21 de out de 2015

Aquela vez que debatín con Albert Rivera

Está na moda a tertulia que mantiveron en La Sexta os líderes das chamadas "forzas emerxentes" estatais.

O primeiro que me chama a atención de encontros coma ese é que hai unha opción política, o Bloque Nacionalista Galego, que leva case vinte anos con presenza no Congreso dos Deputados, algo que ningunha destas forzas ten até o momento. Porén, neses catro lustros nunca puido desfrutar nin do 0,1% da mesma atención en medios estatais e decisivos. Repito: en vinte anos, unha forza que si ten presenza no Congreso, nin o 0,1% da mesma atención.

Este falta de representatividade da pluralidade política é unha das mostras máis palpábeis de que estamos nunha democracia de baixa cualidade. Ademais, é un punto que silencian conxuntamente as diferentes forzas estatais, declárense de dereitas, de centro ou -tristemente, tamén- de esquerdas.

Porque, claro, se a escusa para non convidar representantes do BNG a eses debates veu sendo nestas dúas décadas que "só" tiñan dúas deputadas en Madrid, como xustifican a sobrerrepresentación que merecen Ciutadans e Podemos desde hai tanto tempo, cando teñen 0 escanos en San Jerónimo? Se a razón é que os inquéritos lles prognostican agora maior pulo a ambas as forzas, cal era o motivo de que tamén estivesen convidadas continuamente, mentres se excluía outras, cando non había enquisas que apuntasen nese camiño? As cadeiras de La Sexta Noche nos últimos anos son moi elocuentes.

En fin. Vou ao título desta entrada. A vez que eu compartín debate con Albert Rivera foi no ano 2009. El estaba habituado xa a percorrer diariamente os platós de televisión, a pesar de que neses momentos era o líder dunha forza só testemuñal en Cataluña, co 3% dos votos, e que non tiña opción á vista de contar con ningún asento no Congreso. A min era a primeira vez que me convidaban desde unha televisión estatal, malia que levaba xa varios anos como presidente da maior asociación cultural de Galiza.

O programa do encontro foi "A contracorriente", de Popular TV, profundamente tendencioso. E cando digo tendencioso non é como hipérbole: había unha traballadora da televisión encargada de facer que o público aplaudise as declaracións máis fachas (alucinei co descaro!); o tratamento adulatorio e de compadreo fóra das cámaras cara a Albert Rivera resultaba mesmo chocante; el tiña información sobre o desenvolvemento do programa da cal careciamos outros convidados, malia que eu a solicitara; os "testemuños" que se ofrecían eran manipulacións groseiras da realidade, etc.

Recordo tamén como un señor do público se dirixiu cara a min a través de xestos nun descanso para publicidade. Primeiro sinaloume co dedo índice e despois, coa cara moi seria, puxo a palma da man dereita cara ao ceo e fixo un movemento oscilatorio que poderiamos traducir, con suavidade, como 'ten coidadiño co que dis' e que en Ribeira entenderiamos como 'vas levalas'. Si, o ambiente non era moi propicio a ouvir falar da igualdade de dereitos para a lingua galega...

Aínda que é certo que algunhas cousas me abraiaron e me horripilaron máis do agardado, tamén é verdade que eu sabía que ía a territorio comanche. Fixen coma sempre, así e todo: respondín ao convite e alá fun para que houbese cando menos unha voz que interviñese en defensa da nosa cultura e do noso país. Hai que aproveitar cada fenda, por minúscula e basta que sexa.

Deixo aquí uns pequenos fragmentos en que Rivera, todo prexuízos contra o noso idioma, tivo que escoitar algunhas cousas que ben se ve que non lle agradan. Mais Galiza, señor Rivera, a pesar das agresións e difamacións, existe e resiste.

Existimos. Existamos!





2 comentários:

  1. O que temos que soportar...e unha suposta forza emerxente...aínda que non sei por qué na Galicia..Que fixeron? E aínda máis...que prometeron? Só facer secundario ou defunto o noso idioma?

    ResponderExcluir