Mostrando postagens com marcador homofobia. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador homofobia. Mostrar todas as postagens

27 de jan. de 2021

O triángulo rosa. A destrución nazi do primeiro grande movemento homosexual

O triángulo rosa
A destrución nazi do primeiro grande movemento homosexual


Estamos en maio de 1933 en París. O médico alemán Magnus Hirschfeld, considerado o primeiro activista homosexual da historia, leva meses nunha xira mundial de conferencias para divulgar os seus postulados. Sabe desde hai moito cal é a burla pública que hai que padecer por defender “os amores sen nome”, por reclamar a súa despenalización e a súa igualdade legal.

Podémolo imaxinar paseando por esa primavera parisina, talvez a matinar no seu próximo acto, talvez a improvisar un balanzo da súa vida. Nuns días fará 65 anos e pode sentirse satisfeito ao ollar para atrás. Quizais lembre como a indignación lle fixo ferver o sangue ao saber do xuízo que levou a Oscar Wilde aos traballos forzados no cárcere de Reading. Hirschfeld, daquela con 29 anos, decidiu que non abondaba con facer escritos anónimos en defensa da homosexualidade. Cumpría organizarse, unir xente, actuar. Así, creou o primeiro movemento político contra a homofobia, o Comité Científico-Humanitario, que elaborou un novidoso discurso de lexitimación e procurou o respaldo de persoas de prestixio público para a súa causa.

Non poderá deixar de ter presente o seu outro grande éxito: a creación en Berlín, durante a República de Weimar, do Instituto para o Estudo da Sexualidade, con consulta médica, un museo, servizos educativos e unha grandiosa biblioteca onde se pretende compendiar  todo o saber sobre o tema. Durante a xira internacional destes meses que agora o trae a Francia, Hirschfeld compilou máis información sobre as relacións entre mulleres e entre homes, que enviou ao fondo documental do Instituto.

O heterosexismo nunca lle puxo fácil o seu traballo. Non foron só insultos, tamén chegaron os golpes, como aquela vez que, tras unha reunión, mallaron nel e o deixaron tirado na rúa, sangrando pola cabeza. Mais aínda resistiu e resiste porque se sabe coa forza da xustiza e da razón. Sabe desde hai moito que aínda que os barcos estean máis seguros no porto, os barcos non se constrúen para iso.

Asumiu os inimigos, as barreiras, os prexuízos e, pelexando, sentiu que conquistara para o futuro espazos inexpugnábeis. Mais desacougábao o que estaba a acontecer no seu país. Antes de partir nesta viaxe, as SA interrompían continuamente os seus actos  e o seu nome figuraba como “destruidor da xuventude” nos documentos nazis. Que podería pasarlle se continuase aló?

Cómpre distraerse no cinema. Está en París, é primavera e aínda non saíron os diarios vespertinos. El é un apaixonado da sétima arte e no seu haber ten tamén o primeiro filme da historia que denuncia a homofobia: Diferente aos demais, de 1919. Antes da película, como é costume, proxectan o noticiario coa actualidade do mundo. Na escuridade, os pequenos óculos de Hirschfeld espellan os fotogramas de horror e destrución do informativo. No seu país os camisas pardas e as Xuventudes Hitlerianas comezaron cunha semana de queimas de libros que van contra “a decencia”. Desfilan diante dun edificio e saquean a biblioteca que contén; poucos días máis tarde queimarana en praza pública. A xente que está ao carón de Hirschfeld na escuridade non se decata do que el sente ao recoñecer nesas imaxes o Instituto para o Estudo da Sexualidade. Todo o traballado na súa vida, todo o conquistado contra o estigma, todo o recuperado do esquecemento, todo o festexado, todo o investigado... Absolutamente todo foi destruído e borrado.

Os libros arderon ben nesa semana en diferentes puntos de Alemaña. A principal lagarada, na Praza da Ópera en Berlín, amosou a pretensión de destruír toda memoria e toda voz que non fose entendida como útil para o mundo uniforme que proxectaba o fascismo. Así o sinalaba esa noite o infame Goebbels diante de 40.000 persoas: “Estas chamas non só simbolizan o final dos vellos tempos, senón tamén o principio dunha nova era”.

Como é bo de ver no caso do Instituto para o Estudo da Sexualidade, sofreron as consecuencias dun xeito singular os movementos socioculturais que comezaban a emerxer e que pretendían dotar de referentes a grupos sociais marxinados. As revistas homosexuais e os espazos de ambiente tamén se clausuraron.

Hirschfeld morrería dous anos despois, no exilio, mais outros colaboradores do Instituto padecerían mortes máis atroces. Hai que ter en conta que o mesmo día que irromperon na súa sede para destruír libros, revistas, folletos, opúsculos e outros documentos, incautaron os arquivos, dotándose dunha extraordinara lista negra de “desviados”, que sumaron ás fichas policiais acumuladas durante os anos precedentes de lexislación tamén homófoba.

