31 de dez de 2014

Un poema para o derradeiro día do ano


Estes versos están en Atravesar o fantasma, como conclusión da primeira parte do libro. Porén, inicialmente este texto pertencía e mesmo daba título a un outro poemario meu, terminado en 1997 mais inédito: Deses soños chamados Areeiros. Anos máis tarde refíxeno un pouco e simplifiquei o título a Areeiros, mais permaneceu igualmente inédito.

Só pasaron ao prelo estas liñas que agora reproduzo aquí. No entanto, aquela primeira versión do libro si a puido ler algunha xente en versión mecanografada, pois con Deses soños chamados Areeiros gañei aos dezaoito anos o 2º premio Francisco Fernández del Riego, na categoría dos dezaoito aos trinta (que alegría tan enorme levara!).

Algunha xente pregúntame por que non tentei publicar antes os libros de poesía que terminei xa desde hai anos, e non sei que dicir. Supoño que hai unha mestura entre a asunción de que era e é difícil publicar poesía, as dúbidas de exporse, o conflito normativo que daquela estaba máis cru (eu expresábame nos chamados mínimos) e, sobre todo, que as outras cousas en que andaba metido non me deixaban moito tempo para lle dar saída ao que ía facendo.

Sexa como for, estes versos de nostalxia e incerteza resumen como unha repetición o meu estado de ánimo de hoxe. Ai, os derradeiros días do ano!

Bicos e boísimos desexos para todas as persoas que pasades por aquí de cando en cando para me dardes unha visitiña! Vémonos en 2015 para pórmos de novo en común loitas e afectos.

Um comentário: