A Mesa considera que o nomeamento do novo secretario xeral é “tentar camuflar o lobo con pel de ovelliña”
Carlos Callón chama a mobilizarse o domingo para que non se dea “nin un paso atrás para o galego”
Carlos Callón chama a mobilizarse o domingo para que non se dea “nin un paso atrás para o galego”
Santiago de Compostela, 14 de maio de 2009.- Ante o nomeamento do novo secretario xeral de Política Lingüística, A Mesa restoulle importancia ao nome da persoa que vaia desenvolver este labor e subliñou a súa preocupación polas políticas anunciadas todos os días polos actuais gobernantes da Xunta: “A partir de hoxe o posto de verdugo xa non está vacante, mais o caso é que se trata dun posto de verdugo. Pode ser máis guapo ou máis feo, ter máis currículo ou menos currículo, máis ou menos capacidade para embaucar, mais é un posto de verdugo para o galego”.
O presidente da maior asociación cultural de Galiza, Carlos Callón, amosou a súa mágoa porque “haxa persoas que se presten a este xogo perverso e estean dispostas a ser a pel de ovella para camuflar o lobo”. Callón lembrou que “as propostas dos actuais dirixentes do PP para a nosa lingua son claras, ao noso pesar: derrogación do decreto do ensino, eliminar o galego como requisito nas oposicións (pasando a selo só o castelán) e mesmo derrogación da Lei de normalización lingüística”.
Sobre este último aspecto, o dirixente da Mesa lembrou as declaracións do delegado da Xunta, Diego Calvo, que manifestou onte que o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, respalda oficializar o topónimo *La Coruña. Esta proposta suporía derrogar a Lei de normalización lingüística, que se aprobou por unanimidade no Parlamento en 1983 e que desenvolve o Estatuto de autonomía no relativo á promoción do idioma propio do país. “Dificilmente se podería facer unha proposta máis agresiva e insultante contra a celebración das Letras Galegas esta semana e contra o seu homenaxeado, Ramón Piñeiro, que foi relator da Lei que o PP quere tumbar de forma unilateral”, indicou Callón.
O presidente da Mesa advertiu de que desde a actual Xunta “se quere desmantelar todos os adiantos conseguidos en toda a etapa autonómica, e non o podemos consentir”, polo que fixo un novo chamamento a que “a manifestación deste domingo, 17 de maio, nas rúas de Santiago de Compostela, sexa histórica”. “Nin un paso atrás para o galego”, concluíu.
17 comentarios: