21 de out. de 2015

Aquela vez que debatín con Albert Rivera

Está na moda a tertulia que mantiveron en La Sexta os líderes das chamadas "forzas emerxentes" estatais.

O primeiro que me chama a atención de encontros coma ese é que hai unha opción política, o Bloque Nacionalista Galego, que leva case vinte anos con presenza no Congreso dos Deputados, algo que ningunha destas forzas ten até o momento. Porén, neses catro lustros nunca puido desfrutar nin do 0,1% da mesma atención en medios estatais e decisivos. Repito: en vinte anos, unha forza que si ten presenza no Congreso, nin o 0,1% da mesma atención.

Este falta de representatividade da pluralidade política é unha das mostras máis palpábeis de que estamos nunha democracia de baixa cualidade. Ademais, é un punto que silencian conxuntamente as diferentes forzas estatais, declárense de dereitas, de centro ou -tristemente, tamén- de esquerdas.

Porque, claro, se a escusa para non convidar representantes do BNG a eses debates veu sendo nestas dúas décadas que "só" tiñan dúas deputadas en Madrid, como xustifican a sobrerrepresentación que merecen Ciutadans e Podemos desde hai tanto tempo, cando teñen 0 escanos en San Jerónimo? Se a razón é que os inquéritos lles prognostican agora maior pulo a ambas as forzas, cal era o motivo de que tamén estivesen convidadas continuamente, mentres se excluía outras, cando non había enquisas que apuntasen nese camiño? As cadeiras de La Sexta Noche nos últimos anos son moi elocuentes.

En fin. Vou ao título desta entrada. A vez que eu compartín debate con Albert Rivera foi no ano 2009. El estaba habituado xa a percorrer diariamente os platós de televisión, a pesar de que neses momentos era o líder dunha forza só testemuñal en Cataluña, co 3% dos votos, e que non tiña opción á vista de contar con ningún asento no Congreso. A min era a primeira vez que me convidaban desde unha televisión estatal, malia que levaba xa varios anos como presidente da maior asociación cultural de Galiza.

O programa do encontro foi "A contracorriente", de Popular TV, profundamente tendencioso. E cando digo tendencioso non é como hipérbole: había unha traballadora da televisión encargada de facer que o público aplaudise as declaracións máis fachas (alucinei co descaro!); o tratamento adulatorio e de compadreo fóra das cámaras cara a Albert Rivera resultaba mesmo chocante; el tiña información sobre o desenvolvemento do programa da cal careciamos outros convidados, malia que eu a solicitara; os "testemuños" que se ofrecían eran manipulacións groseiras da realidade, etc.

Recordo tamén como un señor do público se dirixiu cara a min a través de xestos nun descanso para publicidade. Primeiro sinaloume co dedo índice e despois, coa cara moi seria, puxo a palma da man dereita cara ao ceo e fixo un movemento oscilatorio que poderiamos traducir, con suavidade, como 'ten coidadiño co que dis' e que en Ribeira entenderiamos como 'vas levalas'. Si, o ambiente non era moi propicio a ouvir falar da igualdade de dereitos para a lingua galega...

Aínda que é certo que algunhas cousas me abraiaron e me horripilaron máis do agardado, tamén é verdade que eu sabía que ía a territorio comanche. Fixen coma sempre, así e todo: respondín ao convite e alá fun para que houbese cando menos unha voz que interviñese en defensa da nosa cultura e do noso país. Hai que aproveitar cada fenda, por minúscula e basta que sexa.

Deixo aquí uns pequenos fragmentos en que Rivera, todo prexuízos contra o noso idioma, tivo que escoitar algunhas cousas que ben se ve que non lle agradan. Mais Galiza, señor Rivera, a pesar das agresións e difamacións, existe e resiste.

Existimos. Existamos!





7 de out. de 2015

5 de out. de 2015

Mudanzas na Xunta

Mudar uns poucos nomes sen mudar as políticas non é o que precisa o Goberno galego, non é o que precisa Galiza.

Iso si, o Goberno galego parécese só un pouquiño máis a un goberno mercé á ampliacións das consellarías. É unha rectificación indirecta de Núñez Feijóo sobre o que leva pontificado moitos anos. No entanto, mesmo niso continúa a ser unha modificación incompleta e pouco máis que aparencial. Non fai sentido -por pór só un exemplo- a fusión que existe entre Educación e Cultura, sen ningunha persoa que sexa responsábel directa da promoción editorial.

