Mostrando postagens com marcador Xoán Costa. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador Xoán Costa. Mostrar todas as postagens

10 de dez. de 2017

Cando no 2006 se debatía para un Novo Estatuto

Podedes ver aquí a sesión da Comisión para un Novo Estatuto de Autonomía para Galiza, realizada no Parlamento no 31 de maio de 2006. Interviñemos nela os presidentes na altura da Mesa pola Normalización Lingüística, a Real Academia Galega, a Asociación Socio-Pedagóxica Galega, o Consello da Cultura Galega e a Asociación de Escritoras/es en Lingua Galega.

Era un tempo de esperanza.

7 de fev. de 2012

Cousas de interese


- "Domingos Dosil Cubelo, un exemplo de superación persoal e de compromiso social", Manuel María Pena Silva.

- Reunión da Mesa en Lugo este día 9.

- A CIG anuncia a convocatoria dunha folga xeral nacional para a última semana do mes de marzo.

- A Asociación de Escritoras/es en Lingua Galega realizou a súa asemblea anual.

- "Reformas educativas do PP, ou como fuxirmos do acomodo e a vagancia", Xoán Costa.

Aproveito tamén para lembrarvos que A Mesa continúa a recolle apoios para o manifesto "Queremos xustiza para a nosa lingua", a través do correo-e imprensa@amesanl.org

Ademais, no facebook hai os eventos para a concentración do día 10 pola mañá na Coruña, polo meu xuízo tras a denuncia do xuíz Antonio Fraga Mandián e, noutra orde de cousas, para a presentación ao serán do mesmo día 10 do libro Amigos e sodomitas na Laracha.

Non podo finalizar sen enviar un especial recordo para o compañeiro Domingos Dosil, exemplar en tantas cousas, tamén na defensa do noso idioma!

Continuamos adiante co teu exemplo!

7 de out. de 2011

Que podemos facer polo galego no ensino?


Vou camiño da presentación en Ponteceso de Como defenderes os teus dereitos lingüísticos. Un dos temas a abordarmos no acto será que é o que podemos facer para mellorar a situación do galego no sistema educativo. Sobre iso trata a parte 3 do libro, dividida á súa vez nestes seis capítulos:

- "Dereitos recoñecidos e dereitos vulnerados".

- "Educación infantil".

- "Ensino primario".

- "Ensino secundario, bacharelato, formación profesional, ensinanzas artísticas e deportivas".

- "Dereitos lingüísticos na Universidade".

- "Alumnado de intercambio e lingua galega".
De forma sintética, expoño os limites do marco lexislativo e como se aplican de forma aínda moito máis restrita, até o punto de que non hai ningún outro idioma con rango de oficialidade no Estado español que teña tan escasa presenza escolar.

Porén, nas páxinas de Como defenderes os teus dereitos lingüísticos tamén sinalo algúns camiños que podemos transitar para revitalizar a nosa lingua nun sector fundamental coma este. E a iso estamos convocadas todas, convocados todos: estudantes, familias, docentes, persoal de administración, etc.

Hai máis dun ano, a CIG-Ensino e a AS-PG organizaron unha mesa redonda sobre as implicacións do decretazo contra o galego, que podedes ver aquí.

Debate sobre o "Decreto do prulingüismo" nas XX Xornadas de lingua e literatura from cig-ensino on Vimeo.


Pensades que mudou nalgún aspecto a situación ou continúan os mesmos trazos que aí expoñen diferentes voces? Non pasma a diferenza entre o que acontece e a propaganda oficial?

Sexa como for, está claro que non podemos permanecer indiferentes ante a ofensiva. É moito o que podemos facer, a pesar das dificultades. Fagámolo!

[A ilustración pertence a unha campaña de finais da década de 90.]

30 de nov. de 2010

'Monolingüismo', por Xoán Costa

Reproduzo, tomado da páxina de bitáculas da AS-PG, un artigo do presidente desta entidade de renovación pedagóxica, Xoán Costa:

Monolingüismo

Non sei por que, dun tempo a esta parte, xeneralizouse a idea de que abrir debates -non importa o tema nin o espazo - é algo necesario socialmente e case inherente ao propio comportamento democrático. Mesmo hai quen pensa que é posíbel debater en estado de ideoloxía pura, nun universo anterior ao Big Bang, sen condicionantes externas que terxiversen o fío da argumentación.

Mais nada máis enganoso.