Os que non fuxiron a tempo foron recluídos nos cárceres alemáns, sometidos a programas de reeducación ou castración. Unha parte deles tivo axiña un outro destino. O cálculo máis baixo nos últimos anos sinala que uns 10.000 entraron nos campos de exterminio e que morrerían uns 6.000. Pesquisas de 2007, con expedientes antes non coñecidos en territorio da RDA, fixeron multiplicar o cómputo até os 55.000. Calquera das cifras produce calafríos, aínda que poida parecer pequena ao carón dos 6 millóns de xudeus asasinados polo nazismo. Dos grupos encerrados nos campos, aínda que o homosexual non é cuantitativamente o maior (tampouco o menor), si é no que se produce unha maior mortandade, dentro dos “non xudeus”.

A persecución da homosexualidade tivo varias particularidades perversas. A principal, que as vítimas por este motivo non foron en ningún momento resarcidas. Están unidas niso á sorte dos ciganos, cuxa deportación se considerou unha política lexítima do estado por parte da RFA, polo cal non se tivo en conta o seu dereito á restitución. Un de cada catro roma europeos foron asasinados no Holocausto. A súa historia está aínda por difundir.

Os homosexuais foron o grupo social historicamente máis excluído das listaxes dos eliminados polo nazismo. Mais as evidencias chaman por nós. Alén da condena con todas as letras por ese motivo, da creación dun departamento especial da Gestapo para esta persecución, nos campos de concentración obrigábanos a se identificaren con visíbeis triángulos rosas invertidos nos seus uniformes. Estaban situados no degrao máis baixo dos prisioneiros e eran obxecto tamén da raiba ou dos abusos sexuais doutros condenados. Tanto é así que mesmo houbo perseguidos políticos aos cales obrigaron a vestirse co uniforme do triángulo rosa como forma de tortura adicional.

Existiu a persecución, vaia se existiu, mais as súas historias armarizáronse, recluíndoas a un neurótico espazo de monólogo interior. Silenciaron durante medio século a persecución contra a homosexualidade, como se o castigo fose xusto pola gravidade do desexo. Así, a maioría dos prisioneiros por ser homosexuais durante o nazismo foron prisioneiros por ser homosexuais tras o nazismo, só que xa non nos campos de concentración. Os que non volveron entrar na cadea tiveron vergoña de contar as súas historias, morrendo con elas.

Nos comezos da década de 80 publicouse unha autobiografía dun deportado alsaciano, Pierre Seel, selvaxemente violado e torturado, que viu como espiron o seu amante en público e lle apurraron uns cans até o devoraren vivo.

Anos máis tarde, Richard Plant presentou a súa pesquisa The Pink Triangle. Plant faleceu en 1998, polo cal non puido asistir ao grande fito na recuperación da memoria do triángulo rosa: o emotivo documentario Paragraph 175, intitulado así polo artigo legal que penaba a homosexualidade. No momento da gravación, os poucos sobreviventes tiñan máis de 90 anos e nin todos quixeron deixar o seu testemuño.

Tras a estrea do filme, comezouse a pedir perdón oficialmente e procuráronse as medidas para recoñecer e compensar estas vítimas. Xa case todas morreran.


(Publicado no xornal Galicia Hoxe, 02-02-09. Fotografía de Manfred Baumgardt, Berlin / U.S. Holocaust Memorial Museum)

10 de abr. de 2016

Ligazóns ao desvío para un dez de abril

21 de mar. de 2016

1 de dez. de 2013

Un de decembro, tantas cousas...


O primeiro de decembro é unha xornada para recordarmos moitas cousas. Hai anos foi aquela enorme mobilización cidadá de chuvia, bágoas e indignación, non contra os fados, senón contra unhas políticas que nos conduciron ao peor. É triste comprobar que altos cargos daquel goberno, como Mariano Rajoy ou Alberto Núñez Feijóo, son hoxe de novo os que detentan o poder. A impunidade ten moitas faces.

Mais, como vimos hoxe nas rúas, o un de decembro non é só unha data para a nostalxia por unhas mobilizacións dun pasado recente. Hai moitas galegas e moitos galegos que non se resignan ao desprezo e á inexistencia. Temos que agradecerlle á plataforma Nunca Máis que sexa catalizadora desa ansia. Ouzámola e apoiémola.

O un de decembro tamén é unha xornada de loita e concienciación internacional contra a sida, unha doenza que pasou, nos lugares con cobertura sanitaria xeral, de ser unha pandemia mortal a unha moi seria enfermidade crónica, grazas aos antirretrovirais. Hai, claro, retos médicos importantes por diante, como conseguir a desexada cura, mais tamén retos políticos que non podemos esquecer, e non falo só no campo da investigación. Que están a supor os recortes aplicados até o de agora polo Goberno español e pola Xunta nesta área? Que poden supor os novos recortes?

