30 de dez. de 2011

16 anos atrás


Estivemos estes días co traslado do local nacional da Mesa, que desde a semana vindeira muda para a Avenida de Lugo, 2A - entresollado, en Santiago de Compostela (a carón da estación do tren). Ao ter que remexer en moitos papeis, encontrei con esta contraportada de El Correo de las Rías, un suplemento que hai tempo editaba El Correo Gallego.

Alí fálase, como podedes ver, de moitos proxectos en favor do noso idioma desde A Mesa pola Normalización Lingüística na localidade de Ribeira: contra a prohibición do seu uso normal no Colexio de Palmeira que realizara a Xunta de Fraga Iribarne, con actividades para galeguizar as festas do Nadal, de apoio ao comercio en galego, ás autoescolas, de reivindicación perante a desidia das administracións, etc.

Na imaxe, ademais doutras compañeiras e compañeiros da Mesa de Ribeira, está tamén, colaborando como un socio máis, o falecido cura de Aguiño, Paco Lorenzo, que para alén de ser pioneiro no uso do noso idioma na liturxia sempre apoiou os proxectos que se crearon en defensa do país, en favor das maiorías sociais, das máis desfavorecidas e dos máis desfavorecidos.

Continuamos!

29 de dez. de 2011

Entrevista para a revista Argia




Esta conversa coa revista Argia, monolingüe en euskara, ten máis dun ano, mais déixoa aquí porque penso que pode ser igualmente de interese para as persoas que saibades vasco e queirades coñecer un pouco máis do que está a acontecer coa lingua de Galiza.

A ligazón á versión electrónica é esta.

28 de dez. de 2011

Fomos burlados pola teoría do amodiño

Agustín Fernández Paz sintetiza nesta frase unha das principais escusas para non garantir nunca adiantos consolidados para o idioma galego. Nestes lustros de teórico recoñecemento da nosa lingua dixéronnos que tivésemos paciencia, que todo se andaría, que había que ir moi aos poucos... Xa vimos en que resultou todo iso.

Se pensades que o Agustín non ten razón, por favor comparade esta denuncia da Mesa pola Normalización Lingüística, de hai xusto un mes, con esta carta que me remitiron desde a Axencia Tributaria hai máis de tres anos:



Axiña estaría, axiña estaría. O mesmo nos dixeran en cartas de anos anteriores. Mais a verdade é que nunca está.

Non queremos máis inxustizas!

Queremos vivir en galego!

27 de dez. de 2011

En castellano no hay problema, no Hitza

Hitza é un xornal dixital e un periódico en papel en euskara que reúne sobre todo información de proximidade local ou comarcal.

Na edición previa á presentación en Pasaia do libro En castellano no hay problema tiveron a amabilidade de se faceren eco coa seguinte noticia:


Eskerrik asko!

26 de dez. de 2011

E, sobre todo, ti non es galega, ti non es galego!

Esta sería a principal conclusión a que chegaría unha cativiña ou un cativiño que vise que as "mulleres galegas" e os "homes galegos" teñen que vestir así:




Estas fichas distribuíronse a todos os centros de ensino de Galiza con motivo do Día das Letras de 2007.

Que opinades?

25 de dez. de 2011

A lingua, a soberanía, o bo goberno e o Nadal...

- "O noso estraño Nadal", interesante noticia sobre o apetecíbel libro de Antonio Reigosa.

- "A nova xerente do IGAPE acumula xuízos pendentes por despedimentos improcedentes, acoso e represión sincical", denuncia a CIG. Despois do nomeamento do ministro de Economía e doutros escándalos anteriores na Xunta de Núñez Feijóo por motivos semellantes, haberá que preguntarse se a escolleron a pesar diso ou xusto por iso.

- "Hábleme como Dios manda", é unha das respostas que che poden ofrecer en Orange en 2011 se lles realizas unha consulta usando o galego. Boicote!

- "Deostada soberanía", aconsellábel artigo de Francisco Rodríguez.

24 de dez. de 2011

A noite da boa cea

Déixovos aquí estoutro artigo tan interesante que publicou Xavier Castro en 2009 en Galicia Hoxe e aproveito para vos desexar unhas festas o máis levadeiras posíbeis:

23 de dez. de 2011

Picaresca nos convites

O Nadal é unha época propicia para varias comedelas e festexos. Penso que por iso é proveitoso rescatarmos este simpático artigo que publicou Xavier Castro en Galicia Hoxe xa hai algún tempiño:

22 de dez. de 2011

E que lle vas pedir ao Pandingueiro?

Pénsao botándolle un ollo ao catálogo de Nadal de Abertos ao Galego!

Entre o consumo responsábel para estas festas, non esquezamos o consumo responsábel co noso idioma.

Aproveito para desexarvos unhas moi boas festas e o mellor para o 2012!

21 de dez. de 2011

Vento nas velas para o De Luns a Venres!

O diario gratuíto De Luns a Venres está de aniversario. Estas cousas sempre son motivo de festa, mais neste caso aínda o é máis, xa que nos últimos meses tivemos que asistir ao enterro de tantos proxectos comunicativos no noso idioma.

Con ese motivo, publiquei no xornal o artigo que se ve na imaxe. Se quixerdes botarlle un ollo a todo o número, podedes descargalo aquí.

Vento para as súas velas, que son tamén as nosas!

20 de dez. de 2011

Redelibros 2011 como obra non literaria en galego para Como defenderes os teus dereitos lingüísticos. Obrigado!


A rede social galega do libro, Redelibros, organizou un inquérito entre os seus membros para distinguir diferentes eventos relacionados co mundo editorial en Galiza ao longo deste ano que está para finalizar.

