Mostrando postagens com marcador Elsa Quintas. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador Elsa Quintas. Mostrar todas as postagens

16 de jul. de 2017

As Mocidades da Mesa: vinte e un anos e un día


No 15 de xullo de 1996 fundabamos as Mocidades da Mesa pola Normalización Lingüística. Non temos ningunha foto desa xuntanza, nin doutras que viñeron, así que penduro unha en que saímos tres das persoas asiduas: Román Rodríguez, Elsa Quintas e servidor. Buscarei máis!

Fixéramos moitas campañas, algunhas manis e pasáramolo ben dando a batalla.

Viva a lingua galega!

22 de jul. de 2015

Crónica de novos xaques ao galego


O SERGAS pospúxolle unha operación case dous anos a un paciente porque este solicitou a documentación en galego; en concreto, o que pedía ter no noso idioma común é o "consentimento informado" que todas e todos temos que asinar para dar fe de que coñecemos e admitimos a intervención que nos indican. Este feito, que o SERGAS non nega, supón a conculcación dos dereitos lingüísticos máis básicos e un novo xaque ao recoñecemento do galego como lingua oficial.

O paciente, con toda a dignidade, decidiu levar por iso o SERGAS aos tribunais. Como a min me acontecera unha situación semellante hai uns anos, pediume que fose de testemuña para contar o meu caso, porén o xuíz finalmente decidiu non admitir esa proba oral, que axudaría a corroborar unha discriminación repetida.

Desde A Mesa, con representantes tamén da CIG-Saúde e do BNG, acompañouse a xornada cunha concentración simbólica de apoio ás portas do xulgado de Compostela. Cando chegamos, vimos que había varios medios e alegrámonos polo eco que ía ter a nova, mais... o certo é que os medios, que aproveitaron porén para recoller declaracións, estaban para cubrir a parte sensacionalista do día, sobre o crime da pequena Asunta Basterra. De feito, canto desta nova vistes nalgún medio? Imaxinade que relevo tería, polo contrario, se lle pospuxesen unha operación a alguén -que digo dous anos? unha semana!- por pedir a documentación en castelán...

O momento máis esperpéntico da xornada produciuse cando o avogado dos seguros Zürich, contratados pola Xunta, se negou a falar en galego. O paciente e denunciante púxoo en evidencia e reclamou que, xa que o representante contratado pola Xunta non quería usar o galego, que se lle puxese un intérprete. O xuízo pospúxose por iso algo máis de media hora.

Cantas cousas temos para aprender deste día: as discriminacións que continúan con forza por parte de quen debería ser o primeiro defensor da nosa cultura (o Goberno galego); a marxinalidade mediática dos nosos problemas culturais centrais, os decisivos para o futuro dun idioma vivo; porén, sobre todo, a pervivencia dunha mobilización e dignidade que se nega a permitir que sexamos cidadáns e cidadás de segunda. Non, non o permitiremos.

20 de abr. de 2014

Un equipazo que nos dará moitas alegrías

Onte a Iria Taibo e eu, que non imos continuar na dirección da Mesa, estivemos con algúns dos compas que conforman a única candidatura que se presentou para este órgano. Na fotografía podedes ver (comezo por arriba e pola esquerda) a Carlos Outeiro (enxeñeiro en Navantia), Manuel Rei Romeu (profesor e un dos principais especialistas en Castelao), Susana Méndez (enfermeira e antropóloga), Paulo Filgueiras (profesor e coordinador da Liña do Galego), Iria Taibo (tradutora, intérprete e até o de agora secretaria xeral da Mesa), Marcos Maceira (historiador, xestor cultural e, axiña, novo presidente da Mesa) e o blogueiro que escribe estas palabriñas. Finalmente non lles foi posíbel asistir a dúas mulleres que tamén estarán na Comisión Permanente da maior asociación cultural de Galiza: a docente Mónica Pazos e a avogada Elsa Quintas.

Un historiador, unha enfermeira, un enxeñeiro, unha avogada e tres profes compoñen un equipazo que dará moitas alegrías á loita en defensa do galego. Saibamos que os imos ter aí e que servirán para multiplicar a capacidade do noso activismo diario polo idioma de Galiza.

Ah! E se aínda non fas parte da Mesa, a que agardas? ;)

18 de abr. de 2012

Ningunha discriminación sen resposta!


