29 de dez. de 2019

Flashes de 2019?

Póñome a teclear, indeciso sobre se quero escribir en realidade sobre iso que titulo. O outro día, cando me puxen a tirar poeira do blogue, vin que pendurara algo así hai catro anos. Mentres me lía, decateime de que cando o puña en 2015 estaba bastante máis triste do que podía parecer, e iso que só intuía que me debía preparar para outros momentos máis feos.

Bon... Vou tentalo:

Este foi o primeiro ano da miña vida que pasei case todo fóra de Galiza. O anterior, por exemplo, só fora a metade :)

Foi o ano en que publiquei o meu segundo poemario, o meu horocrux Inscricións, e escribín de novo bastante poesía.

Foi un ano en que tecín e consolidei moitas amizades, e iso é unha cousa sumamente feliz.

Foi un ano de moitas aprendizaxes, e non o digo como algo baleiro. Non é calquera cousa aprender cousas que antes non sabías, aínda que non todo o que se aprenda sexa medíbel.

Foi un dos anos da miña vida en que fun a máis concertos, e nalgúns choutei bastante.

Foi un ano en que sorrín moitísimo e en que chorei moi, moi profundamente.

Foi un ano en que me sentín belenense.

Foi un ano de elaborar moitos proxectos e non cumprilos, mais o importante era ir construíndo.

Foi o ano en que fiquei entusiasmado coas festas de xuño de Lisboa, que espero desfrutar máis e mellor en 2020.

Houbo moitas cousas boas, moitos lugares fermosos, moitas persoas brillantes... Mais agora, encanto escribo, teño moitísima máis vontade de lle dar as boas vindas ao 2020 que de rememorar 2019.

Ano vello, con ben vaias!
Ano novo, con ben veñas!

27 de dez. de 2019

Por encher

As redes sociais foron desasistindo a escrita en bitáculas coma esta.

As morriñas natalicias, ou as fantasmas dos natais pasados, fanme no entanto voltar a ollada para aquí e decídome a encher unhas liñas, nada máis sexa por matar saudades.

Síntome en tantas cousas tan diferente da persoa que decidiu abrir este blogue que mesmo me parece que non pasaron doce anos, senón toda unha vida. E doce anos, aínda que son bastantes, non son unha vida.

Penso, para min, sobre aquilo que continúo a ser e aquilo que xa non son. Non é unha conta fácil nin en silencio, así que non a vou pór por escrito :)

Que podo teclear que si sexa contábel? Pois que teño xa case terminado un poemario que penso publicar para 2020. O libro foi todo el escrito en 2019, todo el elaborado no meu telemóbel e só peneirado no portátil. Nun momento, ía incluír un texto que escribín en 2018 e ao final decidín deixalo fóra.

Estou ás voltas co título. Os versos decidiron que facían parte dunha obra cando o frontispicio era Só se pode ser inxenuo. Porén, agora hai outros dous posíbeis nomes que tamén piden paso: O camiño do peito á boca e Quen me queira ver sorrindo, que me procure no Instagram.

Talvez podería facer unha votación. Xa veremos.

Teño que pensar tamén que facer con todos os poemas cos que estou razoabelmente satisfeito porén non conseguen sitio nos libriños que vou publicando. Tamén niso, xa veremos.

Ánimo e bo camiño!

16 de nov. de 2019

Marco Neves convida à reflexão sobre a Galiza desde Portugal


Assim é a crónica do livro de Marco Neves que publicou o Centro de Estudos Galegos de Lisboa:

Linguista Marco Neves apresenta em Lisboa O Galego e o Português São a Mesma Língua?


Marco Neves é provavelmente um dos divulgadores mais prolíficos da linguística portuguesa, uma fecundidade que só é possível graças à boa acolhida de um público, o português, que até agora estava mais habituado a discussões sobre língua focadas em aspetos ortográficos, gramaticais ou etimológicos. O autor ocupa-se frequentemente da Galiza nos seus trabalhos, um interesse que surgiu naturalmente da sua curiosidade a respeito das línguas e que se intensificou nos últimos anos por se tratar de um amor correspondido além-Minho: poucos escritores portugueses conseguem como ele que o público galego se sinta compreendido, reconhecido e respeitado; menos ainda são aqueles que se atrevem a publicar uma obra inteira com o intuito de estimular essa curiosidade e conhecimento a respeito da Galiza entre os leitores lusos.

