27 de dez de 2017

A convocatoria da manifestación das Letras de 2008

Aquí vou pendurando máis cousas que tiña por aí esparexidas. Neste caso, é a vez da conferencia de imprensa que déramos Susana Romero, Fran Rei e este que escribe para convocar a mobilización "Polo dereito a vivirmos en galego", hai xa case dez anos, nun momento histórico importante para o noso idioma.

Dentro vídeo!

21 de dez de 2017

"O galego morrerá se nós deixamos que morra"

Ese foi o titular da entrevista que me fixeron no xornal El Ideal Gallego no 25 de agosto de 2011 con motivo da presentación en Carballo do libro Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, unha das miñas obras polas que teño especial querenza, tanto polo contido como pola linda modelo da cuberta.

Nada de morte. Vida e máis vida, é o que queremos!



19 de dez de 2017

O libro Amigos e sodomitas, reseñado no semanario Santiago Siete

Xa dixen nalgunhas das últimas entradas no blogue que estou a ordenar e recoller cousas que tiña esparexidas. Por iso me encontro con vídeos ou recortes de xornal do pasado, que opto por deixar aquí penduradiños por se lle puideren ser de interese a alguén.

Tócalle a vez a unha pequena reseña do libro Amigos e sodomitas, publicada no semanario compostelán Santiago Siete, edición do 1 ao 7 de xullo de 2011, p. 22:



17 de dez de 2017

Outro debate de hai dez anos sobre o galego no ensino

Na liña do de CorreoTV que pendurei hai pouco está este debate en TeleVigo, máis ou menos realizado polas mesmas datas, hai dez anos.

Aquí o deixo tamén, polo seu valor como testemuño dun tempo e, do mesmo xeito, polo que se puider peneirar nel que for útil para avanzarmos no presente:




16 de dez de 2017

"Eu coa miña clientela tamén falo en galego"

Que boas vibracións dá este anuncio! Moi ben polo Concello de Santiago de Compostela e a Cámara de Comercio, Industria e Navegación!

15 de dez de 2017

13 de dez de 2017

Vídeos da presentación de Galegocalantes e galegofalantes en Ferrol

Desde a Sociedade Cultural Medulio gravaron a presentación en Ferrol do libro Galegocalantes e galegofalantes. Obrigado pola acollida e por estes testemuños do evento:













11 de dez de 2017

Ikea non nos trata en igualdade

Ás veces dísenos que non hai adiantos para o galego por falta de peticións, de demandas. A realidade é teimuda en nos demostrar que non é así.

Un bo exemplo é o de IKEA, que se nega a tratar o idioma de Galiza como idioma oficial e ás súas falantes como persoas con igualdade de dereitos.

Nestes días retomouse, por fortuna, a acción de reivindicación da presenza da nosa lingua. Hai xa case seis anos, A Mesa escribíalles, a través do seu daquela vicepresidente Francisco Xosé Rei García (o Fran Rei). Esta era a resposta:


 

Vós, que coñecedes a situación do noso idioma nese estabelecemento, que pensades que hai de certo na misiva? De verdade "tanto galego como castelán son linguas que conviven con absoluta normalidade na nosa tenda"?

Sexa como for, máis tarde tiven esa reunión que comentan. Tratáronse moitos temas (sinalizacións, opcións en igualdade nos programas, nos catálogos, que a xente que di que pode atender en galego si de verdade poida atender en galego, etc.) e amosaron disposición a os afrontar. Porén, co tempo, non só non se avanzou, senón que mesmo se recuou.

Fagámoslles ver que queremos igualdade, que queremos galego. Cliquemos nesta ligazón e reclamémolo:



(Reparade que o formulario só está dispoñíbel en español, catalán e vasco...)

10 de dez de 2017

Cando no 2006 se debatía para un Novo Estatuto

Podedes ver aquí a sesión da Comisión para un Novo Estatuto de Autonomía para Galiza, realizada no Parlamento no 31 de maio de 2006. Interviñemos nela os presidentes na altura da Mesa pola Normalización Lingüística, a Real Academia Galega, a Asociación Socio-Pedagóxica Galega, o Consello da Cultura Galega e a Asociación de Escritoras/es en Lingua Galega.

Era un tempo de esperanza.

9 de dez de 2017

A lingua no ensino, a debate... en xaneiro de 2008

Ordenando cousas encontreime con este vídeo, pertencente ao programa Faladoiro, de Correo TV. É testemuño da situación en que se daba o debate público sobre a situación do noso idioma no ensino hai dez anos.

Participan nesta confrontación de ideas: Manuela López Besteiro (deputada do PP), Julio Abalde (o vicepresidente na altura das ANPAs de centros públicos), José Luis Baños (secretario de FERE-CECA, confederación das escolas católicas) e eu mesmo (que, na altura, era presidente da Mesa pola Normalización Lingüística). A presentadora e moderadora é Susana López, quen desde hai uns anos é rostro das tardes da TVG.

Cómpre lembrar que a representante do PP nesta ocasión diante das cámaras tamén fora negociadora e valedora do decreto aprobado durante o bipartito. Cómpre lembralo.

Hai dez anos o quieto sentíase movido...