Mostrando postagens com marcador galego no ensino. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador galego no ensino. Mostrar todas as postagens

2 de jan. de 2024

Chamada ás formiguiñas

Chamada ás formiguiñas

Acabamos de pasar unha nova volta ao sol. Após o inverno, tornará a primavera; máis unha para o galego, a pesar dos responsos e vergoñas. Pouco antes de se abriren as flores temos na axenda unhas eleccións autonómicas. Nas nosas mans está que sexan o exordio dun tempo novo.

Con certeza, non hai nada máis importante para o galego que estas votacións. Animo todas as persoas con afecto pola lingua a colaboraren para que haxa unha participación decisiva, que faga posíbel a mudanza de goberno. A sociedade galega precisa oxíxeno en moitos ámbitos. O idioma é un termómetro.

Ben sei, no entanto, que non podemos fiar todas as nosas esperanzas á armazón institucional. O activismo cotián continúa a ser chave. Para esas dúas pernas (administracións, sociedade) achego estes cinco propósitos para 2024: 

1) Cómpre centrarmos esforzos no ensino. Non hai lingua que se restaure e revitalice sen ter a escola como apoio, moito menos se a ten en contra. O mal chamado Decreto de Plurilingüismo é o principal tóxico que respiramos nestes momentos. Deben prohibirse as prohibicións ao galego.

2)  Alí onde xa hai formacións políticas sensíbeis á nosa lingua nas administracións locais, é preciso que asuman a emerxencia. Urxe colocar obxectivos de galeguización interna e externa e avanzar para cumprilos. O primeiro paso é que debe haber un aumento significativo dos orzamentos para ese fin, cun control rigoroso das partidas.

3)  Tamén será balsámico para o galego cultivar a pluralidade nas institucións culturais do país, que favoreza unha explosión de diálogo e vida. Que se abran as xanelas e as portas, na liña do que xa indicou no seu día Francisco Fernández del Riego. Deberiamos facer tamén todo o posíbel, máis aínda após este fanado centenario do Seminario de Estudos Galegos, para que o Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento estea á altura da persoa de quen leva o nome e dos seus alicerces, saqueos do franquismo.

4) É crucial afortalarmos o activismo de base, congregado en especial na Mesa e na plataforma Queremos Galego. Os principais adiantos que conseguimos nestes anos foron grazas aos logros impulsado por estas formigas perspicaces e teimudas. A Iniciativa Xabarín mostra a senda: participativa, clara e ben explicada, con éxitos palpábeis e cun horizonte para avanzar.

5) Nesta última volta ao sol fixéronse corenta anos da Lei de normalización lingüística e vinte do acordo de normativa oficial do galego. Tanto a Lei como as normas merecen sentar e falar. É saudábel que a roupaxe gráfica avance na confluencia co resto do sistema lingüístico que naceu no reino da Galiza e que teñamos unha Lei garantista, que protexa e defenda o dereito lexítimo a vivirmos no noso idioma.

As grandes travesías empréndense con pasos curtos. Camiñamos, formiguiñas?

(Artigo publicado no xornal El Correo Gallego).

22 de fev. de 2021

A miña primeira entrevista na TVG

Esa primeira vez foi no ano 2004, con Tino Santiago, e para falarmos da que era a 4ª edición do Correlingua con ese xeito de organización. Véxome, escóitome e constato que era un rapazoliño. Tamén se pode observar a denuncia de enganos reiterados polo poder para nos negar os nosos dereitos lingüísticos e para nos roubaren a esperanza dun futuro mellor. Hai que contextualizar nos tempos dos estertores do fraguismo tanto os problemas como as solucións que se dan .

Ben, dixen que foi a primeira entrevista na TVG, mais ben poucas máis tiven, for como presidente da Mesa (até onde eu lembro, hai outras dúas: a de Miraxes e a de Carlos Luís Rodríguez), como candidato (tamén, até onde a miña memoria alcanza, foi unha, aínda que concedo que nesas semanas de frenesí podo esquecer algo) ou como escritor (agradezo que se noticiase a maioría dos meus libros, mais o número de entrevistas que tiven como autor é unha cifra redonda). En fin, tamén é bo lembrar isto para que non pasemos por naturais as censuras mediáticas que levamos tantos anos padecendo.

Os que acabo de citar son só exemplos puntuais dunha longuísima e amplísima listaxe que, nos últimos anos, leva advertindo con perseverenza e enerxía o movemento Defende A Galega.

