Mostrando postagens com marcador Jacques Lacan. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador Jacques Lacan. Mostrar todas as postagens

18 de dez. de 2020

Sobre Atravesar o fantasma e o enigma do diván


Os blogues naceron para recoller a inmediatez do que acontece, mais ese foi xa un espazo ocupado polas axilísimas redes sociais. Penso, pois, que non fica de máis pendurar aquí documentos de hai algún tempo, mesmo dun lustro. É o caso deste texto, que foi o que Fran Conde, profesor de Filosofía na USC, leu na presentación en Santiago de Atravesar o fantasma. Aliás, o inconsciente non entende do tempo...

Entendo que se o Carlos me invitou foi para que falase de psicanálise e non tanto de literatura. De seguro que outras nesta mesa poden valorar e apreciar a calidade literaria do poemario mellor ca min. Eu só podo dicir que me gustaron moito estes poemas, estes poemas cun contido nin de optimista nin de pesimista, senón como percorridos pola madurez, pola claridade para consigo mesmo, malia que o Carlos estea aínda por idade seguro que antes do medio do camiño.

Estes poemas que me serven en certo sentido tamén de espello, espello porque comparto como vítima e tamén como beneficiario “o enigma do diván” (páxina  11). O enigma tamén do propio corpo, do “eccema” (11),  que debe ser descifrado no diván, o enigma que é o corpo do outro en forma de “sete” (11), que é en realidade o propio corpo ao lado do corpo do outro.

Espello tamén porque do feito de seren eu tamén analizante vexo nestes poemas decantado, concretado, sedimentado coa certeira precisión do poeta o que significa pasar polo “teatro sen aplausos do diván” (57).

Poemas que serven de espello porque por desgraza para case todos hai mortos que teñen o estado de “non morto” (17) –pai, nai, irmán, tía…-, porque hai mortos que hai que matar para que poidan descansar eles –tódolos galegos temos conciencia disto, de que os mortos que non morren ben non descansan, senón que andan polas encrucilladas penando- pero tamén para que un mesmo poida vivir algo máis en paz. Para como Carlos deixar de ser “o fillo dun morto” (18) ou seguir séndoo pero algo menos. Hai mortos que están demasiado vivos, e non falamos precisamente dos zombis –por certo tema sobre o que o poeta aquí presente tamén nos podería ilustrar, sobre zombis e sobre vampiros.

Ás veces cando pasan os anos e un continúa angustiado, agardando que volten eses mortos (19), soñando con que regresen para que endereiten a propia vida (20) non queda outra que poñer en palabras “o medo gardado no medio da casa” (16), e pasar polo diván.

O “teatro sen aplausos do diván”. Certamente si un teatro –por moito que a Deleuze e a Guattari no Antiedipo non lles gustara -, un teatro onde desfilan todos eses personaxes que tiveron algo que ver na Nosa historia. Un teatro “sen aplausos”, máis ben silencioso ou modesto.

En todo caso, un teatro onde o único aplauso que un se pode dar a si mesmo aparece cando se toma conciencia, dito en freudiano, da pulsión de morte, dito en lacaniano, do gozo, dito en calloniano, das “tentacións suicidas” (58), do “recoñecerse sempre onde señorea o fracaso”, é dicir, cando un descobre o seu particular modo sufrinte de estar no mundo, e decide que hai que conseguir “abrir o desexo, ver e tocar outro camiño, quebrar as xanelas” (58).

Ás veces non queda outra que pasar pola experiencia da psicanálise, porque máis ca unha doutrina ou unha terapia, a psicanálise é unha experiencia, unha experiencia para “literaturizar o medo para afrontalo e vencelo” (40), “procurar o cadro racional onde enmarcar o que nos pasa” (39), “dar versos ás angustias” (52). Poñer en palabras, buscar os nomes que faltan, delimitar os baleiros en torno aos que xira o propio discurso.

Porque certo que o desexo non é máis que os baleiros entre as liñas (31), aquilo que hai que interpretar, aquilo que non aparece hai claramente, aquilo que nunca se chega a dicir por enteiro. Certo que no desexo “só hai restos, enxames confusos” (58), pero restos que de ser precisados permiten pasar da desidia ao desexo, permiten que un día un deixe de chorar por nada, “para un día poder chorar por algo” (que é o título da terceira sección do poemario).

A psicanálise entón porque hai que conseguir poñerlle nome ao propio amor sen nome, por moito que o proceso sexa en ocasións tan doloroso que “flúa sangue polos propios poros” (31), que é a única maneira de verdadeiramente amar, saber como de peculiar é un para poder amar verdadeiramente e non amarse simplemente a un mesmo no outro, non pedirlle ao outro que sexa o que un ve nel, non asfixialo senón recibilo como algo que é verdadeiramente Outro.

E logo, e logo está o lobo. Logo está a mísera orde social, “o lobo que constrúe casas e derruba soños” (21), que fermoso este verso. Unha orde social que fai calar o desexo se os ditames da moral de turno non o consideran apropiado, que obrigan a que alguén “teña medo de sacar a máscara” (25), que sospeitan e que obrigan a calar, que obrigan a deixalo todo “no segredo inconfesábel” (26), que obrigan a sentir que hai un inferno no corpo adolescente (27) daqueles que senten diferente a como hai que sentir, que infunden a vergoña e a resignación, que, cito, “agocharon a miña mesma existencia e me ocultaron tanta verdade” (28), aqueles que din que un non é da súa acera (30), cando en realidade todos vamos sempre inevitábelmente un pouco cada un pola súa acera ou mesmo polo medio da rúa.

Orde social, en definitiva, que tolera o que non lle gusta tan só como ghetto: “Grazas, tolerantes, por tanta liberdade” (36), orde social que obriga a non poder coñecerse pola rúa tras o encontro amoroso no íntimo (37).

E todo finalmente nada máis que para abrirse de novo ao amor, pero agora xa un novo amor, que é case, como “outra saída do armario” (39), unha especie de comezo na vida di o psicanalista lacaniano Jacques-Alain Miller.

Todo porque hai que “destruír o nome” (título do poema da páxina 59), destruír ese nome que se nos impón dende dentro pero como se viñese dende fóra, ese nome que impide acceder ao que un quere ser e ao que autenticamente é, cousas que ao final deberían ser o mesmo, destruír o nome imposto, nin Penélope nin Ulises, nin finado de Callón, senón nada máis pero nada menos que Carlos.