A obra O Galego e o Português São a Mesma Língua? foi apresentada nesta terça-feira na Faculdade de Ciências Sociais e Humanas da Universidade Nova de Lisboa. O evento, organizado pelo Centro de Estudos Galegos, conseguiu atrair um público muito participativo e diverso, uma excelente amostra das diferentes circunstâncias  pessoais e académicas que captam a atenção dos portugueses para este tema: alunos de galego, amantes das línguas, pessoas interessadas na situação política do Reino de Espanha, descendentes de galego e seguidores da obra o autor. Antes do lançamento, Marco Neves dedicou algum tempo a conversar com os estudantes da disciplina de Língua Galega e Literatura na faculdade.

O livro, escrito com a vocação didática que carateriza as obras do linguista, situa-se na posição do leitor português e conjetura as perguntas que poderão surgir a respeito do galego e da sua relação com a língua de Portugal, expondo os distintos pontos de vista existentes, permitindo que o público, ou em todo caso o povo galego a quem estas questões dizem respeito, adopte um ou outro posicionamento.


Marco Neves não esteve só na mesa. O autor convidou o escritor, professor e ativista galego Carlos Callón a companhá-lo na apresentação da obra e no debate posterior a respeito da situação sociolinguística da Galiza e da interpretação que o público português faz dela. Callón foi durante mais de uma década, coincidindo com a sua presidência na Mesa pola Normalización Lingüística, o rosto visível da luta pelos direitos linguísticos dos falantes de galego, para além de ser o autor de diversas obras poéticas e ensaísticas, nas áreas da sociolinguística, as políticas linguísticas e a história da homossexualidade.

Como todos os livros publicados pela casa editorial galega Através, O Galego e o Português São a Mesma Língua? está disponível nas livrarias portuguesas por meio dos canais de distribuição habituais e poderá adquiri-lo na livraria livraria do seu bairro, em grandes superfícies comerciais ou nas livrarias online disponíveis no País. O Centro de Estudos Galegos conta igualmente com exemplares na sua biblioteca disponíveis para emprestar.

27 de jun. de 2019

Plácido: o algo máis e a alegría



Xente de diferentes sensibilidades, diferentes crenzas relixiosas, diferentes idades, diferentes partidos, está a se mover desde Ribeira imantada por un nome: Plácido Betanzos. Son tantos os alentos que se xuntan que non quero teclear hoxe para trazar o perfil do amigo da alma que se me foi, senón do sementador que tocou as vidas de tantas persoas para sempre.

Temos o Plácido creador da palabra escrita, autor de libros que queren dar espello e voz á "xente miúda", que conta historias de quen sofren a Historia, e rescata palabras outrora moi usadas e que el aposta por revivir.

Hai tamén o Plácido orador, enerxía pura, que como profesor sabe tocar a tecla para que o estudante malote se acalme, para que a moza tímida se sinta segura, para que as súas aulas de Tecnoloxía sexan moito máis que aulas de Tecnoloxía, para que mesmo os que non fomos os seus alumnos sintamos a súa calor docente. O profesor querido.

O Plácido que tece discursos é tamén o Plácido político; político no sentido de que quere traballar para unha sociedade mellor. O político que gasta horas e horas, teléfono e gasolina sen recibir nin un céntimo de beneficio. Un home tan consecuente nas súas ideas como herculeamente doce coas persoas. Iso é algo que recoñecen todos e todas as que compartiron batalla con el, nun ou noutro lado das discusións. Cre nas capacidades do país galego para saír adiante e rexeita toda explotación. Para el, Rosalía, Castelao e Marx danzan nos evanxeos. A igualdade e a xustiza non poden ser palabras nun papel. Teñen que existir.

Desde mediados dos 90, cando o coñecín, o Plácido deu en usar a palabra "camaradiña", como un apelativo afectuoso. Pouca xente sabe que iso vén dun tema do brasileiro Jorge Ben, onde se canta: "Todos meus amigos, meus camaradinhas me respeitam. Pois é! Essa é a razão da simpatia, do poder, do algo mais e da alegria". Que versos tan acaídos para o noso Plácido! O seu "algo máis" estará connosco para sempre.


[Foto de Carmela Queijeiro. Artigo publicado no xornal La Voz de Galicia, no pasado 29 de febreiro.]