Agradezo moito que tivesen o agarimo de colocaren como finalistas na sección de "Obra non literaria en galego de 2011" os dous títulos que saquei este ano: Amigos e sodomitas e Como defenderes os teus dereitos lingüísticos. Fico tamén moi obrigado (por min e pola causa normalizadora en que se inscribe) por lle concederen a distinción final a esta última obra.

Oxalá este apoio axude á difusión dos consellos e propostas que nesas páxinas se conteñen. O importante é que se todas e todos nos implicamos máis decididamente no noso día a día na defensa do noso poderemos deixar atrás os tempos escuros que estamos a padecer. Como defenderes os teus dereitos lingüísticos é, sobre todo, un manual práctico con propostas concretas e realizábeis para todas as persoas que queiran sementar o noso idioma, que queiran ir prendendo luces fronte á desesperanza de tanta caza de bruxas contra a nosa milenaria lingua. Fagámonos sementadoras e sementadores, como exclamaba Ramón Vilar Ponte!

A respecto da distinción, imaxinade a honra que é para min compartir podio cos nomes sinalados polos redelibreiros e polas redelibreiras! Parabéns para todos eles: Agustín Fernández Paz, Kiko da Silva, Armando Requeixo, Fernando Cimadevila, Tuula Ahola Rissanen e Iván Valladares. Parabéns tamén para os recoñecidos proxectos Urco Editora, Meubook, Culturgal e á marabillosa xente que habita a libraría Cartabón. E os mesmos calorosos parabéns para todas e todos os finalistas!

Proia a quen lle proer, esta cultura está moi viva!

A cantiga do Valedor



Miren señores que historia
que non lles é ningún xogo
aconteceu na Galiza
coa lingua deste pobo.

Pois que un ilustre doutor
de galega namorado,
por culpa do noso idioma
anda todo cabreado.

A causa do seu cabreo
segundo temos noticia
é por chamar ao galego
“lingua propia de Galiza”

Ao ler esta frase dixo:
“No puedo pasar por esto.
Voy a junto el Valedor,
Para que retire el texto”.

Cando se enteirou Benigno,
quixo ser el o primeiro
en arranxar o problema
e chamou ao Conselleiro

Cunha recomendación
e unha poliña de acivro:
“Mira Xesús, por Nadal,
hai que retirar o libro”.

Non sexa que os nosos nenos
até na Constitución
atopen claves que berren
que Galiza é unha nación”.

E xa andan coa instrución
como foi na Ditadura,
para aillaren o libro
volve o tempo da censura.

Para cuestionar o texto
fai falta serche ben bruto
pois só reproduce o artigo
5.1 do Estatuto.

Temos que estar preparados
para que a loita non mingüe
fronte ao PP, ao Valedor
e á de Galicia Bilingüe.

Valedor e Conselleiro,
escoiten este recado:
Nós temos o noso idioma,
nós non somos renegados.

E xa para rematar,
berramos pese a quen pese
Do Valedor quen nos vale?
Exiximos o seu cese!

Aí vos vai a despedida.
Ten que ser nesta ocasión:
Valedor e Conselleiro
exiximos demisión!

18 de dez. de 2011

Ergámonos! Pois queren liquidala se a nosa loita mingua!

Cantísimo nos animou onte a xente de Zurrumalla cos seus cantos ao final do acto!

Ergámonos!



Así que xa sabemos: este disco é un moi bo agasallo para este Nadal!

Ergámonos, ergámonos,
que temos que ir loitar
para que a nosa lingua
non se deixe de falar.

Movámonos, movámonos
pois o momento é.
Para que a nosa lingua
siga viva, sempre en pé!

Foi a lingua
que usou a nosa xente
ao longo da historia
antiga e máis recente.

Mais agora,
e nestes tempo novos
hai quen quere matala...
A lingua deste pobo!

Defendela
é para nós un reto.
Pretenden machacala
a golpe de decreto.

Malos tempos
son para a nosa lingua
pois queren liquidala
se a nosa loita mingua.

Son malos tempos
para o idioma
e non debemos
tomarnos isto a broma.

Hai que estar cego
para non velo.
Non hai desculpa!
Temos que defendelo!

Ergámonos, ergámonos...

Disimulan
Cambiando “si” por “yes”.
Pretenden que agora
Falemos inglés.

E por riba
colócannos un gol
dicindo que en perigo
está o español.

Non te enganen
faltándoche ao respecto
se che din que o galego
é lingua de paletos.

Dálles brasa
dicíndolle a esa xente
que o idioma galego
é para intelixentes.

Son malos tempos...

Ergámonos, ergámonos...

Berra alto,
dilles con claridade
que o idioma galego
é a nosa identidade.

Non te cortes,
o idioma é noso
e de que siga vivo
estamos orgullosos.

E presumen
de que son xente “noble”
para dicir carballo
oiraslles dicir “roble”.

Lume neles!
e veloz coma un raio
Ti podes contestarlles
mandándoos ao “Carballo”.

Son malos tempos...

17 de dez. de 2011

"O castelán é a lingua oficial de España"

Na páxina 57, o libro de texto de Coñecemento do Medio que queren censurar o Valedor do Pobo e o Conselleiro de Educación reproduce o artigo 5.1 do Estatuto de Autonomía. En fin, xa sabedes, que recoñece que o galego é a lingua propia de Galiza.

O españolismo botou as mans á cabeza ao ver que o manual reproducía unha idea que quererían que non fose realidade. O argumento que utilizaron é que o libro debería censurarse porque non se dicía que o español era oficial.

