Mostrando postagens com marcador censura. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador censura. Mostrar todas as postagens

22 de fev. de 2021

A miña primeira entrevista na TVG

Esa primeira vez foi no ano 2004, con Tino Santiago, e para falarmos da que era a 4ª edición do Correlingua con ese xeito de organización. Véxome, escóitome e constato que era un rapazoliño. Tamén se pode observar a denuncia de enganos reiterados polo poder para nos negar os nosos dereitos lingüísticos e para nos roubaren a esperanza dun futuro mellor. Hai que contextualizar nos tempos dos estertores do fraguismo tanto os problemas como as solucións que se dan .

Ben, dixen que foi a primeira entrevista na TVG, mais ben poucas máis tiven, for como presidente da Mesa (até onde eu lembro, hai outras dúas: a de Miraxes e a de Carlos Luís Rodríguez), como candidato (tamén, até onde a miña memoria alcanza, foi unha, aínda que concedo que nesas semanas de frenesí podo esquecer algo) ou como escritor (agradezo que se noticiase a maioría dos meus libros, mais o número de entrevistas que tiven como autor é unha cifra redonda). En fin, tamén é bo lembrar isto para que non pasemos por naturais as censuras mediáticas que levamos tantos anos padecendo.

Os que acabo de citar son só exemplos puntuais dunha longuísima e amplísima listaxe que, nos últimos anos, leva advertindo con perseverenza e enerxía o movemento Defende A Galega.

27 de mar. de 2016

Ligazóns ao desvío para un vinte e sete de marzo

14 de mai. de 2014

Galiza existe, Galiza resiste!



Penduro este spot non só porque apoie #OVotoQueLlesDoe, senón tamén porque apoio unha liberdade de expresión merecente de tal nome.

Non pode ser que se silencien nos medios públicos opcións políticas lexítimas e cun amplo apoio social, mentres outras opcións declaradamente antigalegas, residuais electoralmente e mesmo extrainstitucionais reciben máis espazo nestes mesmos medios públicos. Xa está ben de aplicar unha e outra vez limitacións e censuras coma estas contra o nacionalismo galego!

Se lles proe que continuemos a loitar por Galiza, aínda van ter bastante para rañar.

Demostrémolo o 17 de maio nas mobilizacións de Queremos Galego e o 25 de maio nas urnas!

Galiza existe, Galiza resiste!

15 de mai. de 2012

Se nos denegan o palco e a megafonía, usaremos as gorxas para exclamar moi alto polos nosos dereitos



Hoxe chegounos a notificación, esperpéntica, do Concello de Santiago pola cal pretende o goberno municipal pór todos os obstáculos ao seu alcance para a manifestación do Día das Letras. Nos 26 anos de existencia da Mesa nunca nos encontráramos con resolución semellante. Por fortuna, non entra nas súas competencias nin teñen capacidade legal para negaren a manifestación, senón só para dificultar todas as cuestións de intendencia fundamentais para o seu desenvolvemento.

Esta mesma mañá presentamos con rapidez un escrito no tribunal para garantir que poderemos desenvolver a manifestación coa normalidade debida. En calquera caso, mesmo que non nos permitisen dispor de palco nin de megafonía, usaremos con máis forza a nosa voz, verdade? Por moito que queiran, non nos calarán! Preparade as gorxas:

QUEREMOS GALEGO!!!!



12 de set. de 2011

Xustificando a censura

Xa comentei no seu día o lamentábel episodio coa Delegación da Xunta en Madrid, a Casa de Galiza, que se negou a conceder a súa sala para poder presentar alí o libro En castellano no hay problema. Dixéronme literalmente que non darían a licenza até que o delegado da Xunta lese o libro.

Tras catro meses de burla e censura, tiven que procurar outro lugar onde poder desenvolver o acto. Para culminar a bufonada, a Casa de Galiza comunicaba, o día anterior ao acto xa programado en Madrid (como eles ben sabían, mesmo por min), que poderían concederme a sala para finais do mes de xullo.

O BNG presentou unha pregunta no Parlamento galego para saber como puido producirse este acto de censura nunhas dependencias públicas. A resposta, coa desvergoña característica do goberno de Alberto Núñez Feijóo, é a seguinte:

Como xa expliquei no seu día, mesmo tiñan o libro no seu poder desde había meses. E, así, co libro na man, puideron comprobar cal era o título, a editora, etc. Imaxinade que non o tivesen! Como poderían saber se non cal é o autor, o título e a editora? Non é censura, claro que non. É "información", só que no sentido franquista do termo.

Se o que querían era ler o título do libro no propio libro e xa tiñan o libro, por que tardaron catro meses en conseguir ter unha data dispoñíbel?

De verdade non tivo nada a ver con esta situación que neste libro se criticase -lexitimamente!- a política lingüística, educativa e cultural aplicada contra o galego por parte de Alberto Núñez Feijóo? De verdade?

Este tipo de argumentacións non recorda demasiado a outros tempos?

5 de jul. de 2011

Milagre na Delegación da Xunta en Madrid!


