Mostrando postagens com marcador AELG. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador AELG. Mostrar todas as postagens

30 de jul. de 2018

Nacho Taibo e outr@s outsiders


Estiven no mes de xuño en Oleiros para acompañar coas miñas palmas o grande aplauso que recibiu Nacho Taibo por parte da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, capitaneada por Cesáreo Sánchez e Mercedes Queixas. Digo o nome de quen convocou e de quen representan o colectivo, porque se hai actos que se continúan a facer é porque hai quen os sustenta, quen turra nos bastidores para que estes eventos da base cultural boten raíces.

Para min foi un día moi lindo, pois estiven con xente a quen quero moito, apertei a persoas que había tempo que non vía e, por riba, coñecín outras formiguiñas moi simpáticas. En fin, que como evento social estivo xenial. Podedes ver algunhas fotos e vídeos desa xornada no espazo web da AELG.

Mais se teño que salientar algo en especial de toda a sucesión de actos en Oleiros por volta de Nacho Taibo nese día foron os momentos en que el lembrou e recoñeceu algunhas persoas importantes na súa traxectoria. Deulle, por exemplo, un agradecemento singular a Isaac Alonso Estraviz, un dos lingüistas máis intelixentes e produtivos que temos en Galiza, mais cuxo traballo monumental está normalmente minusvalorado ou marxinado debido aos seus postulados reintegracionistas.

Eu non acredito só en que hai vida máis alá da cultura oficial de sota, cabalo e rei. Teño a certeza de que a forza das outsiders de hoxe é o futuro.

[Fotografía de Alberte Sánchez Regueiro, Distrito Xermar.]

10 de dez. de 2017

Cando no 2006 se debatía para un Novo Estatuto

Podedes ver aquí a sesión da Comisión para un Novo Estatuto de Autonomía para Galiza, realizada no Parlamento no 31 de maio de 2006. Interviñemos nela os presidentes na altura da Mesa pola Normalización Lingüística, a Real Academia Galega, a Asociación Socio-Pedagóxica Galega, o Consello da Cultura Galega e a Asociación de Escritoras/es en Lingua Galega.

Era un tempo de esperanza.

21 de mar. de 2015

Un mapa das e dos poetas da Galiza de hoxe

Precioso xeito de festexar o Día da Poesía este traballón de Noelia Gómez: un mapa de poetas galegas e galegos de hoxe, ordenados polo seu lugar de nacemento.

Na frechiña que a min me toca, na miña querida Ribeira, saio recitando un poema que finalmente non desembocou no título que alí insinúo (a gravación é de 2010, de aí a diferenza), senón no libro Atravesar o fantasma.

Non vos fai pensar o xeito que teñen de se distribuír os puntos pola xeografía galega? Tristemente, se a orde for polo lugar onde moran e non polo da nacenza, todos os botonciños estarían aínda moito menos dispersos.

As gravacións, como podedes ver, son froito doutro traballón constante: o da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.

2 de set. de 2014

"Contra quen" escribimos Quico Cadaval e eu?



O tempo pasa voando. Hai case xa dous anos que participei, convidado pola AELG e pola Universidade de Vigo, nunha mesa redonda co meu admirado Quico Cadaval para falarmos sobre a súa ampla obra dramática (boa parte dela inédita, é certo, polos diferentes tempos e opcións que hai no teatro) e os meus cinco títulos de ensaio. Anunciaba eu daquela tamén un libriño que a día de hoxe tampouco dei terminado. O tempo, como dicía, pasa voando...

Se vos interesar, nesta ligazón hai unha crónica máis completa do que foi esa mañá, en que terminamos falando sobre aquilo que nos levaba a escribir, se había un por que, talvez un por quen, ou un contra que, un contra quen.

Continuamos! ;)

15 de jun. de 2014

Ligazóns ao desvío para un quince de xuño





O portavoz da Generalitat de Catalunya, Francesc Homs, di que o rei de España abdicou "para manter o negocio familiar".

Sermos chega ao número 100, a fronteira que cruzaron O Tío Marcos da Portela, A Nosa Terra e Nós. Non somos só un país de voluntariosos e fanados "números cero"!