Un Carlos que coma todos seguirá a ter os seus problemas de amores: atopará cebolas coas que poder chorar, pero coa diferenza de que será el quen as plante, terá as dúas “débedas insaldábeis”, e continuará ferido, pero vivo.

Dicía ao comezo que o libro serviume de espello, pero é que o libro está realmente cheo de espellos  (38, 52, 55, 58, 60). O espello como o lugar onde mirar con calma a propia imaxe, é dicir, onde buscar a propia identidade, unha identidade que está sempre noutro lugar, porque ela non é máis ca propia busca. E algo desta busca en definitiva debe ser a psicanálise e entendo modestamente que tamén algo disto debe ser a boa literatura e por extensión a boa poesía. Vós sabedes seguro máis disto e por iso cedereivos de seguido a palabra.

En todo caso, agardemos que o Carlos se equivoque e que non haxa que agardar aos seus 70 para brindarnos un pouco máis de boa literatura e de boa poesía.

14 de fev. de 2019

Amor. Sexo. Soidade.

Especial "Amor. Sexo. Soidade" no Sermos Galiza.

Hoxe, 14 de febreiro, é un día coma outro para subir á rede o especial "Amor. Sexo. Soidade", publicado hai un par de semanas no Sermos Galiza.

Pódese ver, e tamén se pode baixar, clicando na imaxe ou aquí.

16 de jul. de 2015

Atravesar o fantasma continúa entre os poemarios máis vendidos. Grazas!


Recibín con alegría a nova de que Atravesar o fantasma continuou no mes de xuño entre as obras de poesía máis vendidas no noso idioma, xunto con outros magníficos títulos. Os datos, como de costume, son os que proporciona Ramón Nicolás coa súa pesquisa por moitas das librarías que distribúen volumes en galego.

Só quero dicilo máis unha vez: Obrigadísimo pola acollida!

2 de jun. de 2015

Un fantasma percorre as librarías galegas...

 

O crítico Ramón Nicolás informou da listaxe das obras máis vendidas no noso idioma no mes de maio e, para a miña alegría, aí está de novo, como desde a súa saída hai sete meses, a miña primeira incursión na poesía: Atravesar o fantasma. Obrigadísimo!

Deixo a Lacan que presida esta entrada, pois esa frase que lle podemos ler nesta fotografía (e á cal deu voltas e reviravoltas) é aplicábel a boa parte do xénero lírico e, con certeza, pretendín e pretendo que o sexa para Atravesar o fantasma.

11 de abr. de 2015

"Ao ler ese libro, decidín que tiña que utilizar o galego para todo"


Onte estiven na libraría Biblos de Betanzos para participar nunha conversa por volta da miña última obra, Atravesar o fantasma. Nun poemario sobre a radical singularidade de cada persoa, como é esa, non pode resultar estraño que cada un dos actos de presentación sexa diferente do outro. Nesta ocasión o guía excepcional do evento foi o poeta e editor Miguel Anxo Fernán Vello. Falamos da sensorialidade dos versos e da cita ausente de Lacan; viñeron ás nosas bocas os nomes e as obras de Melanie Klein e Françoise Dolto; comentamos as dificultades para lle pór palabras á dor e ás perdas ou o papel das vidas na poesía e da poesía nas vidas... Foi unha enorme delicia compartir ese serán con toda a xente que alí se congregou!

Após finalizar o acto, un dos homes que me pediu que lle asinase un exemplar díxome que el se achegara até alí pola importancia que tivo na súa vida o anterior título que eu publicara, Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez. "Ao ler ese libro, decidín que tiña que utilizar o galego para todo", comentoume. A súa muller acrecentou, cun enorme sorriso: "Non sabes como sorprendeu a moita xente! Tamén no traballo se puxo a falar en galego!!!"

É verdade que non é a primeira ocasión que me din algo así por volta deste libro ou do seu siamés Como defenderes os teus dereitos lingüísticos. O caso é que, cada vez que me comentan algún deses seus froitos, non podo máis que pórme feliz, moi feliz, e coller forzas para continuar adiante no activismo en defensa do noso.


[Na ilustración, listaxe dos libros máis vendidos na sección "Gramática" en Amazon no conxunto do Estado español este sábado. A demanda de Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez é un bo sinal para o noso idioma, que moitos quererían ver como un moribundo.]

27 de mar. de 2015

Miquel Bassols: "Unha análise debe levar ao punto en que un suxeito se faga responsábel do seu desexo, con todas as súas consecuencias"

Penduro completa a entrevista con Miquel Bassols do número da revista Luzes publicado o mes pasado. As fotografías son de Pauloff.



Miquel Bassols, presidente da Asociación Mundial da Psicanálise: "Se Woody Allen se analizase cun lacaniano, os seus filmes terían outros finais"

"Unha análise debe levar ao punto en que un suxeito se faga responsábel do seu desexo, con todas as súas consecuencias"

A técnica psicanalítica estabelece que a cura se ha de alicerzar nunha palabra guiada pola asociación libre; isto é, a persoa que se analiza debe dicir na sesión, sen censura, todo aquilo que lle veña á boca. A cousa é máis difícil do que parece e por iso o principal continuador de Freud, Jacques Lacan, aseverou que en realidade a asociación libre é a menos libre das asociacións. Por que non guiarmos, pois, a entrevista co presidente da Asociación Mundial da Psicanálise, Miquel Bassols, aínda que só fose en parte, segundo esa regra? Así, propuxémoslle a esta referencia internacional na súa área un conxunto variado de citas co pedido de que el asociase libremente a partir delas. A conversa permitiunos debruzarnos sobre moitos temas sobre os que a centenaria Psicanálise se nos amosa máis actual que nunca.

Seguro que non fai falta que che indique quen escribiu a primeira cita: "Desira e viuràs" ("Desexa e vivirás").
Ah! Esa frase foi para min un encontro, un encontro na obra absolutamente ampla e alucinante do filósofo, teólogo, lóxico, precursor da informática... Tantas cousas que poderiamos dicir de Ramon Llull!
"Desexa e vivirás". Esa sería unha consigna para toda unha vida. Foi, con certeza, o lema para unha vida como a de Ramon Llull. É un imperativo ético, mais chamoume a atención que se puxese sobre o desexo, como o que é o desexo en Llull, que non é a satisfacción, que non é o pracer. É para el un traballo incesante que lle fixo percorrer todo o mundo da súa época, até os oitenta e pico de anos, cunha serie de andanzas e carreiros que darían para un filme excelente, por outra banda, porque tivo unha biografía moi rocambolesca.
O caso é que sempre se moveu por ese imperativo: "Desexa e vivirás". O que é dicir: pensaba a vida e a posibilidade de estar vivo como unha consecuencia do desexo. Era dar ao desexo unha forza que encontramos tamén no ensino de Lacan, cando fala do desexo do suxeito como aquilo que o move e que está no fundamento mesmo do seu sofremento...

