Mostrando postagens com marcador Arturo Casas. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador Arturo Casas. Mostrar todas as postagens

17 de set. de 2009

4 de mai. de 2009

Contra o proceso de desmantelamento da oficialidade do galego

No artigo desta semana en Galicia Hoxe recollo e amplío algunhas ideas que xa fun soltando neste blog nos últimos días.

O galego, a nosa columna vertebral
Contra o proceso de desmantelamento da oficialidade do galego


Hai poucas semanas, Manuel Rivas razoaba nun dos seus artigos que Galiza non anda sobrada de elementos que unan e cohesionen. Unha desas masas que cementan e cimentan a galegas e galegos é a lingua. Tal idea é a que protagoniza a convocatoria de manifestación realizada pola Mesa pola Normalización Lingüística para o vindeiro 17 de maio, que partirá ás 12 do mediodía da Alameda de Santiago de Compostela, baixo o lema “O galego, a nosa columna vertebral”.

Se xa a manifestación do Día das Letras de 2008 foi histórica en asistencia, a deste ano agárdase que bata máis marcas na mobilización social en defensa deste milenario idioma. Porque o ano pasado se reaccionou aos ataques e ameazas de involución, mais agora eses anuncios xa se comezan a concretar e a tomar forma. Así, a semana pasada foi especialmente importante, con declaracións diarias do novo presidente da Xunta, anunciando na práctica un proceso de desmantelamento da oficialidade do galego.

Mais que non pensen que por ter a maioría absoluta xa poden actuar como se puidesen facer o que quixeren. Existen marcos legais e de convivencia que deben respectar, que temos que saber facer respectar. Como lembraba Arturo Casas no seu blog referíndose á toma de posesión do novo titular de Cultura, “nós estamos aquí e este estarmos nós aquí non será un problema menor para esa xente nin para a súa planificación do futuro da cultura de noso.”

Preparándonos

Estamos aquí, con certeza que estamos. Cando escribo estas liñas, xa se adheriron ao manifesto que se lerá ao final da marcha do Día das Letras 16.524 persoas e 396 entidades do máis diverso tipo. Na rede social Tuenti, centrada nun público xuvenil, 3.868 mozas e mozos xa aseguraron a súa asistencia, mentres 2.105 a maiores din que quizais vaian. Cando faltan quince días para enchermos as rúas de Santiago de Compostela, xa se constata a importante preocupación por esta involución anunciada polo PP, especialmente presente nas comunidades educativas.

Cómpre que todas as persoas e grupos sensíbeis na defensa da nosa lingua esteamos máis xuntos que nunca, deixando á marxe as lexítimas, lóxicas e naturais diferenzas ou discrepancias noutros ámbitos. Porque o que temos que parar agora é a pretensión de exterminar o noso idioma, para o cal queren desamparalo xuridicamente e deslexitimalo como lingua propia de Galiza.

Será unha mobilización de defensa do xa conseguido, mais tamén de impulso para avanzarmos, pois a inxustiza e a desigualdade que padece a nosa lingua propia deben corrixirse. Nese camiño van os dous primeiros puntos do “Manifesto pola convivencia lingüística e a igualdade de dereitos para o galego”:

1.- O pobo galego ten dereito a que a súa lingua propia (orixinaria) sexa oficial a todos os efectos no seu ámbito territorial. Os usuarios do galego deben desfrutar no seu territorio do mesmo status legal que o castelán ten no seu.

2.- A situación do galego está moi lonxe de ser así. Non desfrutamos de dereitos lingüísticos plenos para desenvolver a nosa vida diaria con normalidade na nosa lingua na nosa terra. Son os falantes do galego os que resultan discriminados. É o galego o que corre perigo como idioma e os galego falantes os que non son debidamente respectados. Vivimos unha grande inxustiza que é a negación da igualdade e da verdadeira convivencia.


Folla de ruta

Lonxe deses principios básicos para a convivencia en igualdade, Alberto Núñez Feijóo fixo todas as xenuflexións posíbeis a semana pasada en Madrid e prometeu redimir Galiza do pecado orixinal de ter lingua propia. Por certo, todas estas declaracións, dun profundísimo calado político, foron realizadas en micrófonos da ultradereita mediática, non no Parlamento galego ou ao menos ao finalizar un Consello da Xunta.