Onte concentrámonos en Redondela. Despois da informalidade do Tribunal, que a última hora non compareceu, vese que teremos que movernos máis veces. E sen dúbidas que o faremos!

Tedes máis información sobre o asunto nesta ligazón.

Paremos os ataques contra o galego!

12 de abr. de 2012

Debate sobre a situación da lingua, hoxe ás 22 h.

Esta noite, ás 22 h, participarei nun debate en directo nunha televisión viguesa (VIA tv) sobre a situación da lingua galega. Tamén asistirá a avogada Elsa Quintas, en representación do doente discriminado polo SERGAS por solicitar a documentación en galego.

É a mesma televisión local á que pertence este vídeo:



Pola lingua que nos une!

Paremos os ataques contra o galego!

14 de mar. de 2012

Queremos igualdade de dereitos!

Deixo aquí o vídeo da noticia ofrecida polo informativo de VIARTV sobre a denuncia presentada onte por dous casos graves de discriminación lingüística. A TVG nin se presentou nin se interesou. Mágoa de hipergobernamentalización que realiza o PP cos medios públicos galegos. Defendámolos máis que nunca!

13 de mar. de 2012

Ano 2012: casar en galego con intérprete e 237 días de agarda por querer a documentación en galego no SERGAS


Esta mañá A Mesa presentou en Vigo dous novos casos graves de discriminación dos nosos dereitos lingüísicos e, por tanto, dos nosos dereitos civís.

Por unha banda, unha parella que quixo casar en galego (vaia atrevemento!) tivo que facelo... con intérprete. Non aconteceu durante o franquismo, senón hai menos dun mes: o 17 de febreiro deste ano.

Ademais, un paciente do SERGAS acumula 237 días de agarda por querer ter en galego a documentación que ten que asinar antes da operación (vaia atrevemento!).

Non queremos ser máis tempo estranxeiros na propia patria!

Queremos igualdade de dereitos, igualdade de oportunidades!

Se ti tamén o queres, podes axudarnos a conseguilo. Dálle divulgación a noticias como estas, silenciadas por medios como a TVG, e afíliate á Mesa!

Continuamos!

19 de fev. de 2012

Presentacións en Ourense, Vigo e Ferrol de Como defenderes os teus dereitos lingüísticos


Ourense

24 de febreiro ás 20.30 h.

Museo Municipal (rúa Lepanto, 8).

Coas intervencións de Rut Reza, Xosé Lois González O Carrabouxo e Carlos Callón.

Colabora a libraría Torga.

Ligazón para o evento no facebook.


Vigo

29 de febreiro ás 20 h.

Casa Galega da Cultura (praza da Princesa).

Coas intervencións de Elsa Quintas, Pepe Carreiro, Manuel Bragado e Carlos Callón.

Ligazón para o evento no facebook.


Ferrol

2 de marzo ás 20.30 h.

Sociedade Galega de Historia Natural (Casa do Coronel – Praza de Canido, s/n).

Coas intervencións de Xaquín Campo, Carlos Outeiro e Carlos Callón.

Ligazón para o evento no facebook.

15 de jun. de 2011

Nove anos de presidente da Mesa

Seguramente me faga publicidade negativa subindo esta foto ao blogue. O mozote escuchimizado que aí se ve son eu con 23 anos, dirixíndome á asemblea xeral da Mesa que acababa de escollerme presidente da entidade. Foi o 15 de xuño de 2002, hai xusto 9 aniños.

Nas efemérides sempre é bo botar a ollada atrás sen nostalxia e cotexar os erros e os acertos, analizar o que un puido facer mellor e, tamén, o que foi polo bo camiño a pesar das dificultades.

Na travesía destes nove anos foron tomando ou deixando responsabilidades na dirección da Mesa diferentes compañeiras e compañeiros, mais hai dúas mulleres que seguen incombustíbeis no equipo en todo este tempo, malia o fácil que é o queime neste labor: Elsa Quintas e Iria Taibo.

Grazas a elas e a todas e a todos os que empuxastes ou empuxades neste traballo en equipo! Grazas aos 4.000 socios e socias da Mesa que fan que este proxecto continúe! Seguimos adiante e con enerxía! A forza do noso amor non será inútil!

