Mostrando postagens com marcador Valentim Fagim. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador Valentim Fagim. Mostrar todas as postagens

31 de mai. de 2021

Uns minutos sobre o galego na TVI portuguesa

O outro día saín no programa matinal da TVI, unha das emisoras de televisión máis importantes de Portugal. A cousa tivo máis repercusión da que eu imaxinaba, tamén ao norte do Miño.

Todo comezou cunha proposta que lle chegou a Gabriel André. No espazo "Esta manhã" ían dedicar unha parte do programa ás relacións en xeral de Portugal co Estado español e, dentro disto, quixeron abrir un tempo para falar sobre o galego. Eran poucos minutos, mais había que tentar aproveitalos ben. Teño que recoñecer o asesoramento en particular de tres persoas: Sara Seco Rial, André Jorge e Valentim Fagim. Obrigado!

Varios medios de comunicación fixéronse eco na Galiza. Cónstame o caso de Nós Diario, de Praza Pública e do Galicia por Diante de Kiko Novoa na Radio Galega. Obrigado tamén!

Para a próxima paraxe polas televisións portuguesas, era bo falarmos non só da lingua senón tamén doutros dos nosos símbolos, como a bandeira. Xa me entendedes :)

18 de ago. de 2010

Debater e actuar


Os meus artigos das dúas últimas semanas en Galicia Hoxe ("Para sandar as feridas" e "As palabras perdidas?") deron lugar a un debate sobre se a nosa lingua se encontra ou non nun proceso de hibridación e, sobre todo, o máis importante, que é o que podemos facer para mellorar a calidade do noso idioma e aumentar a súa extensión social. A discusión foi inagardada, porén é oportuna e necesaria, polo que a festexo.

Partindo destes escritos, que foron motivo de réplicas e contrarréplicas en varios foros da rede, expuxeron as súas opinións sobre o tema, entre outras e outros, Xosé Luís Méndez Ferrín, Francisco Fernández Rei, Xosé Ramón Freixeiro Mato, Xosé Manuel Sánchez Rei, Henrique Monteagudo, Goretti Sanmartín Rei, Valentim Rodrigues Fagim, Filipe Díez, Isabel Rei, etc. Na reportaxe "O risco da dialectalización", que Montse Dopico elaborou para Galicia Hoxe, poderedes ler en síntese os diferentes posicionamentos.

Nalgún caso, ao longo do debate, apóñenseme posturas que eu non defendo. Por iso, quen tiver interese en coñecer de modo directo o que eu si penso, pode ler os dous textos supracitados, así como o libro En castellano no hay problema, onde me debruzo en varias ocasións sobre o tema (especialmente, aínda que non só, nas páxs. 135-139 e 243-246).

Varios dos artigos que publicarei en Galicia Hoxe nas próximas semanas abordarán desde outras perspectivas esta mesma cuestión. Agardo que tamén resulten de proveito e utilidade, tanto para a reflexión como para a acción.