Que o desexo está mesmo no fundamento do seu sofremento?
Si, do seu sofremento, porque o desexo tamén nos fai sofrer. Cando queremos algo realmente, aceptamos sofrer, aceptamos certo grao de malestar, e é moi importante ter esa dimensión. Non hai ningún tipo de adquisición cultural mais tampouco de adianto no saber subxectivo que non implique certo sofremento. Iso, en efecto, parécenos agora moi difícil dicilo en segundo que lugares, mais hai que reivindicar o certo grao de malestar, de para alén do principio do pracer, que implica o desexo. Cando hai un desexo serio, cando hai un desexo decidido, un está disposto a certos inconvenientes na vida e a sacrificar certas cousas. Esa é a dimensión ética de Ramon LLull, en pleno século XIV, anticipando algo do que está en Lacan: tomar a serio o que un desexa  para saber levalo a cabo, a pesar de que puider haber un certo grao de despracer niso e sabendo que o que se obtén é moito máis pracenteiro. Cando un atravesa esa pantalla do suposto benestar no pracer e se toma a serio o seu propio desexo, non só produce novas cousas, senón que ademais obtén un plus de satisfacción que é moito maior do que esperaba.
Así, "Desexa e vivirás", que puxen como exordio na miña tese de doutoramento, paréceme un bo lema, que combina totalmente coa ética do desexo que introduciu Lacan coa Psicanálise do seu tempo.


A seguinte é unha frase de Paul Auster, que se entronca un pouco co que acabas de comentar: "Non é que escribir me produza un gran pracer, mais é peor se non o fago".
Si, con certeza, vai nesa mesma liña. Xusto estes días estou a ler o seu Report from the Interior. É  un relatorio sobre o máis íntimo, unha especie de romance-diario que nos formula doutro xeito como facer da intimidade algo que se poida expor, que se poida transmitir; como facer do espazo interior un espazo exterior tamén. Nese traballo Paul Auster segue a máxiama luliana, se se pode dicir.
A experiencia do escritor, cando é unha verdadeira experiencia, sempre ten esa dimensión. Marguerite Duras tamén dicía que lle resultaba inaturábel escribir, mais que non podía non facelo, que non facelo era corenta veces peor. Achéganos tamén esa idea de que cando hai o desexo posto nun traballo implica un punto de sofremento que se está disposto a atravesar para producir algo novo. Paul Auster é un bo exemplo no campo da literatura para nos debruzarmos sobre esa dimensión, que achei tamén en moitos autores actuais que dan conta desa "tortura" (chegan a dicir) da escrita, mais unha tortura da que non se poden dispensar, porque non poden vivir doutro xeito.

Iso implica que a fronteira ás veces entre desexo e gozo (o gozo é como Lacan denomina a pulsión de morte freudiana) ás veces é tenue?
É tenue, con certeza. Aínda máis: Cando o desexo se leva até as súas últimas consecuencias comeza a aparecer axiña esa dimensión de gozo que implica un traballo, implica un para alén do principio do pracer. Si, implica algo ás veces un pouco torturante. Mais a tortura de pasar diso é moito peor, iso é o que hai que entender. É o que di Paul Auster nesa frase. Se un quere pasar, prescindir ou borrar esa dimensión do traballo do desexo, o que vén despois no síntoma é moito peor.


A seguinte cita para continuarmos co xogo da asociación libre é da figura mítica de Tiresias e que fascinou a Pascal Quignard: "Un vive se non chega a coñecerse".
É unha frase interesante, pois presenta unha disxunción entre vida e coñecemento, entre o feito de vivir e o feito de coñecer. Preséntanola ademais Tiresias, que se movía sempre, como sabemos, nos dous lados da sexuación (tiña ese privilexio, de poder ver as cousas do lado masculino e do feminino, do lado fálico e do non fálico).
Eu diría que é en realidade unha disxunción entre o feito de gozar e o feito de saber, para tomar as categorías de Lacan. Vou traducir a frase de Tiresias: "Non sabemos de que gozamos cando vivimos". Ou sexa, hai algo do gozo propio que se nos escapa irremediabelmente polo feito de vivirmos. Iso formularíanos unha división entre o que cremos saber como coñecemento consciente e aquilo de que gozamos de modo inconsciente, por dicilo coas categorías freudianas. Vivimos na medida en que non somos conscientes daquilo que nos fai vivir, co que vivimos. Gusto da frase na medida en que formula esa división entre coñecemento e desexo ou entre saber e gozo, de que hai algo que nos foxe totalmente.
Mais coido que sería unha frase para lla formular, sobre todo, a un cognitivista porque, precisamente, o coñecemento foi tamén algo moi idealizado, o coñecemento como relación obxectiva co obxecto do saber. Iso é así porque ás veces o ideal de coñecemento obxectivo o único que nos trae é máis ignorancia sobre o saber do noso gozo. Iso ten consecuencias clínicas moi claras. Canto máis tentamos obxectivar formas de tratamento, de traballo ou mesmo de pedagoxía orientadas unicamente na adquisición de coñecementos, máis deixamos de lado aquilo que máis pode conducir a progresos no saber, que é da orde do gozo. De xeito que a frase de Tiresias nos di que, si, gozar da vida implica un punto de baleiro de coñecemento, o cal á vez é moi taoísta.
Todo isto expón unha verdade: preferimos non saber. Freud mesmo chegou a pensar nalgún momento que había unha pulsión de saber, e chegou a acuñar o termo, mais despois decatouse de que iso era moito máis complicado. Lacan parte do presuposto absolutamente contrario: o suxeito non quere saber, non quere saber nada diso. É mellor partir da idea de que hai algo sobre o cal non queremos saber nada que non que queremos sabelo todo, porque non é verdade. Iso comprobámolo os psicanalistas na primeira entrevista, cando o analizante comeza a falar da súa propia vida e axiña aparece a dimensión daquilo do que non se pode falar, do cal é mellor non saber nada, daquilo do que non quixo saber nada e mesmo até o punto que pode ser que fale por vez primeira diso en toda a súa vida cando se dirixe ao psicanalista. Por tanto, é mellor partir desa idea, que por outra banda é absolutamente evidente e clara se un se detén a escoitar un pouco, que é que hai algo do cal non queremos saber nada.

