30 de out. de 2012

A situación lingüística de Galiza, en TV3

Dentro dunha serie de pequenas reportaxes sobre a situación de Galiza diante das eleccións autonómicas, a televisión autonómica de Cataluña cubriu unha conferencia de imprensa de Queremos Galego e interesouse pola nosa visión das cousas. Podedes ver a noticia se clicades enriba da imaxe.

É moi diferente a actitude do medio público catalán da que mantén a TVG, que en todo o ano 2012 só sacou unha única vez, hai xa meses, unha noticia de Queremos Galego, a plataforma unitaria que agrupa a máis de 700 entidades. Talvez para demostraren que son plurais, dirán que tamén en todo 2012 sacaron outra da Mesa. A pesar de que A Mesa pola Normalización Lingüística é, a pesar das moitas dificultades, a maior asociación cultural de Galiza, polos medios dependentes do PP podería parecer que deixou de existir.

A pesar desas formas tan pouco democráticas de procederen, non teñades dúbida de que non nos calarán!


29 de out. de 2012

Xa na túa libraría ;)


Se aínda non chegou, nos próximos días si estará xa na túa libraría o me último libro, Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez. Xunto co título Do G ao Z, do compañeiro Manuel Veiga, inaugura unha nova colección de Xerais de título provocativo e de prezo máis asequíbel: LibroX. Mais non pensedes mal, porque estes dous volumes son para todos os públicos.

Desexo que vos interese e que vos sexa útil. Xa me contaredes!

22 de out. de 2012

Hoxe aínda facemos máis falta

Non veñen tempos doados. Temos unha Galiza cada vez máis desgaleguizada, a mordaza mediática é cada vez maior, o empobrecemento aumenta... No día de hoxe non se poden dar boas novas, é certo, mais tamén temos que saber afrontar estes tempos difíciles, pensar construtivamente sobre onde están os erros e como corrixilos, erguer a cabeza e actuar.

Gañar ou perder unhas eleccións non fai que as mentiras se convertan en verdades, que as actuacións ilexítimas se tornen lexítimas, nin transforma as causas xustas e necesarias en causas perdidas. Hoxe, coma onte, creo que Galiza é unha nación e que precisa autogobernarse, creo na plenitude de dereitos lingüísticos para o galego, creo na sanidade e no ensino públicos, creo na liberdade de expresión e na pluralidade informativa... Creo en todo iso, mais sei que hoxe é máis necesario do que o era onte que todas as persoas que acreditamos niso continuemos adiante. Eu estarei aí e quero estar contigo, porque virá o albor dun novo día.


16 de out. de 2012

O 18 pola mañá, con Quico Cadaval

Esta quinta feira (xoves) 18 de outubro, ás 12 h, participarei con Quico Cadaval nunha mesa redonda organizada pola Asociación de Escritoras/es en Lingua Galega na Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo. Pedíronme que falase durante uns vinte minutiños sobre por que(n) e para que(n) escribín os meus ensaios, tanto os de temática lingüística (En castellano no hay problema, Como defenderes os teus dereitos lingüísticos e Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez) como os que son resultado de pesquisas histórico-literarias (Unha historia que nos pertence: A obra poética en galego de Lorenzo Varela e Amigos e sodomitas. A configuración da homosexualidade na Idade Media).

Para min é unha alegría moi grande compartir mesa con Quico Cadaval. Non só porque sexa o seu fan, senón porque el é O Carreirán e, eu, no fondo, tamén son medio carreirán, pois meu pai pasou a súa infancia no lugar de Laxes, nesa parroquia de Ribeira.

En fin, se quixerdes e puiderdes, estades convidadas/os!

Aproveito tamén para animarvos a que aproveitedes cada minutiño que resta da campaña para traballar arduamente co obxectivo de lle retirarmos a maioría absoluta ao PP. Non vos deixedes contaminar polas megafonías do PP. Abofé que podemos deter o peor goberno da historia autonómica de Galiza.


15 de out. de 2012

12 de out. de 2012

Protesta contra a manipulación informativa da CRTVG!

Enviemos todas e todos un texto como o que se indica a acontinuación ao enderezo dx@crtvg.es, pertencente ao director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo. A proposta provén dunha campaña presentada hoxe pola Mesa.

