27 de dez de 2018

Epitafio 2018

Chega a fin do ano e eu tantos meses sen pór nada por aquí... A que ando? Pois, mellor que contalo, será poetizalo. Neste 2019 sairá do prelo o meu novo libro de poesía. Hoxe unha amiga que aínda non o leu díxome que este poemario pode ser o epitafio dunha época da miña vida que está aínda en proceso de dó. Penso que pode ter razón. Gosto da idea de que teña razón.

O epitafio é algo que se inscribe, un espazo para a lembranza, mais tamén para o deixar ir. Nesa liña ía o primeiro título que pensei: Inscricións. Foi a columna vertebral para sustentar os diferentes textos. Do mesmo xeito que en Atravesar o fantasma, ou nos outros poemarios que se foron conformando e que non cheguei a tentar levar ao prelo, os versos van saíndo e vanse unindo polo seu propio pé.

Agora asáltame a dúbida sobre se Inscricións será o mellor título. O propio poemario foise refacendo con forza durante este horríbel 2018, no cal os versos me serviron de bálsamo e bitácula. Ao mesmo tempo, outros títulos ían pedindo paso. Non é fácil escoller. Espero acertar.