30 de abr. de 2012

Noite fría para ser abril

Finaliza o mes, así que tiña a miña última oportunidade para pendurar aquí unha canción tan preciosa coma esta, "Nit freda per ser abril".



Lancémonos sen rede!

27 de abr. de 2012

Grazas polo premio de artigos normalizadores!

Chamáronme hai un par de horas para me comunicar que fun galardoado co Premio a artigos xornalísticos normalizadores, que promove anualmente o Concello de Carballo. Desde aquí o meu agradecemento pola distinción e, sobre todo, pola iniciativa.

O texto premiado vai na liña do libro Como defenderes os teus dereitos lingüísticos e marca o camiño cara aos contidos doutro manual que agardo que sexa útil para o momento presente: Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, que sairá en Xerais nos vindeiros meses. Xa teremos tempo para falar del.

Sobre estes temas vou intervir tamén hoxe ás 18 h na Casa Solidaria de Ferrol, nun acto organizado por Galiza Nova, por se for do voso interese.

Ademais, lembrade que nos vemos mañá sábado ás 11 h na Asemblea Xeral da Mesa, no Auditorio Municipal da cidade de Ourense!

Continuamos!

26 de abr. de 2012

«As maiores manifestacións do mundo en defensa dunha lingua nos últimos anos foron en Galiza»



Reproduzo aquí, por se vos for de interese, a entrevista que me fixo hai uns días Nel Vidal para a páxina web da CTNL:

«As maiores manifestacións do mundo en defensa dunha lingua nos últimos anos foron en Galiza» Entrevista a Carlos Callón

ENTREVISTA: por Nel Vidal 

Carlos Callón preside a Mesa desde hai 10 anos e di estar con enerxía e novas ideas para continuar á fronte da asociación en defensa da lingua, que desenvolverá asemblea xeral o vindeiro 28 de abril en Ourense. Desta etapa como presidente da entidade destaca o aumento da afiliación, a mellor estrutura organizativa e a maior capacidade mobilizadora. Conversamos con el sobre a Mesa, o discurso e as mensaxes a prol da normalización lingüística, a colaboración entre o social e o institucional, etc.


Carlos, vai agora para dez anos que fuches elixido presidente da Mesa, naquela disputada asemblea con dúas candidaturas en xuño de 2002. Que valoración xeral fas desta etapa?
Participei nas directivas dos dous anteriores presidentes da Mesa e por iso sei de primeira man que os adiantos para a asociación son acumulativos.
Se teño que avaliar esta última etapa salientaría como moi negativo que non damos tido a suficiente forza para mudar as políticas lingüísticas oficiais e poría no lado positivo o aumento da afiliación, a mellor estrutura organizativa e a maior capacidade mobilizadora. Mais isto non é resultado do traballo dunha persoa: é un labor de equipo.

De que accións desenvolvidas pola Mesa nestes 10 anos contigo como presidente te sentes máis satisfeito?

Talvez noutro momento dixese ou diga outra cousa, mais agora véñenme á cabeza a campaña de galeguización dos bancos e caixas de aforros, os paros estudantís, o proxecto Abertos ao Galego e todo o esforzo de resposta aos ataques contra a lingua que desembocou na constitución de Queremos Galego.

E de cales menos orgulloso?, ou, que cousas cres que se poderían facer mellor ou que aínda están por facer?
Por facer hai demasiado, porque só hai que ver como está o galego nos diferentes sectores...
Estou menos orgulloso de cando non temos suficiente capacidade de resposta a algunha agresión e síntome moi insatisfeito naquelas campañas que se planifican durante meses e que despois non se poden levar a cabo ou hai que aplicar as tesoiras económicas até que fican con moita menos forza que a que se pretendía. As nosas carencias económicas impídennos que moitas campañas que quereriamos facer se poidan levar a cabo e iso obríganos a deixalas na gabeta e agudizar o enxeño para tentar chegar aos mesmos obxectivos.
De calquera xeito, entre a acción e a inacción, escollo a primeira. Aínda que sexa imperfecta.
É sabido que a carón do ideal todos saímos perdendo, mais fai falta actuar.

O vindeiro 28 de abril está convocada asemblea xeral da Mesa, que terá lugar en Ourense. Haberá cambios na xunta directiva?
A Mesa realiza todos os anos unha asemblea xeral para se avaliar no curto prazo e, cada tres, para escoller nova Permanente e debater máis en profundidade. A do 28 de abril no Auditorio Municipal de Ourense será destas últimas.

Encabezarás unha candidatura?
Estiven moitos meses pensando se candidatarme para continuar na presidencia ou colaborar coa Mesa desde outras funcións, xa que traballo para facer hai abondo e desde moitos lugares. Non é unha decisión doada, sobre todo na situación actual para a lingua e para A Mesa. Falei con moita xente e só encontrei ánimos para continuar, así que todo apunta a que encabezarei unha candidatura.
A pesar de que o traballo nunha asociación como A Mesa resulta moi absorbente, estou con enerxía e novas ideas para levar a cabo. Falaremos de todo iso na Asemblea Xeral do 28!

Será o teu cuarto mandato. Hai limitacións no número de eleccións?
Tecnicamente sería o meu quinto mandato. O primeiro é de 2002 a 2003, o resto xa de tres en tres anos. Non hai esa restrición, aínda que non sei se propola, a verdade!

Nos últimos anos a Mesa centrou a súa actividade, principalmente, na denuncia dos ataques contra o galego e da conculcación dos dereitos lingüísticos. Cres que é mellor que a Mesa manteña unha liña máis defensiva ou reactiva ca unha liña máis proactiva na procura da normalización lingüística?
A Mesa sempre presentou propostas de actuación e procurou crear debates novos ("proactivos"). Outra cousa é que por razóns políticas non fosen suficientemente tidas en conta (pénsese no contexto mediático galego...) ou non se aplicasen (pénsese na correlación de forzas partidarias en Galiza e o que defenden...).
Ora ben, os ataques e as agresións precisan respostas, aínda que estas deban modularse segundo a situación. Mais que ninguén esqueza tampouco que con estas respostas se crean "marcos" novos.
Por outra banda, a min persoalmente toda esta terminoloxía de Lakoff paréceme moi feble. Penso que teñen unha aplicación difícil, bastante distorsionada, unhas ideas nadas para os debates electorais dos multimillonarios partidos estadounidenses a realidades como a galega.

E cres que o discurso a prol da normalización lingüística está sendo o suficientemente eficaz? Estamos convencendo socialmente?
O discurso haino que ir puíndo sempre, sen dúbidas, mais penso que o problema central non está aí. O reto é como facelo chegar máis e mellor e, sobre todo, como conseguir que se aplique máis e mellor, sen máis políticas de homenaxe (que ás veces se converten en debates sen fin sobre o discurso).
Non é un problema de discurso que se eliminen servizos municipais de normalización, que a nosa mensaxe non poida acceder aos medios de comunicación de acordo coa nosa representatividade social, que a maioría das institucións non cumpran cos mínimos da legalidade lingüística, etc. Iso non muda se á rosa a chamamos caravel.
Penso que todas as emendas que vaiamos decidindo facer teñen que ir tamén coa consciencia do que xa conseguimos. Por exemplo, as maiores manifestacións en Europa (e, até onde eu sei, no mundo) en defensa dunha lingua nestes tres últimos anos foron en Galiza.
En fin, coido que está moi de actualidade e é moi necesario revisitarmos ese gran pensador que é Daniel Castelao a respecto dese debate sobre os discursos: "hai que loitar e crear, e non imos perder a vida metidos nas tripas dos problemas".