Mais, claro, se imos consultar a anterior páxina dese mesmo libro de texto, a 56, encontrámonos con que, no mesmo ángulo superior dereito se di "A Constitución establece que o castelán é a lingua oficial de España". Aquí o podedes ver:

Que escusa teñen entón para pretender censurar que este libro reproduza o artigo 5.1 do Estatuto?

Mobilicémonos para deter esta caza de bruxas contra a existencia e o recoñecemento da nosa cultura!

Hoxe, ás 17 h temos unha cita na praza do Toural!

Porque o galego é a lingua propia de Galiza!

16 de dez. de 2011

A lingua propia de Galiza é o malaio

Este sábado 17 ás 17 h a praza do Toural acollerá un grupo de persoas provenientes de diferentes lugares de Galiza para exclamar que a lingua propia de Galiza é o galego. Xa sei que soa moi radical iso de dicir que o galego é a lingua propia de Galiza, cando todo o mundo sabe que a lingua propia de Galiza é o malaio ou o alemán ou o quimbundo, como brincaba alguén.

Mobilizarémonos para defender o evidente e para reclamar que se deteña a caza de bruxas contra a nosa cultura. Non é de recibo que o Valedor do Pobo pida a censura dun libro de texto por reproducir o artigo 5.1 do Estatuto de Autonomía e moito menos é presentábel que a Xunta execute o acto censorial.

Sobre o tema publicáronse moitas cousas ao longo destes días. Dous días antes de que se fixese eco desta situación a TVG xa o tema saíra en diferentes medios de todo o Estado español. Ficaba tan ás claras a súa censura que finalmente recolleron dous dos actos de Queremos Galego:







Da concentración de onte tamén fixo o seguinte vídeo Terra e Tempo TV:

Concentración de Queremos Galego exixindo o cesamento do Valedor do Pobo de Terra e Tempo Tv en Vimeo.



Hai varios artigos que están a saír sobre o tema da censura deste manual escolar. Deles, hai tres que quero recomendar de forma especial. Pídovos que atendades moito as palabras de Manuel Rodríguez Alonso, pois fan referencia a un dos efectos inmediatos desta caza de bruxas que non debemos pasar por alto:
Continuamos! Temos lingua propia!

De Seixalbo ao Carballiño


Este serán ás 20.30 h na Cervexaría Eira de Flores do Carballiño presentarase o libro Como defenderes os teus dereitos lingüísticos. Botando un ollo á realidade dos últimos días constátase a necesidade de que apliquemos consellos como os que se indican nese volume, de xeito que, tal e como diría Ramón Vilar Ponte, todas e todos no noso día a día sexamos "sementadores" do idioma de Galiza.

Aproveito a ocasión para pendurar no blogue dúas imaxes que aínda non subira, pertencentes a outra presentación, a que fixera en Seixalbo (Ourense) do libro En castellano no hay problema, o pasado 14 de maio. O evento estaba organizado polos Irmandiños de Seixalbo. Foi unha mágoa que eu non puidese ficar para o resto das actividades que tiñan para ese día, mais sen dúbidas que outro ano voltarei para gozar da atractiva Noite Irmandiña.

Continuamos!

15 de dez. de 2011

Dío ben alto: A LINGUA PROPIA DE GALIZA É O GALEGO!


Hoxe concentrámonos diante da sede do Valedor do Pobo, entregamos un escrito no seu rexistro exixindo a súa dimisión e, despois, outro dirixido aos grupos do Parlamento galego para que o cesen.

Esta mobilización terá continuidade nunha concentración que se desenvolverá o vindeiro sábado ás 17 h na praza do Toural de Santiago de Compostela. Alí exclamaremos alto e forte unha evidencia que queren censurar nesta caza de bruxas contra a nosa cultura: a lingua propia de Galiza é o galego.

Ademais, lembra que desde a plataforma Queremos Galego e desde A Mesa se fai tamén un chamamento para que todas e todos reclamemos o cesamento do Valedor do Pobo e do conselleiro de Educación, para iso:

a) Envía un correo electrónico á presidenta do Parlamento (pilar.rojo.noguera@parlamentodegalicia.com) para que os grupos políticos cesen o Valedor. Ligazón ao texto do correo.

b) Envía un correo electrónico ao presidente da Xunta (secretaria.presidente@xunta.es) para que cese o conselleiro de Educación. Ligazón ao texto do correo.

Continuamos!

14 de dez. de 2011

O Correlingua e os equipos de normalización "adoctrinan a los jóvenes para que sean futuros terroristas"



Sen a máis mínima vergoña, sen a máis mínima ética, a caza de bruxas continúa.

Mobilicémonos contra a criminalización da nosa cultura!

Mobilicémonos en defensa do galego!

As próximas citas son mañá ás 11.30 h diante da sede do Valedor (rúa doHórreo, en Compostela) e o sábado ás 17 h na praza do Toural (tamén en Santiago).

13 de dez. de 2011

E a TVG tampouco estivo

A última vez que participei nunha reunión en Madrid co Consello de Europa non asistiu ningún xornalista da TVG, a pesar de que se lles enviara a convocatoria. Unha hora ou dúas máis tarde, as persoas que participamos naquela xuntanza pasamos diante do mesmo predio e alí nos encontramos un xornalista e un cámara da TVG. Agardaban a que saísen o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, e o conselleiro de Educación, Jesús Vázquez Abad, para lles solicitaren declaracións. Protestamos enerxicamente e, ao final, unha migalliña da nosa opinión saíu no informativo; só unha migalliña onde non ficaba claro nin tan sequera a mensaxe que trasladáramos ao Consello, mais cando menos viuse a nosa existencia.

