Mostrando postagens com marcador A Mesa. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador A Mesa. Mostrar todas as postagens

2 de jan. de 2024

Chamada ás formiguiñas

Chamada ás formiguiñas

Acabamos de pasar unha nova volta ao sol. Após o inverno, tornará a primavera; máis unha para o galego, a pesar dos responsos e vergoñas. Pouco antes de se abriren as flores temos na axenda unhas eleccións autonómicas. Nas nosas mans está que sexan o exordio dun tempo novo.

Con certeza, non hai nada máis importante para o galego que estas votacións. Animo todas as persoas con afecto pola lingua a colaboraren para que haxa unha participación decisiva, que faga posíbel a mudanza de goberno. A sociedade galega precisa oxíxeno en moitos ámbitos. O idioma é un termómetro.

Ben sei, no entanto, que non podemos fiar todas as nosas esperanzas á armazón institucional. O activismo cotián continúa a ser chave. Para esas dúas pernas (administracións, sociedade) achego estes cinco propósitos para 2024: 

1) Cómpre centrarmos esforzos no ensino. Non hai lingua que se restaure e revitalice sen ter a escola como apoio, moito menos se a ten en contra. O mal chamado Decreto de Plurilingüismo é o principal tóxico que respiramos nestes momentos. Deben prohibirse as prohibicións ao galego.

2)  Alí onde xa hai formacións políticas sensíbeis á nosa lingua nas administracións locais, é preciso que asuman a emerxencia. Urxe colocar obxectivos de galeguización interna e externa e avanzar para cumprilos. O primeiro paso é que debe haber un aumento significativo dos orzamentos para ese fin, cun control rigoroso das partidas.

3)  Tamén será balsámico para o galego cultivar a pluralidade nas institucións culturais do país, que favoreza unha explosión de diálogo e vida. Que se abran as xanelas e as portas, na liña do que xa indicou no seu día Francisco Fernández del Riego. Deberiamos facer tamén todo o posíbel, máis aínda após este fanado centenario do Seminario de Estudos Galegos, para que o Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento estea á altura da persoa de quen leva o nome e dos seus alicerces, saqueos do franquismo.

4) É crucial afortalarmos o activismo de base, congregado en especial na Mesa e na plataforma Queremos Galego. Os principais adiantos que conseguimos nestes anos foron grazas aos logros impulsado por estas formigas perspicaces e teimudas. A Iniciativa Xabarín mostra a senda: participativa, clara e ben explicada, con éxitos palpábeis e cun horizonte para avanzar.

5) Nesta última volta ao sol fixéronse corenta anos da Lei de normalización lingüística e vinte do acordo de normativa oficial do galego. Tanto a Lei como as normas merecen sentar e falar. É saudábel que a roupaxe gráfica avance na confluencia co resto do sistema lingüístico que naceu no reino da Galiza e que teñamos unha Lei garantista, que protexa e defenda o dereito lexítimo a vivirmos no noso idioma.

As grandes travesías empréndense con pasos curtos. Camiñamos, formiguiñas?

(Artigo publicado no xornal El Correo Gallego).

31 de mai. de 2021

Uns minutos sobre o galego na TVI portuguesa

O outro día saín no programa matinal da TVI, unha das emisoras de televisión máis importantes de Portugal. A cousa tivo máis repercusión da que eu imaxinaba, tamén ao norte do Miño.

Todo comezou cunha proposta que lle chegou a Gabriel André. No espazo "Esta manhã" ían dedicar unha parte do programa ás relacións en xeral de Portugal co Estado español e, dentro disto, quixeron abrir un tempo para falar sobre o galego. Eran poucos minutos, mais había que tentar aproveitalos ben. Teño que recoñecer o asesoramento en particular de tres persoas: Sara Seco Rial, André Jorge e Valentim Fagim. Obrigado!

Varios medios de comunicación fixéronse eco na Galiza. Cónstame o caso de Nós Diario, de Praza Pública e do Galicia por Diante de Kiko Novoa na Radio Galega. Obrigado tamén!

Para a próxima paraxe polas televisións portuguesas, era bo falarmos non só da lingua senón tamén doutros dos nosos símbolos, como a bandeira. Xa me entendedes :)

22 de fev. de 2021

A miña primeira entrevista na TVG

Esa primeira vez foi no ano 2004, con Tino Santiago, e para falarmos da que era a 4ª edición do Correlingua con ese xeito de organización. Véxome, escóitome e constato que era un rapazoliño. Tamén se pode observar a denuncia de enganos reiterados polo poder para nos negar os nosos dereitos lingüísticos e para nos roubaren a esperanza dun futuro mellor. Hai que contextualizar nos tempos dos estertores do fraguismo tanto os problemas como as solucións que se dan .

