Mostrando postagens com marcador CDTDL. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador CDTDL. Mostrar todas as postagens

11 de jul. de 2018

A nai non morre nunca


O pasado 7 de xullo, cando pasaba pouco das tres e media, morreu miña nai. O tempo irá amainando esta dor inmensa, aínda que a súa memoria estea sempre, sempre, sempre nos nosos corazóns.

Mãe não morre nunca,
mãe ficará sempre
junto de seu filho
e ele, velho embora,
será pequenino
feito grão de milho.
(Carlos Drummond de Andrade)






21 de dez. de 2017

"O galego morrerá se nós deixamos que morra"

Ese foi o titular da entrevista que me fixeron no xornal El Ideal Gallego no 25 de agosto de 2011 con motivo da presentación en Carballo do libro Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, unha das miñas obras polas que teño especial querenza, tanto polo contido como pola linda modelo da cuberta.

Nada de morte. Vida e máis vida, é o que queremos!



10 de out. de 2016

Galegocalantes e galegofalantes: reflexións e argumentos para a lingua


Estou no proceso de corrección de probas do libro Galegocalantes e galegofalantes, que sairá nun par de meses desde Xerais. O volume componse por un feixe de reflexións sobre a situación do noso idioma.

Igual que os meus outros títulos de tema sociolingüístico (En castellano no hay problema, Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, Como defenderes os teus dereitos lingüísticos) é unha obra de combate. De reflexión, con certeza. De argumentos, tamén. Mais, sobre todo, de activismo.

As fotos que aquí pendurei, de Xan G. Muras, corresponden á presentación en Santiago dunha das obras citadas: o manual práctico Como defenderes os teus dereitos lingüísticos. Foi no 24 de xullo de 2011. Aí estamos, de esquerda a dereita da primeira imaxe: Manuel Bragado, Carlos Outeiro, Dalila Dopazo, servidor e Anxo Louzao.

Fagamos valer os nosos dereitos! Galegofalantes, activémonos! Galegocalantes, unídevos!

11 de abr. de 2015

"Ao ler ese libro, decidín que tiña que utilizar o galego para todo"


Onte estiven na libraría Biblos de Betanzos para participar nunha conversa por volta da miña última obra, Atravesar o fantasma. Nun poemario sobre a radical singularidade de cada persoa, como é esa, non pode resultar estraño que cada un dos actos de presentación sexa diferente do outro. Nesta ocasión o guía excepcional do evento foi o poeta e editor Miguel Anxo Fernán Vello. Falamos da sensorialidade dos versos e da cita ausente de Lacan; viñeron ás nosas bocas os nomes e as obras de Melanie Klein e Françoise Dolto; comentamos as dificultades para lle pór palabras á dor e ás perdas ou o papel das vidas na poesía e da poesía nas vidas... Foi unha enorme delicia compartir ese serán con toda a xente que alí se congregou!

Após finalizar o acto, un dos homes que me pediu que lle asinase un exemplar díxome que el se achegara até alí pola importancia que tivo na súa vida o anterior título que eu publicara, Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez. "Ao ler ese libro, decidín que tiña que utilizar o galego para todo", comentoume. A súa muller acrecentou, cun enorme sorriso: "Non sabes como sorprendeu a moita xente! Tamén no traballo se puxo a falar en galego!!!"

É verdade que non é a primeira ocasión que me din algo así por volta deste libro ou do seu siamés Como defenderes os teus dereitos lingüísticos. O caso é que, cada vez que me comentan algún deses seus froitos, non podo máis que pórme feliz, moi feliz, e coller forzas para continuar adiante no activismo en defensa do noso.


[Na ilustración, listaxe dos libros máis vendidos na sección "Gramática" en Amazon no conxunto do Estado español este sábado. A demanda de Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez é un bo sinal para o noso idioma, que moitos quererían ver como un moribundo.]

18 de mar. de 2015

Non podo vivir en galego, mais aspiro a iso

Este foi o titular da entrevista que me fixo o Diario de Pontevedra o ano pasado. Falo dos meus libros de defensa do idioma (sobre todo, de Como defenderes os teus dereitos lingüístico e Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez), da actividade da Mesa, das discriminacións a que nos vemos sometidas as persoas que queremos vivir no noso idioma... Mais tamén respondo un rápido inquérito sobre algunhas cuestións máis persoas. Se vos interesar, podédela consultar completa clicando nesta fotografía:


3 de dez. de 2014

2 de set. de 2014

"Contra quen" escribimos Quico Cadaval e eu?