A medida máis grave que anunciou foi a derrogación de facto non do decreto 124/07, senón da protección xurídica do galego no ensino. Non é alarmismo nin catastrofismo: é o paso máis grave contra o galego en toda a etapa autonómica, que nos leva nunha viaxe no tempo a 30 anos atrás. Tan atrevidas declaracións, eufemisticamente camufladas de “liberdade lingüística”, tivo que matizalas sobre o prazo para pólas en andamento, pois os técnicos da Consellaría de Educación advertiron de que o que propuña non era posíbel materializalo nos centros de ensino sen antes mudar o decreto, o cal non se fai así como se nada. Ai, inxustizas da vida! Un gaña por maioría absoluta e pensa que a lei xa non existe, mais segue aí, para amolar ao reestreado gobernante.

Entrando de novo no xardín da demagoxia, Feijóo mantén que o profesor ou profesora poderá impartir en galego se quere facelo e tamén que a/o estudante poderá usar o galego se quere. Estrañamente, iso quere casalo con que as familias escollerán nalgún grao a lingua da escolarización, como se iso non fose tamén entrar na suposta “liberdade” de profesorado e alumnado. Non aclarou se a “liberdade” tamén chegará ás faltas de ortografía.

Con esta proposta dos novos dirixentes do PP é imposíbel garantir o obxectivo básico da escolarización de que o estudantado saia das diferentes etapas educativas coas competencias comunicativas correspondentes en castelán e en galego. É máis: o galego será menos que unha lingua estranxeira no propio país, xa que o inglés ou o francés están beneficiados pola opción dunhas chamadas “seccións bilingües” a través das cales hai materias non lingüísticas que se ministran neses idiomas. Nesas seccións, non só o profesorado, senón sobre todo o alumnado, para aprender, ten obriga de utilizar o idioma estabelecido.

Fóra da Administración

Ademais, o propio presidente da Xunta deu máis razóns para nos mobilizarmos en defensa da nosa lingua. A súa pretensión (que de momento tamén choca co muro da lei) é que para acceder a un posto de traballo na Administración nin tan sequera haxa que realizar un dos exames en galego. A nivel simbólico, significaría negar a cooficialidade real, xa que o único idioma que sería un requisito nese caso sería o castelán, reducindo aínda máis o rango do galego. No aspecto práctico, significaría que poderían ser funcionarias, mesmo na Xunta, persoas sen capacidade para se expresaren en galego e, portanto, traballadoras e traballadores da Administración que non poderían garantir o dereito legal de atenderen en galego. Curioso bilingüismo que só garante dereitos para o castelán!

A terceira fronte do ataque contra o galego serán as propias institucións autonómicas. Xa na toma de posesión, catro deputados xuraron o seu cargo en castelán: Diego Calvo, José Fervenza, Rosa Quintana e López Chaves. En 2005, só o fixera un deputado: Castelao Bragaña. Conta Anxo Lugilde que cando ese deputado, galaico-arxentino, tivo que intervir por vez primeira no Parlamento, recibiu unha chamada de Manuel Fraga para lle recomendar que intervise en galego. Dos que non quixeron xurar desta volta en galego, dous están xa na Xunta. Ademais, catro conselleiros parece que nin tan sequera saben nin queren saber falar en galego, dando unha imaxe lamentábel de desprezo pola cultura do país que gobernan.

Crispación

A maioría da xente leva pensando desde o 1 de marzo que temos goberno do PP na Xunta para ao menos 8 anos, cando non outros 16 como os ininterrompidos de Fraga. Porén, se o resto da lexislatura continúan por estes carreiros que levan á crispación ou mesmo aparecendo escándalos de tal calado como os protagonizados polo conselleiro Agustín Hernández, eu xa nin sei se chegarán aos catro.

Concordo totalmente co que hai poucos días afirmaba o xornalista Perfecto Conde na súa bitácula: “Non rematou nin sequera de nomear todos os compoñentes do seu goberno e xa parece Alberto Núñez Feijóo un presidente gravemente tocado.”

1 de abr. de 2009

Algúns textos interesantes

Hai textos que a un lle chaman a atención especialmente e que non pode deixar de recomendar. Seguramente quen pasades por aquí con frecuencia xa leríades estes artigos ou estas entradas en blogs; se non, recoméndovos que o fagades e, se tedes vagar, que me digades que foi o que vos pareceron:

- "O galego, o inglés e Feijoo", Miguel Anxo Murado, La Voz de Galicia, 12 de marzo de 2009.

- "A realidade explicada a nenas e nenos", Arturo Casas, Blog Lándoas, 12 de marzo de 2009.

- "O idioma como conciencia", Francisco Rodríguez, Xornal de Galicia, 15 de marzo de 2009.

