29 de set. de 2014

Música para a segunda feira: Monoulious DOP

Despois de os ver en directo hai tres días en Santiago, son aínda máis fan deste divertido e fresco dúo de Noia:


25 de set. de 2014

Atravesar o fantasma chega en novembro

O meu primeiro poemario ten xa data de chegada ás librarías. Será a partir da segunda semana de novembro. Falta menos para que me deades as vosas opinións!

22 de set. de 2014

Outros dez anos de burla... Exiximos verdadeira igualdade!

O relatorio presentado pola Mesa pola Normalización Lingüística a semana pasada, a través dos seus dirixentes Marcos Maceira e Paulo Filgueiras, confrótanos coa enorme burla que supuxo todo o traballo para elaborar o famoso Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, ese acordo unánime do Parlamento galego que, dez anos despois, fica para pouco máis que para ser espello de dereitos que se nos negan.

O clamoroso incumprimento do Plan é tamén a constatación dunha das facetas desta democracia limitada en que vivimos, nas cales as persoas que falamos a milenaria lingua de Galiza continuamos sen ter a igualdade de dereitos e de oportunidades que nos corresponderían.

Recoméndovos que leades e divulguedes o texto da Mesa en que se confronta o que dicía o Plan aprobado por unanimidade no Parlamento e o que de verdade se fixo e fai.

Abonda xa de discriminacións!

Queremos igualdade! Exiximos igualdade!

21 de set. de 2014

Ligazóns ao desvío para un vinte e un de setembro

Ebook no Brasil con presenza galega. Outro éxito de Carlos Quiroga.

"Vai de centenarios". Artigo onde Román Arén nos recorda que en 2014 son os centenarios destas figuras: Ramón de Valenzuela, José Rubia Barcia, Xosé María Díaz Castro, Fernando Mon Rodríguez, Juan Naya e Dionisio Gamallo Fierros.

Miguel Anxo Murado: "Israel non é unha democracia". De toda a interesantísima entrevista, talvez salientaría as respostas a estas dúas preguntas:
É un erro recoñecer a Israel?
É un erro admitir que a creación do Estado no 1948 foi lexítima. O 70% do territorio no que se instalaron os primeiros israelís foilles roubado aos árabes, que tiveron que deixar as súas casas e terras e ir viviren por décadas en campos de refuxiados. A resistencia palestina baséase na dignidade e sobre todo no dereito ao retorno.

Así que a idea dos dous Estados non lle parece xusta.
Penso que é imposíbel que haxa dous Estados porque o territorio palestino está tan ocupado que non hai espazo físico para iso. Coido que no futuro haberá un só Estado, que se chamará Palestina. Se antes falaba das semellanzas entre Israel e Sudáfrica, coido que a evolución pode ser parecida. A nivel demográfico, a poboación xudía diminúe e a árabe medra cun desequilibrio tan grande que en poucas décadas vai ser inviábel un Estado racista. Se en Sudáfrica se puido cambiar de réxime en calma, en Palestina tamén é posíbel.

19 de set. de 2014

A liberdade dos pobos é imparábel

Nesta gráfica que temos á esquerda podemos ver os máis de 30 referendos independetistas que se produciron no mundo desde o final da II Guerra Mundial até o desta noite pasada en Escocia. As nacións independizadas nunca decidiron dar marcha atrás posteriormente, mentres que noutros países como Quebec as ansias de liberdade fan que se formule a pregunta de novo cada certo tempo.

En Escocia onte perdeu en votos a posibilidade de se constituíren nun estado diferente, mais gañou con contundencia unha expresión de democracia que envexamos desde o Estado español, reafirmouse a consideración de Escocia como país e ademais conquistáronse novas cotas de autogoberno. Veremos como vai evoluíndo isto nos anos seguintes, pois a sensación global é que o proceso escocés xa é imparábel a medio prazo.

Agora tócalle a vez a Cataluña. Oxalá o Estado español sexa capaz de actuar co mesmo respecto que vimos estes días aló ao norte e os medios de comunicación con maior influencia deixen de intoxicar do xeito que o están a facer contra esta nación mediterránea.

A propósito, algo que me fai moita graza na comparación de ambos os procesos de referendo independentista é ver a contradición entre as ameazas dos unionistas. En Escocia metíanlles medo repetindo que, como gañase a independencia, ían ficar eles sós na Unión Europea mentres o resto do Reino Unido pensaba en se ir; en Cataluña, ao revés, escoitamos que se gañase a independencia terían que se ir da Unión... En Escocia dicíanlles tamén que como gañase a independencia ían ter que pasarse para o euro, mentres en Cataluña a ameaza é de novo a inversa: se gañase a independencia ían ter que deixar o euro. Son contradicións bastante ilustrativas de que o único que se persegue é amedrentar.