Pois imos agora cun pequeno saber sobre as parellas, a través dun potente verso dunha poeta galega, María do Cebreiro: "Todas as relacións son a distancia".
Eu só poría un matiz: "cada" relación é "unha" relación a distancia. Así sacámonos de enriba o "todas" as relacións, porque non sei o que son "todas" as relacións. É mellor velas unha por unha.
Iso resóame inmediatamente coa idea lacaniana de que "non hai relación sexual"; dito doutro xeito: non hai relación que poida levar a unha unidade mística. Se Lacan coñecese ese verso de María do Cebreiro daríalle moitas máis voltas sen dúbidas das que eu lle darei. Mais a primeira que eu lle daría sería que "cada" relación é a distancia na medida en que a distancia entre o un e o outro é insalvábel. Iso para Lacan tivo unha tradución directa: "non hai relación sexual", que quere dicir que non hai nada dun sexo que conduza inevitabelmente para o outro, hai unha distancia insalvábel que suplimos do xeito que podemos. Normalmente, coas nosas fantasías, co síntoma... con múltiplas formacións que inventamos para cubrila.
Mais é certo, hai unha distancia irredutíbel en toda relación, que é tamén a que fai que un pense que hai relación. Se esa distancia se extinguise, un xa non podería pensar nin que hai relación. Si, a idea de relación inclúe a necesidade dunha distancia.
Iso conéctase tamén coas relacións entre as linguas, as culturas, o Outro, o estranxeiro... Lévi-Strauss sostiña, en contra doutras políticas de integración absoluta, que ás veces é mellor manter os lugares separados, para que algo dunha relación se faga posíbel. Iso vai contra a idea de integración, de homoxeinización, ás que nos vemos levados con moitas políticas culturais, mesmo a nivel pedagóxico. Por exemplo, eu vin iso no problema da integración a calquera prezo das crianzas autistas nas aulas das escolas. Iso produce estragos brutais, para a crianza autista e para as outras.
Mais tamén podemos falar diso no campo das culturas. Ás veces, é mellor ter a idea de que hai que vivir simultaneamente nos mesmos espazos mantendo as distancias e o respecto ás particularidades, ás formas de gozo diferentes. Canto máis un quere unificar as formas de gozo, nunha relación unitaria, abolindo as distancias, máis problemas de segregación nos encontramos. Iso sería unha consecuencia política do verso desa poeta galega que daría sen dúbidas para facer todo un seminario.

Continuamos con versos, desta vez tirados dunha canción dos exitosos Manel: "Però no saben que ésser atractius també pot comportar viure en un malson." (Mais non saben que ser atractivos tamén pode comportar vivir nun pesadelo.)
Esta é unha frase para lanzar aos defensores desa  sacralización do corpo, do belo, da última moda, da imaxe que se nos vende... Mais comezaría subliñando as tres primeiras palabras: "Però no saben". Hai algo que non sabemos e que nolo podemos aplicar a cada un. Els Manel seguramente se poidan aplicar iso porque, con certeza, foron moi aprezados e tiveron un éxito grande mais, ás veces, eles mesmo han de saber que ser tan aprezado pode conducir a un pesadelo. Sobre todo o pesadelo de que un non sabe que é para o outro.
Hai personaxes que toman unha vida pública polo seu suceso, pola súa difusión, pola súa publicidade, polo seu lugar na política, etc. e entran axiña nese conflito. Iso ás veces escóitase en suxeitos que veñen á análise: persoas coñecidas que chegan e moi cedo fan aparecer ese pesadelo que supón seren confundidos coa súa imaxe pública ou co que, aparentemente, é máis agradábel deles.
Tiven oportunidade de ouvir actores que sofreron tanto diso que se colapsaron no exercicio da súa profesión. E é certo, porque ese culto ao atractivo, á imaxe de aparencia, ese culto ao semblante (para tomarmos un termo lacaniano), ao semblante como aparencia por si mesmo, pode levar ao pesadelo de ser confundido con esa aparencia. Porque o pesadelo aí cal é? O pesadelo é que aí un fica reducido a ser o obxecto da ollada do outro. Mais todos estamos baixo esa lei na contemporaneidade. Mesmo existe iso que desde hai xa tempo se chama o minuto de gloria de cada un, que é ser contemplado pola televisión, por todos os espectadores. Ter o minuto de pequena tortura, dosificada. Mais se non é un minuto senón horas, días, anos... Con certeza, aí vén o pesadelo.


A seguinte é dun filme, Born to be Bad: "Quérote moito. Desexaría gustar de ti!"
Dito doutro xeito: "Quérote moito, mais oxalá puidese gozar de ti, xa que non hai as condicións de gozo". Esa frase amósanos o paradoxo irredutíbel entre o amor e o gozo, que non van ao mesmo paso. Son dous campos disxuntos, que teñen puntos de intersección e o problema é como encontrar eses puntos.
Lacan gustaba de evocar o libro bíblico do Eclesiastés onde se di que o problema é amar daquilo de que un goza e gozar daquilo que un ama. Iso pódese aplicar ás parellas, sen dúbida ningunha, e de feito todos os problemas da clínica das parellas xiran ao seu redor; ouvimos ao mesmo tempo o "quérote moito" e o "mais teño problemas para gozar daquilo que quero". Boa parte da problemática dos síntomas e malestares actuais sitúase nesa disxunción do amor e o gozo. Eu mesmo diría que unha psicanálise é aquilo que ten por obxectivo gozar daquilo que un ama e amar aquilo do que un goza, aínda sen o saber. A primeira cuestión difícil xa é saber do que un goza realmente.
Boa parte das persoas que veñen a vernos fano baixo o peso que subxace nunha frase como a que aquí está dita nun ton máis humorístico.

E a última talvez sexa un resumo, ou non, de todo o proceso de psicanálise. De feito, é de Woody Allen, a quen en boa parte se lle debe a iconografía cinematográfica desta técnica. Imos coa cita. No seu filme Maridos e mulleres a personaxe do escritor termina o romance con esta frase: "Pode que, no fondo, se trate de non lle pedir demasiado á vida". Sería isto a conclusión da pasaxe polo diván ou é talvez demasiado pesimista?
O primeiro problema é vermos que é o que encarna a vida para cada un. Aí a vida está posta no lugar do Outro a quen un lle pide algo ou mesmo lle exixe algo. É certo que lle reclamamos á vida cousas que a vida non pode dar e, por iso, ás veces concluímos que nos maltrata. É un sentimento moi de Woody Allen, que hai algo inxusto na vida, que un non sempre está satisfeito.
Porén, acho que sería demasiado simple reducilo a que debamos axeitarnos á frustración da vida. Penso que ese é un discurso inclusive moi americano, de adaptación á realidade para conseguir todo o que for. Máis ben habería que tomalo como unha condición inherente ao desexo humano, que está destinado a ser por si mesmo insatisfeito. É o que o define: onde hai desexo, hai insatisfacción e, por tanto, hai un motor.
O que non parece soportábel é resignarse a non obter da vida o que un quere. O suxeito lacaniano é o que non se resigna ante o outro, ante o Real tampouco; que non abdica ante esa condición de estrutura, que é que a insatisfacción é inherente ao desexo. Non se resigna, senón que leva ese desexo sempre un pouco alén.
Agora que o dis, vin sempre que moitos finais de Woody Allen deixan o suxeito á mercé dese destino inefábel. A miña hipótese é que iso é porque non se analizou cun lacaniano. Porque a liña maioritaria da Psicanálise estadounidense finalmente si  renuncia, "hai que adaptarse a esa frustración da realidade, render as armas ante iso para vivir mellor e deixarse de tantas historias". Penso que, efectivamente, se se analizase cun lacaniano non terminaría os filmes dese xeito.
Encántame Woody Allen, mais penso que os seus finais marcan os límites da súa análise. Se for un pouquiño máis alá (aínda está a tempo) poría o suxeito do desexo como responsábel daquilo que finalmente escolle e que debe escoller.
Match Point é para min un bo exemplo, cando a pelota se detén na rede e hai unha foto fixa, sen sabermos se vai caer dun lado ou outro do campo; como se o suxeito estivese inerme e incapaz de decidir sobre o seu desexo, sobre a súa culpa, sobre a responsabilidade do que fixo na súa vida. Por iso saín de ver ese filme enfadado con Woody Allen. Non! Tes que facerte cargo de que lado vai caer a pelota! Non pode ficar nese punto de "o outro decide por min e eu non podo facer nada"!
Máis ben é ao revés: unha análise debe levar ao punto en que un suxeito se faga responsábel do seu desexo, con todas as súas consecuencias. O suxeito escolle de que lado do campo vai caer a pelota de tenis, non é o Outro. Nese punto, a psicanálise lacaniana aposta decididamente para que o suxeito se faga responsábel do seu propio desexo e dos seus propios actos.

16 de mar. de 2015

"Ou tes feridas, ou non tes vida"

http://montsedopico.com/entrevistas/carlos-callon-non-hai-forma-de-vivir-sen-feridas-ou-tes-feridas-ou-non-tes-vida/
A xornalista Montse Dopico publica no seu portal M_ esta conversa arredor de Atravesar o fantasma.

As entrevistas e os encontros sobre o libro lévanme a un certo traballo de elaboración por volta dos significantes que van no poemario en negro sobre branco, e tamén arredor dos que van simplemente en branco. Este labor de delimitación de novos anacos de real que se atoutiñan nos versos fai que nesta ocasión dea algunhas respostas novas e matizadamente diferentes.

18 de fev. de 2015

Entrevista con Miquel Bassols na revista Luzes


A técnica psicanalítica estabelece que a cura se ha de alicerzar nunha palabra guiada pola asociación libre; isto é, a persoa que se analiza debe dicir na sesión, sen censura, todo aquilo que lle veña á boca. A cousa é máis difícil do que parece e por iso o principal continuador de Freud, Jacques Lacan, aseverou que en realidade a asociación libre é a menos libre das asociacións. Por que non guiarmos, pois, a entrevista co presidente da Asociación Mundial da Psicanálise, Miquel Bassols, aínda que só fose en parte, segundo esa regra? Así, propuxémoslle a esta referencia internacional na súa área un conxunto variado de citas co pedido de que el asociase libremente a partir delas.
A conversa permitiunos debruzarnos sobre moitos temas sobre os que a centenaria Psicanálise se nos amosa máis actual que nunca.

Podedes ler a metade na páxina web e, completa, no exemplar en papel deste mes, o número 14.

Desde a revista realizaron algunhas pequenas porén simbólicas modificacións lingüísticas sobre o que eu escribín sen me preguntaren o meu parecer, algo co cal evidentemente estou en desacordo. Porén, iso non diminúe en absoluto o meu aplauso a esta publicación e mesmo o agradecemento polo traballo tan xeitoso e útil que realizan.

14 de out. de 2014

A cuberta de Atravesar o fantasma

 

A editora Xerais xa pendurou da súa páxina web a cuberta do meu poemario Atravesar o fantasma. O libro comezará a se distribuír dentro de máis ou menos un mes (aínda que xa vin librarías que abriron a posibilidade da reserva electrónica; cousa dos novos tempos).

Esta cuberta está deseñada por Miguel Vigo e a fotografía é do artista Pauloff, a quen lle propuxen partirmos do cadro "Virgin of Sorrows" de John Kirby. A imaxe resultante concentra moito, moito do que expreso no poemario. É evidente tamén a vinculación coas cabezas cubertas de Magritte -que eran á súa vez un dos exemplos dos cales botaba man Lacan para explicar o significado do fantasma-. Estou moi contento, pois, por ver como conseguimos que o primeiro contacto coa obra sexa un bo anticipo do que se pretendeu transmitir cos versos que nela se conteñen.

A vós que vos suxire?

14 de abr. de 2014

Nós, os marcianos

Na semana que está a entrar realízase en París o IX Congreso da Asociación Mundial da Psicanálise, debruzado sobre o tema "Un real para o século XXI". Para iso, no web do Congreso abriuse unha sección de textos breviños que se achegasen á cuestión do real (no senso lacaniano do termo) nestes nosos tempos. Eu participei co seguinte apuntamento, nun dos estándares do noso sistema lingüístico admitido nesta reunión internacional:



21 de abr. de 2011

O sol da tristeza

Onte comprei o libro O sol da tristeza, de Fidel Vidal, con introdución de Xosé Luís Axeitos e epílogo de Manuel Fernández Blanco. Este breve e revelador ensaio atrapoume coas súas reflexións sobre a importancia da figura do pai na obra manoelantoniana.

Axeitos di, con toda a razón, que se contén nestas páxinas unha "interpretación novidosa da obra e da vida do poeta rianxeiro", o cal non é pouco tendo en conta as moitas atencións críticas que mereceu. Este "proceso de reconstrución lectora (...) vulnerará os nosos hábitos familiares con Manuel Antonio".

Non me vou resistir a citar algunhas liñas do epílogo, para vos deixar coas ganas de lerdes máis:

Fidel Vidal móstranos dun xeito clarificador como, en toda a obra de Manuel Antonio, se destaca a presenza da morte, de aí a tristeza melancólica que envolve todo o seu poemario. Poemario que, como tan ben nos sinala Fidel, leva por título De catro a catro, cando catro son os anos que tiña o autor cando morreu o seu pai, no ano 1904.

(...) a letra gravada no máis íntimo do seu ser, está representada polo que, do seu pai, lle transmitiu a súa nai. Transmisión gobernada pola función da vergoña e do segredo. A vergoña e o segredo constitúen as claves de transmisión, máis eficaz, da débeda inconsciente. A nai de Manuel Antonio temeu sempre polo contaxio, temeu que, o seu fillo, levara a marca do pai, a súa enfermidade.

Así é como Manuel Antonio recibe da súa nai a metáfora paterna baixo unha significación mortífera. Cuestión, esta, tan ben ilustrada por Fidel Vidal tomando apoio nas teses de Jacques Lacan. En efecto é, no discurso da nai, onde se introduce, para todo neno, a función paterna, o nome do pai, a súa metáfora.

Metáfora terríbel no caso de Manuel Antonio que, no discurso-temor da súa nai, no que esta dicía e, aínda máis, no que calaba, colocábao como un ser prometido á morte prematura. Manuel Antonio debía unha vida e empeñouse en pagala.

A súa historia é a dun home que busca, inconscientemente, a morte. Tentou alistarse para combater, ao lado dos franceses, na I Guerra Mundial, quixo combater na guerrilla de Sandino en Nicaragua e intentou enrolarse nun navío ruso para participar na revolución bolxevique. Todos estes intentos foron fallidos. Máis preto da morte estivo en 1925, cando recibiu unha navallada.

No ano 1926 embarca no pailebote Constantino Candeira e escribe De catro a catro. Adícallo ao seu capitán que, como Fidel Vidal nos sinala, é unha figura do pai especular, un par, un pai amábel. Unha figura do pai pacificador na súa busca do pai. Pero o pai máis real é a morte mesma. Esa morte que latexa nos poemas que escribe. Morte que é a marca, a cicatriz fundamental, do suxeito: "o barco foi percorrendo as cicatrices sentimentaes".

Escribe, así, a obra do seu ser de despedidas. Fidel Vidal destaca como, cando Manuel Antonio escribe o gran poema da despedida, "Adeus", que pecha o seu poemario, o autor era consciente da súa doenza. Sen embargo continúa embarcándose e faino, finalmente, nun pesqueiro onde as duras condicións de traballo agravaron a súa enfermidade, que el mantén en secreto. Cuspe constantemente sangue pero fuma, come mal e non adoita ningún coidado. ¿Poderíase poñer un exemplo máis claro do que é a pulsión de morte?

5 de dez. de 2009

Na mesma pedra

Por que tropezamos, non dúas, senón tantas e tantísimas veces na mesma pedra? Seguro que todas e todos nos temos feito a mesma pregunta cando menos tantas veces como encontróns tivemos.

No blog da Escola de Psicanálise Lacaniana do Estado español escribiu ao respecto a psicanalista madrileña Rosa María López, cuxo texto paso a reproducir traducido á nosa lingua, porque me parece moi suxestivo. Tamén podedes consultalo, nesta ligazón, na súa versión orixinal en castelán.

Estamos condenados a repetir?, por Rosa María López

A repetición que se impón como unha condena é aquela que, desde a consciencia, quereriamos evitar pois actúa na contra dos nosos intereses. Por que algúns seres humanos se ven abocados a unha vida de sucesivos desencontros? Que forzas escuras son as que desexan o noso mal? Hai un xenio maligno que se divirte cos nosos tropezos? Como pode darse unha lóxica tan inexorábel que nos conduza sempre ao mesmo erro?

Se o fenómeno da repetición no comportamento do ser humano é unha constatación histórica, a súa causa foi sempre un enigma. A figura do destino é unha tentativa de resposta que os gregos levaron ao máximo da súa expresión. É Edipo Rei quen, sen o saber, realiza todos os actos que o conducirán ao cumprimento dun destino que fora escrito polos deuses antes do seu nacemento. Vémonos entón condenados a un determinismo absoluto que rexe a nosa vida sen nos conceder ningunha marxe de elección ou todo obedece a un puro azar?

Que pensa a psicanálise do destino e do azar? Debemos dicir que Freud era implacábel coa figura do destino, sostendo a idea de que o suxeito non é vítima pasiva dunha vontade externa, senón que está implicado nos acontecementos da súa vida. Para defender esta tese utiliza numerosos exemplos da clínica tanto de homes como de mulleres nos cales se demostra como todas as relacións que estabelecen co próximo terminan da mesma maneira.

Ante semellante perseveranza do mesmo, Freud non acepta a coartada do destino, nin tampouco a do azar, pois achamos nestas ocasións actitudes activas do suxeito, trazos de carácter permanentes que se traducen na repetición das mesmas experiencias psíquicas.

Se seguirmos a lóxica do inconsciente, teremos de admitir que os seres humanos fabricamos o noso destino porque falamos, ou para sermos máis precisos, porque somos falados. Cremos que dicimos o que queremos, mais é o que quixeron os outros, especialmente os nosos pais con algúns ditos que nos alcanzaron de xeito contundente. Somos falados por estrutura e, por mor disto, tecemos, cos azares da vida, unha trama argumental. É a esta trama á que chamamos destino.

Compulsión de repetición ou neurose de destino, a cuestión é que o estilo dunha vida está feito cunha frase da que non somos autores e que se repite, diversamente modulada, ao longo da nosa existencia.

Notemos que cando falamos de repetición o acto está sempre en xogo. O acto aparece alí onde non se chega co pensamento.

Freud advertiu de que por máis que se elaborase, interpretase ou construíse, o síntoma non desaparecía completamente senón que máis ben volvía como un cometa, aínda que cun ciclo máis curto. Se a histeria lle abriu a porta do inconsciente, o síntoma obsesivo entregoulle unha chave que non vira tan claramente, pois comprobou que o fundamento mesmo do síntoma era a repetición compulsiva.

Por que nos vemos forzados á repetición? Esta é a pregunta que provocou na traxectoria de Freud unha mudanza de rumbo fundamental, sendo a causante das súas teorías máis audaces e controvertidas. Seguindo o rastro das distintas figuras da repetición, Freud franqueou a fronteira que traza o principio do pracer, para descubrir que a pulsión que anima a vida humana non é outra que a pulsión de morte.