Segundo o Grupo de Estudio del Sida (GESIDA), a nivel de Estado, o custo anual do tratamento dun paciente, incluídas as visitas médicas, é duns 12.000 euros. Trátase dunha cantidade inasumíbel para os expulsados da cobertura sanitaria polos gobernos do PP. Hai unha parte de falta total de sensibilidade pola sorte desas persoas, unha falta total de caridade cristiá neses dirixentes de misa dominical ou misa diaria. Mais, para alén diso, como teñen avisado numerosos profesionais, desatender desa maneira os doentes dunha enfermidade infecciosa non pode ter máis que consecuencias negativas para o conxunto da poboación. Polo un e polo outro, cómpre que fagamos erguer a nosa voz.

E que máis hai para lembrarmos o un de decembro? Pois é unha data especial en Galiza e desde Galiza: é o aniversario da morte de Eduardo Blanco Amor e, por iso, un día que se ten aproveitado moito nos últimos anos para erguermos a voz contra a homofobia, que tamén el tanto combateu en vida. Nos últimos días  puidemos escoitar as delirantes palabras dun profesor universitario encargado de formar futuros docentes, por fortuna contestado con enerxía polos seus estudantes e apartado desas funcións de forma provisional. Fica aínda abondo traballo por diante.

12 de nov. de 2012

Léao, señor ministro!


Non sei se Jorge Fernández, o homófobo declarado que exerce como ministro do Interior, chegará a abrir as páxinas do libro que lle agasallei, e nin tan sequera sei se llo chegarán a pasar desde as dependencias do Ministerio. Oxalá sexa así, porque lle fai boa falta ter unha visión afastada dos dogmas de odio que tanto repite.

Deixo aquí algunhas ligazóns á acollida mediática que tivo o envío. Cando menos, púidose darlle algo de eco a estoutra visión das cousas:
Continuamos!

2 de jul. de 2012

Amigos e sodomitas en Voz TV


Con motivo do sétimo aniversario da aprobación dos matrimonios homosexuais no Estado español, a televisión da Voz emitiu unha noticia nos seus informativos na cal tamén se fixo eco da unión de Pedro Díaz e Muño Vandilaz o 16 de abril de 1061, sobre a que se centra un dos capítulos do libro Amigos e sodomitas.

Para quen pense que a institucionalización das parellas homosexuais é cousa de onte, por favor que saiba que hai bibliografía, e moita máis que este meu libriño!


Ademais, segundo as filtracións, mañá pode ser un día histórico pola agardada sentenza do Tribunal Constitucional, que parece que vai rexeitar o recurso interposto polo Partido Popular contra a plena igualdade de dereitos para os matrimonios entre homes ou entre mulleres. Oxalá sexa así.

Continuamos!



9 de abr. de 2012

"...o van a clubs de hombres nocturnos..."

E pensar que mensaxes coma esta son emitidas en directo por TVE e que a Igrexa mantén a mesma asignación nos orzamentos xerais do Estado, mentres se recorta de forma gravísima en educación e sanidade...

e

15 de nov. de 2011

Nada de matrimonios!



Hai un par de semanas entregáronme en Castro Caldelas o premio Vicente Risco de Ensaio polo libro Amigos e sodomitas. Deste evento fixéronse eco as edicións de Ourense e da Barbanza de La Voz de Galicia.

Na obra explícase, partindo de documentación sobre todo galega, que a homofobia non é eterna, senón que xorde nun tempo concreto, aínda que nestes momentos continuemos a pagar a hipoteca desa intolerancia que non ten nin mil anos de existencia. Ademais, nun dos capítulos comento o caso do matrimonio en Rairiz de Veiga hai 950 anos entre Pedro Díaz e Muño Vandilaz.

Escoitando o que lle hai que escoitar estes días aos dirixentes do PP danme unhas ganas de lle enviar a Mariano Rajoy un exemplar do libro!

23 de set. de 2011

Aínda a intolerancia

Hoxe ás 20.30 h presentarase na Casa da Cultura de Foz o libro Amigos e sodomitas. Como xa sabedes as persoas que pasades por este blogue de cando en vez, é un traballo que fala sobre como se deu o paso da tolerancia á intolerancia contra os afectos e prácticas homosexuais.

É un traballo que fala, pois, do pasado, mais tamén de como aínda no presente estamos a pagar a hipoteca dese odio.

Como é posíbel, se non, que haxa figuras públicas das chamadas "respectábeis" que consideren o matrimonio entre dous homes ou entre dúas mulleres como o fin da civilización?

Como pode ser que a relixión fundada nunha mensaxe de amor do mesías Xesús Cristo acabase en pleno século XXI saíndo á rúa varias veces para se manifestar contra a igualdade de dereitos para as relacións homosexuais, cando en ningún momento o deus encarnado transmitiu tal condena?

Hoxe falaremos dos inicios deste odio na Baixa Idade Media. Mais se hai a quen lle proe cando falamos do pasado é por algo.

4 de dez. de 2010

As cousas van mellorar

Desde os coñecidos estudios Pixar de animación fixeron un precioso vídeo contra o bullying homofóbico, a partir das experiencias persoais de varios membros do seu equipo. Moitas grazas por tan lindo xesto aos autores de Toy Story, Ratatouille ou tantos outros sucesos da animación.