E cando eses debates se establecen sobre sinais de identidade como a lingua a cousa nace xa de por si desnaturalizada pois o propio uso dunha ou outra terminoloxía, dun ou outro concepto, dun ou outro punto de partida, condiciona o posicionamento dos debates e, polo tanto, os resultados.

E ademais confunde.

Recentes informes sobre o futuro do galego sitúanse neste contexto de abrir debates sen máis e de crear confusión. Primeiro porque parten da idea de que os actuais discursos normalizadores, e non estamos a nos referir aos discursos oficiais senón xustamente a aqueles que levan anos traballando na restauración de usos do galego, están caducos, non serven por estaren ligados a ideoloxías algo pasadas de moda, cousa moi lonxe da realidade. Outra cousa é que non se teñan logrado o cento por cento dos obxectivos propostos, mais iso non invalida nin avellenta os discursos nin as propostas.

Por outra parte, a pretensión, ou as propostas, de alcanzar a competencia comunicativa en galego e castelán o conxunto da poboación, especialmente a través do sistema educativo, é algo tan fóra da realidade como aquelas propostas do Partido Popular, gobernando Don Manuel Fraga, que falaba de bilingüismo harmónico e que o Señor Feijoo transformou en bilingüismo cordial. O sistema educativo é unha ferramenta importantísima para a consolidación da competencia lingüística, sobre todo en contextos en que a lingua do sistema educativo é continuación da lingua ambiental, mais en contextos diglósicos o sistema educativo só representa unha pequena parte das posibilidades de restauración lingüística, se ben ten todas as posibilidades para a adquisición de competencia.

Estes debates de que falamos, difundidos en informes e redes sociais, pretenderían de dar carta de normalidade a políticas lingüísticas bilingüistas partindo da idea de que se a totalidade dos e das galegofalantes son bilingües, isto é somos individuos capaces de falarmos en galego e en castelán, tamén a totalidade dos casteláns falantes en Galiza deberán ser capaces de falaren en galego ou en castelán indistintamente. Fermosa teoría, mais na práctica o que condiciona o uso dunha lingua é o contexto e na sociedade galega actual os contextos están perfectamente delimitados e inclinados cada vez máis a favor do español. Porque vivimos nunha situación de conflito lingüístico -aínda que o termo poda parecer anticuado e contrario á cordialidade- e a diglosia, no seu significado clásico, funciona de maneira eficaz. A este respecto, podería pór un pequeno exemplo. Recentemente estiven ingresado no CHUAC nun servizo onde as enfermeiras (eran todas mulleres menos dous homes) falaban perfectamente galego e español. Son polo tanto un paradigma de competencia bilingüe. Mais cal é o uso das dúas linguas? Cos doentes de máis idade falan galego ou español dependendo de cal sexa a lingua do doente e con aqueles de menos idade, aínda que sempre lles falamos en galego, falaban invariablemente en español. Que é o que leva a esta situación? Obviamente os prexuízos lingüísticos propios de toda situación diglósica.

E aí é onde deben actuar primeiramente as políticas normalizadores, en marcar contextos de uso para o galego. Porque é evidente que, sobre todo a través do sistema educativo, podemos conseguir, nun espazo de tempo maior ou menor, que a totalidade da poboación de Galiza sexa competente en galego e en español. Mais pensar que de aí derivará unha situación en que se usarían indistintamente en calquera contexto unha ou outra lingua é pensar que podemos alcanzar a liña do horizonte. E é que, e perdoen a comparanza, para os falantes a lingua é como a relixión. Poderíamos pensar nunha sociedade ideal en que todas as persoas coñecesen, poñamos por caso, os principios cristiáns e musulmáns. O coñecemento de ambas as relixións seguramente aportaría concordia e respecto dos dereitos de cada quen, mais á hora do culto, á hora da práctica, cada persoa acreditaría no seu deus como o único verdadeiro. O mesmo sucede coa lingua.

Concordo con quen pensa debemos anovar o discurso sobre a lingua, mais utilizando o termo anovar co significado da cultura agrícola, mais dubido que a solución para o futuro do galego como lingua sexa aceptarmos a solución bilingüe, chámese este bilingüísmo harmónico, cordial ou restitutivo. Prefiro pensar nunha Galiza maioritariamente monolingüe en galego, seguindo a tradición do galeguismo e acreditar que Galiza ou é monolingüe en galego ou non será Galiza tal como a coñecemos e, algúns, a desexamos. Será outra cousa.