- "Democracia", de Xoán Carlos Garrido, Vieiros, 27 de marzo de 2009.

- "De como un xornal bota abaixo un goberno", Carlos Neira, Blog Calidonia, 28 de marzo de 2009.

- Discurso de Xabier P. Docampo no acto de entrega dos Premios Irmandade do Libro 2008, reproducido no blog do autor, 28 de marzo de 2009.

- "O asalto contra as identidades", Henrique del Bosque, Vieiros, 30 de marzo de 2009.

13 de jan. de 2009

Fóra e dentro

Velaquí o último artigo en Galicia Hoxe, tal e como comentaba onte:

Fóra e dentro

Prox
ección exterior e retroproxección da cultura galega

Nas últimas semanas produciuse un interesante debate sobre a situación do mercado dos libros en galego e da cultura galega en xeral. Un dos puntos recorrentes foi preguntarse se desde a Administración se acertou ao pór maior énfase na proxección exterior cando no propio país aínda é tan necesaria unha forte promoción interna. Hai moitos índices que deben terse presentes para avalialo e encamiñar a acción política na cuestión, mais hai dous que non se poden deixar de lado en ningún caso no aspecto bibliográfico, que se deben repetir todas as veces que for necesario até dalos superado. En primeiro lugar, que Galiza é a comunidade do Estado con peores hábitos lectores. Ademais, só entre un 10 e un 19% deste mercado é con obras en galego.

Manuel Rivas, o noso autor máis exitoso tanto dentro como fóra de Galiza, nunha recente entrevista en Vieiros consideraba máis importante “tratar con respecto” a literatura galega no propio país que promovela en grandes eventos internacionais. Sostiña o autor d’O lapis do carpinteiro que “sería irreal esperar que os franceses, ou os fineses, ou os norteamericanos desen un trato destacado ás nosas obras se estas non teñen ese trato no propio país. Esa é a mellor maneira de proxectar a nosa literatura no exterior. Ti vas a Irlanda, ou a Islandia, e nos aeroportos xa podes atopar a súa literatura; aquí non sucede iso. En Galiza tampouco as obras galegas ocupan un lugar destacado nas bibliotecas, e nos medios de comunicación galegos a nosa literatura segue a ser algo exótico.” Concluía, porén, que “ás veces o coñecemento fóra dunha obra permite o seu redescubrimento no interior”.

Arturo Casas, profesor na Universidade de Santiago de teoría literaria e semiólogo, entraba no debate a través do seu blog con esa mesma idea final, para sinalar que a proxección exterior e a interior son dúas caras dunha mesma moeda, dunha estratexia única. El matizaba: “A proxección interior (rede de bibliotecas, clubes de lectura, institucionalización e planificación, convenios coas librarías para que non escondan certos libros) non abonda. É imprescindíbel, pero non abonda.”

No meu entender, xusto o grande problema en Galiza é que, a pesar dos palpábeis adiantos nos últimos anos, o camiño andado aínda non cubriu o tramo do “imprescindíbel”.

A proxección diglósica

O recoñecemento alcanzado fóra do país sen dúbidas contribúe para prestixiar internamente a nosa cultura, mais iso non supón de seu que se vaia ler máis nin que haxa un interese súpeto e masivo pola literatura galega / en galego en Galiza. Malia existir reciprocidade na saída exterior e a difusión interna, penso que non é total, moito menos nun contexto diglósico como o noso.

Podemos pór como exemplo a Manuel Rivas, o autor en galego máis recoñecido tamén fóra de Galiza, como se sinalaba liñas atrás, e que oxalá o sexa moito máis, polo seu ben e polo noso ben colectivo. O compromiso persoal de Rivas coa lingua galega e con moitas outras causas sociais xustas é incuestionábel. Podo dicir desde aquí, como activista da normalización lingüística, que é das persoas que sempre están cando se necesitan, mesmo nos momentos máis crus, nos que se padecen os ataques máis feroces e implacábeis.

Porén, Rivas encóntrase cunha situación pouco alentadora na difusión das súas obras en Galiza. Escribe a súa creación en galego e preocúpase de que na información editorial das traducións figure o título orixinal, o cal vén a ser unha denominación de orixe suplementaria. Porén, os datos sobre vendas sinalan que os seus libros no territorio galego son máis demandados na versión traducida para o español que na xenuína. (Isto é así cando menos no momento da saída ao mercado, que son os datos públicos que puiden cotexar, aínda que con limitacións; talvez a posterior demanda como recomendacións escolares equilibre as vendas no interior, mais descoñezo se existen datos ou estudos ao respecto.)