17 de dez. de 2017

Outro debate de hai dez anos sobre o galego no ensino

Na liña do de CorreoTV que pendurei hai pouco está este debate en TeleVigo, máis ou menos realizado polas mesmas datas, hai dez anos.

Aquí o deixo tamén, polo seu valor como testemuño dun tempo e, do mesmo xeito, polo que se puider peneirar nel que for útil para avanzarmos no presente:




9 de dez. de 2017

A lingua no ensino, a debate... en xaneiro de 2008

Ordenando cousas encontreime con este vídeo, pertencente ao programa Faladoiro, de Correo TV. É testemuño da situación en que se daba o debate público sobre a situación do noso idioma no ensino hai dez anos.

Participan nesta confrontación de ideas: Manuela López Besteiro (deputada do PP), Julio Abalde (o vicepresidente na altura das ANPAs de centros públicos), José Luis Baños (secretario de FERE-CECA, confederación das escolas católicas) e eu mesmo (que, na altura, era presidente da Mesa pola Normalización Lingüística). A presentadora e moderadora é Susana López, quen desde hai uns anos é rostro das tardes da TVG.

Cómpre lembrar que a representante do PP nesta ocasión diante das cámaras tamén fora negociadora e valedora do decreto aprobado durante o bipartito. Cómpre lembralo.

Hai dez anos o quieto sentíase movido...



12 de jun. de 2017

Ao coidado da directora do CEIP Santa Irene, Porto do Son

Señora directora:

Tiven coñecemento a través das redes sociais dunha carta, asinada por vostede no pasado 6 de xuño, na cal xustifica que se lle desconten puntos a unha alumna de primaria por usar "Galiza" no caderno e nun exame da materia de Ciencias Sociais.

Dun punto de vista lingüístico, considerar erróneo "Galiza" non se sustenta. A propia Real Academia Galega, que é a que ten nestes momentos a potestade para estabelecer a norma oficial do noso idioma, considéraa unha "forma lexitimamente galega". Así mesmo, moitas e moitos lingüistas constatamos a través dos nosos estudos que, se non for por razóns de presión política, ninguén dubidaría que a única forma válida e xenuína para designar o noso país en galego é esa. Mais, como vostede moi ben coñece, se non for tamén por razóns de presión política, o noso idioma tería unha situación máis saudábel que a que ten, por exemplo no ensino.

O problema neste caso non é de Gramática Histórica, senón de pedagoxía e, sobre todo, de liberdade de expresión, máis grave cando se pretende sancionar unha menor nun centro de ensino, un espazo que debería acoller a pluralidade e a diversidade, e fomentar que cada persoa conforme en liberdade o seu pensamento. Aquí réstanse puntos por usar unha forma correcta, vixente e acertada; é unha utilización que, ademais, amosa un bo coñecemento do xenio do idioma por parte da alumna, que vai máis alá da abafante presión castelanizadora.

Cando, na súa carta, vostede leva a argumentación ao terreo xurídico-político é cando comprobamos a causa verdadeira desta discriminación: é unha imposición ideolóxica mal camuflada de hipercorrección lingüística (primeiro) e de falta nin máis nin menos que legal (despois), cunha equiparación grotesca entre un caderno de primaria e o DOG.

Como docente, non podo máis que preguntarme que acontecería se ese modo de proceder de restar puntos con informes xurídico-políticos se estendese a todos os ámbitos do ensino. Pensemos só no campo da Xeografía. Debemos restar puntos cada vez que alguén poña "Estados Unidos" e non a única forma oficial na súa tradución, "Estados Unidos de América"; "Brasil" e non "República Federativa do Brasil"; "Venezuela" e non "República Bolivariana de Venezuela", e así por diante? Que facemos, señora directora, co "Reino Unido da Gran Bretaña e Irlanda do Norte"? Até onde poderiamos chegar con ese seu proceder?

A situación aínda se complica nalgúns casos paralelos. Galiza non está recoñecida na lexislación actual máis que como "Comunidade Autónoma" ou "nacionalidade". Que facemos coa obra de Rosalía de Castro, en que a considera "patria"? E cando Alfredo Brañas a chama "nación sometida"? Ben sei que esas non eran formas legais tampouco neses seus tempos, mais estamos a abordar figuras que usaron os termos dese xeito e cuxa obra tamén entra nos currículos. Corrixímolos, censurámolos ou censuramos só o alumnado que utilice esas formas?