En fin, o que se reclama é sensatez, diálogo, democracia e respecto ao dereito de autodeterminación. Para Escocia, para Cataluña, para Galiza, para as nacións sen estado do mundo.

18 de set. de 2014

Axiña chegará o meu primeiro libro de poesía

Estou xa, non coas últimas, senón coas derradeiras probas de edición do meu primeiro título no xénero poético, que sairá da man de Xerais nas próximas semanas. Vaise titular Atravesar o fantasma e nel peneiro os versos que escribín desde os anos finais da adolescencia até o momento en que fixen os trinta e cinco.

Tempo haberá de irmos conversando sobre máis cousas deste libro, mais si vos quero recoñecer que non só estou feliz senón tamén algo nervioso porque, aínda que xa me galardoasen nalgúns premios de poesía, non me daba atrevido a publicar un volumiño coa miña creación neste xénero. Así que, malia ser o sexto volume que dou ao prelo, confeso que a súa saída me produce sensacións novas, diferentes ás das outras obras que editei, todas elas ensaios.

En fin, axiña estará nas librarías e, xunto coas páxinas de Atravesar o fantasma, iranse despregando tamén máis formas de diálogo cultural que teñen o seu punto de partida no libro.

Agora mesmo, cando procuro en Google "Atravesar o fantasma", entre aspas para conseguir o resultado exacto, aínda non sae nada. Está nese momento previo que ten toda obra antes de se dar a coñecer. Confío en que cedo, moi cedo, xa vaian aparecendo cousiñas :)

Ah! E sobre todo, desexo que gustedes do libro! Xa me diredes!

16 de set. de 2014

Quen poida ser libre, que non se cative

Decida o que decidir o pobo de Escocia, estamos a asistir a un exemplo de vontade de diálogo e de democracia. É verdade que se producen tamén presións moi fortes por parte dos poderes fácticos para que o resultado do referendo sexa negativo, mais ningún dos axentes involucrados cuestiona a lexitimidade de lle preguntar a unha nación se se quere converter en estado.

Como sabemos, por debaixos dos Pireneos a situación é ben diferente. As nacións que aquí existen nin son recoñecidas como tales (no mellor dos casos, só co eufemismo da "nacionalidade histórica") e a posibilidade do exercicio de autodeterminación é motivo de anatema.

Di o refrán galego "Quen poida ser libre, que non se cative". Que todas as nacións sen estado poidamos aplicárnolo! Galiza, sen dúbidas, precisa soberanía como auga de maio.

12 de set. de 2014

"Aquí enterramos a Salvador Allende, presidente de Chile"

Salvador Allende foi enterrado o día 12 de setembro de 1973, nunha sepultura sen lápida e nun funeral vergoñento ao cal só permitiron a asistencia de sete persoas, entre elas a viúva do presidente, Hortensia Bussi. Todo transcorreu baixo o control das forzas militares que se sublevaron contra a que, até ese momento, era a democracia máis antiga de toda América Latina.

Hortensia Bussi esconxurou o medo e, no sepelio, exclamou para que puidese sentila toda a xente posíbel, non só os sete presentes e os soldados que os vixiaban: "¡Aquí enterramos a Salvador Allende, presidente de Chile!" Non é difícil comprender todos os riscos que lle supuña ese berro de afirmación e dignidade.

A lápida non tivo nome, mais durante toda a Ditadura nunca, nunca, nunca lle faltaron flores.

Mesmo hoxe, que hai xa máis de vinte anos que Salvador Allende recibiu o funeral de Estado e a homenaxe nacional que lle correspondían, o lugar onde un día repousou clandestinamente o seu corpo continúa a recibir flores e mostras de afecto.

Hortensia Bussi conseguiu que pervivisen ríos subterráneos de memoria baixo a crueldade, a amnesia e a manipulación da Ditadura. A súa valentía non foi en van.

11 de set. de 2014

Galiza con Catalunya

Hoxe participarei, e convídovos a participardes, no acto que se realiza ás 19 h na praza da Quintana en apoio ao proceso soberanista da nación catalá.

O evento é tamén, dalgún xeito, unha chamada para que a propia Galiza non perda esta oportunidade histórica de se facer ver e valer como país no mundo.

7 de set. de 2014

Ligazóns ao desvío para un sete de setembro

"¿Existen los amigos?", Fernando Martín Aduriz.

Xira chinesa de Yolanda Castaño.

"La última yámana". Cristina Calderón di: "Desde que morreu miña irmá fiquei soa, sen ninguén con quen falar". Considérase a última persoa do mundo capaz de se expresar neste idioma que agora se extingue despois de 6.000 anos.