Prezado señor Sánchez Izquierdo:

O pasado día dez de outubro, A Mesa pola Normalización Lingüística presentou un informe sobre a situación do ensino en galego na educación infantil das nosas cidades. Segundo este relatorio, que en ningún momento foi negado polo Goberno galego, nos últimos anos produciuse unha caída en picado do uso do noso idioma: só 3% deses centros declaran impartir na lingua de Galiza, o cal resulta a porcentaxe máis baixa da nosa historia autonómica e tamén moitísimo máis baixa que en ningunha outra comunidade autonóma con idioma propio diferente do español.

Estes datos saíron en todos os medios de comunicación de Galiza e en varios de fóra do noso país, porén foron censurados nos informativos da Radio Galega e da TVG, igual que se censura ou manipula todo posicionamento que sexa diverxente ás teses do Partido Popular (en todo o ano 2012, por exemplo, a TVG só cubriu unha única conferencia de imprensa da Mesa pola Normalización Lingüística, a maior asociación cultural de Galiza). É rechamante que tanto o mesmo día 10 de outubro como o 11 de outubro, a pesar de que censurasen esta información, si servisen de megafonía a declaracións de José Ignacio Wert como de Alberto Núñez Feijóo sobre a lingua do ensino en Cataluña.

Nun momento como o actual, en que a nosa nación se encontra en plena campaña electoral, é máis importante que nunca que a sociedade galega poida contar cunha información diversa, plural e veraz nos medios públicos autonómicos. Reclámolle por todo iso que tome as medidas precisas para garantir esa diversidade, pluralidade e veracidade e que, como primeiro e significativo exemplo desa mudanza, pase a ofrecer o debido espazo nos informativos a este estudo sobre a caída do ensino no noso idioma na educación infantil debido ao goberno de Alberto Núñez Feijóo.

Cumprimentos cordiais,





11 de out. de 2012

As mentiras dunha autoridade pública deberían estar penadas como falta ou prevaricación

A idea con que titulo esta entrada figura no moi recomendábel artigo "Datos contra mentiras" que publica Xavier Vence no seu blogue. O catedrático de Economía Aplicada na Universidade de Santiago reflexiona sobre iso a partir das reiteradas falsidades que lanza o Partido Popular sobre a evolución económica, mentiras ben conscientes que tamén onte se puideron escoitar na boca de Alberto Núñez Feijóo no seu debate con Francisco Jorquera.

Como digo, anímovos a que leades completo o texto na súa páxina, mais non podo deixar de pendurar tamén aquí os gráficos obxectivos dunha dura realidade que o PP quere deformar na súa propaganda.




2 de out. de 2012

Non ao suicidio. Non votes PP!


Manifestacións xa convocadas en todo o país:

Vigo: 20.00 h desde Vía Norte.
A Coruña: 20.00 h desde a praza de Vigo.
Pontevedra: 20.30 h desde a praza da Ferraría.
Ferrol: 20.30h desde a av. de Esteiro.
Compostela: 20.30 h na praza Roxa.
Lugo: 20.30 h desde Ronda da Muralla, 58.
Ourense: 20.00 h no pavillón dos Remedios.
Vilagarcía: 20.30h na Casa do Mar.
Foz: 20.00 h na Casa do Concello.

1 de out. de 2012

Só faltan vinte días


Restan só vinte días para que poidamos conseguir pasar a páxina do nefasto goberno de Alberto Núñez Feijóo e tamén para lle podermos enviar unha mensaxe clara ao seu xefe Mariano Rajoy. Son vinte días nos cales temos que traballar arduamente, tanto na rede como, sobre todo, na rúa. Cómpre que se saiba o que significou e significa esta forma de gobernar a base de mentiras, centralismo e imposición do catecismo neoliberal.

Unha páxina que cómpre divulgarmos entre toda a nosa xente (por favor, que rule nas redes sociais, nos correos electrónicos, no boca a boca!) é Feijoo2012.com.

Xa, pode parece estraño que recomende un web que teña ese nome, mais non é en absoluto un espazo propagandístico, senón un auténtico baño de realidade sobre a biografía de Feijóo, sobre a súa acción de goberno que non nos transmiten os medios de comunicación sometidos á peneira do PP, sobre os verdadeiros resultados da súa xestión, sobre a súa colección de mentiras, etc.

Só faltan vinte días e o match point pode estar en moi pouquiños votos, os que ti podes conseguir.

Adiante!