A Xunta Electoral Central, recoñece, xa moi tarde e sen remedio, que o BNG foi censurado de forma inxusta durante a campaña electoral. Van dicir algo o resto dos partidos sobre o tema?

O escritor na súa terra: Xabier Docampo.

O Goberno español indulta un garda civil que permitiu e gravou unha agresión sexual (consistente en insultos e tocamentos non consentidos a unha muller que ía no mesmo tren ca el e un amigo del, que foi o agresor) e a un condenado por tráfico de drogas en Cuba. Un xa non sabe até que punto pode chegar a indignación e o noxo. Onde está a igualdade de dereitos?

A cantora angolana Aline Frazão defende mudar o termo Lusofonia polo de Galeguia:

"Há uns anos atrás, num evento literário na Galiza, o nosso Pepetela sugeriu que se trocasse a palavra Lusofonia por Galeguia. Galeguia, além de ter um som mais bonito, remete para a origem galaica da língua portuguesa e subtrai-lhe, elegantemente, o peso do passado colonial luso. Há muitos angolanos que não se consideram lusófonos mas talvez pudessem estar dispostos a pertencer à Galeguia, com a Galiza como entidade neutra e unificadora através da língua comum. Parece que o Pepetela estaria de acordo. Eu também. (...)

Imagine-se só? Vai ser que, afinal, não falamos a língua do colono: falamos galego de Angola, com o sabor bantu do Atlântico-Sul."

27 de jan. de 2014

Que libro en galego, que flor, a quen...

Son cousiñas que podemos ir pensando: que libro(s) escollermos, que flores, a quen lle agasallamos ambos... Falta menos dun mes para festexarmos de novo o Día de Rosalía!

Na véspera (o 23, por tanto) haberá un acto nacional ás 12 no Panteón de Galegos Ilustres. As actividades espallaranse por toda Galiza xa no serán do día grande, o 24 de febreiro, que este ano coincide en segunda feira, o cal nos pode facilitar achegarnos ás librarías ou ás florarías, para os detalliños de última hora.

A Asociación de Escritoras/es en Lingua Galega vai facendo, ano a ano, que a xornada vaia collendo máis pulo. Participemos! Deámoslle forza!

15 de jun. de 2013

Viva Marica Campo!


Esta foto en que saímos en amor e compañía a Marica Campo e mais eu pertence á manifestación nacional de xaneiro en defensa do ensino na nosa lingua.

A Marica, extraordinaria creadora, é tamén desas mulleres que saben da importancia de batallar por un mundo máis xusto, algo que fai sempre ademais acompañada dun enorme afecto. Porque, ao cabo, en todas as liñas anteriores non se falou máis que dunha cousa: amor.

Sinto moitísimo non poder estar na homenaxe "A Escritora na súa Terra" que se lle tributa este 15 de xuño, organizada pola Asociación de Escritoras/es en Lingua Galega. Tedes aquí toda a información.

Puiderdes ou non asistir, berrade comigo: Viva Marica Campo! Viva!

4 de mai. de 2013

A fume de carozo!

Teño que escribir de mil cousas: a convocatoria de manifestación para o vindeiro 17, a insolitísima repetición do xuízo do xa de seu insólito xuízo contra min, os actos de presentación de Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, as preocupantes declaracións do novo presidente da RAG e aínda moito máis. Porén, non teño case tempo e terán que ir indo aos poucos.

Esta mañá participei nas reunións da Xestora e do Plenario de Queremos Galego, saio de aquí a un pouco para unha conversa sobre o meu último libro no local social do Colectivo Terra de Pontedeume e ás oito asistirei na Ágora da Coruña á Gala das Letras 2013, da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. Mañá domingo ás 18 h asinarei libros na Feira de Compostela, no posto da Libraría Pedreira. En fin, que... continuamos!


23 de fev. de 2013

Rosalía de Castro, escritora nova


Unha escritora de hoxe que ande pola década dos vinte entra de chupo na categoría de "escritora nova". É sabido que os tempos que lle tocaron a Rosalía, falecida con só 48 anos, e os que nos tocaron a nós non teñen a mesma distribución das etapas vitais. Así e todo, abraiémonos un pouco ao lembrarmos que esa peza chave da historia de Galiza que foi a publicación dos Cantares gallegos se produciu cando esta autora forte, atrevida e enormemente talentosa contaba só vinte e seis anos de idade.

Esta que aquí inclúo é unha fotografía de Rosalía na década de 60 do século XIX, polo que é máis ou menos na época dos Cantares. É unha Rosalía moza, que pode e debe servir tamén de exemplo para a xente nova de hoxe.

Lembremos que, só antes de facer os trinta anos, Rosalía xa publicara varios romances, contos (incluído o primeiro en galego, co significativo título "Contos da miña terra, I", que non "Conto gallego", como se rebautizou), poemarios e -con vinte e un anos!- o primeiro manifesto feminista da Península: "Lieders". Alí exclamou, aínda na lingua oficial do Estado, en que aprendeu a ler e escribir: 
Solo  cantos de independencia y libertad han balbucido mis labios aunque alrededor hubiese sentido, desde la cuna ya, el ruido de las cadenas que debían aprisionarme para siempre, porque el patrimonio de la mujer son los grillos de la esclavitud. (...)

Cuando los señores de la tierra me amenazan con una mirada, o quieren marcar mi frente con una mancha de oprobio, yo me río como ellos se ríen y hago, en apariencia, mi iniquidad más grande que su inquidad. En el fondo, no obstante, mi corazón es bueno; pero no acato los mandatos de mis iguales y creo que su hechura es igual a mi hechura, y que su carne es igual a mi carne.
Neste 2013 fanse 150 anos dos Cantares gallegos, do primeiro libro monolingüe contemporáneo no noso idioma, un idioma que estaba totalmente excluído de calquera ámbito de poder ou de uso culto, a pesar de ser o maioritario da poboación.

Grazas á Asociación de Escritores en Lingua Galega, esta fin de semana será unha festa por toda Galiza para celebrarmos o Día de Rosalía, para nos alegrarmos de que existise esta persoa que se atreveu a erguer a voz e a dar un paso adiante en defensa do que ela cualificaba como a súa Patria; esa Galiza á que lle dicía: "non debes chamarte nunca española".

Eu estarei hoxe no acto que se vai realizar ás 19 h na Casa do Pescador en Ribeira, organizado pola asociación Altofalante, e farei todo o posíbel para estar mañá no acto nacional no Panteón de Galegos Ilustres. Ademais, a ver que libros en galego e que flores agasallo! ;)

19 de jun. de 2012

Queer-emos un mundo novo


Se onte falaba aquí das presentacións que para a semana vindeira haberá en Vigo e A Coruña do libro Amigos e sodomitas (posponse a de Lugo), hoxe convídovos a que mañá, cuarta feira (mércores) 20 de xuño vaiades ao serán (20 h, en concreto) á presentación na libraría Pedreira de Santiago (rúa do Home Santo, 55) do último ensaio da multipremiadísima Teresa Moure (despois de tantas parénteses neste parágrafo, aquí sinto que tiña que pór outra, así que vos deixo unha ligazón á videoteca da escritora na páxina da AELG). Ambos os libros, nas súas significativas diferenzas, teñen importantes fíos en común.

Ela sabe que eu son bastante crítico con moitos aspectos da teoría queer, mais penso que neste libro acolle e pon en valor o mellor desa perspectiva: a aposta pola diversidade.

Sobre estas cousas escoitaremos e falaremos mañá. Vémonos alí!

Continuamos!

4 de jun. de 2012

Dúas cifras da política lingüística galega

 


Velaquí dúas comparación ilustrativas da situación en que se encontra o noso idioma por parte das institucións autonómicas: entre a asfixia e a propaganda.

- A Fundación dun só escritor en castelán (a Camilo José Cela) recibe 44 veces máis diñeiro da Xunta que a asociación de todos os escritores e todas as escritoras en lingua galega. A maior asociación cultural de Galiza, A Mesa, non recibe nin un só céntimo de euro.

- Un programa da Secretaría Xeral de Política Lingüística que anunciaban que ía chegar a 775.000 persoas, nunha das súas propostas centrais en varias semanas, e despois de pasar por vinte e un concellos, conseguiu xuntar a... cen. Os detalles e os matices, aquí, onde poderedes ver que ademais a actividade era de interese, só que non estivo ben organizada. A diferenza entre o que se publicita (775.000) e o que acontece (100) é notoria.

Continuamos!