Seguro que todos os presentes coñecen persoas cuxas vidas están trazadas de tal xeito que sempre conducen ao mesmo desenlace: O Filántropo, dinos Freud, ao que todos os seus protexidos, por diferentes que foren, abandonan irremisibelmente con rabia en troca da gratitude que era de agardar. Os homes para os que toda amizade termina en traizón. Os amantes cuxas relacións co outro sexo pasan polas mesmas fases e finalizan do mesmo xeito. Nós podemos pór outros moitos exemplos: Os que sempre son enganados polos demais. Os que enganan unha e outra vez. Os delincuentes que foxen da xustiza e cando poderían liberarse tornan a delinquir unha última vez, sendo novamente apresados. As mulleres maltratadas pola súa parella que, despois de pasaren polo inferno da separación, volven co maltratador. Por suposto, as adicións levan o selo da repetición máis compulsiva.

Se seguirmos o camiño aberto por Freud, se formos fieis ao máis radical da súa descuberta, non podemos concibir o inconsciente sen a idea dunha repetición que vai para alén do principio do pracer.

Lacan no Seminario XI sérvese da teoría que Aristóteles desenvolve no seu estudo sobre a función da causa, apropiándose de dous dos seus termos: o Automaton e a Tyche.

O Automaton é usado por Lacan para dar conta da insistencia dos significantes rexida polo principio do pracer, mentres que a Tyche nomea o encontro co real que corresponde ao terreo do para alén do principio do pracer. Toda a pesquisa de Freud amosa como a súa gran preocupación está centrada naquilo que foxe ao principio do pracer.

Pois ben, a repetición non é unicamente o Automaton como retorno dos significantes, senón que ten a ver ademais coa Tyche que definimos como encontro co real, o que é equivalente a un mal encontro. Agora podemos acrecentar que se trata sempre dun encontro frustrado.

Estamos ou non condenados a repetir? É posíbel que o suxeito se libre completamente da compulsión a repetir? Tanto Freud como Lacan responderían claramente que non, porque hai un traumatismo estrutural que nos funda como suxeitos falados e que non é susceptíbel de eliminar. Este nivel do trauma non obedece a ningunha continxencia particular senón que é intrínseco á condición humana e, polo tanto, incurábel.

A repetición, pois, é consubstancial á existencia do inconsciente e da pulsión, que sempre se repiten.

Agora ben, hai un aspecto da repetición que a análise ten que reducir, sen dúbida, pois como defensa ten unha contrapartida demasiado cara. A repetición é unha carga pesada que o suxeito “hala” para sempre e que o lastra condenándoo ao fracaso e á acción tanática da pulsión. O que fixo a súa análise pode librarse desa carga que arrastra repetidamente. A psicanálise aposta pola marxe de elección que cada un ten ao seu dispor e coa que pode fabricar respostas diferentes e insospeitadas para o mesmo. Respostas coas que agora pode reaccionar doutro xeito fronte aos acontecementos traumáticos que a vida nos depara inevitabelmente, facendo va a repetición. Trataríase de se resistir a converter as continxencias desgrazadas da vida nunha miseria necesaria, saber perder sen ficar identificado ao perdido como ocorre na melancolía, apostar polo desexo aínda que este sexa inalcanzábel e non se deixar caer no gozo do mártir, actuar sen garantías mais aceptando a responsabilidade.

Como se consegue este resultado? Non hai unha fórmula preestabelecida, mais sabemos que para o conseguir é necesario desprenderse daquilo que nos fai sufrir, mais ao que, de forma rechamante, nos aferramos: as marcas do Outro, e a ganancia de gozo adquirida no pasado.

Usando unha metáfora podemos dicir que vimos ao mundo cunhas cartas determinadas coas que teremos que organizar a nosa xogada. A algúns tócanlle unhas cartas moi boas e a outros moi más, isto é un feito. Non é o mesmo ser muller en Europa que en Afganistán. Mais vimos moitas veces gañar con cartas más e á inversa. Cal sería o valor ou o interese dunha psicanálise se ao final non conducise a unha repartición distinta das cartas aínda que o seu número e a súa figura estean fixadas de antemán? A experiencia da psicanálise non promete ningunha orde de curación ideal, mais si pode afirmar que serve para producir algo inédito, inventado ou novo, nun movemento que vai da repetición ao acontecemento.

[Nota da tradución: A principal dúbida que tiven é na frase “La repetición es una carga pesada que el sujeto ‘hala’ de por vida”. Penso que se refire metaforicamente (e de aí as aspas) ao verbo ‘halar’, tamén así grafado en estándar galego (aínda que non en portugués, onde sería ‘alar’). Este verbo significa, entre outras cousas, ‘tirar do remo cando se voga’, co cal as ideas de repetición e empuxe fica claras e perfectas para o contexto.]

7 de set. de 2009

Damas, concubinas e mecenas


Velaquí o meu artigo desta semana en Galicia Hoxe:

Damas, concubinas e mecenas
As nosas antepasadas e a literatura culta medieval


Calquera persoa que cursase algunha vez no ensino a literatura galego-portuguesa medieval coñece as ideas xerais sobre a presenza das mulleres no espectáculo trobadoresco, que é na verdade ausencia e marxinación. A dama ou moza cantada nos xéneros amorosos configúrase incorpórea ou tópica, e non chegou até nós ningunha composición que poidamos testemuñar como escrita polas nosas devanceiras.

Lembremos que as cantigas de amigo, como algúns maldizeres apostos, están en boca feminina, mais non pasan de ser os travestimentos vocais dun varón, nun xogo que subliña aínda máis a exclusión real do suposto obxecto de desexo. Sobre as barreiras (auto)impostas no amor cortés, sobre todo na lingua de Oc, realizou unhas reflexións ben suxerentes Jacques Lacan, que tamén son aplicábeis para a outra grande lírica baixomedieval en lingua romance, a nosa; aínda que no artigo de hoxe non imos adentrarnos máis por ese camiño, non podo deixar de citar ao psicanalista francés: “O amor cortés é o máis enxeñoso que se inventou: suple a ausencia de relación sexual finxindo que somos nós os que a obstaculizamos”.