17 de dez. de 2010

Na batalla das ideas e na batalla dos feitos

Se tiver que escoller un adxectivo para a xornada de presentación de En castellano no hay problema, antonte en Vigo, sen dúbidas diría cálida. Abofé que non pola xélida temperatura exterior, senón pola consciencia e a forza para actuar das persoas alí congregadas.

Tiro do blog das compañeiras Cruz e Rosa, Galiza en loita, algunhas imaxes dese acto, que é a última presentación deste libro en 2010. En xaneiro, recomeza a xira e a quilometraxe por todo o país e algún outro lugar máis, pois aínda resta moito por falarmos da situación do noso idioma e das propostas para a súa normalización.





15 de dez. de 2010

Non nos calarán

Continúa a criminalización da defensa pública e firme do galego. Vímolo hai meses cando comezaron a bater de forma implacábel contra A Mesa. Recordámolo hai pouco cando a demagoxia se estendeu tamén con todos os excesos ao encomiábel labor dos equipos de normalización lingüística. Constatámolo máis unha vez cando o xuíz decano da Coruña, Fraga Mandián, me volve a denunciar porque, como presidente da Mesa, lle afeei as palabras "Yo no tengo ningún rubor en usar la ilegalidad de La Coruña", que saíron postas na súa boca en varios medios de comunicación.

Mañá, quinta feira (xoves) teño que comparecer por ese motivo nos Xulgados de Fontiñas de Santiago de Compostela. A Mesa convoca unha concentración simbólica para as 10.30 h, para deixarmos constancia de que queremos unha xustiza que respeite os nosos dereitos lingüísticos e que non criminalice a nosa lexítima (e legal!) defensa do idioma de Galiza.

E para quen esteades en Vigo este serán, lembrade que ás 20 h presentamos, Xosé Manuel Moo, Elsa Quintas e eu o libro En castellano no hay problema. Será no local da Mesa nesta cidade, sito na rúa Abeleira Menéndez, 28 (baixo a Policía Local). Continuamos. Non nos calarán.

11 de dez. de 2010

De Redondela a Vigo (que tampouco é moito camiño)

Se onte ao serán presentabamos En castellano no hay problema en Redondela, a vindeira cuarta feira (mércores) 15 será a quenda de falarmos deste libro (ou tendo como escusa este libro) en Vigo.

O acto, organizado pola Mesa da comarca, contará coa responsábel da asociación na zona, Elsa Quintas, e con Xosé Manuel Moo por parte da editora. Será ás 20 h na sede da Mesa na cidade, sito na rúa Abeleira Menéndez, 28, baixo as oficinas da Policía Local.

A compañeira Cris Quinteiro subiu xa ás redes sociais dúas fotografías do acto de onte en Redondela, organizado polas Mocidades da Mesa e que tivo como anfitrión ao seu responsábel nacional, Xandre Vázquez. Sobre todo no coloquio final, foi unha linda asemblea de preocupacións e propostas concretas para mellorarmos a saúde do noso idioma. Nesas seguimos.


8 de dez. de 2010

Confrontar ideas e actuar socialmente

Hai algúns artigos que aquí aínda non ligara, sobre o debate que se está a realizar en torno ás tácticas e aos obxectivos estratéxicos para o idioma galego, por exemplo "O 'como', que o 'que' xa o sabemos", de Marica Campo n'A Nosa Terra ou "Dismorfia lingüística", de Robert Neal Baxter en Terra e Tempo. A aspiración á normalización do galego e a importancia outorgada ás accións sociais encamiñadas a iso son dúas ideas básicas presentes nestes textos.

Dentro das actuacións sociais, estes vindeiros días participarei en dúas presentacións do libro En castellano no hay problema. A primeira será esta sexta feira (venres), organizada en Redondela pola Mocidade pola Normalización Lingüística, cuxo responsábel nacional, Alexandre Vázquez, tamén participará. Será ás 20 h na Casa da Cultura da vila.

Poucos días despois, ás 20 h da cuarta feira (mércores) 15 de decembro, presentaremos o volume en Vigo, no local da Mesa na cidade: rúa Abeleira Menéndez, 28 (baixo as oficinas da policía local). Neste caso, contaremos coa compaña de Elsa Quintas, responsábel da Mesa na comarca. Aliás, tanto en Redondela como en Vigo estará connosco Xosé Manuel Moo en representación da editora Xerais.

A loita en defensa da nosa lingua dista moito de estar perdida ou decantada. Non é hora de capitular, senón de seguir con máis forza e intelixencia que nunca.

