12 de jun de 2017

Ao coidado da directora do CEIP Santa Irene, Porto do Son

Señora directora:

Tiven coñecemento a través das redes sociais dunha carta, asinada por vostede no pasado 6 de xuño, na cal xustifica que se lle desconten puntos a unha alumna de primaria por usar "Galiza" no caderno e nun exame da materia de Ciencias Sociais.

Dun punto de vista lingüístico, considerar erróneo "Galiza" non se sustenta. A propia Real Academia Galega, que é a que ten nestes momentos a potestade para estabelecer a norma oficial do noso idioma, considéraa unha "forma lexitimamente galega". Así mesmo, moitas e moitos lingüistas constatamos a través dos nosos estudos que, se non for por razóns de presión política, ninguén dubidaría que a única forma válida e xenuína para designar o noso país en galego é esa. Mais, como vostede moi ben coñece, se non for tamén por razóns de presión política, o noso idioma tería unha situación máis saudábel que a que ten, por exemplo no ensino.

O problema neste caso non é de Gramática Histórica, senón de pedagoxía e, sobre todo, de liberdade de expresión, máis grave cando se pretende sancionar unha menor nun centro de ensino, un espazo que debería acoller a pluralidade e a diversidade, e fomentar que cada persoa conforme en liberdade o seu pensamento. Aquí réstanse puntos por usar unha forma correcta, vixente e acertada; é unha utilización que, ademais, amosa un bo coñecemento do xenio do idioma por parte da alumna, que vai máis alá da abafante presión castelanizadora.

Cando, na súa carta, vostede leva a argumentación ao terreo xurídico-político é cando comprobamos a causa verdadeira desta discriminación: é unha imposición ideolóxica mal camuflada de hipercorrección lingüística (primeiro) e de falta nin máis nin menos que legal (despois), cunha equiparación grotesca entre un caderno de primaria e o DOG.

Como docente, non podo máis que preguntarme que acontecería se ese modo de proceder de restar puntos con informes xurídico-políticos se estendese a todos os ámbitos do ensino. Pensemos só no campo da Xeografía. Debemos restar puntos cada vez que alguén poña "Estados Unidos" e non a única forma oficial na súa tradución, "Estados Unidos de América"; "Brasil" e non "República Federativa do Brasil"; "Venezuela" e non "República Bolivariana de Venezuela", e así por diante? Que facemos, señora directora, co "Reino Unido da Gran Bretaña e Irlanda do Norte"? Até onde poderiamos chegar con ese seu proceder?

A situación aínda se complica nalgúns casos paralelos. Galiza non está recoñecida na lexislación actual máis que como "Comunidade Autónoma" ou "nacionalidade". Que facemos coa obra de Rosalía de Castro, en que a considera "patria"? E cando Alfredo Brañas a chama "nación sometida"? Ben sei que esas non eran formas legais tampouco neses seus tempos, mais estamos a abordar figuras que usaron os termos dese xeito e cuxa obra tamén entra nos currículos. Corrixímolos, censurámolos ou censuramos só o alumnado que utilice esas formas?

Acontece tamén que, como todo o humano muda, achamos disposicións legais (si, legais!) que no século XIX prohiben o galego denominándoo lingua ou fala "del país". Como actuamos nese caso, se Galiza non está recoñecida xudiricamente como "país"? Simplemente obviamos que o galego estivo perseguido ou mudamos a redacción por "lengua de la futura comunidad autónoma"? Que facemos, tamén, cando no himno oficial se lle chama "nazón"? E que faremos, con certeza, se unha alumna ou un alumno falar do "queixo do país"? Deberiamos ir pedindo informes xurídicos para todos estes casos? Daremos abasto?

Seguindo tamén a lóxica da súa sanción, cómpre preguntármonos que debemos facer cada vez que apareza o termo "Galiza" ao longo da Historia. Daniel Castelao, que foi membro numerario da Academia Galega, mesmo escribiu un libro fundamental titulado Sempre en Galiza. Debemos modificar a obra de Castelao ou debemos restarlle puntos aos estudantes cada vez que nolo citen? E que facemos, señora directora, co "Consello de Galiza"?

Estará a pensar que nestes últimos casos son "nacionalistas radicais", mais o problema non para de se ensarillar... Cumpriría chamarlle a atención a Sandra Ortega, presidenta da Fundación Paideia Galiza? E como obramos co profesorado que utilizamos exclusivamente a forma Galiza nas nosas aulas? E cos libros de texto que fan iso mesmo? E co único semanario impreso que existe no noso idioma? Que ficaría após toda esa abrasión? Onde terminaría a caza de bruxas?

En fin. A través deste correo electrónico, demándolle que rectifique a sanción, que pidan desculpas á meniña afectada e á súa familia e, xa que lle deu amparo a unha grave situación de imposición ideolóxica que atenta contra a convivencia, que reconsidere a súa continuidade no cargo.

Cumprimentos cordiais,



Carlos Callón
Profesor de Lingua Galega e Literatura e Xeografía e Historia.
Presidente de Honra da Mesa pola Normalización Lingüística.

[A imaxe foi baixada das redes sociais, no meu caso a partir do perfil de Séchu Sende no Facebook.]

13 comentários:

  1. Cando o BNG xunto co PSOE, solicitou a un organismo público poder usar Xunta de Galiza, podes preguntarlle cal foi a resposta que recibiu?

    ResponderExcluir
  2. Ola, Anónimo.

    Durante ese goberno bipartito utilizouse en moitas ocasións Galiza e, curiosamente, houbo órganos que tentaron evitar que o propio goberno o usase. Penso que entendes ben o de "curiosamente". Regresando ás cousas curiosas, a Academia Galega é tamén moi clara na súa recomendación de utilizar as terminacións en -aría e non en -ería, mais a Xunta continúa a falar de "Consellería de...", 14 anos despois de se aprobaren as Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego. Mais non se nos dicía que había que facer o que a Academia aconsellase e que, no caso de haber dúas formas aceptadas e pular por unha, esa tiña que ser a que usase oficialmente? Ou iso só se segue segundo a comenencia co poder?

    Isto falando xa só das cuestións de estandarización, se falarmos do uso da lingua galega, a cousa xa clama ao ceo. Non collen neste comentario a cantidade de vulneracións de dereito ao uso do galego que se cometen dentro das competencias autonómicas. Cantos relatorios emiten eses preocupados organismos para que, por exemplo, se deixe de prohibir a lingua de Galiza nas materias científico-técnicas, para que exista información con normalidade en galego no SERGAS, etc., etc., etc.?

    Todo isto, con certeza, pode debaterse, mais o caso aquí é moito máis grave. Como é que se ampara que se lle resten puntos a unha nena de primaria por usar o nome do país?

    Un saúdo.

    ResponderExcluir
  3. E mira que estou a darlle voltas e non entendo ben de que vai isto. Leo a resposta da directora (que non sei se pode ser publicada aquí tendo en conta que, supoño, será unha comunicación privada e non pública)e leo o que se lle resposta a esta e non o entendo. Estarei a facerme vello.
    GALICIA é a denominación oficial da Comunidade, guste ou non, e o emprego de GALIZA é lexítimo, como ben apunta a directora na carta (parece que non se quixo ler o que di o punto 2º da comunicación, porque, se así fose, certo argumentario forzado que se está a facer estaría fóra de lugar), pero non para denominar oficialmente á Comunidade. Igual que A CORUÑA e OURENSE son as denominacións oficiais, e non ORENSE e LA CORUÑA (supoño que non se deberá corrixir aos nenos/as que empregen estes termos, por unha cuestión de liberdade de expresión, imposición ideolóxica que atenta contra a convivencia, censura ou caza de bruxas -aínda que eu prefiro falar de meigas-, he, he).
    Ou sexa, como o do Larrauri fai uns aniños, pero ao revés.
    MI madriña (sic), como andamos!

    ResponderExcluir
    Respostas
    1. Ola, Anónimo.

      Antes de máis, recoméndoche a lectura deste texto: http://www.carloscallon.com/2010/12/pola-plena-oficialidade-dos-nosos-nomes.html

      Un saúdo.

      Excluir
    2. Ola, Carlos.
      Artigo lido, e tamén coñezo a Lei de Normalización Lingüística, esa que pon sempre GALICIA e non GALIZA, como "deturpas" no teu artigo (por certo, aprobada polo Parlamento de GALICIA, a ver se poñemos as cousas como son).
      Temos, entón, que: Ourense= forma oficial, pero tamén Galicia é o nome oficial. Ou empregamos as formas oficiais ou non, pero non vale iso de empregalas cando me pete. O mesmo erro é dicir que Orense é unha provincia de Galicia ca dicir que Ourense é unha provincia de Galiza. Ou, alomenos, así o será ata que non se cambie o disposto no punto b do ditame do Plenario da RAG de 29/III/2008. E se non nos gusta, a pintalo de verde.
      Un saúdo

      Excluir
    3. Ola, Anónimo.
      É "Galiza" unha forma galega? Calquera lingüista cho pode confirmar.
      Foi e é unha forma perseguida polo poder por razóns políticas? A resposta é afirmativa sen ambigüidades.
      Mesturar iso con topónimos castelanizados barbaramente ou é ignorancia ou é demagoxia. Asina co teu nome e saberémolo.
      Un saúdo.

      Excluir
    4. Ola, Carlos.
      Non sei por que, dependendo da miña identidade, son demagogo ou ignorante. Non me queda outra opción. Pois non me identificarei, non sexa que me manden para o Gulag (con G de Galiza).

      Excluir
    5. "Gulag (con G de Galiza)". Está todo dito. Cantas reviravoltas para xustificar a actuación vil contra unha meniña para terminar con isto!

      Comprendo que non deas o teu nome.

      Excluir
  4. "E como obramos co profesorado que utilizamos exclusivamente a forma Galiza nas nosas aulas?"
    Daquela, baixádeslles puntos aos alumnos que empreguen "Galicia"? Por que se pode empregar EXCLUSIVAMENTE un termo e non o outro?

    ResponderExcluir
    Respostas
    1. Ola, Anónimo.

      Eu, como persoa e como docente, podo usar en exclusiva a forma Galiza. Tamén niso se quere entrar? Onde me autodenuncio?

      Obviamente, non se lle baixan puntos ao alumnado que usa Galicia. É unha diferenza que fixeches ben en facer notar.

      Un saúdo.

      Excluir
  5. Estou vendo os pais da nena arrenegando, queixándoselle á rapacinha,ves? cómo puxeches Galiza no exame!!??

    ResponderExcluir
  6. Claro, deixamos que poñan Galiza nos exames, e cando medran chegan a conselleiros e presidentes e acaban poñendo ben os pronomes átonos. No se puede consentir, oiga.

    ResponderExcluir