Entón, que mensaxe ou mensaxes principais cres que deben ser as que a cidadanía debe percibir desde o movemento en defensa da lingua para que se sume ao uso e defensa do galego, para que cada vez haxa máis xente que defenda a normalización lingüística?
Esta resposta tería que ser amplísima, porque o corpo doutrinal tamén o é. Pódeselle dar prioridade a unhas ou outras ideas segundo a situación (falo un pouco diso no libro Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, p. ex.)
Mais xa que me pides escoller unhas poucas, alá van:
- O galego é a lingua propia de Galiza e non é porque o inventase ninguén. É a única lingua que naceu aquí e a que nos identifica.
- O galego únenos a todas as galegas e todos os galegos, mesmo a aqueles que non o falan ou aínda non o falan.
- As políticas de normalización son políticas democratizadoras: evitan discriminacións, que aínda persisten; crean igualdade de oportunidades, que aínda non hai.
- As políticas normalizadoras son políticas de cohesión social, necesaria para avanzarmos en novos retos sociais e económicos.
- Unha sociedade que non acredita nas súas propias capacidades mal pode avanzar con forza.
- Os mellores exemplos de que as políticas de normalización lingüística van acompañadas do desenvolvemento económico témolas ao carón: Cataluña e Euskadi.
- Se pensas que é posíbel vivir en galego sen problemas e que non fan falta políticas normalizadoras, tenta facelo, procura vivir en galego de forma plena as próximas 24 horas.
- Nestes momentos unha persoa que queira vivir en galego en Galiza non ten garantido ese dereito. Son necesarias as medidas para o garantir.
- As linguas suman. O galego, tamén. Aprendéndoo e usándoo serache máis doado aprender e usar tamén outros idiomas (por fonética, léxico, etc.).
- Todas as nenas e todos os nenos deberían saír da escola con competencias lingüísticas boas, como mínimo, en galego e español. Iso, agora mesmo, non acontece co galego, polo cal son necesarias medidas.
- Nun mundo cada vez máis intercomunicado, non aproveitarmos as oportunidades que nos brinda o galego a través do portugués é como dilapidar o patrimonio. Grazas ao galego, todo o alumnado de Galiza podería saír do instituto cun certificado oficial de coñecemento de portugués, en moi poucas horas.
- Non hai maior defensa dunha lingua que o seu uso. Usa galego, escolle galego, solicita galego, organízate polo galego!
- Etc.

Cres que se debe coordinar ou manter unha maior colaboración entre o traballo social a prol da lingua e o traballo institucional? Como? De que maneira?
É desexábel esa colaboración entre o movemento social e as institucións, sen dúbida, tanto no ámbito na defensa da lingua como noutros. O que resulta paradoxal, por non dicir nada democrático, é que entidades sociais representativas non teñan posibilidade de colaboración con algunhas institucións por motivos de sectarismo político. É presentábel que a maior asociación cultural de Galiza non recibise nin un só céntimo de axuda do Goberno galego para ningún dos seus proxectos en todo o que levamos de lexislatura?
En ocasións ténsenos insinuado que se queremos recibir ese apoio económico temos que deixar de ser combativos contra o Goberno. Haberá quen estea disposto a dicir que o rei vai nu para levar as prebendas, e mostras hai algunha nos xornais estes días, mais ese nin foi nin será o xeito de proceder da asociación.
Tamén me parece que non ten moito xeito que entidades como A Mesa ou a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega estean excluídas do Consello da Cultura Galega. No caso concreto da Mesa non é só que non poida ter voz no plenario (como si pertencen entidades sen case actividade coñecida ou mesmo sen vinculación coa vida cultural galega) senón que a representación da entidade está vetada na Sección de Lingua e no Centro de Documentación Sociolingüística do Consello. É iso presentábel?
A Mesa pode colaborar coas institucións coa súa experiencia, a súa información e as súas moitas e fundamentadas propostas de actuación, como o ten demostrado durante os seus 26 anos de existencia.

Hai quen acusa A Mesa de estar politizada... Que lles dirías?
Calquera que faga un traballo en defensa da lingua recibe esa acusación, porque a defensa do galego entra en contradición cos principios ideolóxicos que defenden algúns dunha España monolítica. Vexamos se non os ataques que reciben os equipos de normalización lingüística dos centros de ensino polo seu traballo, 100% formativo e non só legal, senón emanado dun mandato legal. Porén, mesmo se chegou a dicir deles que son niños de formación de terroristas... Así está o nivel!
No caso concreto da Mesa temos que destacar que está conformada por socias e socios que pertencen a todas as formacións partidarias presentes no Parlamento galego e tamén a varias que non están representadas no Hórreo. Estou seguro de que a maioría, que non a totalidade, da afiliación é nacionalista, porque é un movemento que ten a defensa da lingua na súa razón de ser; tan na súa razón de ser que ten como obxectivo que o galego sexa defendido por todas as formacións, alén do nacionalismo.
Sen dúbida que A Mesa fai política: política lingüística. Non política partidaria: non nos presentamos ás eleccións, claro, e só en casos moi puntuais entramos en cuestións que non sexan lingüísticas. (Teñen que ser de emerxencia nacional e que aprobarse por unanimidade na dirección. Que eu recorde, nos últimos dez anos só se fixo co caso do Prestige.) O que xa me parece que é unha estupidez que insulta a intelixencia é dicir que politizas a lingua por usala ou defendela. Que eu use un idioma impídelle ao do lado usalo tamén? Entón debería deixar de usalo e defendelo? Se se pensa un pouco na cuestión, percíbese axiña a trampa.
O que non imos facer é deixar nin de realizar propostas nin de expresar as críticas que consideremos polo feito de que nos vaian acusar disto ou do outro.

