Mostrando postagens com marcador feminismo. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador feminismo. Mostrar todas as postagens

5 de mai. de 2017

Mulleres, nais e outras posicións femininas do ser

Hoxe e mañá desenvólvense na Fundación Paideia Galiza na Coruña as xornadas "Mulleres, nais e outras posicións femininas do ser", organizadas polo Instituto do Campo Freudiano. No sábado ás 10 h participo nelas cun pequeno relatorio titulado "As damas primeiro".

Sexta feira (venres) 5 de maio

16.30 h - "A muller non existe", Carmen Garrido

17.00 Flashes - 1
"Psicanálise, feminismos e os seus des-encontros", Carolina Iglesias.
"Feminismo e feminilidade", Marta Maside.
"Os avatares da sexualidade feminina", Iria Rodríguez.
"Eu son...", Begoña Yáñez.
Coordina: Carmen Garrido.

18.30 Descanso.

19.00 Mesa 1
"Máis alá da verdade, aínda que sexa medio dita", Pilar Devesa.
"Entrecruzamentos: muller e nai", Eugenia Insua.
"A nai, síntoma da muller", Liana Velado.
"Por que nais...?", Leonardo Vilariño.
Coordina: Iria Rodríguez.

Sábado  6 de maio

10.00 Mesa 2
"Mulleres, nais e igualdade", Manuel Fernández Blanco.
"As damas primeiro", Carlos Callón.
Coordina: Liana Velado.

11.30 Conferencia:
"De mulleres namoradas e de nais", Mónica Marín.
Presenta: Eugenia Insua.

12.30 Descanso.

13.00 Conversa e debate.
Coordina: Manuel Fernández Blanco.

3 de abr. de 2016

Ligazóns ao desvío para un tres de abril

25 de fev. de 2016

E a profesión de Rosalía era...

A profesión de Rosalía era... gobernar a súa propia casa. Ou polo menos así o dicía a súa cédula persoal (o DNI do XIX, vaia), no ano antes da súa morte.

Rosalía de Castro xa publicara neses momentos case toda a prolífica obra que lle coñecemos, mais cargaba co pecado orixinal de nacer muller.

A foto, malísima, é miña. Podedes ver o documento, sen flash que incordie, na Casa de Rosalía na Matanza.

25 de nov. de 2015

Erradiquemos os feminicidios!

Se o PP quere ser críbel no 25N, que expulse a Baltar e poña os medios materiais para erradicar os feminicidios.





17 de nov. de 2014

Música para a segunda feira: Guadi Galego

Na miña casa converteuse nunha especie de banda sonora dos últimos días. Tanto é así que paseando por Santiago vin unha das que aparece no vídeo e case lle pido un autógrafo :)

Supoño que xa o ouviríades quen pasades por aquí, pois só en Youtube xa vai a máis de 5.000 visitas por día:


28 de out. de 2014

Begoña Caamaño

É certo que ante a morte nunca estamos preparadas e que non hai consolo posíbel, mais tamén é certo que hai persoas que, polo seu exemplo vital e pola súa obra, nunca morren. Desas últimas é Begoña Caamaño



- Morre Begoña Caamaño, a voz lila da literatura galega, no Sermos Galiza, o medio que máis profundamente tratou esta triste nova.
- "Begoña Caamaño. Palabras como esporas", Goretti Sanmartín.
- "Pésame polo falecemento de Begoña Caamaño", A Mesa pola Normalización Lingüística.
- "Begoña Caamaño", por Manuel Bragado.
- "No pasamento de Begoña Caamaño", Editorial Galaxia.
- "Comunidades dos afectos", María Reimóndez.
- Begoña Caamaño na Wikipedia.

8 de mar. de 2014

Aí estarei mañá ás 12


Temos a tristura duns gobernos retrógrados, mais a alegría dunha sociedade que non quere renunciar a dereitos tan fundamentais.

O dereito de escoller é a verdadeira aposta pola vida.

25 de nov. de 2013

E diche que nunca máis o vai facer

Historias de diván é unha miniserie arxentina e uruguaia deste mesmo ano baseada en casos clínicos relatados en libro polo psicanalista Gabriel Rolón. Penso que este capítulo que penduro aquí, a historia de vida de Luciana, pode ser moi interesante para a xornada de hoxe, para repensarmos algunhas cuestións sobre a violencia de xénero que van para alén da grave tendencia á indolencia dos poderes públicos.

A parte ficcional sobre a familia da personaxe do psicanalista é un fío condutor de toda a miniserie, que non é necesaria para comprendermos o caso de Luciana, que si é autoconclusivo no capítulo. Se quixerdes ter máis matices e superar as elipses e sínteses propias do audiovisual, podedes consultar toda a información sobre Luciana no libro do Rolón.


24 de mar. de 2013

Auguiña de sete fontes

 - A triloxía Dragal, de Elena Gallego, convértese nun proxecto multimedia. Parabéns e que continúe o merecidísimo suceso!

- "E se fose a princesa a que salvase a Mario?", nova en Praza Pública.

- "A ética do coidado dun mesmo como práctica da liberdade", entrevista a Michel Foucault en 1984.

- Un matrimonio de sexaxenarios irán á cadea por violaren ambos as súas ordes de afastamento, nova en La Voz de Galicia.

- Novo libro de Xosé Ramón Freixeito Mato: Estilística da lingua galega.

- "Rosalía e nós", artigo de Francisco Rodríguez en Sermos Galiza.

- "Google aposta por voar tamén en galego", nova en Galicia Confidencial. O galego, entre os oito primeiros en que estrea en Europa este novo servizo.

