Mostrando postagens com marcador blogue. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador blogue. Mostrar todas as postagens

24 de abr. de 2023

Aínda existen os blogs?

Acabo de entrar neste espazo, que estaba case a ser collido polas silveiras. Cheguei por outros motivos, mais, de paso que vou, decido escribir catro liñas, e así inauguro 2023. Véspera do 25 de abril, abro o ano novo.

Colocar algo en negro sobre branco neste espazo e non nas redes sociais diarias faime pensar mesmo que ninguén o vai ler, que isto vai ser íntimo e se pode achegar a un diario. Con certeza, aínda que sexan pouquiños ollos, algúns se deterán aquí. Algúns.

Que facer cos blogs?

Non vou escribir nada persoal nin sobre o libro que levo case un ano a promover nin sobre os outros proxectos de futuro, aínda que ao dicir que non xa estea a afirmar algo. Só deixo un saudiño para ti, que andas a ler. Até a próxima!

28 de nov. de 2017

Dez anos e algo


No 4 de outubro de 2007 escribín por vez primeira neste blogue. Tiña anotado o aniversario, mais non fixen ningunha entrada; por dúas razóns.

Unha ben importante é que ando moi enleado con traballos diversos (este ano son xefe de Departamento, coordinador de auxiliares de conversa, coordinador do Proxecto Terra e responsábel do Equipo de Normalización no meu centro; retomei o estudo da carreira de Psicoloxía; debo ultimar as publicacións derivadas do esforzo que supuxo a tese, e varios etcéteras). Quen moito enfeixa, pouco ata.

Outro motivo importante para non actualizar no 4 de outubro é que, en fin, o certo é que non teño este expositor moi atendido nos últimos tempos. Pendurar unha entrada polo decenio cando case non escribía postaxes cada mes non parece de moito xeito. Nestas condicións, só é lexítimo celebrar / conmemorar os "Dez anos e algo".

Atenderei isto máis no futuro? Quen sabe. Espero pór algo diferente antes de que pase outra década. Ou, cando menos, antes do verán de 2018.

(Imaxe CC BY-NC-ND 2.0: originalgrammatique)

31 de dez. de 2015

Quince flashes do meu 2015


O ano dos coidados familiares e de máis noites no hospital.

O ano da campaña electoral que vivín con maior intensidade, aínda que a comezase máis tarde. Estiven grazas a iso con xente encantadora, como a da foto.

O ano en que participei en máis debates e entrevistas co tempo hipertaxado. ("Señor Callón, ¿cuál es su modelo de Estado? Tiene 18 segundos".)

O ano en que fun a un parque de atraccións e subín de novo a unha montaña rusa (non a máis grande, claro, mais compenseino indo a varias... digamos intermedias).

O ano en que case non chego á mani en defensa do idioma, mais dei chegado.

O ano en que adelgacei seis quilos (dous supoño que de inconstante ximnasio; catro sei que de campaña).

O ano en que menos fun á miña secreta praia favorita.

O ano en que biquei a Jorquera.

O ano en que conseguín Portugués como optativa no instituto e me sentín Hércules pasando os doce traballos.

O ano en que volvín muxir unha vaca, aínda que fose a entrañábel boneca que é a Mazarica.

O ano en que me emocionei corrixindo un exame.

O ano en que escribín horas e horas seguidas o meu proxecto máis ambicioso, que a ver se termino para o 2017.

O ano en que me fixen fan de Tyrion Lannister.

O ano en que axudei a que saísen bandeiras galegas na noite electoral en Cataluña.

O ano en que me mergullei e me decidín a mergullarme máis.




Ano vello con ben vaias,
ano novo con ben veñas,
así di o Apalpador
para ti e para quen ti queiras!



Por un 2016 de boas decisións e algo de sorte!

1 de jan. de 2015

Este blogue e 2014

Por me distraer doutras preocupacións, bótolle un ollo á ferramenta de Google Analytics para saber que cousas vos interesaron máis ás persoas que pasastes por este blogue ao longo dos 365 días de 2014.

O primeiro que me sorprende é que, segundo eses datos, o 61% das persoas que entrades por acó sodes máis novas ca min: seica o 27,50% sodes de entre 18 e 24 anos e o 33,50% de entre 24 e 34. Se tal información for fiábel (que non o sei en que grao), pregúntome por que máis dese tempo ca da miña idade ou maiores? A resposta da fenda tecnolóxica non me vale...

Tamén me sorprende ver o dato (aquí teñen de todo!) de que o 57,34% das persoas que fixestes unha visita desde un dispositivo móbil foi desde un Apple iPad. Dade un saudiño quen así sexa, que vexo que sodes (ou fostes?) maioría.

Vou con outra curiosidade máis. Aínda que son diversas as procuras en internet que acaban por levar para acó, e algunhas son mesmo sorprendentes e inverorsímiles porque nada teñen a ver con esta bitácula, a que trouxo a máis xente é "carlos callón topónimos deturpados". Oxalá axiña non fixese falta unha procura tan patética que demostra até que punto continúan a vulnerarse dereitos básicos.

E imos xa coa derradeira curiosidade. As ligazóns máis vistas en 2014 foron:

1) Carta de despedida da presidencia (e de continuidade do activismo!)

2) Titular da TVG: "Os encapuchados falaban galego".

3) La imposición del gallego, en cifras.

4) "Encapuchados y con acento gallego" (de 2013)

5) A Esmorga: un novo salto para o cinema galego.

6) Desde o sábado será o novo presidente da Mesa. Forza!

7) Música para a segunda feira: Paco Nogueiras canta o Samaín e o galego.

8) Non aceptamos pulpo como animal acuático (nin como animal de compañía).

9) O Goberno galego favorece a ignorancia da cultura propia.

10) "Prefieren a veces callarse o contestar con monosílabos".