Mostrando postagens com marcador galego na tecnoloxía. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador galego na tecnoloxía. Mostrar todas as postagens

4 de fev. de 2015

A culpa é das familias


Desde a exitosa iniciativa Twitter en Galego, ideada por Carlos García Vieito, acaban de presentar unha páxina web para lle daren e para lle darmos aínda máis forza ao proxecto. Convidáronme a que lles enviase para a estrea un artigo de reflexión e análise sobre a situación do idioma. Púxenlle como título a patética sentenza do actual presidente da Xunta sobre por que se perden falantes.
"A culpa é das familias"

Hai que ver! Temos escoitado e padecido unha boa serie de infamias deste Goberno galego ("risa dáme ese nome que levás") sobre a nosa lingua, a nosa cultura, a nosa identidade. Que se "a cultura galega limita", que se o noso idioma "é un muro para o futuro", que se a razón para proscribir o galego das materias científico-técnicas é "a tradición"... Aí están as hemerotecas para nos traeren ao acordo os exabruptos e as medidas que os acompañaban.

Tras o tempo dos retrocesos, chegou o tempo da burla. "A culpa é das familias", desentendeuse con desprezo o presidente da Xunta cando lle preguntaron polo máis recente estudo sobre o declive de falantes.

Afirmou que a culpa era doutros, así é, o mesmo señor que por trámite de urxencia eliminou o galego como requisito para o acceso á función pública, coa aspiración de o converter en fala inútil; o mesmo que prohibiu os proxectos voluntarios de inmersión lingüística nas escolas das nosas cidades (as familias que se matriculaban tamén teñen a culpa?); o mesmo que tombou o prestixioso modelo educativo das Galescolas; o mesmo que destruíu 190.000 libros de texto por estaren escritos nesta lingua; o mesmo que cortou a colaboración e o apoio até matar de inanición un diario escrito, un semanario, un quincenal e varios xornais electrónicos que usaban o idioma de Galiza como vehículo...

É certo que esta lingua nosa perde bocas que a oxixenen. Por unha banda, polos falantes que a acaban abandonando pola presión social, como cando chegas a pedir un traballo e che preguntan arteiramente "¿Es que siempre hablas en gallego?". Mais tamén é debido, abofé, ás meniñas e aos meniños que non a chegan a adquirir como fala viva, ás veces porque se deixa de transmitir no fogar, mais tamén porque o lar non abonda hoxe para consolidar un idioma discriminado na rúa. Os actuais gobernantes aceleraron un proceso de residualización que non conseguen frear por si soas nin as máis voluntariosas familias.

Mais, que acontecería se as augas subterráneas que manteñen o galego como desexo e potencia puidesen saír á superficie? Dito con menos lirismo: Que acontecería se as institucións, e o Goberno galego á cabeza, apoiasen o noso idioma, cumprisen cos tratados internacionais que o protexen, se preocupasen para que cada persoa que queira vivir en galego poida facelo e que todas as persoas que queiran aprendelo teñan a oportunidade? Debemos conseguir que esta pregunta deixe de ser hipótese e se converta en feitos. A vida como pobo vainos niso. A igualdade de dereitos como individuos tamén a xogamos nesa liga.

24 de mar. de 2013

Auguiña de sete fontes

 - A triloxía Dragal, de Elena Gallego, convértese nun proxecto multimedia. Parabéns e que continúe o merecidísimo suceso!

- "E se fose a princesa a que salvase a Mario?", nova en Praza Pública.

- "A ética do coidado dun mesmo como práctica da liberdade", entrevista a Michel Foucault en 1984.

- Un matrimonio de sexaxenarios irán á cadea por violaren ambos as súas ordes de afastamento, nova en La Voz de Galicia.

- Novo libro de Xosé Ramón Freixeito Mato: Estilística da lingua galega.

- "Rosalía e nós", artigo de Francisco Rodríguez en Sermos Galiza.

- "Google aposta por voar tamén en galego", nova en Galicia Confidencial. O galego, entre os oito primeiros en que estrea en Europa este novo servizo.

22 de fev. de 2013

Agradécense as boas novas


Con todas as melloras que aínda se lle poden introducir (ao cabo, está en versión beta), non se pode cuestionar este éxito conseguido por un importante movemento social: Temos Twitter en galego! Usémolo e vaiamos ao seguintes retos!

Sobre esta e outras cuestións da actualidade do noso idioma falarei hoxe ás 13.10 para a emisora Radio Voz.

Continuamos!