16 de jun. de 2019

Inscricións: a ollada do asasino

Penduro aquí a leitura do poemario Inscricións que fixo o tamén poeta Serxio Abalo. Agradecidísimo polo seu tempo e pola súa sinceridade!

Esta recensión publicouse orixinalmente na versión en liña do Sermos Galiza.

"Inscricións: a ollada do asasino", por Serxio Abalo

"Non entre ninguén que non saiba Xeometría, disque puña na porta da Academia de Platón", advírtesenos antes de pór o corpo a servizo do novo libro de poemas de Carlos Callón, Inscricións (Galaxia, 2019), como unha especie de premonición ou misericordia ante aqueles que escriben e inscriben. Pois este libro non fala doutra cousa ca diso: a escritura e as súas múltiplas formas. «A morte. A vida. O que as une. Todo», podemos ler na descrición da contracapa. 
 
Lonxe de parecer unha celebración da vida para comprendermos as desgrazas, ou, no seu reverso, unha celebración das desgrazas para aprehendermos a vida, o que fan precisamente as diferentes voces do poema é xogar connosco e coa maneira en que nos escribimos. O autor téntanos de a pouco a querer saber máis e devólvenos diáfana a nosa caluga a través do espello mentres penetramos nese canto ambiguo que é o sufrimento do outro.

libros-novelas-D_NP_667596-MLA29533436760_032019-Q
Cando se escribe un libro no que se intenta aplacar o sentimento de dó é sinxelo cruzar a estreita liña entre a incomprensión que causa a recente ausencia dun ser querido e o tópico. Esa é a dificultade que presenta o papel en branco. Cada perda é unha comuñón de todas as perdas enmascaradas na escrita. Esa é a lección. «O que inscrebo/ ten máis vida que quen o escrebe./ É un resto que apousenta,/ un furado de enigmas e falsos recordos,/ unha casa solitaria/ que sente a tronada ao lonxe».

E é precisamente a resonancia da voz que Callón escolle o que desconcerta e impacta. «Nunca máis nos vimos, / e un día morres, / e penso en ti facéndome filloas». Así, a morte. «Intérnome nas miñas enrugas,/ primeiro de expresión,/ despois porque fago anos». Así, o paso do tempo. Igual que o brillo inocente dos ollos que queren descubrir, aquí palpita a mirada dun asasino, tan fráxil e desvalido ante o que non comprende coma os versos que o delatan: «Mentres descías, sempre ti vertical,/ dos teus labios saía a neve suxa./ Eu non podía co frío./ Contemplaba».

Con todo, hai unha serie de cuestións que frean e entorpecen o ritmo de lectura. Por unha banda, a dinámica do verso libre e contido  ̶̶ que predomina ̶  rómpese ao atoparmos unha serie de poemas cun formato diferente, como no caso do que lle dá título ao libro «Inscricións» ou o soneto «Arcanos». Por outra, a escolla de termos e/ou aforismos da corrente psicanalítica, aínda que acertada en moitos casos en favor dunha amplitude de posibilidades, noutros quedan simplemente reducidos ao seu valor teórico: «O infinito é un oito deitado/ ou un sete en transubstanciación./ A Matemática é Simbólico e Real». Ha haber espazo para o xogo: procurar novos camiños para as mesmas afrontas.

A medida que imos avanzando na lectura, por veces temos a sensación de que o autor consegue atravesar a cerna e, dalgunha maneira, esa explosión desborda e chega ata nós. A mesma sensación efémera que nos fornece cando cremos ter a chave ante aquilo que nos desacouga. Unha «fugacidade indelébel»: «Penso no frío e digo:/ Unha muller camiña./ Unha muller camiña./ Unha muller camiña./ E non é ela».

Escribe Angélica Liddell, dramaturga e directora de escena  ̶ entre outras moitas cousas ̶  no seu último libro de poemas, Una costilla sobre la mesa (La uÑa RoTa, 2018): «Antes pensaba que era imposible que las palabras estuvieran a la altura del sufrimiento. Ahora pienso que no sabemos estar a la altura de las palabras». Todo o demais, unha promesa que reverbera. 

13 de jun. de 2019

Gravar para o perenne

"E no universo en expansión do querer e do lembrar óbrase o milagre de tatuar as palabras no silencio".

