29 de dez. de 2013

Tocádevos!

Do que falan nesta canción foi unha das cousas que máis me sorprenderon as primeiras veces que estiven en Barcelona e en Lisboa: se tocabas unha persoa, aínda que fose un pouquichiño case imperceptíbel e claramente sen quereres, por exemplo no metro, había que desculparse, como se se acabase de realizar unha intromisión imperdoábel. Por cortesía, era obrigado asegurar que non había pretensión de agredir o espazo individual de ninguén...

Despois, xa me fun afacendo, xa vin que era regra habitual nas cidades polas que fun viaxando e, tamén, co tempo, comprobei que algo disto tamén se ía estendendo por estes lares.

Son estas cousas da pragmática difíciles de estudar, mais moi interesantes e que nos din moito das sociedades e das épocas. De feito, sobre algo disto falei tamén no libro Amigos e sodomitas, en concreto sobre como se tocaban os homes premodernos e como e cando se deixaron de tocar por pasar a ser a intimidade intermasculina un significante de homosexualidade.

En fin, os tempos mudaron, así que escoitemos o consello deste grupo e toquémonos todas e todos un pouquiño máis, con respecto porén sen medo.


24 de dez. de 2013

Boas festas a todas e todos, de parte do Apalpador!


A mensaxe de Nadal do Rei de España

Dese xeito que propón o Carrabouxo, eu si que a vía...

E xa que falamos da mensaxe de Nadal do Xefe de Estado, que senso fai que todas as televisións, incluídas a TVG e a TVG2, emitan o mesmo? Non é unha metáfora perfecta da democracia limitada en que vivimos, na cal en teoría temos opción de elixir, sempre e cando elixamos o eternizado statu quo?

22 de dez. de 2013

Auguiña de sete fontes (16)


19 de dez. de 2013

De Vigo a Vigo



O ano pasado, tamén no mes de decembro, fixemos un almorzo informativo para conversarmos cos medios sobre Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez. Un ano despois, a conversa puido facerse ao vivo coa xente interesada, na Escola Oficial de Idiomas da cidade.

Deixo aquí algunhas ligazóns a como saíu nalgúns medios de comunicación nunha e noutra ocasión. En calquera caso, non podo deixar de agradecer que, máis dun ano despois, o libro continúe a despertar o interese de moita xente e que, por exemplo, aínda estea no Top-100 de Amazon. Abofé que hai unha parte significativa da sociedade galega que non está disposta a se resignar! Continuamos!

18 de dez. de 2013

Curso "Homosexualidade na literatura"

Dentro da oferta de teleformación da CIG-Ensino e a AS-PG, está o curso "Homosexualidade e literatura", que elaborei e coordinarei no momento da súa realización en febreiro.

A actividade está homologada con 30 horas e penso que pode ser interesante para docentes de varias materias, xa que nela se usan exemplos da cuestión da opción sexual na literatura galega, mais tamén na española, na portuguesa, na inglesa, na francesa, na latina, etc.

Ademais, sempre é interesante tentarmos botar unha ollada limpa á historia da sexualidade, afastándonos dos habituais tópicos e adulteracións. O caso da homosexualidade é, sen dúbidas, un bo exemplo para estudarmos en xeral a sexualidade humana, sempre problemática.

Se estades afiliadas ou afiliados á AS-PG ou á CIG, o custo do curso son 10 euros; se non, 50.  O período de matrícula está aberto, mais a realización será do 4 ao 24 de febreiro. No caso de vos interesar, tedes toda a información procurando nesta páxina (na pestana número 3).

15 de dez. de 2013

Auguiña de sete fontes (15)