30 de jan. de 2010

Xunta Directiva da Mesa

Esta mañá tivemos reunión da Xunta Directiva da Mesa. Aínda que non puideron asistir todos os compañeiros e compañeiras, aproveitamos para darmos unha conferencia de imprensa reclamando a dimisión dos conselleiros de Educación e Cultura, así como para tirarmos unha foto de grupo.

Aí estamos, de esquerda a dereita e de arriba a abaixo, Eladino Cabanelas (responsábel da Mesa no Carballiño), Elsa Quintas (responsábel da Mesa en Vigo e coordinadora do Observatorio de Dereitos Lingüísticos), Carlos Outeiro (responsábel da zona de Ferrol e membro de Nais e Pais polo Ensino en Galego), Alexandre Vázquez (coordinador da Mocidade pola Normalización Lingüística), Fernando Iglesias (responsábel da Mesa en Cedeira), Luís Couto (responsábel do grupo do Deza), Susana Romero (vogal da Comisión Permanente, o órgano executivo da dirección), Iria Taibo (secretaria xeral da Mesa), quen isto escribe, Fran Rei (vicepresidente, coordinador de Zonas e coordinador da xestora de Queremos Galego) e Silvana Castro (responsábel da Mesa en Bergantiños). Foi unha mágoa que non puidésemos estar toda a xente! As e os que faltastes, xa sabedes: para a próxima, unha foto de grupo máis completa! ;)

Por outra banda, comento que hoxe ás 19.15 terei unha entrevista en Ràdio Cornellà, por se andades por Barcelona ou por se queredes ouvila a través desta ligazón.

14 de out. de 2009

Lendo poesía, camiño da manifestación


Hoxe á unha participo nunha maratona de lectura organizada polas compañeiras e os compañeiros de Queremos Galego na comarca de Vigo. Será na Casa Galega da Cultura, na praza da Princesa nesa cidade.

Nos cinco minutos que me corresponden, recitarei poemas de tres autores novos: Alicia Fernández, Fran Cortegoso e Gonzalo Hermo. Os tres, aos cales en plan xocoso e agarimoso teño encadrado como compoñentes do Cenáculo de Vista Alegre, son escritores realmente cheos de talento, mais as vicisitudes tanto do xénero como do noso sistema literario fan que estean aínda case por completo inéditos, quitando o premiado libro Botar o mar polos ollos da primeira e varias colaboracións publicadas polos segundos. Os tres protagonizaron o ano pasado cadanseu monográfico na Revista das Letras, que podedes consultar en pdf clicando nos seus nomes ao comezo deste parágrafo. Recoméndovolos.

Outros actos de Queremos Galego para esta semana son os seguintes:

Serán pola lingua en Pontevedra No Café Moderno ás 20.30 horas 14 de Outubro de 2009
Actuación da Banda da Asociación Cultural e Musical Solfa Santiago de Compostela 15 de Outubro de 2009 Ás 18.30 na Praza das Pratarías
Recital poético e actividades de animación, música e baile. Ourense 15 de Outubro de 2009 Ás 20.15 na Praza do Ferro.
presentación do libro: De Fala a Lingua un proceso inacabado. Santiago de Compostela 15 de Outubro de 2009 Ás 20.30 no local da AC O Galo ( San Miguel dos Agros 5, esquina coa pz de San Martiño Pinario
Teatro: Representación de: o velorio de Xan Perolo Barreiros 16 de Outubro de 2009 Ás 20.30 no Teleclube de San Cosme. Grupo de teatro amador da AC O Castro
Teatro polo galego: A caída do imperio, a cargo do grupo Batán de Cangas de Foz Burela 16 de Outubro de 2009 Ás 20.30 no auditorio de Burela
Seminario de Autodefensa Lingüística A Estrada 16 de Outubro de 2009 Intervirá Mª Xosé R. Valcarce, Ruco Álvarez e Luís Villares
Acto da plataforma con poesía, música e teatro Bueu (Pub Aturuxo) 17 de Outubro de 2009 Ás 21 h
Ruada con charangas, teatro, circo... Santiago de Compostela 17 de Outubro de 2009 Ás 16.00 na Praza do Toural

[Na imaxe, presentación da plataforma Queremos Galego en Vigo, con Marta Dacosta, Pepe Carreiro, Elsa Quintas e Celso Parada.]