17 de out de 2018

Atravesar o fantasma, en Lisboa

Esta sexta, o Centro LGBT de Lisboa (na rúa dos Fanqueiros, 40) acollerá a presentación do meu poemario Atravesar o fantasma, no marco da Feira do Livro Queer. Estarán no acto a escritora e profesora Raquel Miragaia e Alba Romero, coautora xunto con Alberte Calo do videopoema  "O desexo está na pantalla".

Ademais de ler algúns textos deste libro, tamén recitarei algúns inéditos do poemario que sairá en 2019.

Se estiverdes pola nosa King's Landing ou coñecedes alguén interesado, non deixedes de socializar esa información :)

22 de set de 2018

Alexander Search

Unha das mellores decisións que tomei desde que estou aquí en Lisboa foi ir ao concerto de Alexander Search. Que incríbel marabilla de músicos, de posta en escena, de voz e de guía de Salvador Sobral.

Todo o que musican baixo este nome (e tan ben!) son textos en inglés de Fernando Pessoa, coma estes versos, que a platea entoou con suavidade:

And in a strange way undefined
Lose in the one and living Whole
The limit that I call my mind,
The bounded thing I call my soul.







(Entre parénteses e con letra pequena, só faría unha proposta de mellora, para o Centro Cultural de Belém. Do que menos gustei foi deses homes e mulleres que ían con pequenas lámpadas para focaren con elas a quen tirase fotos ou fixese pequenas gravacións durante o concerto. A min polo menos resultáronme máis incómodas que as persoas que collían o seu telemóbel. Púñanse a correr pola sala, a faceren luces intermitentes mesmo a ambos os lados dunha fila. Na miña coincidiu que no medio había unha señora que non se decataba de que lle facían luces a ela, e custou traballo que dese por iso...)

20 de set de 2018

O sentido da saudade

Esta actuación foi na Habana en 1997, no Festival Mundial da Xuventude e @s Estudantes, ao final dunha marcha multitudinaria. Eu non me lembro de se fora que o acto comezara antes de tempo ou se simplemente non colliamos todos alí. O caso é que a delegación galega, como tantas outras, non gozamos desa actuación ao vivo, senón pola repetición despois na televisión.

Véxoa, escóitoa, e penso sobre o sentido da saudade.

29 de ago de 2018

"¿Gallego? Eso será una aprensión de usted"


Frecuentemente, cuando uno dice que es gallego nota en el auditorio un deseo así como de contestarle:

- ¡Hombre, no! Eso será una aprensión de usted...

Conmigo nadie ha llegado a este extremo; pero a veces me han dicho:

- ¿Gallego? Pues nadie lo creería. No se le nota a usted nada, ¿verdad?  -dirigiéndose a los circunstantes.

Los circunstantes, entonces, con una gran finura, han confirmado que, en efecto, no se me notaba nada el que yo fuese gallego. Y luego no ha faltado nunca alguien que dijese:

- Si hay gallegos "muy bien". ¡Cuando un gallego sale listo!...
(Julio Camba, xornal El Sol, 6 de setembro de 1919)

28 de ago de 2018

Moitas grazas polo premio Careón


Este sábado, despois do xantar do Son d'Aldea en Palas de Rei, a grande compañía Chévere recibirá o premio Mácara ao seu labor teatral e eu serei agasallado co premio Careón. Xa o dixen nas miñas redes sociais cando o souben: estou moi, moi agradecido, por quen o entrega, pola tradición que xa foron conquistando estes galardóns, polo singular momento vital en que me chega e tamén por recollelo ao mesmo tempo que se recoñece, máis unha vez, o labor de Chévere.

Eu, que contaba con que tardaría máis tempo en participar nalgún outro acto público en Galiza, vou até Palas na véspera de apañar o avión para morar en Lisboa. É un agarimo que me reconforta e anima.

Se quixerdes asistir ao Son d'Aldea 2018, podedes clicar aquí.

24 de ago de 2018

Baleas e baleas

Tería eu por aí 16 anos. Decidira facer unha antoloxía dos meus poemas, unha especie de plaquette manuscrita, para llos pasar a unha persoa que sentía próxima e sabía con criterio, a miña profesora Ana Gloria Blanco Orviz.

Ela, súper riquiña, leunos e recomendoume que lese Baleas e baleas (bon, daquela Ballenas / Baleas e baleas, na edición bilingüe que había na biblioteca do instituto).

Ai, se fose ordenado podería saber onde están eses textos con que, con tanta elegancia e agarimo, non me permitiu contentarme! O que si teño, desde onte, é o meu exemplar do libro de Luisa Castro :)

14 de ago de 2018

Seis poetas que comezan

Ver especial A Fondo: "Seis poetas que comezan"

Nos primeiros días de maio saíu un especial, que coordinei para o semanario Sermos Galiza, con seis poetas moz@s: Serxio Abalo, Jorge Durán, Carlos Lixó, Arancha Nogueira, Belén Senín e Regina Touceda. A fotografía da cuberta e contracuberta é de Pauloff.

Podedes consultalo en PDF aquí.

Quero deixar constancia do apoio técnico, desde o semanario, de Cristian López e María Obelleiro.

Como digo alí, que viva a poesía e que viva a lingua que a constrúe!

13 de ago de 2018

Galego e português: bons amigos!

Outro vídeo que realizamos a rapazada do CPI Afonso VII, xunto coa profesora Marina e mais eu, no pasado curso escolar:





10 de ago de 2018

Así se fixo o "Telexornal trobadoresco"

Este ano, coa rapazada de 3º da ESO, aplicamos o clásico do "prodesse et delectare" elaborando o guión, gravando e editando un informativo coas protestas das soldadeiras, os preparativos dunha festa xograresca, a última xira de María Balteira perseguida polos seus fans ou o Instagram de Martín Codax...

Pendurarase o telexornal nuns días. De momento, vai o tráiler:

30 de jul de 2018

Nacho Taibo e outr@s outsiders


Estiven no mes de xuño en Oleiros para acompañar coas miñas palmas o grande aplauso que recibiu Nacho Taibo por parte da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, capitaneada por Cesáreo Sánchez e Mercedes Queixas. Digo o nome de quen convocou e de quen representan o colectivo, porque se hai actos que se continúan a facer é porque hai quen os sustenta, quen turra nos bastidores para que estes eventos da base cultural boten raíces.

Para min foi un día moi lindo, pois estiven con xente a quen quero moito, apertei a persoas que había tempo que non vía e, por riba, coñecín outras formiguiñas moi simpáticas. En fin, que como evento social estivo xenial. Podedes ver algunhas fotos e vídeos desa xornada no espazo web da AELG.

Mais se teño que salientar algo en especial de toda a sucesión de actos en Oleiros por volta de Nacho Taibo nese día foron os momentos en que el lembrou e recoñeceu algunhas persoas importantes na súa traxectoria. Deulle, por exemplo, un agradecemento singular a Isaac Alonso Estraviz, un dos lingüistas máis intelixentes e produtivos que temos en Galiza, mais cuxo traballo monumental está normalmente minusvalorado ou marxinado debido aos seus postulados reintegracionistas.

Eu non acredito só en que hai vida máis alá da cultura oficial de sota, cabalo e rei. Teño a certeza de que a forza das outsiders de hoxe é o futuro.

[Fotografía de Alberte Sánchez Regueiro, Distrito Xermar.]

29 de jul de 2018

A nai polos fillos tira

Os últimos meses foron moi duros, por diferentes razóns. A máis abismal das tristuras foi, como xa sabedes, a doenza de miña nai e a súa morte o pasado 7 de xullo.

Sinto a memoria débil e supoño que é por esa sucesión de golpes da vida. Agardo que con calma vaia apousentando e que vivencias hoxe apagadas vaian emerxendo de novo e ocupando os seus lugares. Así será.

Esta inquedanza sobre a amnesia lévame tamén a pendurar aquí a reconstrución do discurso que pronunciei o día do funeral por miña nai, 9 de xullo. Como fago case sempre, non levei un texto escrito, senón unhas notas. Isto que aquí transcribo é, pois, o resultado de pór por escrito notas e memoria, cando voltei esa noite á casa familiar. Nunca houbo fonemas que saísen da miña boca con maior emoción.

A semana pasada, miña nai díxome: "Vaite deitar, Carliños, meu meniño". Para o mes que vén vou facer 40, mais ela xa non estará para o festexarmos.

Son o máis pequeno de catro irmáns (Quico, Xan, María do Mar). Sen importar a idade, para ela éramos os meniños e a meniña.

"A nai polos fillos tira", dicía Rosalía. Mais a nosa tivo que facer tamén de pai, despois da morte tan temperán do seu mociño, o seu home, noso pai. Por iso hoxe en parte nos despedimos dos dous, da nai e do pai.

"A nai polos fillos tira". Ela viviu o sentido dese verso demasiado cedo, pois ficou orfa de pai sendo unha nena, como saben seus irmáns aquí presentes (Manolo e Pepita).

Desde a nosa familia queremos agradecer a todas as persoas que estiveron nestes días connosco, nestes momentos tan difíciles.

E queremos agradecer moi especialmente ás persoas que axudaron a nosa nai, con sensibilidade e delicadeza, durante os anos de doenza.

Di o poeta:
A nai non morre nunca,
a nai ficará sempre
xunto do seu fillo
e el, aínda vello,
será pequeniño,
feito un gran de millo.
As nais non morren nunca. Non é só que ela, pola súa fe, se vaia reencontrar con todos os que van alá. É que o seu corazón, amoroso e loitador, continuará sempre en nós. Sempre. Sempre. Sempre.

13 de jul de 2018

Na Feira do Libro de Rianxo


Nos últimos tempos non tiven moita actividade pública. Desculpeime por non poder participar en actos, non impulsei presentacións dos meus libros e tiven que cancelar a última hora un par de eventos xa axendados. Aínda que si fixen algunhas cousas, nada a ver coa miña enerxía habitual. O primeiro era o primeiro.

Agora tampouco terei demasiados actos. Con certeza, porque o dó precisa o seu tempo; non hai nada sen tempo. Ademais, porque a partir do 1 de setembro pasarei a vivir e traballar en Lisboa. Faga o que fixer no futuro, será diferente.

O meu último acto público en Galiza por varios meses será o do vindeiro día 19 de xullo en Rianxo. Ás 13.10 lerei o pregón da Feira do Libro, na praza Castelao. Oxalá non quente moito o sol.

11 de jul de 2018

A nai non morre nunca


O pasado 7 de xullo, cando pasaba pouco das tres e media, morreu miña nai. O tempo irá amainando esta dor inmensa, aínda que a súa memoria estea sempre, sempre, sempre nos nosos corazóns.

Mãe não morre nunca,
mãe ficará sempre
junto de seu filho
e ele, velho embora,
será pequenino
feito grão de milho.
(Carlos Drummond de Andrade)






2 de jul de 2018

A achega de Manuel Rodríguez Alonso sobre Atravesar o fantasma

Na liña do comentado onte, recupero a reseña completa que realizara Manuel Rodríguez Alonso ao meu poemario Atravesar o fantasma:

Poesía neorromántica e figurativa
Manuel Rodríguez Alonso

A poesía que expresa sentimentos e ata elementos narrativos, en definitiva romántica e figurativa, recibiu, tras a renovación das vangardas, unha crítica feroz, pois cumpría que a poesía fose pura, sen elementos narrativos, sen historia, é dicir, deshumanizada. Callón, pola contra, ofrécenos aquí unha poesía chea de humanidade, de sentimento, en definitiva, neorromántica. Por outra banda, é tamén unha poesía da comunicación de estados de ánimo, angustias e desacougos. Mais este poemario de Callón non vale por estes sentimentos e propósito comunicativo ou rehumanización, senón porque a súa literariedade, no sentido que se lle dá ao termo no formalismo ruso, é moi grande.

O libro ábrese cun poema en que o eu lírico se presenta así mesmo como contraditorio, cambiante, multiforme nunha serie de versos paralelísticos. Pode ser alien ou tatoo, eccema ou delirio, dunas ou oasis, síntese ou resto. A seguir, a primeira parte, vai dedicada ao pai morto. A infancia non é neste caso, como acontece no tópico, un paraíso perdido. Era paraíso cando estaban o pai e mais a nai, pero coa desaparición do primeiro convértese en certo xeito en inferno. Expresan ben este sentimento os poemas Prehistoria e Esas noites dos meus sete anos. En Se iso daquela non pasase o eu lírico expresa ben ese sentimento de dor pola ausencia do pai, vivida desde un presente adulto. Ao xeito dos vellos simbolistas, escribir poesía é lembrar e recrear o pasado, neste caso a morte do pai do neno, que se escribe desde a circunstancia vital do eu lírico xa adulto: Pasan os anos / xa son un home. / Mais continúo angustiado. Coma nos románticos alemáns, lembrar é sufrir.

A segunda parte do poemario (O AMOR NO PRONOME) comeza cun poema que repite case ao pé da letra outro de Pero García Burgalés (E sospeitan que por mal cavalgades…). Expresa o eu lírico a dor do que non é como a sociedade convencional quere que sexa. Aquí refírese evidentemente ao amor, mais pode aplicarse a calquera situación do que se sente diferente do que demanda a convención social.

O xogo cos pronomes é un motivo reiterado na poesía amorosa. Pensemos por exemplo no célebre poema de Salinas. Recorre con mestría Callón a este procedemento no segundo poema desta sección, especie de haiku, pola súa brevidade. Daquela é un pequeno gran poema (páx. 26). Cómpre sinalar tamén o tema do descubrimento da sexualidade na adolescencia. Mais unido a el está precisamente o tratamento da adolescencia como unha etapa especialmente difícil polas tensións que produce o tránsito de neno a adulto e xa non só na parcela sexual. Hai imaxes sobre as dores e angustias da adolescencia moi logradas como esa Ese verán / tamén o sol decidiu facer folga (páx. 27). Non falta tampouco nesta sección a ironía e mais o humor como acontece no poema Miña avoa sempre me berra desde a xanela: (páx. 30).

A terceira parte do poemario titúlase PARA UN DÍA PODER CHORAR POR ALGO. Malia a aparente tristura deste título, estamos perante unha chamada a gozar do presente ou da xuventude, aínda que sexa con dor ou persecucións. Non hai peor cousa que de vello non poder lembrar ou chorar pola xuventude perdida. Non hai que deixar pasar esa festa, aínda que moitas veces sexa a festa que permiten os tolerantes (Edéns gais doutrora). Aínda que as experiencias produzan dor hai que vivilas, telas aínda que, de novo nunha grande imaxe, sexa plantar cebolas para un día poder chorar por algo (páx. 39). Neste mundo de dores, mais tamén de vivir e gozar, malia os intolerantes, a poesía ou a literatura en xeral son unha táboa de salvación: Literaturizo o medo para afrontalo e vencelo. / Almorzo poesía para poder vivir / co esquecemento da dor que se fai palabra (páx. 40).
A penúltima parte do poemario titúlase SÍSIFO. O eu lírico recoñécese onde señorea o fracaso. Mais iso non implica non seguir desexando, vivindo, buscando o amor, pois Afrodita nace cada día (páx. 48). En definitiva, recreación do mito clásico de Sísifo. E a poesía é isto, dor, desexo, lembranza, salvación pola palabra aínda que, como ben sinala o derradeiro poema desta parte, pareza por iso que Está desfasado sentirse, afectarse. E aínda engade: Aínda que non se leve, / aquí estou, / como un adolescente/ ou un epígono de xeracións superadas (páx. 52). O neorromanticismo e mesmo a subxectividade ou a narratividade non están superadas nin son epígonos de nada nin de ninguén. É unha vía poética coma outra calquera cando a linguaxe ten calidade. E iso é o que acontece neste poemario, como xa amosamos nos parágrafos superiores.

A derradeira parte do poemario, PASAXEIRO EN TRÁNSITO, amosa a dor polo paso de tempo. O poema que abre a sección é un conxunto de interrogacións retóricas sobre este asunto: que nos darán / por non existirmos? / onde irán as palabras / que nos arrouparon? / que será da imaxe / a que cuspimos no espello? / e se nós non somos nós, quen será nós? (páx. 55). O tempo así mesmo deteriora os amores, mais o eu lírico rebélase: Nunca aspirei a ser ruína (páx. 59). En definitiva no amor, como acontecía coas cantigas medievais da coita, o amante di: Pugno, / extenuado, / por servirte (páx. 60).

En fin, pequeno gran poemario. Aínda que se toque o tema da homosexualidade isto non debe ofuscar o lector nin a crítica. Por aí vexo xa algunha referencia tópica ao asunto dalgún crítico ou crítica. Nós, tras lermos o poemario, cremos que o fundamental é que o poeta aposta, sen complexos, por unha poesía neorromántica e figurativa, que non está de moda, como se afirma no verso citado enriba. Pero esta poesía vale non pola súa sinceridade, senón polo manexo dunha rica linguaxe poética, que acada o que os formalistas rusos chamaban a literaliedade. É un canto máis ca á liberdade sexual e ao dereito a elixir no amor, aínda que tamén o sexa, ao dereito a sermos diferentes ao que marca a convención social. Se o eu lírico se sente da outra acera no poema citado, hoxe e sempre, somos moitos os que nos sentimos da outra acera por cousas tan estrañas e cotiás como ter libros na casa ou mercalos. Digo isto porque cando estou a rematar este artigo unha visita di que non sabe como me soportan os meus/as miñas por ter a casa chea de libros e ademais galegos. Vaia persoa rara e estraña! Por iso, vivamos todos os que somos da outra acera que vai desde alegrarse, se se é futboleiro, coas derrotas do Madrid, xogue contra quen xogue, a cousas máis serias como ser republicano, galeguista ou calquera outra elección que sae do que impón a convención ou o politicamente/socialmente correcto. Poemarios coma este dannos azos a todos os que nos consideramos dalgún xeito diferentes. Non esquezamos aquilo de que ser diferente é ser existente.

1 de jul de 2018

"Falando ás claras", por Manuel Rodríguez Alonso

Coa desaparición de Blogaliza, moitos textos importantes da cultura galega perdéronse ou pasan a estar de difícil acceso. Nunha cultura como a nosa, sen apoios institucionais nin mediáticos sólidos, todo isto supón unha enorme perda, que se suma a outras clausuras dixitais dos últimos anos.

Pola miña banda, dei recuperado só algunhas cousas. Por exemplo, gardei textos do blogue do lingüista e profesor Manuel Rodríguez Alonso, quen se tiña ocupado, con moita amabilidade, de varias obras que publiquei.

Deixo aquí a súa reseña de En castellano no hay problema, que publicou no 15 de maio de 2010:

Falando ás claras
Manuel Rodríguez Alonso

Carlos Callón reúne neste libros un feixe de artigos que publicou ao longo de varios anos no xornal Galicia Hoxe, todos eles dedicados a analizar a situación pola que vén pasando o galego nestes últimos tempos, especialmente desde os ataques que a súa normalización está a sufrir por parte de colectivos como Galicia Bilingüe ou o Partido Popular e o seu goberno.
Callón defende dun xeito apropiado o labor da Mesa pola Normalización Lingüística ante as críticas de extremismo que recibe de parte dalgúns colectivos ou mesmo de arroutados, que lle dedican outros. Os argumentos de Callón resultan convincentes.

Gústanos tamén a ironía con que están escritas moitas das páxinas do libro. Así cando se compara o comportamento da Generalitat de Cataluña, que subvenciona as traducións ao catalán das películas de Disney ou do Windows, co da Xunta, que gasta os mesmos cartos nun estudo etnolingüístico sobre a vaca. Iso si, sinala que con estes estudos, como as da vaca, a Xunta tece unha boa rede clientelar.

Sen dramatismos, mais con rigor Callón amosa como resulta imposible hoxe por hoxe tentar vivir en galego ou facer efectivo o dereito ao uso do galego en moitos espazos da Administración, nas notarías, no exército, nos bancos, en moitas grandes empresas, na sanidade. Desmonta o tópico de defensa do bilingüismo que fan institucións como Galicia bilingüe, o PP ou mesmo sectores do PSOE (como os do antigo alcalde coruñés Francisco Vázquez), que é realmente defensa do unilingüismo castelán. Sinala, con argumentos e razóns, como en Galicia non se están realmente a cumprir as normas derivadas do Estatuto de Autonomía, da Lei de Normalización Lingüística ou da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias. Xa dicimos, non é esta unha crítica arroutada, senón alicerzada en datos e argumentos sólidos e dunha obxectivade indiscutible.

Desmonta os tópicos repetidos por toda a prensa españolista de Galicia e de fóra de Galicia, autoridades lingüísticas (a propia RAE) ou o propio Partido Popular, como o de que está a impoñerse o galego pola forza. A mellor proba da falacia destes argumentos españolistas –que só buscan que o galego desapareza– é a análise que Callón fai dos datos que nos proporciona  a sociolingüísticia científica. Abonde con dicir que só un 25% dos centros escolares vigueses cumpría co Decreto de impartir en galego un determinado número de materias. O 75% non cumpría este Decreto e primaba, xa que logo, contra a lei, o uso do castelán.

Hai que ler con suma atención os textos que dedica á análise da última edición do Mapa Sociolingüístico de Galicia (2009), que presenta a evolución no uso do galego entre 1992 e 2004. Callón analiza os datos con obxectividade e sinala o descenso que sufriu o galego, tanto cualitativa como cuantitativamente, nestes doce anos, fronte á interpretación optimista, pouco científica e interesada do que el chama narcosociolingüística (representada por analistas como H. Monteagudo ou M. Fernández). Outros, como Pilar García Negro, denominan a narcosociolingüística, suciolingüística. Cómpre ler a Callón e comparar co que din Fernández e Monteagudo no españolista El País. O lector decidirá quen ten razón.

O relato da presentación do Mapa o ano 2009 parece un esperpento de Valle. Nin a RAG nin o Goberno galego o querían presentar e tivo que facelo a Mesa. Léase este artigo porque é indispensable para comprender moitas das cousas que están a acontecer hoxe sobre o galego en Galicia.

Por outra banda, é moi ilustrativa a situación que dá do galego en eidos como a sanidade, a xustiza, a Administración, as notarías, a empresa privada, os medios de comunicación… Certamente que a situación é grave. Rechamante é a castelanización da universidade: na Coruña só é lingua das aulas nun 8%; en Vigo, nun 16% e en Santiago, nun 20%. Non é de estrañar o comportamento dos actuais conselleiros de Educación e do Secretario Xeral de Política Lingüística, pois os dous  proceden deste mundo castelanizado da universidade galega. Por certo, a análise do que pensaba en 2008 o actual Secretario Xeral de Política Lingüística e o que fai agora hai que lela nunhas das páxinas máis brillantes e incisivas deste libro de Callón.

Pero Callón non é pesimista sobre o galego e isto é o mellor. Malia que a situación sexa preocupante e que os inimigos do galego sexan poderosos, os que defendemos o galego tamén somos moitos e contamos, se non coa razón da forza, si coa forza da razón, como dixo o outro. Aí están os movementos cívicos de defensa do galego, como a propia Mesa ou a plataforma Queremos galego, que non están polo labor da castelanización monolingüe. Ademais, Callón ofrece solucións para que o galego supere esta situación de minorización, especialmente tomadas do Plan Xeral de Normalización do Galego de 2004.

Non o di Callón, pero dicímolo nós. Desde o remate dos anos sesenta a defensa do galego únese á defensa dunha sociedade progresista, multicultural, diversa e moderna. O problema do galego xa non é agora, desde o meu punto de vista, que se relacione a nosa lingua co mundo rural e o atraso. Os inimigos do galego están tan alporizados porque hoxe a defensa do galego e o propio galego, como acontece desde o remate dos anos sesenta, son sinónimos de progresismo, antiglobalización e  superación do pensamento único dos neocon. Por iso está a sufrir o galego tantos ataques. Mais nunca foi tanta a forza do galego, posto que, como xa dicimos, defender o galego é defender o progresismo e a liberdade e a multiplicidade do pensamento e da cultura e formas de vida diferentes fronte ao pensamento único globalizador neocon.

Non hai que deixar de ler, especialmente os que nos dedicamos ao ensino, o capítulo que dedica á estandarización do galego. Callón advirte contra a tendencia a usar os termos e estruturas comúns co castelán (aparato e non aparello, alcohol e non alcol, eliminación do infinitivo conxugado etc.). Esta postura é común, por exemplo, en moitos dos nosos libros de texto para ensino primario e secundario.
Desgraciadamente esta é tamén a postura da RAG no seu último dicionario (o castelán-galego, publicado en 2004) onde aínda que, por exemplo, considera igualmente correctos os membros de parellas como aparato-aparello, vegonza-vergoña, poñer-pór e tantas outras, no exemplo sempre usa a forma común co castelán, polo que a información oculta deste dicionario aposta claramente polo termo común co castelán. Xa non digamos do xeito como este dicionario evita o uso do infinitivo conxugado nos seus exemplos ou como, contra o que di a propia Normativa, non rexistra as formas en –bel e así dá só como equivalente dos adxectivos en –ble castelán os en –ble galegos e non os en –bel (este dicionario só ofrece como equivalente do amable castelán o amable galego, mais non amábel).

Por todo o dito, nesta semana do Día das Letras Galegas temos que ler o libro de Callón. É a mellor homenaxe que lle podemos facer por estas datas de exaltación do galego á nosa lingua propia.

29 de jun de 2018

Os ollos voltan á vida

Após a restauración do Pórtico da Gloria podemos entender mellor aqueles versos de Rosalía:

Santos i apóstolos, védeos! Parece
que os labios moven, que falan quedo
os uns cos outros: i aló na altura
do ceu a música vai dar comenzo,
pois os groriosos concertadores
tempran risoños os instrumentos.

Estarán vivos? Serán de pedra
aqués sembrantes tan verdadeiros,
aquelas túnicas maravillosas,
aqueles ollos de vida cheos?



E canto mellor se ENTENDE San Xoán así!


Tamén teño de ir ver axiña se mudou este relevo do Pórtico tan profético!


(As primeiras son imaxes distribuídas pola Fundación Barrié.)

23 de jun de 2018

Na Feira do Libro de Ribeira

Mañá realizarase na Feira do Libro de Ribeira un acto de lembranza a Plácido Betanzos. Sei que entre os participantes estará Suso Laíño, quen, ademais de recoñecido intelectual e profesor, era tamén moi amigo do noso Plácido.

Xa hoxe, estaremos ás oito na Feira Carlos Lixó e eu falando dos nosos respectivos libros As casas (Espiral Maior) e Galegocalantes e galegofalantes (Xerais). Un sábado de xuño con vaga de calor e véspera de San Xoán non é o momento máis competitivo do ano. Por iso, como agradecemento, as persoas que asistan e traian da casa ou compren na feira un libro de Carlos Lixó ou meu, levarán un agasallo. Que será, será...?

14 de jun de 2018

Dúas admiradas medievalistas


Hoxe tiven unha tarde feliz con dúas grandes profesoras da miña vida, ambas xeniais e inspiradoras medievalistas: Yara Frateschi Vieira e Isabel Morán.

No sábado guían, xunto con outras persoas, un roteiro por Santiago sobre a lírica medieval. É un acto impulsado por Carlos Rodríguez Pérez. Se puideres, vai!


Un día destes conto tamén por aquí como foi o roteiro da semana pasada sobre a homosexualidade na Compostela medieval e moderna. Adianto que foi tamén outro momento feliz :)

12 de jun de 2018

Presentación en Santiago d'As casas


nun chalé feo dos anos setenta
rodeado de paus da luz
cunha muralla desproporcionada
e con pinchos
e no pinche unha virxe do carme
explode o desexo de progreso
dun matrimonio que se amaba

o pai só lembraba da súa infancia o cheiro das algas
e de durmir coas galiñas
á nai nunca antes lle deran un bico

agora no xardín está enterrado un canciño

(Carlos Lixó, As casas)

10 de jun de 2018

Mellor en Madrid ca no mesmo ceo


Nunha páxina humorística do Facebook, Forocarros, penduraban este cadriño do presidente do Goberno galego queimando con satisfacción un exemplar de Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez. Se por el fose, non hai dúbidas de que poderían ir para o lixo todos os libros do mesmo estilo, igual que foron para o lixo pola súa orde os miles de manuais escolares escritos en galego das materias científico-técnicas.

Agora que en todo o Estado español se fala deste amigo do narcotraficante Marcial Dorado como posíbel novo líder do PP, é bo lembrarmos que un dos eixos fundamentais da súa acción de goberno foi, e está a ser, a aceleración da perda do noso idioma, o desamparo aos nosos dereitos lingüísticos. Sabemos que é un "mérito" que lle valorarán moitos dos seus seguidores, e é unha mágoa. Quen despreza unha cultura, despreza todas as culturas.

5 de jun de 2018

Un profesor moi querido


Cando onte saía do tanatorio en Ribeira e ía coller camiño cara á igrexa de Palmeira, achegóuseme un rapaz que non coñecía de nada para me preguntar se podía levalo até o funeral do Plácido.

Alá, centos de adolescentes ateigaban o adro.

Mozas e mozos portaron nos seus ombros a caixa.

Foi unha despedida emotiva do querido profesor e un apoio para a súa familia ante unha dor inconsolábel.

Mais, ao mesmo tempo, foi tamén unha certa celebración da vida.

Xa non podemos camiñar con el, mais o Plácido sempre estará presente. Nas nosas bagullas tamén sabemos que un home así vai facer parte das nosas vidas para sempre.

Para sempre.



Por se non o coñecedes, este é o rap que lle escribiu XeVA, ex alumno, con motivo da súa xubilación:

4 de jun de 2018

Plácido Betanzos


Cando alguén morre, é de bo gusto non falar mal e salientar as súas virtudes. Dáme por iso algo de medo que, cando exclamamos que "o Plácido era un home bo", que "o Plácido era un home afectuoso" ou que "o Plácido era un home xeneroso", alguén poida pensar que se trata dun simple lugar común. E non o é.

Plácido Betanzos, que se nos foi esta fin de semana, era un home bo, afectuoso e xeneroso de forma excepcional. Encarnaba eses atributos.

O camaradiña Plácido foi, e sempre será nas nosas cabezas e nos nosos corazóns, un home dos que deixan pegada fonda: cheo de enerxía e vitalidade, solidario coas persoas desfavorecidas e radicalmente firme perante as inxustizas. Ademais, algo que sabemos moi ben quen o tratamos é que el se facía presente e acompañaba cando o mundo se puña feo, feo de verdade.

Non tiven a sorte de ser o seu alumno no instituto, como si o foron miña irmá ou algúns amigos, que me teñen contado anécdotas deliciosas sobre o seu xeito de afrontar as aulas. No entanto, podo dicir con todo o orgullo que me sinto o seu discípulo na política e que nunca lle poderei agradecer tantos bos consellos que me deu para a vida.

Meu Plácido, canto sinto non podermos continuar a camiñar xuntos! Desexo que, de acordo coa túa fe, te reciban alá como o mereces.

2 de jun de 2018

Diversidade afectiva e sexual na Compostela medieval e moderna


Sabías que a metade dos textos europeos medievais que tratan sobre lesbianismo están escritos en galego?

Sabías que nun deses textos se fala dunha parella, Sancha e María, e que se nos indica mesmo a rúa de Compostela onde moraban?

Sabías que o bispo que converteu Santiago en sé episcopal foi acusado de sodomía e que, a raíz diso, disque realizou un milagre?

Sabías que a historia deste bispo foi recuperada nos anos 40 do século XX por Lorenzo Varela e Luís Seoane como alegato contra a homofobia?

Sabías que o prior do mosteiro de San Domingos de Bonaval no século XIII era coñecido polo seu amor por outros homes?

Sabías que no reino de Galiza tiveron moita devoción sant@s transxénero, que se atribuía que naceran ou morreran aquí?

Sabías que as pedras de Santiago agochan historias que falan de relacións de amor e desexo entre homes, como a desventurada de Paio de Albeos, ou a apaixonada de David e Xonatán?

Destes e doutros temas, algúns totalmente inéditos, falaremos neste roteiro.

Coñezamos tamén esta parte da nosa historia!

21 de jan de 2018

Ligazóns ao desvío para un vinte e un de xaneiro

7 de jan de 2018

Ligazóns ao desvío para un sete de xaneiro