  •  A Galiza prácida de Anestésicos Feijóo: Sen políticos da oposición galega no Telexornal do sábado.
  • "Sexting mata?", Maralice de Souza Neves.
  • "No hay más sexualidad que la desviada": Manuel Fernández Blanco sobre o caso de Domingo Neira.
  • Vídeo do estampido de deputadas e deputados no Congreso en 2007, cando o BNG presentaba unha iniciativa para que finalizase o veto á construción naval civil en Ferrol, un tema fulcral para a economía do país. Hai pouco falouse doutra desbandada semellante, cando os deputados e as deputadas saíron a fume de carozo para apañaren os transportes que os levarían para os seus fogares. Sen dúbidas, a de 2007 é máis significativa sobre o papel do Congreso e o papel de Galiza no Estado. Tróuxoa moi ben á memoria o blogue Cousas de Imeneo.
  • O CSIC evita titular a súa revista galega en galego "para no perder prestigio". O conselleiro de Educación e Cultura, presente no acto, declinou dicir nada ao respecto. O secretario xeral de Política Lingüística, ao día seguinte, tamén amparaba o asunto e só dicía, de xeito propagandístico e disparatado, que daría diñeiro para unha edición galega da revista. Recordemos ao respecto a situación do galego no campo das pesquisas académicas e, tamén, a desatención da Xunta aos medios de comunicación no noso idioma.
  • Vídeo da recente chuva de pedras en Sicilia, vindas do Etna.
  • A imparábel ruína de Pompeia. A reformulación de orzamentos públicos e a externalización de servizos, ou como queira que chamen aló aos recortes e ás privatizacións, parece que tamén teñen o seu peso na aceleración do declive.

14 de dez. de 2013

Para lle escribirmos ao Apalpador

Despois da excelente acollida dos anos 2011 e 2012, chega tamén neste Nadal de 2013 un catálogo que serve de expositor da actividade das empresas que conforman a rede Abertos ao Galego.

Ao final do mesmo, hai unha relación completa de todas elas, unha listaxe moi útil para exercermos un consumo responsábel co noso idioma.

Que se vaia preparando o Apalpador!


12 de dez. de 2013

Dúas presentacións


Hoxe participo na presentación en Compostela do libro de narracións do Bautista Álvarez, Retallos daquela infancia. Se puiderdes e vos apetecer, vémonos ás 20.30 h.!

Xa na vindeira segunda feira (luns), toca facer paraxe na cidade de Vigo para partillar mesa coa Marta da Costa, o Ramón Anxo Martínez Seixo e o Xosé Manuel Moo. Conversaremos ás 20 h. na aula magna da Escola Oficial de Idiomas sobre Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez.  Tedes aquí o evento no Facebook, por se quixerdes máis datos ou quixerdes informar tamén outras persoas.

Continuamos, compas!

8 de dez. de 2013

Retallos daquela infancia

Ao final, brindaremos pensando xa nun mellor 2014 cun viño galego.

Como din na empresa anfitrioa: Vide, vide! ;)

4 de dez. de 2013

Deben rectificar de verdade

O Ministerio de Economía díxolle a algúns medios de comunicación, como por exemplo ao programa de Julia Otero en Onda Cero, que as persoas que entregaran un documento en galego aínda tiñan un tempo para rectificaren:



    
    
    
    
    
    
    
    

  
Más audios en Onda Cero

 
Xa vedes que para o Ministerio "rectificar" significa que esas persoas achanten e enterren / enterremos o galego como idioma de uso oficial. De calquera xeito, a vergoña sobe aínda algúns graos cando observamos que, menos de vinte e catro horas despois de declararen tal cousa, xa ditaron a resolución definitiva dos contratos predoutorais, onde toda esta xente fica excluída. Toda unha mostra de cinismo, insensibilidade e propaganda, que di moito de quen así actúa.

Quen debe rectificar, de verdade e con urxencia, é o Ministerio.

Mentres todo se consuma, a Xunta ofrécese para traducir a documentación en galego que o Goberno español debería admitir por Lei. Lembremos que é a propia Administración central a que ten a obriga de se encargar de traducir os documentos dun expediente redixidos nunha lingua oficial diferente do castelán cando teñan que surtir efectos fóra do territorio da correspondente comunidade autónoma. Non é o goberno autonómico o que ha de exercer de axencia de tradución gratuíta para os outros poderes públicos, pois tamén esoutras administracións teñen de recoñecer de seu a oficialidade do noso idioma. Entre outras normas, así o estabelece o artigo 36 da Lei 30/1992 de réxime xurídico das administración públicas e procedemento administrativo común e a disposición adicional sexta da Lei 11/2007, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos.

O conselleiro de Educación, ademais, aproveita para animar as universidades a que deixen de utilizar a lingua de Galiza para os usos administrativos normais. Jesús Vázquez Abad, ben coñecido por todo o dano que ten feito ao noso idioma, non deixa pasar ningunha oportunidade para dar patadas na nosa cultura. É ben triste, ben indignante.


Non sería o lóxico, o cívico e o correcto institucionalmente que a Xunta instase o Ministerio a cumprir a Lei e defendese o galego, as nosas universidades e os nosos estudantes?

Onda fican os nosos dereitos se poden ser pisados desta maneira por uns poderes públicos intolerantes ante a diversidade cultural que existe no Estado español?

"Haberá que combatelo", concluía solidariamente a Julia Otero ao abordar este tema. Continuaremos a combatelo, abofé! Falamos galego e temos dereitos!

3 de dez. de 2013

Contestemos as agresións: usemos o galego

Hoxe está a ser un día moi intenso en actividade da Mesa, tanto polas repercusións que están a ter esas discriminacións laborais do Ministerio de Economía a quen entregaron UN DOCUMENTO EN GALEGO como por outros casos que estamos a tratar, tamén de discriminacións por razón de idioma, mais que aínda non se deron a coñecer publicamente.

Como xa comentei máis veces por aquí, son moitas as queixas de vulneracións de dereitos lingüísticos que nos chegan á Mesa, algunhas con consecuencias moi graves. No entanto, só unha parte delas acaban saíndo á luz pública. Na Mesa temos moito tino en garantir sempre a confidencialidade das persoas que chegan até nós coas súas reclamacións (iso si: non atendemos queixas anónimas) e non damos ningún paso sen que estas mulleres ou estes homes dean o seu visto e prace.

Existe unha ofensiva moi clara para borrar do mapa o noso idioma. Queren facelo recuar alí onde nalgún momento conquistou novos espazos, queren enviar a mensaxe de que é unha reliquia inútil, de que pretender usalo só supón buscarse problemas na vida.

Non queren que usemos o galego. Costestemos esas agresións usando de forma máis decidida e consciente a lingua de Galiza!

Apostemos pola convivencia, pola diversidade, pola igualdade de dereitos. Apostemos polo galego.

1 de dez. de 2013

Un de decembro, tantas cousas...


O primeiro de decembro é unha xornada para recordarmos moitas cousas. Hai anos foi aquela enorme mobilización cidadá de chuvia, bágoas e indignación, non contra os fados, senón contra unhas políticas que nos conduciron ao peor. É triste comprobar que altos cargos daquel goberno, como Mariano Rajoy ou Alberto Núñez Feijóo, son hoxe de novo os que detentan o poder. A impunidade ten moitas faces.

Mais, como vimos hoxe nas rúas, o un de decembro non é só unha data para a nostalxia por unhas mobilizacións dun pasado recente. Hai moitas galegas e moitos galegos que non se resignan ao desprezo e á inexistencia. Temos que agradecerlle á plataforma Nunca Máis que sexa catalizadora desa ansia. Ouzámola e apoiémola.

O un de decembro tamén é unha xornada de loita e concienciación internacional contra a sida, unha doenza que pasou, nos lugares con cobertura sanitaria xeral, de ser unha pandemia mortal a unha moi seria enfermidade crónica, grazas aos antirretrovirais. Hai, claro, retos médicos importantes por diante, como conseguir a desexada cura, mais tamén retos políticos que non podemos esquecer, e non falo só no campo da investigación. Que están a supor os recortes aplicados até o de agora polo Goberno español e pola Xunta nesta área? Que poden supor os novos recortes?

Segundo o Grupo de Estudio del Sida (GESIDA), a nivel de Estado, o custo anual do tratamento dun paciente, incluídas as visitas médicas, é duns 12.000 euros. Trátase dunha cantidade inasumíbel para os expulsados da cobertura sanitaria polos gobernos do PP. Hai unha parte de falta total de sensibilidade pola sorte desas persoas, unha falta total de caridade cristiá neses dirixentes de misa dominical ou misa diaria. Mais, para alén diso, como teñen avisado numerosos profesionais, desatender desa maneira os doentes dunha enfermidade infecciosa non pode ter máis que consecuencias negativas para o conxunto da poboación. Polo un e polo outro, cómpre que fagamos erguer a nosa voz.

E que máis hai para lembrarmos o un de decembro? Pois é unha data especial en Galiza e desde Galiza: é o aniversario da morte de Eduardo Blanco Amor e, por iso, un día que se ten aproveitado moito nos últimos anos para erguermos a voz contra a homofobia, que tamén el tanto combateu en vida. Nos últimos días  puidemos escoitar as delirantes palabras dun profesor universitario encargado de formar futuros docentes, por fortuna contestado con enerxía polos seus estudantes e apartado desas funcións de forma provisional. Fica aínda abondo traballo por diante.