Este serán ás 19.30 h pecho no Centro Galego de Madrid (rúa Carretas, número 13) a rolda de presentacións do libro En castellano no hay problema, na cal levaba máis dun ano.

Xa onte comentei as lamentábeis vicisitudes polas que tivo que pasar a tentativa de se realizar este evento na capital do Estado. Quérovos anunciar que desde a Casa de Galiza -a Delegación da Xunta- anunciaron onte, un par de horas despois de enviarmos o comunicado, que si disporían de días libres para finais deste mes.

Milagre de Deus! Hai que agardar a que se faga pública a denuncia e a que sexa o día antes da presentación xa organizada para que a axenda se libere maxicamente! Milagre celestial! Hai catro meses non había días e agora xa os terían para dentro de tres semanas! Milagre! Milagre!

En fin.

Pasemos a páxina polo de agora a estes lamentábeis episodios de censura, máis ao descuberto que nunca, e vaiamos á actualidade. Xa saberedes as persoas que lérades o libro antes que José Ramón Ónega que nalgunhas das páxinas do volume En castellano no hay problema me debruzo sobre a situación do noso idioma nos medios de comunicación.

A respecto disto tivemos onte unha concentración na compostelá praza do Toural, coa presenza de moitos rostros coñecidos de diferentes ámbitos sociais. A imaxe que encabeza esta entrada pertence ao momento en que o poeta, editor e columnista Miguel Anxo Fernán Vello procedeu á lectura do manifesto.

Compas, a loita continúa!

4 de jul. de 2011

Catro meses despois

Catro meses e poucos días despois de comezar as xestións, poderase facer a presentación en Madrid do libro En castellano no hay problema. Claro que, para iso, houbo que desistir na tentativa de que cedese un espazo a Casa de Galiza, que é a Delegación da Xunta en Madrid.

O 18 de maio pasado xa comentaba neste blogue a surrealista chamada que fixera para tentar avanzar nas xestións, coa tremenda resposta de que non ían dar autorización até que o delegado da Xunta na capital do Estado, José Ramón Ónega, terminase de ler o libro, que previamente lle houbo que enviar. Pasaron as semanas desde esa chamada; pasaron catro meses desde que houbo o primeiro contacto para realizar esa actividade, mais o volume aínda non superou a censura previa. A semana pasada aínda queimei os últimos cartuchos antes de denunciar esta situación publicamente, mais Ramón Jiménez, da Delegación da Xunta, volveume a negar ese espazo público.

Por iso, as persoas que esteades mañá por Madrid e queirades participar no acto, poderedes achegarvos ao Centro Galego da rúa Carretas, nº 14, 3º andar. Será ás 19.30 h coa compaña do deputado Francisco Jorquera.

Mais a cousa non termina aquí. O persoal da Delegación da Xunta en Madrid négase a atender en galego mesmo a quen llo solicita explicitamente. Por iso, A Mesa realiza o convite de chamar á Casa de Galiza, ao número 91 595 42 00, e solicitar que nos respondan en galego, lingua propia e oficial da Administración autonómica.

4 de fev. de 2009

Máis sobre a censura da campaña de Retranca


Segundo informa Vieiros, a campaña de que falaba na anterior entrada volverá circular na próxima segunda feira cunha mudanza no lema, que eu a verdade non entendo: "Probablemente Zeus non exista".

Non hai dúbida de que é prioritario para a nosa cultura publicitar revistas que, pola súa calidade e enxeño, deben ser máis coñecidas e difundidas, como a xenial Retranca, mais non podo deixar de amosar a miña preocupación polo éxito da censura de Vitrasa.

Por que é que se pode obrigar a mudar unha frase como "Probablemente os deus non existan", que ademais de non resultar ofensiva contra ninguén debería estar amparada pola liberdade de expresión? Por que nos escandalizamos tanto cando a quilómetros de nós hai persoas que se molestan polas caricaturas a Mahomé mentres aquí a susceptibilidade dun empresario, cunha concesión pública, pode mudar lemas que non foran propostos polos creativos?

Ánimo aos compañeiros de Retranca e parabéns polo éxito concreto conseguido na divulgación adicional da revista por parte de Vitrasa. Porque unha cousa é que eu lamente a actitude da empresa e outra que considere que non se debe tentar conseguir o máximo posíbel nunha negociación, como foi o caso. Lograron a rectificación e que dentro dos autobuses haxa unha pequena exposición sobre a revista. Porque, como din no final do lema, non hai dúbida de que a cultura galega existe.

Non hai retranca nos autobuses de Vigo

A revista Retranca puxo en andamento unha campaña publicitaria co lema que aí ledes: "Probablemente os deuses non existan, pero a cultura galega si. Por que non falamos das cousas que existen?"

Tal e como informan no blog da publicación, a empresa concesionaria dos autobuses de Vigo retirou a publicidade ao cabo de seis horas de andar circulando con ela porque "recorda" á polémica dos "autobuses ateos". Agardemos que a campaña volva circular axiña tal e como foi contratada, porque tal censura non ten xustificación.

Actualización sobre o tema aquí.