Entre Ave e Eva

O coñecemento básico e común sobre o tema é o bosquexado nas primeiras liñas, mais por fortuna as investigadoras e os investigadores van abrindo novos espazos de observación e reflexión que nos permiten entender de forma máis completa a presenza das mulleres no trobadorismo en galego e da literatura medieval culta en xeral. O libro Damas, santas y pecadoras. Hijas medievales de Eva, do profesor Rafael Mérida, na editorial Icaria, repensa e convídanos a repensar o tema.

Nesa obra, o docente da Universitat de Lleida compila trece textos diversos, falándonos das trobairitz e das trouvères femininas, de amazonas e de imagoloxía lésbica, das xigantas e da configuración da Dulcinea del Toboso, chegando tamén alén dos limites temporais do medievo. Nas súas palabras: “Estamos a descubrir novas coordenadas e estamos a dar voz a moitas mulleres, históricas e literarias, que foran esquecidas, menosprezadas ou postas de lado. Estamos a descubrir tamén que debemos aprender a reler os clásicos e debemos desentrañar a través de que vías as nosas antepasadas se apropiaron ou transformaron os aplastantes discursos masculinos”.

Autoría feminina

En primeiro lugar, o que temos que recoñecer é que sobre a Idade Media, e en concreto sobre a nosa lírica medieval, sabemos máis ben pouco e que, sobre iso que chegou até nós, tentamos reconstruír o posíbel. Decatémonos: se for polos textos conservados en territorio galego (ningún!), a existencia das cantigas non pasaría de ser unha hipótese. Fronte ás trobadoras coñecidas, por exemplo en Cataluña, das que se conservan os textos ou ao menos os seus nomes, non temos ningunha mínima proba que faga pensar que iso mesmo aconteceu na nosa lingua en ningunha das múltiplas cortes señoriais onde se escribiu, cantou e propagou.

O filólogo austríaco Wilhelm Scherer considerou a finais do século XIX que moitos poemas medievais en alemán postos na voz dunha muller poderían ser na realidade de autoría feminina. Desde unha perspectiva lóxica e racional, cae de caixón aceptar como teoría válida que o anónimo non ten por que ser masculino e que hai razóns históricas moi fortes, nunha situación patriarcal e fondamente misóxina, para eliminar a pegada autorial das mulleres. É xusto a iso ao que se referiu Virginia Woolf cando en 1929, n’Un cuarto propio, aseverou con moita ironía: “Na realidade, atreveríame a dicir que Anón, que escribiu tantos poemas sen os asinar, foi con frecuencia unha muller”.

No noso ámbito, hai tamén quen adheriu a estas hipóteses, como a profesora Ria Lemaire, da Universidade de Poitiers, ou a catedrática Camiño Noia, da Universidade de Vigo. No entanto, como ambas saben, son teorías imposíbeis de contrastar e que en moitos casos teñen o risco de caer de cheo no terreo da especulación.

Cos datos que temos agora mesmo, se alguén pregunta se houbo mulleres que escribisen cantigas en galego-portugués, a resposta debe ser negativa. Iso non quita, claro, que lembremos que todo o que chegou a nós desa época é só a punta do iceberg do que na realidade se escribiu. Recordemos, con humildade ante a repetición das aseveracións fixadas na época contemporánea, que as composicións que conservamos do longo período que duraron as escolas trobadorescas en galego medieval dan un promedio de 10 cantigas profanas ao ano. Sen dúbidas, é moito o que se nos escapa.

Caixa negra

Ben para alén dos tópicos das cantigas de amigo ou de amor, e quitando a información que nos achega a fragmentaria Arte de Trovar, a verdadeira caixa negra do noso espectáculo trobadoresco son as cantigas satíricas, as cales, por certo, a diferenza doutras épocas históricas, formaron parte dun xénero canónico e ben estabelecido. Non eran nada marxinais, a pesar da súa obscenidade e, en ocasións, mesmo sacrilexio.

Unha das grandes protagonistas do repertorio de escarnio e de maldizer é a figura da soldadeira, nome proveniente da soldada que cobraban ou talvez de acompañaren os soldados, como prostitución organizada, tal e como ben acreditan numerosas crónicas en diferentes etapas históricas, tamén nesta. Moitas veces ían alén de recibiren remuneración polos seus servizos sexuais, senón que entraban nunha sorte de concubinato que é ben diferente do que os nosos preconceptos poderían facernos ver de xeito retrospectivo.

As concubinas, grazas á súa situación periférica, mantiñan unhas marxes de actuación e incidencia política e social superiores ás das damas casadas. Entre outras accións consideradas heterodoxas para o seu sexo, podían ter un maior acceso á cultura escrita e participar nos xogos trobadorescos, a través da danza, de tocar algún instrumento musical e, é probábel, do canto. Pódese supor que isto último sería sobre todo nas cantigas de amigo, aínda que non temos tampouco razóns para descartar as interpretacións por parte de varóns, que darían lugar a unha escenificación moi próxima á coñecida do posterior teatro isabelino, onde eran tamén homes os que actuaban nos papeis femininos. No caso da lírica galego-portuguesa medieval, algunhas concubinas tiveron un grande protagonismo e mesmo poder, como pode ser a coñecida e tan suxerente soldadeira María Balteira.

Un outro aspecto que aborda Rafael Mérida é o das mulleres mecenas. Para o caso galego, hai un estudo moi recomendábel da profesora Yara Frateschi Vieira, En cas Dona Maior, editado por Laiovento. É unha mágoa que Mérida non o utilizase para a elaboración deste seu libro, porque o estudo da investigadora brasileira dá as chaves para abrir novas portas, aínda que conclúa que, en base á información de que dispón, non se poida determinar que Dona Maior exercese o mecenado. Mais, de novo con humildade, temos que recoñecer que sabemos moi pouco sobre como funcionaron as cortes señoriais, nas cales había tamén mulleres, moitas delas en clara situación de poder.

Quero insistir un pouco nesta última idea, porque unha visión simplista do patriarcado e da Idade Media pódenos levar a unha serie de prexuízos indesexábeis. Como lembra a catedrática de Historia Medieval María-Milagros Rivera Gareta, “o alleamento das mulleres cara á política con poder foi, sorprendentemente, menor na Europa feudal que no Occidente capitalista” (no seu libro La diferencia sexual en la historia, editado pola Universitat de València).

A participación das mecenas no espectáculo trobadoresco é un fío moi suxerente polo que tirar. Cómpre lembrarmos que a maioría dos autores do noso trobadorismo costumaban depender materialmente dos gustos alleos, entre os que merece salientar os das damas nobres. Podería ser, así, que non compuxesen directamente os versos, mais si que procurasen quen escribise por elas aquilo que quererían poder ouvir.