Mostrando postagens com marcador . Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador . Mostrar todas as postagens

11 de jul. de 2018

A nai non morre nunca


O pasado 7 de xullo, cando pasaba pouco das tres e media, morreu miña nai. O tempo irá amainando esta dor inmensa, aínda que a súa memoria estea sempre, sempre, sempre nos nosos corazóns.

Mãe não morre nunca,
mãe ficará sempre
junto de seu filho
e ele, velho embora,
será pequenino
feito grão de milho.
(Carlos Drummond de Andrade)






27 de out. de 2015

Nin truco nin trato: "Polos defuntiños que van alá"

Na Illa de Arousa permanece moi, moi viva a tradición de ir pedir polas portas no día de Defuntos, chamado alí tamén como Día de Pedir. Porén, non preguntan por truco nin trato, senón que pregan que lles dean algo "polos defuntiños que van alá".

O de "ir alá" recórdame moito a miña avoíña Pepa e os rezos que nos aprendía aos seus netos, en galego, para pregarmos en favor dos mortos da familia, mesmo daqueles que nunca chegamos a coñecer, tal e como os da siña Sinforosa de Castelao.



Por se non vos lembrades da siña Sinforosa, que pertence a esa xenialidade que é Cousas, colo aquí a ilustración e o texto:



Todos cantos sabían algo da hestoria da vila en que eu nacín, xa repousan debaixo dos terróns.

A siña Sinforosa era unha velliña que todos os días pasaba o mar porque era mandadeira de oficio, como xa fora súa nai, súa avoa e cicais todas as súas devanceiras, dendes que os da banda de acá tiveron comercio cos da banda de alá. Era honrada ou parecía selo pois vivía do seu creto de muller de ben. Engaioleira e faladora con todos, tiña sempre, para a xente fidalga, un caravel na súa boca chuchada. A siña Sinforosa sabía todas as traxedias do mar naquela travesía.

Nos días de tempo ruín, cando funga o vento nas cordas e os salseiros varren a cuberta do barco, a siña Sinforosa metíase en si e rezaba pola súa ialma.

Nos días mainos a siña Sinforosa rezaba polos afogados. O barco ía andando cara á banda de alá e a mandadeira ía rezando sempre.

— Un padrenuestriño polo Xan de Codeso, que morreu afogado un día da Candelaria.

— Unha salve por doña Rosa Faxardo, que se botou a afogar na punta da Falcoeira.

— Un padrenuestriño, unha salve e unha avemaría polas catro fillas do Belurico, que morreron de volta do mercado.

— Unha salve por Ramón Collazo, que o levou un cóngaro e nunca máis apareceu.

Así seguía rezando, rezando sempre, por todos cantos morreron naquel camiño do mar. A vella mandadeira gardaba na memoria os nomes dos afogados e as datas das traxedias.

Un día reparei que a siña Sinforosa rezou por “un rapaciño que morreu en Tronco”, e pergunteille:

— Quen foi o rapaciño que morreu en Tronco, siña Sinforosa?

I ela respondeume:

— Non o sei, meu amantiño; ise afogado non é do meu tempo pois xa rezaba por el a difunta de miña avoa, que no Ceo estea.

A siña Sinforosa morreu xa, e de tantas traxedias non quedan máis que tres ou catro cruces de madeira chantadas nas pedras de beiramar. A vella mandadeira levou ao Alén a hestoria de todos os afogados da vila en que eu nacín.

Unha vez que atravesei o mar, sentín dentro do meu peito o baleiro de tanto esquecimento e en nome de todos os afogados preguei:

— Un padrenuestriño pola siña Sinforosa.

22 de jun. de 2014

Ligazóns ao desvío para un 22 de xuño

Un traballador en Galiza gaña dous euros menos á hora que no Estado español.

"Aeronave esnaquizada", María do Carme García Negro.

"Cando no parque nos queixamos por entregar pequenos galego-falantes ao inicio da escolarización e no segundo trimestre xa case nos consolamos uns aos outros confiando en que algo irá callando a lingua familiar, e que acabarán volvendo a ela nalgún momento, non estamos esaxerando, nin sequera un pouquiño...", reflexiona Luz Cures Vázquez.

"Las limitaciones del debate monarquía vs. república", Vicenç Navarro.

Mudaremos os números de teléfono por dominios?

Falta pouco para o aniversario da traxedia de Angrois. Penduro por iso aquí unha entrevista que me pareceu especialmente interesante, a realizada a Cristina Sánchez Carretero por parte de Fernanda Tabarés en outubro do ano pasado. Fala sobre o dó nas traxedias colectivas.