Retirada de colaboración e difamación sobre o Correlingua, recortes brutais nos orzamentos para o fomento do galego, retirada dun libro de texto por dicir que o galego é a lingua propia... O 19 de abril folga no ensino e o 17 de maio manifestación en defensa do galego. Parece que sobran os motivos...
Movámonos, pois!


PERFIL

Carlos Manuel Callón Torres (Castiñeiras, Ribeira, 1978)
Preside a Mesa pola Normalización Lingüística desde o 15 de xuño de 2002. Tamén é voceiro da plataforma Queremos Galego.
É profesor de lingua e literatura galegas desde 2004, e exerceu no IES Castroalobre de Vilagarcía e no IES de Bertamiráns. Ten o seu destino definitivo no CPI Afonso VII de Caldas de Reis.
Ademais de varios estudos literarios, no ámbito da lingua publicou En castellano no hay problema (2010) e Como defenderes os teus dereitos lingüísticos (2011), ambos en Xerais.

Nas redes sociais
-Facebook: www.facebook.com/carloscallon
-Twitter: @carloscallon
-Blog: www.carloscallon.com

22 de abr. de 2012

Esta semana en Chantada, Pontevedra, Ferrol e Ourense

A miña axenda pública desta semana levarame a estes catro lugares que cito no título. Comezo na segunda feira (luns) cunha presentación na Casa da Cultura de Chantada, ás 18.30 h, do libro Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, coa compaña de André Sánchez Labandeira, profesor do IES Lama das Quendas.

Na terza (martes) participarei na presentación en Pontevedra do proxecto Abertos ao Galego, a rede de empresas que apostan polo noso idioma. Será ás 21 h na sede do Colexio de Xestores Administrativos (rúa Blanco Porto) e co apoio do Concello.

Xa na sexta (venres) estarei en Ferrol nunha conferencia a que me convidaron as mozas e mozos de Galiza Nova, para que fale sobre os consellos contidos no libro Como defenderes os teus dereitos lingüísticos. Será ás 18 h na Casa Solidaria da cidade.

Por último, o sábado, ás 11 h, comezará a Asemblea Xeral da Mesa. A partir de agora, as reunións anuais de socias e socios serán en diferentes concellos de Galiza e non só en Santiago de Compostela, como fora até o momento. Neste caso, xuntarémonos no Auditorio Municipal de Ourense (rúa da Canle, 2).

Onde e cando nos vemos? ;)


21 de abr. de 2012

E ti, que buscas?

Este é o vídeo gañador do concurso de vídeo do Correlingua 2012. Está realizado polo IES O Mosteirón, de Sada. Parabéns para eles e grazas a todos os participantes!

Galego, todo o que buscas!

20 de abr. de 2012

Cicatrices de ferro nas palabras

Cicatrices de ferro nas palabras é o título do libro que elaboramos Paulo Filgueiras Fachal e eu sobre a obra poética e o programa cultural de Valentín Paz-Andrade. Editarao Xerais e chegará axiña ás librarías, para contribuírmos á homenaxe nacional que se realizará á súa figura con motivo das Letras 2012.

Tamén baixo ese título (que collemos dun verso do Valentín), exporemos nas Xornadas de Lingua e Literatura da AS-PG e da CIG-Ensino algunhas das conclusións a que chegamos co noso estudo. Por se vos interesar, será mañá sábado ás 16 h na Facultade de Ciencias da Educación de Santiago (Xoán XXIII, s/n).

Continuamos!

-----------------------------------------------------------

[Ampliación 26 de decembro de 2015:

Finalmente, o ensaio con ese título non saíu en 2012, senón a finais de 2015, e non en Xerais, senón en FigurandoRecuerdos Edicións. Tampouco é xa exactamente o mesmo libro, aínda que si o fose na xénese, pois tivo sucesivas ampliacións coa bibliografía que foi saíndo tamén grazas á dedicatoria do Día das Letras e outras publicacións máis recentes. En calquera caso, xa está na rúa para quen o quixer consultar.]