Onte, como presidente da Mesa, dei unha conferencia de imprensa onde falei de que desde o Consello de Europa convocaban a entidade a unha nova reunión, para abordar cuestións lingüísticas e culturais porén desde a perspectiva doutro tratado internacional. Tamén comentei temas de actualidade como as últimas barbaridades do Valedor do Pobo. Nin a Radio Galega nin a TVG se presentaron.

Hoxe, a TVG tiña oportunidade de tomarme declaracións en calquera momento do día sobre a xuntanza mantida en Madrid con representantes do Consello de Europa. Nin apareceron nin chamaron.

Non nos confundamos. As e os xornalistas, con certeza, non son responsábeis desta situación. A responsabilidade está nos comisarios políticos que, con este tipo de actuacións, devalúan os nosos queridos medios públicos e pretenden silenciar a pluralidade existente en Galiza.

Queremos a Radio Galega, queremos a TVG, queremos pluralidade, queremos galego!

12 de dez. de 2011

La lengua propia de Galicia es el gallego en el sentido peyorativo de la palabra


Talvez se o libro de texto de primaria que reproduce o artigo 5.1 do Estatuto de Autonomía dixese algo como o que poño no título non habería críticas por parte do grupo que con tal histrionismo o denunciou. O máis grave, porén, non é que os extremistas e galegófobos de UPyD continúen coa caza de bruxas contra a nosa cultura; o máis grave é que a institución do Valedor do Pobo lle dea cobertura e chegue a pedir a retirada dun manual escolar que, dentro das características distintivas de Galiza, recorda que... temos lingua de noso!

A plataforma Queremos Galego, que coordina e impulsa A Mesa, convocou un primeiro acto de repulsa para esta quinta feira (xoves) 15 de decembro ás 11.30 h diante da sede do Valedor (na rúa do Hórreo, en Santiago). Ao finalizar a concentración entregarase un escrito exixindo a dimisión de Benigno López.

Axiña anunciaremos tamén novas actividades!

Queremos galego!

11 de dez. de 2011

Presentación no Carballiño de Como defenderes os teus dereitos lingüísticos


Esta sexta feira, 16 de decembro, Eladino Cabanelas, eu e todas as persoas que vos quixerdes e puiderdes achegar, conversaremos no Carballiño sobre o que podemos facer cada un/ha de nós no noso día a día para gañarmos unha situación mellor para o noso idioma.

A cita é ás 20.30 h na cervexaría Eira de Flores. Máis información neste evento do facebook.

Adiante!

9 de dez. de 2011

El País faise eco das xornadas sobre homosexualidade e literatura galega


A edición galega de El País de hoxe recolle unha completa reportaxe de Montse Dopico sobre a homosexualidade na literatura galega, partindo dos contidos que se trataron nas xornadas de Ourense. Podedes lela aquí.

Por se tamén tiverdes interese, o especial da Revista das Letras de que se fala na reportaxe podédelo consultar nestoutra ligazón (en pdf).

8 de dez. de 2011

Dona de ti e señora de falar

É xa hora de que señas toda patria dos teus
dos que gardaron a fala en que máis se dixo adeus
e señas dona de ti e señora de falar
señora de decidir e dona de se negar.

(Uxío Novoneyra, 1970)

6 de dez. de 2011

Hoxe fanse 80 anos da creación do Partido Galeguista


O 6 de decembro de 1931 concluía a VII Asemblea Nacionalista, convocada polas Irmandades da Fala, coa creación do primeira grande formación partidaria nacionalista do noso país: o Partido Galeguista. O nome da organización, por certo, débese a Valentín Paz Andrade, a quen dedicaremos o Día das Letras en 2012.

Esta efeméride é un exemplo de unidade e de traballo ante as adversidades que podemos ter moi en conta para o presente.

5 de dez. de 2011

Cancións en galego na televisión serbia!

A moza Đurđa Pokrajak participou nun concurso da televisión serbia cantando os temas "Negra sombra" e "Lela", cuxas letras son, como se sabe, de Rosalía de Castro e Daniel Castelao.

Ademais da emoción que se sente ao ouvila, un pregúntase como é posíbel que sexa máis "doado" escoitar cancións en galego na televisión Serbia do que en Tele 5, Antena 3, La Sexta... ou mesmo TVE.

A partir do minuto 4:


O jeito é dar uma fugidinha com você

2 de dez. de 2011

Fermín Bouza Brey, a lírica medieval, a sexualidade na Antigüidade e, como colofón, un recital

Esta tarde fecharemos as xornadas sobre homosexualidade na cultura e, en especial, na literatura galega. Como cada un dos outros días, os relatorios desenvolveranse a partir das 18 h no IES Blanco Amor. Porén, o recital, ás 21 h, será no Liceo.

A primeira sesión, sobre Fermín Bouza Brey, correrá a cargo do escritor Antón Lopo. Despois, a profesora da Universidade de Santiago Isabel Morán falaranos sobre a homosexualidade nas sátiras medievais galego-portuguesas. Finalizará a parte de intervencións académicas Susana Reboreda, da Universidade de Vigo, comentando a sexualidade na época clásica.

O recital da noite acollerá sobre todo novas propostas creativas. Haberá sorpresas, así que vos recomendo vivamente a asistencia!

A actividade destes días tivo unha pequena acollida onte no programa Zigzag Diario da TVG, como podedes ver no seguinte vídeo, entre o minuto 8.24 e o 9.03


1 de dez. de 2011

No aniversario da morte de Blanco Amor


Hoxe é o Día Mundial contra a Sida e tamén a data en que se conmemora o falecemento de Eduardo Blanco Amor, o centro do (proto?)canon homosexual galego. Non é por casualidade que as xornadas que estamos a realizar en Ourense sexan nesta semana.

Ás 18 h continuarán as actividades, xustamente no IES Blanco Amor. Principiará Luís González Tosar comentándonos a Ars Amandi do autor d'A Esmorga. Continuará Celia Pereira Porto achegándonos a un tema que está moi de actualidade: a homosexualidade nas leis. Por último, ás 20 h Gonzalo Hermo traeranos unha focaxe global so o nome "Semiose homo, escrita queer. Consideracións sobre o estudo da cultura LGBT do punto de vista da teoría literaria.

Vémonos alí!

30 de nov. de 2011

Rosalía de Castro, Antón Lopo e a prosa medieval


Onte as xornadas sobre homosexualidade e literatura galega tiveron un comezo de luxo coa intervención de Teresa Moure, que abofé que estará carburando nas nosas cabezas ao longo destes días. Despois, o historiador Uxío Diéguez comentounos as viravoltas vitais de Álvaro de las Casas e os escándalos sexuais en que se viu envolto.

As xornadas comezarán hoxe ás 18 h con outra intervención de primeirísimo nivel. Francisco Rodríguez falaranos sobre a androxinia como cobertura da homosexualidade na obra de Rosalía de Castro. O autor do principal estudo sobre a obra rosaliana achegaranos chaves analíticas e interpretativas de grande relevo.

A continuación, Paulo Filgueiras falaranos sobre o recomendabilísimo romance Ganga, de Antón Lopo, co atractivo título "Ganga ou da importancia de ser un marica con problemas". O investigador confrontará esta obra con outras producións narrativas da literatura galega recente.

Tócame a min fechar as xornadas por hoxe e fareino comentando as amizades intensas e o amor entre homes na prosa galega medieval, na liña de dous dos capítulos do libro Amigos e sodomitas.

Por se vos interesar, a entrevista que onte emitiu o Diario Cultural da Radio Galega sobre estas xornadas podedes ouvila no seu facebook.

29 de nov. de 2011

Literatura galega, literatura queer

Hoxe comezan no IES Blanco Amor de Ourense as xornadas sobre homosexualidade na cultura, que se centrarán sobre todo no feito literario no noso país. Así, o evento abrirao un relatorio dunha das nosas mellores escritoras e ensaístas, Teresa Moure. O título da súa intervención podería ser, abofé, un bo nome para todas as xornadas: "Literatura galega, literatura queer".

A seguinte intervención será do historiador Uxío Breogán Diéguez, que nos falará do escritor e político Álvaro de las Casas, coas lendas negras que o acompañaron. A respecto da cuestión homosexual, é de grandísimo interese un pedazo do seu libro Xornadas de Bastián Albor, de 1931, que incluín no seu día nesta antoloxía que vai "Da sátira ao orgullo".

Por se vos interesar, hoxe o Diario Cultural da Radio Galega emitirá unha entrevista sobre os actos de Ourense, que tamén terán eco mañá no magazine matutino de Radiofusión.

[Ilustración do artista brasileiro Francisco Hurtz.]

28 de nov. de 2011

Hoxe ás 23 h canta miña irmá na Borriquita de Belém


Ben, na realidade non canta ela soa, mais como hai tempo que non é posíbel escoitala en directo por Galiza e me vai no sangue, pois teño de anunciala en primeiro lugar.

Hoxe ás 23 h a Borriquita de Belém de Santiago de Compostela organiza unha JAM Brasileira con Sérgio Tannus Trio (tamén con Serginho Sales e Paulo Silva), que terán a colaboración tamén de Uxía, Carlos Blanco, Aline Frazão, Mónica de Nut, María do Mar Callón e aínda máis.

27 de nov. de 2011

Reportaxe en México sobre Amigos e sodomitas

A revista mexicana M Semanal, pertencente ao grupo Milenio de comunicación, colocou como unha das súas informacións de portada desta semana unha reportaxe sobre o libro Amigos e sodomitas, cuxa tradución ao español sairá en 2012.

Agradezo os recoñecementos que lle chegan a este libro, non só pola satisfacción persoal ante o traballo realizado, senón tamén porque todo o que ten esta obriña de novidoso ou particular se debe ao noso inmenso tesouro cultural medieval.

Obrigado!

Bem me posso queixar da Pátria a pouca fartura

26 de nov. de 2011

25 de nov. de 2011

A homosexualidade e a literatura galega: a debate a semana vindeira en Ourense

A Fundación Vicente Risco acolle para a semana próxima unhas xornadas sobre homosexualidade e cultura (de xeito especial, sobre a literatura galega), ás que aínda estades a tempo de vos matricular a través desta ligazón.

No programa que está pendurado hai algúns erros de horario, polo que vos achego a información correcta:

Terza feira, 29 de novembro
18.00 - Acreditacións.
18.30 - Presentación do curso.
19.00 - "Literatura galega, literatura queer", Teresa Moure.
20.00 - "Álvaro de las Casas ou dun (aparentemente) desconexo percorrido biográfico. Contributos, renuncias e escándalos (1901-1950)", Uxío Breogán Diéguez Cequiel.

Cuarta feira, 30 de novembro
18.00 - "A androxinia como cobertura da homosexualidade. O caso de Rosalía de Castro", Francisco Rodríguez.
19.000 - "Semiose homo, escrita queer. Consideracións sobre o estudo da cultura LGBT do punto de vista da teoría literaria", Gonzalo Hermo.
20.00 - "Como home que leva o seu amigo: Amizades intensas e amor entre homes na prosa galega medieval", Carlos Callón.

Quinta feira, 1 de decembro
18.00 - "A Ars Amandi de Eduardo Blanco Amor", Luís González Tosar.
19.00 - "A homosexualidade nas leis: aproximación histórica e dereito comparado", Celia Pereira Porto.
20.00 - "Ganga ou da importancia de ser un marica con problemas", Paulo Filgueiras Fachal.

Sexta feira, 2 de decembro
18.00 - "Fermín Bouza Brey", Antón Lopo.
19.00 - "A homosexualidade nas sátiras medievais galego-portuguesas", María Isabel Morán Cabanas.
20.00 - "A sexualidade na época clásica", Susana Reboreda.
21.00 - Recital poético.

24 de nov. de 2011

O Cartafol da USC faise eco de Como defenderes os teus dereitos lingüísticos


Isabel Vaquero, técnica do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela, escribiu unha reseña de Como defenderes os teus dereitos lingüísticos para o boletín electrónico oficial deste servizo, O Cartafol. Moi obrigado!

Como defenderes os teus dereitos lingüísticos

«Cada decisión que tomamos no presente modifica os futuros posibles». Tal paráfrase de Einstein podería ser o leit-motiv que levou a Carlos Callón, presidente d'A Mesa pola Normalización Lingüística, a escribir este manual da auto-axuda, Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, editado por Xerais.

Malia que a situación da lingua galega amosa síntomas preocupantes, pois leva séculos sufrindo perda de falantes, que se acelerou nas últimas décadas, e non goza de protección xurídica e institucional abonda, na opinión de Callón existe un aspecto positivo que convén ter moi en conta: «nunca antes existiu unha comunidade lingüística galega tan dinámica e con tal grao de consciencia dos seus dereitos». É a esta minoría social, preocupada e concienciada, á que se dirixe o autor fundamentalmente: ás persoas que teñan suficiente motivación como para exerceren os seus dereitos lingüísticos.

Escriturar un ben, facer testamento, escolarizar as fillas, poñer nome, consumir produtos, solicitar facturas, acudir ao médico, cubrir un formulario electrónico dunha administración, traballar, utilizar un servizo municipal... A cotío vivimos infinidade de situacións en que o galego semella non existir; e deixará de existir, en efecto, se nós, as persoas concienciadas e comprometidas co noso idioma non o reivindicamos. «O non xa o temos, mais o si aínda podemos conquistalo. Pidamos o galego alí onde non nolo ofrezan. Procuremos sempre a empatía da persoa que nos atenda, mais nunca deixemos pasar calquera xestión da nosa vida sen o dicirmos: Por favor, podería ser en galego? Sorprenderémonos. (...) Non ocultemos que queremos vivir en galego.»

Como sostén Callón, a falta do galego en moitas situacións habituais non se debe tanto ao rexeitamento como á inercia e á ignorancia, tanto dos nosos interlocutores como, en moitas ocasións, propia nosa. Este manual pretende alumar o camiño da acción individual, tan necesaria para a vixencia do idioma propio de Galicia. Por unha banda, ofrece argumentos e datos en que apoiar as nosas demandas; por outra, aconsella técnicas para facelo con asertividade, é dicir, sen empregar unha conduta aversiva para os demais, e obtendo, polo tanto, un autorreforzo. Son variadas as anécdotas, tanto propias do autor como doutras persoas, que ilustran esta liña de actuación e que serven, ademais, para que o libriño, xa de por si didáctico, deveña entretido e, mesmo, divertido.

Cada logro e avance do galego houbo que pelexalo a pulso. E nesas seguimos. Velaquí, logo, unha axudiña... para o pulso.

23 de nov. de 2011

O galego, 36ª lingua en twitter; o portugués, a 2ª


Publicouse un mapamundi cos datos das linguas en que tuitea a xente. A información que se proporciona é valiosa, aínda que non sexa totalmente fiábel, senón só tendencial (non inclúe todos os tuiteos, senón só os xeolocalizados).

Para o noso caso hai tres conclusións de grande relevo:

1) O portugués é a segunda lingua en que máis se tuitea do mundo, tal e como apuntaran xa diversas pesquisas. A primeira con diferenza, como se podería agardar, é o inglés.

2) O galego figura como a 36ª lingua nesta listaxe, xusto detrás do chinés de Taiwán e diante do suahili, o hebreo, o croata e o búlgaro. Lamentabelmente, no mapa é imposíbel de diferenciar, xa que español e galego teñen case a mesma cor :S

3) En twitter, a comunidade lingüística galega é a terceira máis importante do Estado español. O catalán sobrancea moito no Principipat e ten tamén vitalidade no norte de Castelló. O éuscaro, é triste, case nin figura (de feito, está fóra desa listaxe dos 40 idiomas en que máis se tuitea no mundo).

22 de nov. de 2011

O logro positivo e a audacia necesaria

Prometo escribir unhas liñas máis polo miúdo sobre a miña visión do resultado das eleccións xerais, mais xa podo adiantar que concordo co dito polo sensatísimo editorial do Terra e Tempo sobre os resultados e os retos do nacionalismo:

O logro positivo e a audacia necesaria

Os resultados do nacionalismo galego o 20 de Novembro representan o logro dun obxectivo: manter os dous deputados do BNG no Congreso. Este obxectivo pode parecer moi pouco ambicioso, en abstracto, sen termos en consideración importantes factores que limitan a expansión electoral neste momento. O BNG ten detrás un coherente e significativo traballo desenvolvido no Congreso dos Deputados e no Senado desde 1996, e concretamente, na última lexislatura. As iniciativas e debates parlamentares fixeron do BNG a única forza política realmente interesada na defensa dos intereses do pobo galego e a máis comprometida coas maiorías sociais. Esta traxectoria é o mellor aval para defender a alternativa política nacionalista no contexto estatal. A militancia nacionalista foi consciente da importancia da presenza do BNG nas Cortes Xerais. A campaña electoral tivo dinamismo, impacto e incidencia social grazas ao esforzo da organización e dos e das militantes conscientes do que nos xogabamos neste proceso.

Certamente non se cumpriu o obxectivo de subir lixeiramente en porcentaxes de voto, agás na circunscrición de Pontevedra. Alguén pode preguntarse por que razón, nun contexto de claro retroceso do PSOE, o BNG non ten capacidade para atraer unha parte importante deste electorado. A resposta está en tres factores que lastran a potencialidade do nacionalismo neste momento. O primeiro é a carencia de cohesión interna que aparece magnificada para fóra. Esta carencia réstalle credibilidade e mesmo eficiencia na súa actuación na sociedade. Só a asunción do principio de unidade na acción, após os debates democráticos previos, pode superar esta eiva. Naturalmente nunha organización política estase para construír e defender a alternativa que representa, non para desprestixiala e destruíla. A próxima Asemblea Nacional do BNG debe restaurar a unidade interna, provocando o debate político que conduza a unha unidade operativa, onde non estea excluída a discrepancia leal, pero onde non se permitan comportamentos e actitudes deslexitimadoras das decisións democraticamente tomadas.

O segundo factor é un certo descrédito e frustración derivados dalgunhas experiencias de goberno que pesan, inxustificada ou xustificadamente, máis que os acertos. Restaurar a confianza esixe un certo tempo, empeño que guía a política do BNG.

O terceiro factor está na indefensión e fraxilidade da sociedade galega no aspecto informativo e a falta de confianza nas súas propias capacidades. En ningunha parte do Estado español como aquí se practica unha política informativa, en medios públicos e privados, tan descaradamente agresiva e manipuladora, cando non ocultadora, coa alternativa nacionalista. Non cómpre lembrar as diferenzas sociais e económicas de Galiza verbo de Euskal Herria e Catalunya, nin a distinta cobertura que as institucións dan nestes países aos seus intereses e á súa lingua e cultura nacional. O proceso de globalización está incidindo dunha maneira especialmente destrutiva da base económica do noso país e, como corolario, na conciencia social en relación ás nosas posibilidades de futuro como pobo. Certamente, unha alternativa política nacionalista como a do BNG ten que estar especialmente comprometida no combate contra este devalar, sendo capaz de orientar a sociedade nunha dirección que a leve a asumir as súas responsabilidades, opóndose construtivamente aos deseños que a anulan. Debemos valorar que contamos cun instrumento político moi útil, o único existente na sociedade galega, para lograr este obxectivo, o BNG, mais tamén recoñecer que as mudanzas negativas no país están indo máis apresa que o fortalecemento da nosa capacidade para paralizalas, sendo quen de executar políticas alternativas.

No panorama dunha evolución económica, social e política como a que estamos a vivir, o BNG está empeñado en ser vangarda na defensa de Galiza e das clases sociais maioritarias, como fixo até agora. A súa opción a prol das clases populares e contra políticas de axustes e de recortes de dereitos sociais vai emparellada coa súa proposta de mudanza institucional do Estado español, para facelo realmente democrático e representativo das nacións que o integran, entre elas Galiza, así como coa súa aposta por un modelo radicalmente diferente de Unión Europea. En ambos os dous casos, o BNG representa o esforzo pola capacidade de decidir do pobo galego no contexto antidemocrático e desigual da globalización. A presenza do BNG no Congreso dos Deputados é a única garantía de participación do pobo galego, desde a perspectiva dos seus intereses, nos debates sobre o presente e o futuro do Estado español e a Unión Europea. A maioría absoluta do Partido Popular, xa cantada triunfalmente polos medios de comunicación antes de se producir nas urnas, vai significar seguir afondando nunha política suicida para as maiorías sociais e de clara recentralización do Estado e dunha construción europea xerarquizada e desigual. O nacionalismo galego será a nivel social e institucional unha punta de lanza na oposición a esta política.

O instrumento con que contamos para participar no contexto da vida política estatal é humilde pero digno. Todos os inimigos de Galiza agardaban, con satisfacción mal disimulada, a nosa desaparición das Cortes. A nosa representación pode ser mellorada cuantitativamente se somos quen de eliminar ou mitigar algunhas das carencias devanditas. A esta tarefa están dedicados todos os homes e mulleres e correntes de opinión que no BNG, construtivamente, traballan para o pobo galego ter representación política de seu en defensa dos seus lexítimos dereitos. Vimos de revalidar esta presenza na política estatal. Non é un logro desprezábel, se temos en conta as fraxilidades descritas. Non nos vai faltar audacia para mellorar social e politicamente esta situación.

21 de nov. de 2011

En defensa do traballo e dos traballos de Preescolar na Casa


Manifestación en Lugo este 26 de novembro. O proxecto educativo Preescolar na Casa sempre se desenvolveu, nos seus 35 anos de historia, na lingua do noso país. O uso do noso idioma influíu sen dúbidas na decisión da Xunta de perseguir a súa actividade.

O goberno de Núñez Feijóo pode supor deixar na rúa a 42 traballadores e traballadoras e deixar sen atención educativa unhas 4.000 familias.

19 de nov. de 2011

As 25 noticias máis censuradas polos telexornais no ano 2011


Onte dei en pensar que en Galiza deberiamos adaptar á nosa realidade aquilo que a nivel estadounidense e internacional se fai co Project Censored. Nese programa, impulsado desde 1976 pola Universidade Sonoma State de California, elaboran un relatorio anual de 25 noticias de grande importancia que son silenciadas, reducidas ou terxiversadas.