Podemos ten un problema co galego.

Discurso de María Reimóndez na entrega do XIV Premio de Novela por Entregas La Voz de Galicia.

"Contra el relax", Fernando Martín Aduriz.

E, en fin, non me resistirei ao xogo fácil coa data:

5 de set. de 2014

Vídeo do relatorio "Contra a hibridación"

A Universidade de Vigo puxo en liña varias intervencións no último Congreso da Asociación Internacional de Estudos Galegos, que se realizou en Gales. Aquí podedes ver a miña achega, titulada "Contra a hibridación":


4 de set. de 2014

En castellano no hay problema, e en galego?


O suplemento Universitas, do xornal La Región, publicaba na súa edición do 20 de maio de 2010 esa nova da imaxe sobre a presentación do libro En castellano no hay problema na Facultade de Filoloxía de Vigo.

Para ampliardes a foto, xa sabedes que só tedes que clicar nela.

Oxalá o libro e a nova non fosen nada actuais! :S

3 de set. de 2014

O servizo municipal Viaqua discrimina o galego

O servizo municipal de augas Viaqua (antigo Aquagest) non dá opcións de facer xestións telefónicas con eles en galego e, se aínda así o pides expresamente, son tales as dificultades que che poñen que resulta difícil continuar adiante coa petición. Se tiverdes tempo podedes probar no seu número de apoio á clientela: 902 201 260.

Vou contar a aventura desta mañá. Chamei a ese número que puxen arriba. Todos os avisos estaban en castelán, sen dar opción en ningún momento de escoller idioma. Só houbo un momento, ao cabo duns minutos, cando xa premera nas teclas que me ía indicando a voz gravada para seleccionar a xestión que quería facer, en que saíu o aviso "En breves momentos atenderemos su llamada. En breves momentos atenderemos a súa chamada". O único resquicio da nosa lingua! Iso si, secundarizado e inútil.

Ao cabo dun tempiño colleume unha telefonista. Pedín ser atendido en galego e respondeume: "Ahora mismo le paso con él". Fiquei sorprendido. Non foi "Ahora mismo le paso con el...", senón "Ahora mismo le paso con él". Hai unha soa persoa que poida falar en galego a pesar de que Viaqua leva o servizo municipal de augas de máis de 40 concellos galegos?!

En fin. Continúo. Estiven a agardar varios minutos, non sei cantos, só sei que máis tempo que a primeira vez que me colleron. Cortóuseme a chamada e tiven que ligar de novo, armado con máis paciencia porén sen disposición de claudicar.

Cando por fin cheguei novamente ao punto de pedir que me atendesen en galego, a mensaxe que antes era bilingüe castelán / galego pasou a ser xa monolingüe en inglés. Tras agardar outro pouquiño, desta vez si pouquiño, pasáronme cunha telefonista que me preguntou no idioma de Lady Gaga e Beyoncé en que podería axudarme. Expliqueille que quería ser atendido en galego, non en inglés, así que me pediu desculpas e me dixo que agardase. O aviso que antes era bilingüe e despois en inglés pasou a ser monolingüe en español. Reparade: no momento en que pides o galego xa poñen todo en castelán!

Agardei. Agardei. Agardei. Agardei. Por fin me colleu un rapaz, que si me atendeu desta vez en galego e con quen puiden facer finalmente as xestións que en castelán xa estarían máis que feitas a esa hora. Pregunteille se era a única persoa que podía atender no noso idioma, como antes me dixeran. Confirmoumo.

Até cando as persoas que queremos vivir en galego teremos unha cidadanía de segunda?

2 de set. de 2014

"Contra quen" escribimos Quico Cadaval e eu?



O tempo pasa voando. Hai case xa dous anos que participei, convidado pola AELG e pola Universidade de Vigo, nunha mesa redonda co meu admirado Quico Cadaval para falarmos sobre a súa ampla obra dramática (boa parte dela inédita, é certo, polos diferentes tempos e opcións que hai no teatro) e os meus cinco títulos de ensaio. Anunciaba eu daquela tamén un libriño que a día de hoxe tampouco dei terminado. O tempo, como dicía, pasa voando...

Se vos interesar, nesta ligazón hai unha crónica máis completa do que foi esa mañá, en que terminamos falando sobre aquilo que nos levaba a escribir, se había un por que, talvez un por quen, ou un contra que, un contra quen.

Continuamos! ;)

1 de set. de 2014

Música para a segunda feira: Projecto Mourente e Mar K John

Estiven na gravación deste tema, hai xa un par de aniños, en cas Projecto Mourente. A voz feminina da canción é de miña irmá. Desfrutádeo! ;)