Aínda que se pareza só un algo máis a un goberno, o da actual Xunta continúa a exercer moi pouco de galego, que xa é triste de dicir. Lembremos que tanto Vázquez Almuíña como Rey Varela (dous dos novos conselleiros) son coñecidos polo seu desprezo ao idioma que nos une como galegas e galegos.

Porén, o que me parece máis grave de todo o anunciado é que nomee conselleiro ao mesmo home encargado de coordinar a campaña do PP para as autonómicas de 2016. Coordinará a campaña no seu -parece que moito- tempo libre como conselleiro de Política Social ou será que lle pagaremos con diñeiro público o seu traballo para o PP?

17 de set. de 2015

Afonso VII, Rei de Galiza

Hai hoxe 904 anos, o fillo de Urraca I e Raimundo de Borgoña, así como pupilo de Pedro Fróilaz, recibía na catedral de Santiago a coroa de Galiza, no medio de grandes festexos.

Para lembrar ese acontecemento, o CPI de Caldas de Reis que leva o nome do monarca galego convoca o seguinte premio literario, destinado á rapazada de primaria e da ESO:

I PREMIO LITERARIO AFONSO VII - REI DE GALIZA

O 17 de setembro de 1111 era domingo. A catedral de Santiago de Compostela, que neses momentos seguramente era o templo máis grande de toda Europa, estaba engalanada e preparada para unha festa moi especial. Nesa xornada, nobres galegos chegados de todos os puntos do reino xuntáronse alí para presenciaren a coroación do novo soberano de Galiza: Afonso VII.

Que pensaría ese pícaro ao ver que os nobres máis poderosos e mesmo o seu tío, o futuro e poderosísimo papa Calisto II, se axeonllaban ante el? Como imaxinas ti que foi ese día? Que decoración habería na catedral? Como se sentiría o novo rei?

Para recordar ese acontecemento, o Departamento de Lingua e Literatura Galega e o Equipo de Normalización Lingüística do CPI Alfonso VII de Caldas de Reis convoca o I Premio Literario Afonso VII - Rei de Galiza, coas seguintes BASES:

1) O tema do premio é recrear literariamente, de forma libre e imaxinativa, o día da coroación do pequeno Afonso VII en Santiago de Compostela como rei de Galiza.

2) Poderán concorrer ao premio alumnos e alumnas de primaria e ESO de calquera lugar do mundo.

3) Os traballos deben estar en lingua galega e han de ser orixinais e inéditos. Poden presentarse en prosa, verso ou en formato teatral.

4) Non existe extensión mínima nin máxima.

5) Enviaranse tres copias do traballo, pasadas a computador. En cada copia figurará o nome do traballo, un pseudónimo e o curso a que pertence a alumna ou o alumno.
Nun sobre fechado (plica), no que no exterior só aparecerá un pseudónimo, introducirase unha nota cos datos.

6) Os traballos enviaranse a :
I Premio Literario Afonso VII - Rei de Galiza
CPI Alfonso VII
Rúa José Salgado, 18
36650 Caldas de Reis

7) Entregaranse os seguintes galardóns:
a) 1º Premio Primaria.- Lote de libros, diploma acreditativo e figura de Afonso VII.
2º Premio Primaria.- Lote de libros e diploma acreditativo.
b) 1º Premio ESO.- Lote de libros, diploma acreditativo e figura de Afonso VII.
2º Premio ESO.- Lote de libros e diploma acreditativo.

8) O xurado do I Premio Literario Afonso VII - Rei de Galiza estará constituído por membros da comunidade educativa do CPI Alfonso VII de Caldas de Reis e a súa decisión será inapelábel.

9) O prazo máximo para a recepción dos traballos é o 11 de xaneiro de 2016.

10) Os premios daranse a coñecer o 1 de marzo, con motivo do aniversario do nacemento en Caldas de Reis de Afonso VII.

15 de set. de 2015

50 anos da posibilidade de estudar galego na universidade

No curso 1965-1966 púidose estudar por vez primeira oficialmente unha materia de lingua galega na Universidade de Galiza, en quinto da sección de Filoloxía Románica.

Neste ano escolar que comezamos agora faise, por tanto, o medio século de tan importantísimo acontecemento.

A Universidade de Santiago ten máis de 500 anos e a posibilidade de estudar o idioma do país só 50. Póndelle vós o adxectivo á situación: colonial, miserenta, alienante...

O profesor que conseguiu concretar un obxectivo durante moitas décadas desexado, solicitado e pelexado foi Ricardo Carvalho Calero, un ilustre nome desa minoría de galegas e galegos que turraron do carro do país mesmo nos tempos máis duros e desesperanzados.