Acontece tamén que, como todo o humano muda, achamos disposicións legais (si, legais!) que no século XIX prohiben o galego denominándoo lingua ou fala "del país". Como actuamos nese caso, se Galiza non está recoñecida xudiricamente como "país"? Simplemente obviamos que o galego estivo perseguido ou mudamos a redacción por "lengua de la futura comunidad autónoma"? Que facemos, tamén, cando no himno oficial se lle chama "nazón"? E que faremos, con certeza, se unha alumna ou un alumno falar do "queixo do país"? Deberiamos ir pedindo informes xurídicos para todos estes casos? Daremos abasto?

Seguindo tamén a lóxica da súa sanción, cómpre preguntármonos que debemos facer cada vez que apareza o termo "Galiza" ao longo da Historia. Daniel Castelao, que foi membro numerario da Academia Galega, mesmo escribiu un libro fundamental titulado Sempre en Galiza. Debemos modificar a obra de Castelao ou debemos restarlle puntos aos estudantes cada vez que nolo citen? E que facemos, señora directora, co "Consello de Galiza"?

Estará a pensar que nestes últimos casos son "nacionalistas radicais", mais o problema non para de se ensarillar... Cumpriría chamarlle a atención a Sandra Ortega, presidenta da Fundación Paideia Galiza? E como obramos co profesorado que utilizamos exclusivamente a forma Galiza nas nosas aulas? E cos libros de texto que fan iso mesmo? E co único semanario impreso que existe no noso idioma? Que ficaría após toda esa abrasión? Onde terminaría a caza de bruxas?

En fin. A través deste correo electrónico, demándolle que rectifique a sanción, que pidan desculpas á meniña afectada e á súa familia e, xa que lle deu amparo a unha grave situación de imposición ideolóxica que atenta contra a convivencia, que reconsidere a súa continuidade no cargo.

Cumprimentos cordiais,



Carlos Callón
Profesor de Lingua Galega e Literatura e Xeografía e Historia.
Presidente de Honra da Mesa pola Normalización Lingüística.

[A imaxe foi baixada das redes sociais, no meu caso a partir do perfil de Séchu Sende no Facebook.]

14 de abr. de 2017

14 de abril de 1980

Hai xusto 37 anos, no 14 de abril de 1980, o alumnado de secundaria protestaba contra a represión "democrática" da lingua galega. Falar galego na sala de aulas era igual a "dar malas respostas" ou motivo para suspender unha materia.

Este período concreto da historia do noso idioma, que é crucial para entendermos o que aconteceu nas décadas seguintes, está moi pouco estudado.

Se coñecerdes persoas que participaron neses actos ou que padeceron sancións por usar o galego no ensino, por favor enviádeme unha mensaxe coa información. E se souberdes de xente que puider saber, se facedes o favor pasádelle o recado

Moitas grazas!

(Nova tirada do semanario A Nosa Terra, 18 ao 24 de abril de 1980.)

19 de fev. de 2017

Ligazóns ao desvío para un dezanove de febreiro

  • "A peta do senhor conselheiro", Carlos Garrido.
  • "O 'petróglifo' do Petón de dona Urraca. Patrimonio? Si", Manuel Vilar.
  • En que linguas ensina a USC? Datos do curso 2016-17. As áreas de Ciencias da Saúde teñen unha media de ensino en galego do 2,85%. Hai un total de 9 graos que non chegan nin ao 10% de ensino no noso idioma.
  • A Real Academia Galega presentou un pequeno documento coas formas dos apelidos na súa ortografía, que pode facilitar moito o procedemento xudicial de galeguización. Oxalá sexa así! Pódese consultar o documento en PDF nesta ligazón. Se callar, o máis rechamante é que o prólogo estea asinado por Alonso Montero, cando no documento se nos di en negro sobre branco que ambos os apelidos son castelanizacións dos xenuínos Afonso Monteiro. O mellor pedicador é Frei Exemplo.

10 de fev. de 2017

2,85%

Nos graos de Medicina, Enfermaría, Odontoloxía e Veterinaria da USC a media de ensino en galego neste curso é do 2,85%.

Con datos así, o estraño é que o galego siga vivo.

Galegofalantes, activémonos!

Galegocalantes, unídevos! Evitemos a extinción!

