Mostrando postagens com marcador Parlamento. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador Parlamento. Mostrar todas as postagens

10 de dez. de 2017

Cando no 2006 se debatía para un Novo Estatuto

Podedes ver aquí a sesión da Comisión para un Novo Estatuto de Autonomía para Galiza, realizada no Parlamento no 31 de maio de 2006. Interviñemos nela os presidentes na altura da Mesa pola Normalización Lingüística, a Real Academia Galega, a Asociación Socio-Pedagóxica Galega, o Consello da Cultura Galega e a Asociación de Escritoras/es en Lingua Galega.

Era un tempo de esperanza.

16 de jan. de 2014

Nin iso!

Esta mañá participei, en representación da Mesa pola Normalización Lingüística, nunha conferencia de imprensa no Parlamento galego para reclamar a racionalización e dignificación do sistema de certificación oficial de lingua galega, os Celga.

A miña chegada á sala da conferencia de imprensa -solicitada por PSOE, BNG e AGE- acabou sendo un sainete, polos hiperburocratizados métodos de acceso que ten a cámara do Hórreo. Demorei un bo tempiño entre que me querían dar un adhesivo na primeira porta de entrada e ficaron sen papel, que foron procurar á segunda porta (pola que eu tería que pasar inmediatamente, mais para a cal non tiña licenza para me achegar sen esa identificación); na seguinte porta colleron ese adhesivo (que ninguén máis viu porque o traxecto entre un punto e outro é moi curto), tirárono (!) e mudárono por outro. Por último, indicáronme que debería ir ao balcón que está en fronte do punto anterior para que informase de que ía entrar...

Tampouco é que accedese na miña vida a moitos Parlamentos, mais en ningún dos que o fixen (o Congreso dos Deputados, o Parlamento europeo, o Parlamento catalán, a Asemblea Nacional de Gales...) vin tal nivel de barreiras e normas absurdas que supostamente se fan por seguridade. Cal será a seguridade que supón a mudanza de adhesivos?

Bon, en calquera caso, imos ao importante. Na conferencia de imprensa repasamos o substrato caciquil da concesión dos cursos, a falta de dereitos laborais do profesorado, a proposta de sanción por case 300.000 euros que ten a Xunta pola vulneración de tales dereitos... E, en fin, recordamos que o máis básico de entre os básicos que pode facer o Goberno galego para apoiar o noso idioma é garantir que calquera persoa que quixer estudar galego teña a posibilidade de o facer, que exista unha oferta de cursos Celga que satisfaga a demanda que hai na sociedade. Mais, con este goberno, nin iso. Nin iso!