Mostrando postagens com marcador libros. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador libros. Mostrar todas as postagens

19 de mai. de 2025

Encontro con Roxín Roxal sobre Maxicamente vella, eternamente nova

Marabilla poder conversar sobre co Daniel Seixo, e tendo detrás un equipo tan atento e entusiasta como Miguel Rodríguez Carnota, Alicia López Pardo e José Manuel R. C.:



Viva a literatura tradicional galega e viva a cultura galega en todas as súas dimensións!

7 de jan. de 2018

Ligazóns ao desvío para un sete de xaneiro

8 de mai. de 2017

Nesta semana, Galegocalantes e galegofalantes na Coruña e Ferrol




Na quinta feira (xoves) estaremos na Coruña e na sexta (venres) en Ferrol para falarmos da situación do noso idioma, por volta da presentación do libro Galegocalantes e galegofalantes.

Ademais de estares convidadísima ou convidadísimo, podes tamén axudar a divulgar os actos a través dos respectivos eventos no Facebook:

Adiante co noso idioma!

20 de mar. de 2016

Ligazóns ao desvío para un vinte de marzo

5 de out. de 2015

Mudanzas na Xunta

Mudar uns poucos nomes sen mudar as políticas non é o que precisa o Goberno galego, non é o que precisa Galiza.

Iso si, o Goberno galego parécese só un pouquiño máis a un goberno mercé á ampliacións das consellarías. É unha rectificación indirecta de Núñez Feijóo sobre o que leva pontificado moitos anos. No entanto, mesmo niso continúa a ser unha modificación incompleta e pouco máis que aparencial. Non fai sentido -por pór só un exemplo- a fusión que existe entre Educación e Cultura, sen ningunha persoa que sexa responsábel directa da promoción editorial.

Aínda que se pareza só un algo máis a un goberno, o da actual Xunta continúa a exercer moi pouco de galego, que xa é triste de dicir. Lembremos que tanto Vázquez Almuíña como Rey Varela (dous dos novos conselleiros) son coñecidos polo seu desprezo ao idioma que nos une como galegas e galegos.

Porén, o que me parece máis grave de todo o anunciado é que nomee conselleiro ao mesmo home encargado de coordinar a campaña do PP para as autonómicas de 2016. Coordinará a campaña no seu -parece que moito- tempo libre como conselleiro de Política Social ou será que lle pagaremos con diñeiro público o seu traballo para o PP?

2 de set. de 2014

"Contra quen" escribimos Quico Cadaval e eu?



O tempo pasa voando. Hai case xa dous anos que participei, convidado pola AELG e pola Universidade de Vigo, nunha mesa redonda co meu admirado Quico Cadaval para falarmos sobre a súa ampla obra dramática (boa parte dela inédita, é certo, polos diferentes tempos e opcións que hai no teatro) e os meus cinco títulos de ensaio. Anunciaba eu daquela tamén un libriño que a día de hoxe tampouco dei terminado. O tempo, como dicía, pasa voando...

Se vos interesar, nesta ligazón hai unha crónica máis completa do que foi esa mañá, en que terminamos falando sobre aquilo que nos levaba a escribir, se había un por que, talvez un por quen, ou un contra que, un contra quen.

Continuamos! ;)

13 de mai. de 2014

Letras gallegas

Non compro na FNAC por moitas razóns, que se poden sintetizar en catro: pola súa política laboral, por como actúa cal especie invasiva contra as librarías que garanten a distribución plural de obras, por como marxina a nosa lingua e por como despreza a nosa literatura.

Alguén podería pensar que isto último é por estritas razóns de mercado. Así, se cada vez actualizan menos as obras en galego e as poñen en espazos máis recónditos sería porque a xente non compra neste idioma. Mais xa querería eu que comparasen en público canto factura a FNAC da Coruña por libros en galego (ao que dedican só un estante e sen mesa de novidades), de libros en inglés (coido que tres estantes, falo de memoria), de libros en francés (un estante e medio) e de libros en alemán (aproximadamente medio estante). Dou fe, porque vou espiar por alí algunha vez que paso pola Coruña, que cando menos o espazo en francés case non se actualiza, porén existe máis oferta que en galego. Cales son as razóns? Estaría moi ben que nolas dixesen!

Reparade agora na parte superior da fotografía. Aparece primeiro "Literatura" e debaixo "Literatura galega". O adxectivo que ía até hai algún tempo no outro letreiro após o substantivo era "gallega". Desde A Mesa protestóuselles, porque era rechamante que os nomes das seccións en inglés fosen en inglés sen tradución, os de francés idem eadem idem e que, porén, a sección de Literatura galega non puidese gozar cando menos da mesma consideración. O triste é que, daquela carta que enviou A Mesa no seu día, parece que só nos fixeron caso nisto, e con esta solución tan estraña. Despois veredes que o de "Orden alfabético" aparece só en español; en inglés ou francés si usan cadanseus idiomas.

Un outro comentario importante sobre o tema é que tamén nesta sección colocan habitualmente literatura en español, ás veces asinada por xente oriúnda de Galiza, outras veces pola temática galega, outras porque son traducións de obras galegas e outras por criterios que descoñezo porque non cumpren con ningunha desoutras premisas. Así, do estante con obras en galego talvez haxa que restarlle cando menos media prateleira. Ollando para a foto talvez vos decatedes dalgunha (nunha primeira ollada, comprobo que o terzo dunha das baldas está con libros en castelán...).

Dicía que non compro na FNAC e, no entanto, como tamén dixen, si que vou espiar e botar un olliño a cousas. Se algún título me interesa, encárgoo nalgunha das librarías de Abertos ao Galego. Cústanme o mesmo e sábenme mellor.

27 de jan. de 2014

Que libro en galego, que flor, a quen...

Son cousiñas que podemos ir pensando: que libro(s) escollermos, que flores, a quen lle agasallamos ambos... Falta menos dun mes para festexarmos de novo o Día de Rosalía!

Na véspera (o 23, por tanto) haberá un acto nacional ás 12 no Panteón de Galegos Ilustres. As actividades espallaranse por toda Galiza xa no serán do día grande, o 24 de febreiro, que este ano coincide en segunda feira, o cal nos pode facilitar achegarnos ás librarías ou ás florarías, para os detalliños de última hora.

A Asociación de Escritoras/es en Lingua Galega vai facendo, ano a ano, que a xornada vaia collendo máis pulo. Participemos! Deámoslle forza!

24 de mar. de 2013

Auguiña de sete fontes

 - A triloxía Dragal, de Elena Gallego, convértese nun proxecto multimedia. Parabéns e que continúe o merecidísimo suceso!

- "E se fose a princesa a que salvase a Mario?", nova en Praza Pública.

- "A ética do coidado dun mesmo como práctica da liberdade", entrevista a Michel Foucault en 1984.

- Un matrimonio de sexaxenarios irán á cadea por violaren ambos as súas ordes de afastamento, nova en La Voz de Galicia.

- Novo libro de Xosé Ramón Freixeito Mato: Estilística da lingua galega.

- "Rosalía e nós", artigo de Francisco Rodríguez en Sermos Galiza.

- "Google aposta por voar tamén en galego", nova en Galicia Confidencial. O galego, entre os oito primeiros en que estrea en Europa este novo servizo.

17 de dez. de 2012

13,1%

De cada 100 euros gastados en Galiza para comprar libros, só 13,1 van para obras en galego. Advertiuno o presidente da Asociación Galega de Editores, Manuel Bragado, de acordo cos datos que achega o relatorio Comercio Interior do Libro en Galicia 2011. 

As cifras son claramente más, porén tamén nos fan lembrar a reflexión que fixo en voz alta Santiago Jaureguizar hai xa uns anos: Sendo a porcentaxe baixa, é rechamante que na inmensa maioría das librarías do país a proporción de libros en galego nos escaparates é moi inferior. Iso xa sen falar das grandes superficies, tipo Corte Inglés ou FNAC.

Vai adoptar algunha acción a Xunta para evitar que o galego se continúe a impor no mercado editorial?

24 de nov. de 2012

Cartel promocional de Xerais



A editora Xerais, na cal publiquei os tres libros que escribín sobre o galego, sacou este cartel promocional para librarías, centros de ensino, etc. Se che é posíbel botar unha man na súa divulgación, podes descargalo desde esta ligazón. Xa sabes que somos pobres, mais honrados ;)

En castellano no hay problema é unha compilación de artigos sobre a evolución da situación lingüística en Galiza desde o final dos gobernos de Manuel Fraga Iribarne até o comezo do primeiro mandato de Alberto Núñez Feijóo.

Como defenderes os teus dereitos lingüísticos é un manual práctico con consellos para saltarmos os obstáculos que nos encontramos no día a día para podermos vivir en galego.

Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez é outro manual práctico, neste caso centrado en que non se perdan os trazos xenuínos do idioma noso.

Continuamos!