Mostrando postagens com marcador Xavier Vence. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador Xavier Vence. Mostrar todas as postagens

29 de out. de 2015

Soberanismo: o federalismo do século XXI?


Estiven onte na presentación, no Vide, Vide! de Santiago, do libro Tempos chegados? Sobre o futuro político da Galiza, unha obra colectiva coordinada por Arturo de Nieves e Carlos Taibo.

O primeiro que me chamou a atención foi o título. O himno galego é, até onde eu sei, o único himno nacional que comeza con preguntas: "Que din os rumorosos...?", "Que din as altas copas...?" Continúa e finaliza, iso si, con afirmacións sostidas na esperanza cara a un futuro próximo, como "Os tempos son chegados..." Porén, neste título, como tantas veces na nosa realidade, reconvértese o claro proxecto en interrogante, en dúbida, en hipótese, en posibilidade por comprobar.

Nesa liña, nas 140 páxinas deste pequeno volume son varias as achegas que se fan á posibilidade de cadanseus horizontes de futuro para Galiza. Onte estaban presentes no acto tres destas opcións, con cadansúa disciplina de saber para a explicar.

José Antonio Portero defendeu, en castelán, o mantemento como autonomía, desde a súa óptica de catedrático de Dereito Constitucional, mais deixando a salvidade de que el mesmo preferiría unha maior centralización, que só rexeitou por nostálxica. Justo Beramendi, catedrático emérito de Historia, amparou un encaixe federal, cunha moi boa e amena exposición, onde subliñou a importancia da táctica intelixente para dar pasos adiante. Por último, Xavier Vence, como catedrático de Economía Aplicada, achegou algunhas reflexións cruciais para defendermos a postura soberanista, como unha ferramenta democratizadora básica nos tempos da globalización, xa que mesmo os vellos estados teñen unha soberanía moi relativa nestes tempos. Ademais, centrándose no noso país, deu algún dato verdadeiramente revelador, como que se contásemos agora mesmo Galiza como independente sería a economía número 55 do mundo, de entre os case 200 estados que existen na actualidade. Non vos fai pensar?

Tras escoitalos, a miña conclusión foi: "O soberanismo é o federalismo do século XXI". Así que lle quito o interrogante ao título desta entrada e subliño que, si, a loita pola soberanía é a loita polos dereitos democráticos, a loita para que as persoas e os pobos de verdade decidan.

22 de mai. de 2015

#DependeDeNós

Entre os actos que tiven en varios puntos da xeografía galega polo festexo das Letras e a campaña electoral, nesta quincena adelgacei máis que indo ao ximnasio. Mais abofé que pagan a pena todos estes esforzos. Como ben dixo Castelao, temos fe no noso pobo e moi logo o noso pobo terá fe en nós.

Formiguiñas, forza e adiante! Depende de nós!






























11 de out. de 2012

As mentiras dunha autoridade pública deberían estar penadas como falta ou prevaricación

A idea con que titulo esta entrada figura no moi recomendábel artigo "Datos contra mentiras" que publica Xavier Vence no seu blogue. O catedrático de Economía Aplicada na Universidade de Santiago reflexiona sobre iso a partir das reiteradas falsidades que lanza o Partido Popular sobre a evolución económica, mentiras ben conscientes que tamén onte se puideron escoitar na boca de Alberto Núñez Feijóo no seu debate con Francisco Jorquera.

Como digo, anímovos a que leades completo o texto na súa páxina, mais non podo deixar de pendurar tamén aquí os gráficos obxectivos dunha dura realidade que o PP quere deformar na súa propaganda.