19 de abr. de 2012

Hoxe en Pontevedra tamén falaremos sobre a folga


Hoxe ás 20.30 h podemos vernos no Pazo de Mugartegui (o da foto) para presentar en Pontevedra o libro Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, xunto co alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, Nacho Carballal pola Mesa da Zona e Manuel Bragado como editor.

Con certeza, tamén falaremos alí dos excelentes resultados do paro estudantil de hoxe. Agardemos que o presidente da Xunta escoite a mensaxe clara do alumnado contra o decretazo que afoga o noso idioma no ensino!

Por outra banda, se tedes twitter lembrade que hoxe hai o chamamento a usar a etiqueta #19Aestudantespologalego. Utilízaa para calquera comentario sobre a situación do idioma, para contribuír a que sexa trending topic.

Adiante!

18 de abr. de 2012

Ningunha discriminación sen resposta!


Onte concentrámonos en Redondela. Despois da informalidade do Tribunal, que a última hora non compareceu, vese que teremos que movernos máis veces. E sen dúbidas que o faremos!

Tedes máis información sobre o asunto nesta ligazón.

Paremos os ataques contra o galego!

16 de abr. de 2012

Da Guarda a Redondela


Saio agora mesmiño para A Guarda, primeiro para unha conferencia no IES A Sangriña e despois para a presentación, ás 20.30 h, do libro Como defenderes os teus dereitos lingüísticos. Xa sabedes que estades convidadas e convidados!

Se mañá puiderdes, lembrade que nos concentramos ás 12 h diante do Concello de Redondela para apoiar a moza á cal lle prohibiron facer as probas en galego para unha bolsa de traballo nesa administración municipal.

Pola lingua que nos une!

Paremos os ataques contra o galego!

15 de abr. de 2012

Presentación mañá na Guarda de Como defenderes os teus dereitos lingüísticos


Mañá pola mañá estarei na presentación da edición deste ano do Correlingua, en Santiago de Compostela. Tras algunha xestión da Mesa, sairei cara á Guarda, onde comezarei a tarde impartindo unha conferencia no IES A Sangriña, presentada pola alumna Andrea Araúxo Alonso.

Ao serán, ás 20.30 h en concreto, na mesma localidade presentaremos o manual Como defenderes os teus dereitos lingüísticos. Será no Art Café (praza do Reloxo, 6), xunto co músico Tino Baz, portavoz de Queremos Galego no Baixo Miño.

Pola lingua que nos une!

Paremos os ataques contra o galego!

14 de abr. de 2012

Elefantes

Leo que matar elefantes por divertimento, como fai o actual Rei de España, custa entre 7.000 e 20.000 euros por exemplar. Viaxes, aloxamento, atención sanitaria, etc. van á parte.

Este é un vídeo promocional da empresa que contrata o Xefe de Estado. Advirto de que ten imaxes desagradábeis:



Quen lle paga ao Rei de España esta perversa afección?

13 de abr. de 2012

A lingua que naceu hai máis de mil anos neste país é de todas as persoas que vivimos e soñamos nel


Estiven esta mañá en Vigo con Pepe Carreiro, Marta da Costa e Agustín Fernández Paz, para presentarmos o manifesto que elaborou este último para a manifestación convocada por Queremos Galego para o vindeiro 17 de maio.

Lamentabelmente, a TVG tampouco asistiu a este acto, co cal levamos xa 121 días de silenciamento total e absoluto da plataforma impulsada e coordinada pola Mesa pola Normalización Lingüística e que aglutina a máis de 700 entidades de diferente natureza.

A pesar da triste censura, velaquí o precioso texto escrito polo Agustín. Compartámolo, divulguémolo!


Voares de esperanza

Don Ramón Otero Pedraio, para loar o labor entusiasta da imprenta de Ánxel Casal e de María Miramontes, chamoulle a aquel obradoiro «pombeiro de voares de esperanza». Pombeiro de voares de esperanza! A frase era o tal, pois desde alí botaban a voar os libros que recollían o mellor do pensamento e da creación en galego. Aqueles non eran tempos doados, mais os azos dos homes e mulleres das Irmandades da Fala foron enchendo de luz as vilas e cidades de Galiza e conseguiron facer visible socialmente a lingua de nós.