Cando falamos de como as obras en castelán copan o mercado bibliográfico en Galiza temos que ter presente que tamén entran neste cómputo, e ás veces mesmo encabezando as listaxes de vendas, traducións de libros pertencentes ao sistema literario galego. Este é un problema que ten difícil solución alén da sensibilización do público lector, mais que amosa que pór o acento na proxección exterior sen colocar antes fortes alicerces no propio espazo social de Galiza pode ser mesmo contraproducente. Estas exitosas traducións reforzan a consideración da cultura galega como unha cultura híbrida, unha curiosidade ou excepción da “verdadeira cultura”: a vehiculizada en español.

De Galiza para o mundo

A andaina “imprescindíbel” está por percorrer e debe camiñarse, si, mais aquí ninguén que teña sensibilidade pola cultura galega nega tampouco a necesidade de compartir co mundo as nosas creacións. Só persoas con verdadeira galegofobia, como o deputado do PP Ignacio López Chaves, atacan tal posibilidade.

A Consellaría de Cultura presentou para a divulgación alén das nosas fronteiras diversos proxectos (o último, a marca “The Galician Way”), que se veñen sumar á participación en varias feiras internacionais que lle recoñecen a Galiza un nome no mundo. Porén, o comprometido Instituto Rosalía de Castro ou Instituto Daniel Castelao, que hipoteticamente dependería sobre todo da Secretaría Xeral de Política Lingüística e que figuraba tamén no programa electoral do PSOE, non ten nin tan sequera a primeira pedra simbólica posta.

Política Lingüística, que polas competencias atribuídas ten moito para dicir tanto na proxección exterior como na interior, continúa a abrir lectorados de galego polo mundo adiante sen ter un proxecto definido do que facer con eles e a pesar de que os actuais están infrautilizados. A carencia de estratexia amósase, por exemplo, cando reciben o mesmo diñeiro para actividades lugares como Murcia, Berlín e Lisboa, en todos os casos cunha capacidade de incidencia escasa tanto a nivel académico como social, malia o esforzado voluntarismo da maioría do profesorado lector. Non faría máis sentido pararse a pensar que é o que se procura antes de despregar as fitas das inauguracións de novos centros de estudos galegos alén das nosas fronteiras?

Hai unha anécdota verídica, de hai un par de anos, que non podo deixar de relatar. Un grupo de rapaces cataláns e de rapazas catalás que aprenderon galego como idioma optativo no seu instituto viñeron de excursión a Galiza para coñecela. A idea era poder practicar a lingua no seu hábitat natural, mais ao chegaren ao campamento, acarón dunha vila grande, encontráronse con desconsolo que a xente da súa idade non se dirixía a eles senón en español e que o galego tiña máis ben pouca presenza pública. Xa aprenderan o que é a diglosia, mais iso non lles impediu vivir unha dolorosa frustración. Persoalmente, sei de amigos non galegos que estudaron o noso idioma que se encontran con esa situación cada vez que nos visitan. Que a cultura galega, e dentro dela a lingua, poida existir con normalidade no país é o mellor contributo para a promoción cara a fóra.

Na casa do ferreiro...

Como lembrou Arturo Casas, a proxección interior e exterior teñen que facer parte dunha mesma estratexia, global, que nestes momentos eu non vexo que exista para o noso país. Con certeza, institucións referenciais como o Institut Ramon Llull para o catalán enmárcanse nun proxecto conxunto que ten como piares a revitalización e incorporación da súa lingua aos diferentes ámbitos. Xa que comeza unha nova lexislatura, fagamos votos (nunca mellor dito) para que a situación mude.

29 de dez. de 2008

O mercado dos libros en lingua galega

A reflexión desta semana, "Precariedade e utopía", entra dentro do debate sobre a situación do mercado bibliográfico en galego.

Outras ligazóns vinculadas:
Podes consultar ademais os estudos con información sobre a situación do sector elaborados pola Federación de Gremios de Editores de España.

15 de dez. de 2008

O Consello de Europa e o ensino en galego

O meu artigo desta semana en Galicia Hoxe vai sobre o que di o título.

Porén, sobre o mesmo tema, recoméndovos moito máis a leitura e divulgación da "Carta bastante aberta ao constitucionalista Roberto Blanco Valdés", de Arturo Casas, semiólogo e profesor titular de Teoría literaria na USC.