18 de fev. de 2024

Rosalía: o amor da patria galega

Hoxe, xornada en que unha tataraneta de Rosalía pode chegar a ser a presidenta de Galiza, é bo día para partillar o manifesto que elaborei para o próximo 23 de febreiro, a convite da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega:

Rosalía: o amor da patria galega

Hai século e medio, unha moza con pouco máis de vinte anos mudou a Historia. Iso de mudar a Historia non é cousa que aconteza todos os días. Ela era consciente de que os seus libros abrían camiños, que con eles “levantaba unha bandeira” da que non ía desertar. De feito, este recanto do mundo chamado Galiza non é o mesmo após Rosalía de Castro. Hai un antes e un despois.

As palabras que lanzou abriron moitos ollos e calmaron moitas sedes. Non é difícil decatarse da sequidade nos beizos desa cultura silenciada por xeracións e xeracións, mesmo con violencia. Na escola —nunca o esquezamos—, a rapazada que usaba a lingua de Follas novas era castigada vilmente.

As palabras de Rosalía dábanlle dignidade e sentido á fala do pobo galego e ás súas vidas sen nome. As traballadoras e os traballadores conseguían un espello para pensar e un altofalante para denunciar os abusos que padecían:

Por xiadas, por calores,
desde que amañece o día
dou á terra os meus sudores
mais canto esta terra cría,
todo... todo é dos señores.

As mulleres, condenadas desde o berce a unha cadea perpetua de explotación e mudez, gañaban o dereito á palabra:

O que me conmoveu sempre, e polo tanto non podía deixar de ter un eco na miña poesía, foron as innumerables coitas das nosas mulleres (...). No campo compartindo mitade por mitade cos seus homes as rudas faenas, na casa soportando valerosamente as ansias da maternidade, os traballos domésticos e as arideces da probeza. Soias o máis do tempo, tendo que traballar de sol a sol, e sin axuda pra mal manterse (...).

Diversas formas de amar e de vivir a sexualidade (o que hoxe chamamos LGBTQ) sobardaban as censuras:

Solo a virxe é máis hermosa
que eres ti, bendita santa,
i o teu rostro pelegrino,
o temido demo espanta.

De ti, vivo namorada,
en ti penso con fervore.
Que eu ben sei que che contenta
este puro e santo amore.

Quen poidera...! Quen poidera...!
Xunta ti vivir segura,
manantial que mel derrama
pura fonte de ternura!

E Galiza, a quen ela, a pesar de tantos ataques, sempre defendeu con perseveranza como a súa “patria”, forxaba as chaves para soñar un mañá diferente:

Probe Galicia, non debes
chamarte nunca española,
que España de ti se olvida
cando eres, ai!, tan hermosa.

“O amor da patria me afoga”, escribiu na obra con que inaugurou a literatura galega contemporánea. O seu inmenso segundo libro no noso idioma vai dedicado ás persoas que se organizaban “volvendo para a súa patria os ollos e o corazón”. A patria galega, sempre a patria galega no centro dos seus desacougos, tamén na súa obra en castelán:

...que es el silencio hermano de la muerte
y yo no quiero que mi patria muera,
sino que como Lázaro, ¡Dios bueno!,
resucite a la vida que ha perdido,
y con voz alta que a la gloria llegue,
le diga al mundo que Galicia existe.

Ese amor que ela aqueceu e proxectou é un alento que aínda hoxe mapea horizontes, abre porvires e renace día a día en cada persoa que levanta a cabeza para que Galiza exista, nun mundo mellor, diverso e igualitario. Un mundo, en fin, máis rosaliano.

2 de jan. de 2024

Chamada ás formiguiñas

Chamada ás formiguiñas

Acabamos de pasar unha nova volta ao sol. Após o inverno, tornará a primavera; máis unha para o galego, a pesar dos responsos e vergoñas. Pouco antes de se abriren as flores temos na axenda unhas eleccións autonómicas. Nas nosas mans está que sexan o exordio dun tempo novo.

Con certeza, non hai nada máis importante para o galego que estas votacións. Animo todas as persoas con afecto pola lingua a colaboraren para que haxa unha participación decisiva, que faga posíbel a mudanza de goberno. A sociedade galega precisa oxíxeno en moitos ámbitos. O idioma é un termómetro.

Ben sei, no entanto, que non podemos fiar todas as nosas esperanzas á armazón institucional. O activismo cotián continúa a ser chave. Para esas dúas pernas (administracións, sociedade) achego estes cinco propósitos para 2024: 

1) Cómpre centrarmos esforzos no ensino. Non hai lingua que se restaure e revitalice sen ter a escola como apoio, moito menos se a ten en contra. O mal chamado Decreto de Plurilingüismo é o principal tóxico que respiramos nestes momentos. Deben prohibirse as prohibicións ao galego.

2)  Alí onde xa hai formacións políticas sensíbeis á nosa lingua nas administracións locais, é preciso que asuman a emerxencia. Urxe colocar obxectivos de galeguización interna e externa e avanzar para cumprilos. O primeiro paso é que debe haber un aumento significativo dos orzamentos para ese fin, cun control rigoroso das partidas.

3)  Tamén será balsámico para o galego cultivar a pluralidade nas institucións culturais do país, que favoreza unha explosión de diálogo e vida. Que se abran as xanelas e as portas, na liña do que xa indicou no seu día Francisco Fernández del Riego. Deberiamos facer tamén todo o posíbel, máis aínda após este fanado centenario do Seminario de Estudos Galegos, para que o Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento estea á altura da persoa de quen leva o nome e dos seus alicerces, saqueos do franquismo.

4) É crucial afortalarmos o activismo de base, congregado en especial na Mesa e na plataforma Queremos Galego. Os principais adiantos que conseguimos nestes anos foron grazas aos logros impulsado por estas formigas perspicaces e teimudas. A Iniciativa Xabarín mostra a senda: participativa, clara e ben explicada, con éxitos palpábeis e cun horizonte para avanzar.

5) Nesta última volta ao sol fixéronse corenta anos da Lei de normalización lingüística e vinte do acordo de normativa oficial do galego. Tanto a Lei como as normas merecen sentar e falar. É saudábel que a roupaxe gráfica avance na confluencia co resto do sistema lingüístico que naceu no reino da Galiza e que teñamos unha Lei garantista, que protexa e defenda o dereito lexítimo a vivirmos no noso idioma.

As grandes travesías empréndense con pasos curtos. Camiñamos, formiguiñas?

(Artigo publicado no xornal El Correo Gallego).