12 de mai. de 2016

Poesía sobre lingua (7): "Soneto a Xosefa Baamonde García"

Após a morte do ditador Francisco Franco, a lingua galega tardou máis tempo en ser recoñecida como legal que o PCE, a masonaría ou outros elementos que se consideran simbólicos da Transición. Non só iso. Mesmo cando xa se dicía que era oficial tamén había ataques serios contra a posibilidade do seu uso no ensino, na Administración ou nos medios. Nada que nos poida sorprender, pois aínda hoxe a declaración solemne da súa oficialidade está lonxe de se verificar na práctica.

Un dos exemplos paradigmáticos de como se produciu a acollida do idioma galego no réxime do 78 foi a cantidade de docentes que comezaron a recibir sancións polo feito de daren as aulas nesta lingua. Foi unha "represión democrática" que aínda está moi pouco estudada.

Manuel María escribiu un soneto en 1981 a unha destas mestras, a profesora no colexio de Dices, en Rois, Xosefa Baamonde García. En xaneiro dese ano suspendérona provisoriamente de emprego e parcialmente de soldo, co perigo de poder perder de xeito definitivo o seu traballo. O feito de que continuase a falar en galego a pesar do aviso da Inspección foi considerado como "inflexibilidad". Porén, o seu exemplo firme e as intensas mobilizacións sociais por parte do nacionalismo galego (coa incomprensión e ás veces aberta hostilidade dos partidos estatais, tamén dos considerados "de esquerdas") impediron que a represalia continuase.

Velaquí o poema, un testemuño moi valioso de onde vimos, de por que estamos como estamos e das forzas que debemos coller para darmos mudado o futuro:

Soneto a Xosefa Baamonde García

Pepa Baamonde, mestra valerosa,
semente escolmada, espello fiel,
recolleita de luz, fondo ronsel,
labarada incontíbel e poderosa.

Bandeira estremecida, fala nosa
feita de terra, orballo, lume e mel,
música, sudes, pobreza e caravel,
recendente e perfecta como a rosa.

Ti defende sempre a nosa herencia:
este idioma negado e perseguido
por séculos de odio e impotencia.

Pese ao medo, á agresión, á violencia:
ningún colonizador, ningún vendido
nos borrarán a lingua e a conciencia!

4 de mai. de 2016

De "idiomas muy respetables españoles" que non serven

Sobre este tipo de linguas falo no meu último comentario para Sermos Galiza, ao fío destas declaracións de Mariano Rajoy: "Cuando escuchamos que se suprimen las clases de inglés para poner idiomas muy respetables españoles creo que estamos cometiendo un error de grandes proporciones".

14 de mar. de 2016

Houbo un comezo

No curso 2015/16 fanse 50 anos da primeira vez que o galego entrou no ensino regrado. Foi como materia optativa no último curso de Filoloxía Románica. Que mudou neste tempo?



Recordade que estes comentarios que publico ás segundas feiras se poden seguir no semanario Sermos Galiza e en Youtube.com/CarlosCallon.

15 de set. de 2015

50 anos da posibilidade de estudar galego na universidade

No curso 1965-1966 púidose estudar por vez primeira oficialmente unha materia de lingua galega na Universidade de Galiza, en quinto da sección de Filoloxía Románica.

Neste ano escolar que comezamos agora faise, por tanto, o medio século de tan importantísimo acontecemento.

A Universidade de Santiago ten máis de 500 anos e a posibilidade de estudar o idioma do país só 50. Póndelle vós o adxectivo á situación: colonial, miserenta, alienante...

O profesor que conseguiu concretar un obxectivo durante moitas décadas desexado, solicitado e pelexado foi Ricardo Carvalho Calero, un ilustre nome desa minoría de galegas e galegos que turraron do carro do país mesmo nos tempos máis duros e desesperanzados.

18 de mar. de 2015

Non podo vivir en galego, mais aspiro a iso

Este foi o titular da entrevista que me fixo o Diario de Pontevedra o ano pasado. Falo dos meus libros de defensa do idioma (sobre todo, de Como defenderes os teus dereitos lingüístico e Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez), da actividade da Mesa, das discriminacións a que nos vemos sometidas as persoas que queremos vivir no noso idioma... Mais tamén respondo un rápido inquérito sobre algunhas cuestións máis persoas. Se vos interesar, podédela consultar completa clicando nesta fotografía: