22 de out de 2017

Ligazóns ao desvío para un vinte e dous de outubro

  • "O pai verdadeiro", Fidel Vidal.
  • A empresa concesionaria do transporte sanitario do 061 e do transporte hospitalario da área de Vigo prohibe a comunicación en galego entre o seu persoal. Grazas á Mesa por denuncialo. Algunha institución vai facer algo?
  • A xornalista catalanoparlante que noutra noticia de Antena 3 se converte nunha muller que non entende catalán...
  • "Non, non e non", Marica Campo.

14 de out de 2017

"Yo, que he sido la mejor bailando reggeaton"

Onte fun ver La llamada. A pesar dalgunha baixada de ritmo e algunha diminuta incoherencia a que lle dei importancia (por exemplo, unha monxa ten que ter moi clara a xerarquía e non pode pretender falar co papa por teléfono), a verdade é que o pasei moi ben, que me rin moito e que, mesmo nos seus desfases, me pareceu... verosímil.

Explícome. As freiras lembráronme ao colexio en que eu estudei de neno e o ambiente do campamento pareceume tal cal o de toda a propaganda que nos daban. Moitas cousas que semellan de humor absurdo na verdade son realistas, ou máis ben suavizan co humor unha realidade que ten un punto sádico.

As actrices están fantásticas, mais de todas elas salientaría Anna Castillo e a secundaria María Isabel Díaz, ambas tan auténticas que parece que as súas personaxes están gravadas cunha cámara oculta.

Non podo negar que estou predisposto para os musicais, así que era difícil que non saíse cun sorriso de orella a orella despois de todas esas cancións divinas -Whitney Houston incluída- e esa fabulosa traca final.

10 de out de 2017

Atravesar o fantasma, finalista do Mondoñedo 10


O meu libro Atravesar o fantasma foi preseleccionado para o premio Mondoñedo 10, que recoñece o mellor poemario publicado no último decenio, entre 2007 e 2016. Estou feliz e agradecido.

A imaxe pertence á presentación en Bueu.