23 de fev. de 2013

Rosalía de Castro, escritora nova


Unha escritora de hoxe que ande pola década dos vinte entra de chupo na categoría de "escritora nova". É sabido que os tempos que lle tocaron a Rosalía, falecida con só 48 anos, e os que nos tocaron a nós non teñen a mesma distribución das etapas vitais. Así e todo, abraiémonos un pouco ao lembrarmos que esa peza chave da historia de Galiza que foi a publicación dos Cantares gallegos se produciu cando esta autora forte, atrevida e enormemente talentosa contaba só vinte e seis anos de idade.

Esta que aquí inclúo é unha fotografía de Rosalía na década de 60 do século XIX, polo que é máis ou menos na época dos Cantares. É unha Rosalía moza, que pode e debe servir tamén de exemplo para a xente nova de hoxe.

Lembremos que, só antes de facer os trinta anos, Rosalía xa publicara varios romances, contos (incluído o primeiro en galego, co significativo título "Contos da miña terra, I", que non "Conto gallego", como se rebautizou), poemarios e -con vinte e un anos!- o primeiro manifesto feminista da Península: "Lieders". Alí exclamou, aínda na lingua oficial do Estado, en que aprendeu a ler e escribir: 
Solo  cantos de independencia y libertad han balbucido mis labios aunque alrededor hubiese sentido, desde la cuna ya, el ruido de las cadenas que debían aprisionarme para siempre, porque el patrimonio de la mujer son los grillos de la esclavitud. (...)

Cuando los señores de la tierra me amenazan con una mirada, o quieren marcar mi frente con una mancha de oprobio, yo me río como ellos se ríen y hago, en apariencia, mi iniquidad más grande que su inquidad. En el fondo, no obstante, mi corazón es bueno; pero no acato los mandatos de mis iguales y creo que su hechura es igual a mi hechura, y que su carne es igual a mi carne.
Neste 2013 fanse 150 anos dos Cantares gallegos, do primeiro libro monolingüe contemporáneo no noso idioma, un idioma que estaba totalmente excluído de calquera ámbito de poder ou de uso culto, a pesar de ser o maioritario da poboación.

Grazas á Asociación de Escritores en Lingua Galega, esta fin de semana será unha festa por toda Galiza para celebrarmos o Día de Rosalía, para nos alegrarmos de que existise esta persoa que se atreveu a erguer a voz e a dar un paso adiante en defensa do que ela cualificaba como a súa Patria; esa Galiza á que lle dicía: "non debes chamarte nunca española".

Eu estarei hoxe no acto que se vai realizar ás 19 h na Casa do Pescador en Ribeira, organizado pola asociación Altofalante, e farei todo o posíbel para estar mañá no acto nacional no Panteón de Galegos Ilustres. Ademais, a ver que libros en galego e que flores agasallo! ;)

19 de jun. de 2012

Queer-emos un mundo novo


Se onte falaba aquí das presentacións que para a semana vindeira haberá en Vigo e A Coruña do libro Amigos e sodomitas (posponse a de Lugo), hoxe convídovos a que mañá, cuarta feira (mércores) 20 de xuño vaiades ao serán (20 h, en concreto) á presentación na libraría Pedreira de Santiago (rúa do Home Santo, 55) do último ensaio da multipremiadísima Teresa Moure (despois de tantas parénteses neste parágrafo, aquí sinto que tiña que pór outra, así que vos deixo unha ligazón á videoteca da escritora na páxina da AELG). Ambos os libros, nas súas significativas diferenzas, teñen importantes fíos en común.

Ela sabe que eu son bastante crítico con moitos aspectos da teoría queer, mais penso que neste libro acolle e pon en valor o mellor desa perspectiva: a aposta pola diversidade.

Sobre estas cousas escoitaremos e falaremos mañá. Vémonos alí!

Continuamos!

6 de jun. de 2011

Pluralidade e igualdade na Real Academia Galega

Antonte o diario El País publicaba unha hilarante entrevista co director da Real Academia de la Historia, unha institución non españolista, senón españolistísima, que ole a rancio a quilómetros. Por fortuna, non é esta a situación hoxe da nosa Real Academia Galega.

A cabeza, porén, asocioumas a ambas cando lin a última pregunta que lle formulaban ao director da RAH española:
P. ¿Qué le falta a la Academia?

R. Más mujeres. Las hay muy preparadas pero menos que los hombres. Hay una cuestión: un historiador necesita disponer de muchas horas para documentarse en los archivos. Y por desgracia, en las mujeres esas miles de horas están dedicadas a criar a sus hijos y a ser amas de casa.

Despois de soltar esa machistada, o Gonzalo Anes aínda pensará que é un feminista. Só lle faltou defender que as mulleres están menos preparadas (?!) por teren a regra.

Aínda que non nas declaracións, nos feitos o proceder da RAG é, tristemente, semellante pola exclusión da metade da poboación galega, as mulleres, ben activas na nosa vida cultural. O proceder da RAG é, neste aspecto, tan retrógado que, se fose un organismo público, tería unha composición ilegal, por discriminatoria.

Aínda máis. Debemos preguntarnos, con María Reimóndez, se Rosalía de Castro sería aceptada como membro da RAG no caso de vivir na actualidade.

Sobre estes e outros retos para a Academia Galega trato máis polo miúdo na miña colaboración semanal no xornal Galicia Hoxe. Son todas elas críticas feitas co ánimo de construír unha institución máis representativa, máis capaz, máis forte, porque boa falta nos fai.