Nesas persoas están as nosas raíces, somos elos dunha cadea que vén de lonxe. Rosalía de Castro e tanta outra xente que traballou pola recuperación e o prestixio da lingua e da cultura conforman o ADN onde nos debemos recoñecer. Un ADN que ten algúns tramos da dobre hélice especialmente fértiles, coma o das Irmandades, semente das ideas que hoxe constitúen a nosa cerna: Galiza, célula de universalidade. A vontade de sermos unha peza máis, en pé de igualdade, no mosaico mundial das culturas.

Non foron fáciles as épocas pasadas e tampouco non o son os tempos que nos toca vivir. Non é preciso reiterarmos aquí as agresións destes últimos anos, cunha boa parte das elites políticas, financeiras e mediáticas obsesionadas por esborrallar os avances que traballosamente foramos acadando. O seu obxectivo: facer do galego unha lingua socialmente invisible, que permaneza recluída no gueto e non acade un uso normalizado. Que o castelán sexa a lingua por defecto e o galego, a rareza, a lingua oculta. Tratala coma un bonsai ao que cómpre retallarlle as pólas que se obstinan en medrar máis do permitido.

Que ilusos! Non coñecen as palabras do sociolingüista Colin Baker: «A substitución dunha lingua non é un proceso evolutivo natural. Alí onde a xente está determinada a manter viva unha lingua, parece imposible destruíla.» Non saben que as agresións nos fan máis fortes, que nos impulsan a ampliar o tamaño da nosa esperanza, que medra en nós a vontade de construírmos espazos de encontro e mais de unión.

Na súa novela 1984, George Orwell describe unha sociedade oprimida por unha minoría, onde a neolingua é o instrumento utilizado para construír a realidade deformada que lle interesa ao poder: baléiranse de significado as vellas palabras e énchense con outros que mellor conveñan. Como non lembrar a Orwell cando vemos como se retorce o significado de palabras como imposición, liberdade, bilingüe, normalización ou, ultimamente, plurilingüe? Do mesmo xeito que a Policía do Pensamento obrigaba o protagonista da distopía de Orwell a aceptar que 2 + 2 = 5, a quen controlan os fíos do poder válelles todo para ofreceren unha falsa visión da realidade.

Contra as mentiras, non cansaremos de lembrar o evidente: a lingua que naceu hai máis de mil anos neste país é de todas as persoas que vivimos e soñamos nel. Tamén é das persoas que chegan a Galiza desde calquera lugar do mundo, empuxadas polo desexo dunha vida mellor, e deciden quedar aquí. E tamén, xaora, de tanta xente que ten na nosa terra as súas raíces e anda espallada polo mundo adiante, pois nós fomos -aínda o somos, e ben que nos doe- un país de emigración.

Do mesmo xeito que unha planta precisa dunhas condicións ambientais determinadas para medrar, tamén as necesita unha lingua que se encontre nunha situación minorizada, como lle ocorre ao galego. Por iso urxe crear as medidas precisas facer realidade un "nicho ecolóxico" favorable á lingua. Unhas medidas nas que nunca deben faltar dúas constantes: o exemplo práctico de que o galego é útil en calquera ámbito e para todas as funcións e a vontade de crear actitudes positivas cara á lingua. Para que na sociedade non haxa cidadáns de primeira e de segunda, deben crearse as condicións para que se poida vivir en galego con normalidade. Cousa que hoxe non ocorre, como constatamos día tras día.

Como ten reiterado Xabier DoCampo, «nós non mentimos». Imos sempre coa verdade por diante, conscientes da xustiza das nosas ideas e propostas. Con alegría, desmontando na práctica os insidiosos prexuízos que outros sementan na sociedade e nas familias, impulsando actividades que fagan posible vivir en galego. Porque amamos e defendemos a pluralidade lingüística, xaora que si, mais non a costa de deixar arrombada a nosa lingua no faiado.

Somos conscientes do labor que nos agarda. Mais tamén sabemos que paga a pena empregar todas as nosas enerxías nel, e que non hai lugar para o desánimo. Como escribiu Bertolt Brecht, nos anos da longa noite de pedra que asolagaba Europa: «Quen aínda estea vivo non diga "xamais". / De quen depende que siga a opresión? De nós. / De quen que remate? De nós tamén. / Pois os vencidos de hoxe son os vencedores de mañá / e o xamais convértese en hoxe mesmo.»

Todas as persoas que amamos o galego temos que erguer un pombal no noso interior, un pombal do que xurdan os voares de esperanza que encherán de vida os ceos da patria da lingua que nos une.


12 de abr. de 2012

Debate sobre a situación da lingua, hoxe ás 22 h.

Esta noite, ás 22 h, participarei nun debate en directo nunha televisión viguesa (VIA tv) sobre a situación da lingua galega. Tamén asistirá a avogada Elsa Quintas, en representación do doente discriminado polo SERGAS por solicitar a documentación en galego.

É a mesma televisión local á que pertence este vídeo:



Pola lingua que nos une!

Paremos os ataques contra o galego!

11 de abr. de 2012

"Si haces la prueba en gallego no te la corregimos"


Esta frase foi a que lle soltaron, hai escasos días, a unha moza que se presentaba ás probas para unha bolsa de traballo no Concello de Redondela.

É isto admisíbel?

Canto máis temos que aturar até conquistarmos a igualdade de dereitos e a igualdade de oportunidades que merecemos as persoas que queremos vivir no noso idioma na nosa terra?

Sobre estas e outras cousas falarei hoxe ás 20 h. (con repetición ás 22 h.) en SantiagoTV. Sobre estas e outras cousas protestaremos nas rúas de Santiago de Compostela o vindeiro 17 de maio.

Pola lingua que nos une!

Paremos os ataques contra o galego!

10 de abr. de 2012

17 de maio: Manifestación nacional pola lingua que nos une

Lembra que hai eventos no facebook e no tuenti para lle dar máis forza á convocatoria.

Se ademais andas por Compostela e nos podes botar unha man nos preparativos, non dubides en te pasar polo local nacional da Mesa: avda. de Lugo, 2A, entresollado A (a carón da estación do tren).

Pola lingua que nos une!

Paremos os ataques contra o galego!

9 de abr. de 2012

"...o van a clubs de hombres nocturnos..."

E pensar que mensaxes coma esta son emitidas en directo por TVE e que a Igrexa mantén a mesma asignación nos orzamentos xerais do Estado, mentres se recorta de forma gravísima en educación e sanidade...

e

7 de abr. de 2012

Pois que Conde roa

O alcalde de Santiago ten o seu soldo embargado pola enorme fraude fiscal da que é acusado por Facenda. Son demasiados os motivos para que non continúe no cargo.

2 de abr. de 2012

19 de abril, folga estudantil

Podemos axudar apoiando e divulgando o evento no facebook, procurándoo no tuenti e usando a etiqueta #19Aestudantespologalego no twitter.

Podemos e debemos conseguir que a mensaxe chegue a todo o alumnado de secundaria de Galiza.

Poñámonos ao seu carón para defendermos a nosa lingua propia!

Lumes Nunca Máis!


Movámonos!
  • A Coruña: 20,30 h, Cantóns, no entorno do Obelisco.

  • Lugo: 20:30 h., fronte ao Concello.

  • Ourense: 20:30 h., Praza Maior, fronte ao Concello.

  • Pontevedra: 20:30 h., Praza da Ferraría.

  • Vigo: 20:30 h., fronte ao Sireno.

  • Santiago de Compostela: 20:30 h., Praza do Obradoiro.

  • Ferrol : 20:00 h., Praza de Armas.

  • Foz: 20:30 h., diante da delegación de Facenda.

  • Betanzos: 20:30 h., diante do Concello.

Reproduzo tres preguntas que se fai hoxe ADEGA nun comunicado e que cómpre que todas e todos nos fagamos en alto e divulguemos todo o posíbel:

- Quen recortou en 20 millóns de € os orzamentos para prevención e 2 millóns de € para extinción?

- Quen promove unha Lei de Montes que reduce as faixas de protección, o tempo para aproveitar os terreos queimados e permite masas monoespecíficas (eucaliptos, por exemplo) de máis de 50 ha continuas?

- Quen reduciu significativamente e precarizou os operativos de loita contra o lume, eliminou o Voluntariado do Monte, suspendeu as BIIF (Brigadas de Investigación dos Incendios Forestais), desactivou as UXFOR e abriu a porta á especulación do monte coas SOFOR?