Para o caso galego podemos centrarnos naquelas novas que padecen a mesma exclusión ou manipulación nos informativos da TVG. Seguramente sexa difícil escoller, xa o sei, mais de momento, para 2011, eu vou propondo estas catro:

  • A denuncia da CIG de que a Xunta de Galiza deixa sen atención sanitaria as persoas con menos recursos e desempregadas saíu en medios de todo o Estado... mais non nos telexornais! Ollo, non saíu nin a denuncia da CIG nin a réplica que a Xunta e o PP están a dar aos medios que os interpelan. Directamente non existe! Por que será?

  • As protestas en defensa da lingua volveron a padecer a tesoira censorial. Queremos Galego saíu á rúa, mais se vías os telexornais non sabías para que!

  • Agustín Fernández Paz trouxo para as nosas letras un prestixioso premio internacional. É un fito que se lembrará nas historias da literatura, mais non tivo nin medio segundo nos telexornais. Hai preguntas que aínda están de actualidade: Para que un libro sexa noticia nun telexornal fai falta ser do PP ou abonda con non escribilo en galego?

  • Houbo protestas no ensino neste curso? E foron maioritarias? Iso dilo porque participaches nelas, porque se lle botases un ollo á TVG pensarías o contrario.

É "comprensíbel" que non haxa espazo para estas informacións se temos en conta a que é que se dedica o espazo...

Falta pouco máis dun mes para que termine o ano. Vós que outras noticias proporíades para esta listaxe?

As principais propostas serán sometidas a votación para escollermos as 25 novas máis censuradas polos telexornais no ano 2011.

17 de nov. de 2011

Pola continuidade do SNL de Ames

Se non queres que feche o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames e llelo queres facer saber aos responsábeis da situación, podes copiar o texto a partir do seguinte parágrafo, colalo nun correo novo e envialo aos seguintes enderezos: gabinete@concellodeames.org, alfonso.rey@concellodeames.org, argibay@concellodeames.org, anxo.manuel.lorenzo.suarez@xunta.es; sxpl.secretaria@xunta.es; valentin@aestrada.com

Tamén podes copiar e pegar a mensaxe completa e enviarlla aos teus contactos, para que fagan o mesmo.

Velaquí a proposta de mensaxe:

Ante a proposta do alcalde de Ames de suprimir o Servizo de Normalización Lingüística do seu concello, quero expresar:

-O SNL do Concello de Ames vén desenvolvendo desde hai anos un labor fundamental no municipio, coa organización de importantes accións que van desde a acollida lingüística e integración da poboación inmigrante até o desenvolvemento de campañas de fomento do galego no comercio ou a hostalaría, a organización de cursos de lingua para o conxunto da poboación ou o desenvolvemento de múltiplas actividades dirixidas á poboación escolar, como obradoiros, concursos, etc., ademais de traballar pola calidade lingüística e comunicativa da institución. En definitiva, moitas e importantes accións para o imprescindíbel labor que unha administración pública debe facer para o fomento do uso e prestixio da lingua galega, labor en que o Concello de Ames veu sobranceando até agora, como demostra a concesión do Premio Lois Peña Novo, que recolleu o mesmo alcalde que agora propón o feche do SNL. Así, non é a única función deste SNL a formación lingüística do funcionariado, como sinala o Concello na súa argumentación.

-É falso que o SNL dependa de subvencións, como indica o propio Concello, xa que é un servizo estrutural inserido no organigrama, cun posto de traballo que fai parte da relación de postos de traballo municipal e, desde hai anos, con partida orzamentaria para a execución de programas normalizadores, aínda que si é certo que en 2011 (e só neste ano) a Xunta de Galiza eliminou as subvencións para o desenvolvemento deses programas, o que tamén fai responsábel a Secretaría Xeral de Política Lingüística desta grave situación.

-Esta decisión de eliminación do SNL é totalmente incoherente coa recente constitución da Rede de Dinamización Lingüística por parte da Xunta de Galiza, Rede que, en teoría, ten a función de coordinar e impulsar o labor dos SNL e na cal o Concello de Ames está inserida. Así, que sentido ten, por un lado, inserirse nunha Rede para coordinar coa Xunta e con outros concellos o traballo do SNL e, por outro lado, eliminalo? E que sentido ten crear esa Rede é, ao mesmo tempo, eliminar as axudas para o mantemento dos SNL? Por esta razón, é necesario que desde Política Lingüística da Xunta de Galiza muden os criterios desa Rede e eviten que baixo ningún concepto nin o Concello de Ames nin ningún outro elimine o seu servizo de normalización lingüística, polo que debe intervir para solucionar esta situación.

-Por todo isto, é fundamental que o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames continúe a desenvolver o seu traballo como até agora e que o goberno desbote canto antes a proposta de eliminalo.

Porque quero que mude esta situación, envíovos este correo a:

-Alcalde de Ames, Santiago Amor: gabinete@concellodeames.org

-Concelleiro de Normalización Lingüística de Ames, Alfonso Rey: alfonso.rey@concellodeames.org

-Concelleiro de Persoal de Ames, Ramón G. Argibay: argibay@concellodeames.org

-Secretario xeral de Política Lingüística da Xunta, Anxo Lorenzo Suárez: anxo.manuel.lorenzo.suarez@xunta.es; sxpl.secretaria@xunta.es

-Coordinador da Rede de Dinamización Lingüística, Valentín García Gómez: valentin@aestrada.com

Cumprimentos cordiais.