Ben, dixen que foi a primeira entrevista na TVG, mais ben poucas máis tiven, for como presidente da Mesa (até onde eu lembro, hai outras dúas: a de Miraxes e a de Carlos Luís Rodríguez), como candidato (tamén, até onde a miña memoria alcanza, foi unha, aínda que concedo que nesas semanas de frenesí podo esquecer algo) ou como escritor (agradezo que se noticiase a maioría dos meus libros, mais o número de entrevistas que tiven como autor é unha cifra redonda). En fin, tamén é bo lembrar isto para que non pasemos por naturais as censuras mediáticas que levamos tantos anos padecendo.

Os que acabo de citar son só exemplos puntuais dunha longuísima e amplísima listaxe que, nos últimos anos, leva advertindo con perseverenza e enerxía o movemento Defende A Galega.

27 de dez. de 2017

A convocatoria da manifestación das Letras de 2008

Aquí vou pendurando máis cousas que tiña por aí esparexidas. Neste caso, é a vez da conferencia de imprensa que déramos Susana Romero, Fran Rei e este que escribe para convocar a mobilización "Polo dereito a vivirmos en galego", hai xa case dez anos, nun momento histórico importante para o noso idioma.

Dentro vídeo!

11 de dez. de 2017

Ikea non nos trata en igualdade

Ás veces dísenos que non hai adiantos para o galego por falta de peticións, de demandas. A realidade é teimuda en nos demostrar que non é así.

Un bo exemplo é o de IKEA, que se nega a tratar o idioma de Galiza como idioma oficial e ás súas falantes como persoas con igualdade de dereitos.

Nestes días retomouse, por fortuna, a acción de reivindicación da presenza da nosa lingua. Hai xa case seis anos, A Mesa escribíalles, a través do seu daquela vicepresidente Francisco Xosé Rei García (o Fran Rei). Esta era a resposta:


 

Vós, que coñecedes a situación do noso idioma nese estabelecemento, que pensades que hai de certo na misiva? De verdade "tanto galego como castelán son linguas que conviven con absoluta normalidade na nosa tenda"?

Sexa como for, máis tarde tiven esa reunión que comentan. Tratáronse moitos temas (sinalizacións, opcións en igualdade nos programas, nos catálogos, que a xente que di que pode atender en galego si de verdade poida atender en galego, etc.) e amosaron disposición a os afrontar. Porén, co tempo, non só non se avanzou, senón que mesmo se recuou.

Fagámoslles ver que queremos igualdade, que queremos galego. Cliquemos nesta ligazón e reclamémolo:



(Reparade que o formulario só está dispoñíbel en español, catalán e vasco...)

10 de dez. de 2017

Cando no 2006 se debatía para un Novo Estatuto

Podedes ver aquí a sesión da Comisión para un Novo Estatuto de Autonomía para Galiza, realizada no Parlamento no 31 de maio de 2006. Interviñemos nela os presidentes na altura da Mesa pola Normalización Lingüística, a Real Academia Galega, a Asociación Socio-Pedagóxica Galega, o Consello da Cultura Galega e a Asociación de Escritoras/es en Lingua Galega.

Era un tempo de esperanza.

9 de dez. de 2017

A lingua no ensino, a debate... en xaneiro de 2008

Ordenando cousas encontreime con este vídeo, pertencente ao programa Faladoiro, de Correo TV. É testemuño da situación en que se daba o debate público sobre a situación do noso idioma no ensino hai dez anos.

Participan nesta confrontación de ideas: Manuela López Besteiro (deputada do PP), Julio Abalde (o vicepresidente na altura das ANPAs de centros públicos), José Luis Baños (secretario de FERE-CECA, confederación das escolas católicas) e eu mesmo (que, na altura, era presidente da Mesa pola Normalización Lingüística). A presentadora e moderadora é Susana López, quen desde hai uns anos é rostro das tardes da TVG.

Cómpre lembrar que a representante do PP nesta ocasión diante das cámaras tamén fora negociadora e valedora do decreto aprobado durante o bipartito. Cómpre lembralo.

Hai dez anos o quieto sentíase movido...



22 de out. de 2017

Ligazóns ao desvío para un vinte e dous de outubro

  • "O pai verdadeiro", Fidel Vidal.
  • A empresa concesionaria do transporte sanitario do 061 e do transporte hospitalario da área de Vigo prohibe a comunicación en galego entre o seu persoal. Grazas á Mesa por denuncialo. Algunha institución vai facer algo?
  • A xornalista catalanoparlante que noutra noticia de Antena 3 se converte nunha muller que non entende catalán...
  • "Non, non e non", Marica Campo.

16 de jul. de 2017

As Mocidades da Mesa: vinte e un anos e un día


No 15 de xullo de 1996 fundabamos as Mocidades da Mesa pola Normalización Lingüística. Non temos ningunha foto desa xuntanza, nin doutras que viñeron, así que penduro unha en que saímos tres das persoas asiduas: Román Rodríguez, Elsa Quintas e servidor. Buscarei máis!

Fixéramos moitas campañas, algunhas manis e pasáramolo ben dando a batalla.

Viva a lingua galega!

16 de mai. de 2017

Na véspera das Letras, falamos sobre Galegocalantes e galegofalantes


Na pasada Feira do Libro de Santiago de Compostela realizamos a presentación do meu último título, Galegocalantes e galegofalantes. Foi un acto que vivín como moi especial, pola calorosa acollida do público que alí se congregou, e polas palabras do editor Manuel Bragado, do fotógrafo Xan G. Muras e da artista e profesora Tereixa Novo.

Desde a histórica Agrupación Cultural O Galo convidáronme a dar hoxe na Libraría Pedreira, tamén en Santiago de Compostela (xa sabedes, na rúa do Home Santo) unha conferencia sobre o idioma que teña como punto de partida os Galegocalantes e galegofalantes. Neste acto de hoxe ás 20.30 estarei acompañado por Mercedes Espiño (da A. C. O Galo e ex dirixente da Mesa pola Normalización Lingüística) e Marcos Maceira (actual presidente da Mesa e ex presidente da A. C. O Galo).

Vémonos alí e pomos ideas en común?

[A foto, de Xaime Bello, pertence á presentación da semana pasada en Ferrol.]

10 de abr. de 2017

Reseña de Xoán Carlos Domínguez Alberte sobre Galegocalantes e galegofalantes


O escritor e profesor Xoán Carlos Domínguez Alberte publicou no Sermos Galiza esta reseña do libro Galegocalantes e galegofalantes. Moitísimas grazas pola atención e as observacións!

Galegocalantes e galegofalantes
Xoán Carlos Domínguez Alberte
A última compilación de traballos publicados por Carlos Callón en defensa do noso idioma abrangue o período 2009-2016. Como se sinala, nun texto xustificatorio, ao comezo desta obra, foi este un intervalo de anos negros para a lingua galega polos graves retrocesos sufridos. Mais tamén un tempo de “esperanza social, de mobilizacións continuadas, de alento histórico dun pobo que, a pesar de todo, non se resigna a desaparecer”.

Eis unha chave estrutural posta en evidencia ao longo das páxinas, na escrita do autor. O devalar das políticas exercidas, de xeito sistemático e planificado, dende o poder, contra o baseamento medular da nosa cultura, contra o principal emblema da identidade galega, a lingua. Mais contra vento e maré está o abalar da sociedade galega máis dinámica e consciente que reclama o dereito de vivir con normalidade en galego.

Testemuño silandeiro da desfeita levada a cabo, no aludido lustro obxecto de estudo, foi a desaparición de numerosas cabeceiras en galego que a diario chegaban á man do lectorado, nalgunhas das cales os traballos de sociolingüística que integran esta obra se publicaron orixinariamente, do que son mostra lapidaria Galicia Hoxe, Xornal de Galicia, De luns a venres —por non falar tamén d’A Nosa Terra, Vieiros ou A Peneira—. Premeditado exercicio de exterminio, sen ningunha ciencia, mais a conciencia.

Dende esta obra radiográfase, entre outros moitos ámbitos de esculca, o traballo constante de numerosos colectivos —como A Mesa pola Normalización Lingüística ou a plataforma cidadá Queremos Galego!— e a oposición frontal de moita cidadanía contra a vulneración dos dereitos lingüísticos de quen usa de xeito cotiá a nosa lingua, contra a lexislación aniquiladora do galego no ensino ou contra o incumprimento sistemático dos ditames da Carta europea das linguas.

Galegocalantes e galegofalantes pon en evidencia, xa que logo, varios retos que, dende o conxunto da sociedade galega, cómpre xa acometer: a con(s)ciencia de posuírmos un ben cultural, o idioma, que debe ser patrimonio de todos —para o que é indispensábel que a xente máis nova adquira plena competencia nel (o que hoxe non acontece en espazos urbanos), amparado cunha política lingüística eficaz; o papel activo por parte da cidadanía, exercendo e demandando, dende calquera instancia da vida cotiá, o uso do galego; a necesidade de que as forzas políticas e sociais máis comprometidas coa realidade do noso país se impliquen nunha estratexia útil que lle dea pulo ao desenvolvemento social do idioma e con el a Galiza.

19 de mai. de 2016

Poesía sobre lingua (8): "O noso idioma é a luz"



O noso idioma é a luz
que ilumina o noso ser.
Renunciar á nosa lingua
é semellante a morrer!

(Manuel María, Escolma de poetas de Outeiro de Rei)

17 de mai. de 2016

Tres anotacións para o Día das Letras

O comentario desta semana en Sermos Galiza saíu máis longo do normal, mais hai razóns para que así sexa.

1ª anotación: Sobre dúas antoloxías de Manuel María e a lingua galega (A esencia máis nosa e O idioma é a vida).

2ª anotación: Unha anécdota que é máis que unha anécdota sobre o galego na xustiza.

3ª anotación: Cal foi o traballo en defensa do galego das e dos 23 representantes de Galiza no Congreso en Madrid durante esta última e breve lexislatura?



Vémonos na mani de Queremos Galego!

26 de abr. de 2016

Manuel María e a tribo incomprensíbel

Esta semana comecei en Sermos Galiza unha pequena serie de comentarios por volta deste noso poeta nacional, que ademais recibe merecida homenaxe neste ano polas Letras.