O grande poeta Román Raña publicou no Faro de Vigo esta reseña de Inscricións. É a segunda recensión que se publica deste libro, tras a do tamén poeta Serxio Abalo. Obrigado aos dous escritores, de dúas xeracións tan diferentes, que se debruzaron sobre esas páxinas.

18 de mai. de 2019

Letras LGBT galegas, outras achegas


Desde o activismo non se quixo deixar pasar a coincidencia do festexo do noso idioma e literatura e da reivindicación do Día contra todas as fobias que teñen a ver coa diversidade de opción ou identidade sexual. Si, nos dous casos, a celebración cae no 17 de maio.

Así que desde Avante LGBT Compostela nos convidaron a María Reimóndez e a min a falarmos sobre estas catro letras galegas: L, G, T e B, e tamén chamaron a catro poetas para daren voz ás súas composicións: Cinthia Ermitas, Afra Torrado, Nuria Vil e Carlos Lixó.

Foi un pracer ouvir as palabras de María Reimóndez, que ten achegado xa desde hai tempo ópticas moi necesarias sobre o tratamento do lesbianismo na literatura e ten analizado a persistente invisibilización na recepción. Pola miña banda, voltei sobre algúns temas sobre os que xa falei tamén en moitas ocasións e anunciei que levo avanzando un libro no cal levo traballado moito tempo sobre... Aaaaah! Se non estivestes na Libraría Lila de Lilith para nos ouvirmos, xa o contarei por aquí nunhas semanas ;)

Que vivan as diversidades!

[A fotografía é da Libraría Lila de Lilith.]

14 de mai. de 2019

Hoxe e mañá en Compostela: Letras Galegas LGTB

Eu prefería intervir cun holograma, como Mélenchon ou Madonna 🤷🏻‍♂️
Mais, xa que non se pode, acompañarei por vídeo á grandísima María Reimóndez.

Parabéns a Avante LGBT Compostela por todo o traballón que fan!


1 de mai. de 2019

19 de abr. de 2019

Somos o que un día fomos e que xa pasou

A presentación de Inscricións en Vigo non foi un día calquera para min. Sei que me lembrarei del de por vida.

Grazas a todas as persoas que alí estivestes e grazas especiais á libraría Cartabón, non só por acollelo, senón tamén por recoller este testemuño de que alí partillamos palabras e emocións:



Por se vos der xeito, na semana próxima vai haber dúas presentacións máis. Aquí van os cartaces:
 


30 de mar. de 2019

Inscricións no Zig-Zag Diario da TVG

Obrigado á xente do programa polo seu bo facer:



Vou adiantando xa que este libro se presentará 8 de abril en Vigo na libraría Cartabón, 23 de abril en Santiago no Vide, vide! (coa colaboración da Agrupación Cultural O Galo e da libraría Pedreira) e 24 de abril na Coruña na libraría Suévia.

22 de mar. de 2019

14 de fev. de 2019

Amor. Sexo. Soidade.

Especial "Amor. Sexo. Soidade" no Sermos Galiza.

Hoxe, 14 de febreiro, é un día coma outro para subir á rede o especial "Amor. Sexo. Soidade", publicado hai un par de semanas no Sermos Galiza.

Pódese ver, e tamén se pode baixar, clicando na imaxe ou aquí.

13 de fev. de 2019

Algo aínda cavaba fontes en min

Hoxe é o aniversario de miña nai. Quero felicitala, mais non pode ser


De casualidade, chega tamén ás librarías o poemario que se desborda cando toca falar da súa doenza e da súa morte.

Sei que é casualidade absoluta, mais por un segundo póñome místico e imaxino que non foi fortuíto que os exemplares dos libros chegasen ao almacén de Galaxia uns días máis tarde do previsto. E síntome, non sei, algo así como satisfeito, porque lle envío versos xa que non podo chamala por teléfono.

15 de jan. de 2019

O retorno a Rosalía


En 2018 fíxose o 30 aniversario da saída da Análise sociolóxica da obra de Rosalía de Castro, un traballo que marcou un punto de inflexión no coñecemento da escritora máis importante da nosa Historia.

No que estivo na miña man, promovín e coordenei un especial do Sermos Galiza para lembrar a efeméride e tamén facer o balanzo da situación. Podédelo consultar, baixar e divulgar libremente a través desta ligazón.

Que viva Rosalía!