O tempo pasa voando. Hai case xa dous anos que participei, convidado pola AELG e pola Universidade de Vigo, nunha mesa redonda co meu admirado Quico Cadaval para falarmos sobre a súa ampla obra dramática (boa parte dela inédita, é certo, polos diferentes tempos e opcións que hai no teatro) e os meus cinco títulos de ensaio. Anunciaba eu daquela tamén un libriño que a día de hoxe tampouco dei terminado. O tempo, como dicía, pasa voando...

Se vos interesar, nesta ligazón hai unha crónica máis completa do que foi esa mañá, en que terminamos falando sobre aquilo que nos levaba a escribir, se había un por que, talvez un por quen, ou un contra que, un contra quen.

Continuamos! ;)

5 de jun. de 2014

De Tui a Vilalba


Na pasada segunda feira estiven por Tui, primeiro cunha rapazada do máis interesante no IES San Paio, e despois nunha asemblea de formiguiñas na Biblioteca Municipal. Falamos alí dos libros Como defenderes os teus dereitos lingüísticos e Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, mais tamén conversamos sobre a situación da Real Academia Galega, as forzas electorais e o idioma noso, os papeis dos medios de comunicación, os programas de tradución automática castelán-galego etc.

No serán da sexta feira (venres) 13 de xuño desenvolverase en Vilalba un acto semellante coa hospitalidade do Instituto de Estudos Chairegos. Vémonos aló?

30 de abr. de 2014

Entrevista para Biosbardia

http://biosbardia.wordpress.com/2014/04/28/carlos-callon-a-pesar-de-todo-o-nivel-de-compromiso-social-co-galego-e-moi-alto/

Unha destas formiguiñas dinamizadoras que temos no país, César Lorenzo Gil, fíxome esta entrevista para a revista dixital que el fai posíbel: Biosbardia. Preguntoume se vou mudar de actividade pública (moita xente pensa erroneamente que agora vou para algún cargo partidario ou institucional), como valoro os libros xa publicados, que ando a escribir nestes momentos...

Para alén desta conversa, aconséllovos que vos deades unha volta en xeral por Biosbardia. É destes pequenos proxectos que impiden que decaia a esperanza.

2 de set. de 2013

Necesitamos a lingua se queremos vencer


Penduro aquí a intervención que fixo a lingüista e amiga Luz Cures con motivo da presentación nacional do libro Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez.

Podedes pasar por alto os seus comentarios iniciais -que agradezo, mais que se deben sobre todo á amizade que nos temos- e atender só ás reflexións sobre a importancia de nos activarmos na defensa do noso idioma e ás anécdotas tan auténticas que relata para nos animar a avanzarmos nese camiño:



Activémonos, ho, non podemos deixar morrer o noso idioma!



11 de mai. de 2013

Corcubión, Carballo, Lugo, A Estrada e Ponteareas


Para todas as persoas que quixerdes participar, no camiño da mobilización do vindeiro 17 de maio vou intervir nos seguintes actos públicos:

  • Domingo 12, Corcubión, 20.30 h, no Auditorio Municipal. Presentación de Como defenderes os teus dereitos lingüísticos. Organiza a Universidade Popular de Corcubión.
  • Segunda (luns) 13, Carballo, 20.30 h, no Casino. Presentación de Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez. Organiza A Mesa de Bergantiños.
  • Terza (martes) 14, Lugo, 20 h, no Lar da Cultura do País (carril das Hortas, 1 - baixo). Presentación de Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez. Organiza a asociación Cultura do País.
  • Cuarta (mércores) 15, A Estrada, 20 h, na sala de exposicións de Novagaliciabanco. Presentación de Como falar e escribir en galego con corrrección e fluidez. Organizan a asociación cultural Vagalumes e Queremos Galego da Estrada.
  • Quinta (xoves) 16, Ponteareas, 20 h, no Auditorio Reveriano Soutullo. Conferencia sobre "Retos e alternativas para o galego no ensino". Organiza Galiza Nova.
E na sexta (venres) 17, xa sabedes onde e cando temos a cita. Vémonos na Alameda de Santiago ás 12 do mediodía, en defensa da lingua que nos une!

Continuamos!

27 de fev. de 2013

Así foi a miña última presentación en Barcelona

Esta sexta feira regreso a Barcelona para presentar aló o meu último libro, Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez. O acto será ás 19 h na Escola Oficial d'Idiomes de Drassanes (Avda. Drassanes, 14) e a el poderá asistir só alumnado dese centro, sexa cal for a lingua en que estiver matriculado.

Aproveito que regreso á capital catalá para pendurar nesta miña paxiniña dúas imaxes correspondentes á que foi a miña anterior presentación dun libro por aló. Trátase do acto que tivemos na aínda existente Galería Sargadelos no carrer Provença, o 9 de maio do ano pasado, para falarmos de Como defenderes os teus dereitos lingüísticos. A presentadora foi a profesora Ana Escourido, un referente na dinamización da nosa cultura nesa nación mediterránea.





20 de fev. de 2013

De Compostela a Ferrol


Esta fotografía é do coloquio que se realizou esta semana, en Políticas de Compostela, sobre a lingua galega. Nel falamos finalmente non só do libro Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, senón tamén de Como defenderes os teus dereitos lingüísticos e sobre outras cuestións relacionadas coa actualidade do idioma noso.

O próximo acto en Galiza para conversarmos sobre Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez será o vindeiro 14 de marzo ás 20 h na Escola Oficial de Idiomas de Ferrol. Antes, haberá un par de encontros, en Barcelona e Madrid, sobre os cales axiña darei máis información.

Aproveito para agradecer a escolla deste manual práctico como finalista nos premios Ánxel Casal, que outorga a Asociación Galega de Editores. O destino final do galardón coñecerase o vindeiro 15 de marzo, mais para min xa é motivo de enorme alegría compartir podio con quen o comparto.

Continuamos!

(A fotografía é de Adrián Piñón.)

19 de jan. de 2013

De Cedeira a Paiosaco

O 3 de xaneiro tivemos unha "asemblea de formiguiñas" en Cedeira para conversarmos sobre propostas e estratexias para defendermos máis e mellor o noso idioma. Esa reunión tivo como un dos puntos de debate e traballo o libro Como defenderes os teus dereitos lingüísticos. Tamén falou sobre a situación actual do noso idioma e os retos do activismo o Fernando Igrexas (responsábel da Mesa en Cedeira) e o Gabriel Beceiro reflexionou sobre a situación do galego tomando como contrapunto a situación do catalán no Principat, en concreto no ámbito do ensino. O día deu para un produtivo diálogo con toda a xente que asistiu e se decidiu a dar a súa opinión.

Velaquí van algunhas fotografías da xornada, que podedes consultar na páxina da asociación Olláparo:





Hoxe continúo este proceso de realización de "asembleas de formiguiñas" por toda Galiza. Nesta ocasión o punto para o debate será o libro Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez e o lugar de encontro será a asociación de veciñas e veciños Campo da Feira, en Paiosaco. Todas e todos os asistentes levaremos tamén na cabeza que temos que mobilizar moita xente para a manifestación nacional para o 27 convocada por Queremos Galego, a plataforma unitaria impulsada e coordinada pola Mesa.

Igual que noutros actos anteriores, todas as persoas que veñan cun exemplar de Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez ou o adquiran no propio acto terán un agasallo.

A segunda feira tocará presentación en Marín.

Continuamos!

3 de jan. de 2013

En Cedeira e en CorreoTV


O grupo da Mesa en Cedeira convidoume a participar hoxe ás sete nun acto sobre a situación do idioma noso, no cal me centrarei en comentar os consellos contidos no manual práctico Como defenderes os teus dereitos lingüísticos e en animar á participación na manifestación nacional do vindeiro 27 de xaneiro.

Ademais, hoxe CorreoTV reemitirá ás 19.30 e ás 22 h a entrevista que me realizou Carlos Roma sobre o meu máis recente libro, Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, que é irmán siamés do que hoxe presentaremos en Cedeira. Sei que hai problemas nalgunhas cidades e vilas para conseguir exemplares deste traballo, o cal sinto moito (ao mesmo tempo que me fai sentir alegre e agradecido, con certeza). A segunda edición está xa para chegar!

Continuamos!

2 de jan. de 2013

Presentación en Cedeira de Como defenderes os teus dereitos lingüísticos


A presentación en Cedeira do manual práctico sobre como superar as dificultades que se nos presentan para podermos vivir en galego ía realizarse o pasado verán, mais houbo que desconvocala e foise pospondo semana tras semana por unhas ou outras cousa. Pois vai ser mañá, 3 de xaneiro ;)

So o nome "A lingua que nos une", A Mesa de Cedeira organiza unha actividade que consistirá, nunha primeira parte, nunha presentación panorámica dos consellos contidos neste libro. A segunda parte será unha mesa redonda sobre a situación do idioma no ensino en que participarán tamén os compañeiros Gabriel Beceiro (que falará sobre a inmersión lingüística en Cataluña vista desde o noso país) e Fernando Igrexas, responsábel da Mesa na localidade.

Todas as persoas que veñan cun exemplar de Como defenderes os teus dereitos lingüísticos ou que o adquiran no propio acto terán un agasallo.

Continuamos!