30 de out. de 2014

Deteñamos a represión contra a nosa lingua e quen a defende

No día de onte A Mesa pola Normalización Lingüística (á cal vos deberíades asociar se aínda non o fixestes) denunciaba algo que tería de abrir todos os informativos galegos, porque é outra dura demostración de que as persoas que queremos vivir en galego padecemos unha cidadanía de segunda.

A Mesa pediu -coma sempre fai- que unha notificación da Axencia Tributaria lle chegase en galego. A Lei di que temos este dereito, aínda que sexa un dereito concibido na práctica como unha consolación moi discriminatoria: recibirás todo en español e terás que pedir unha e outra vez a tradución se o quixeres en galego. Malia ser un dereito miserento, hai que exercelo, hai que reclamalo. E A Mesa fíxoo.

Como desde a Axencia Tributaria non lle enviaban a tradución, desde a maior asociación cultural de Galiza presentaron outro escrito dous meses despois, recordando que estaban á agarda da notificación en galego. A resposta que recibiron por parte desta Administración que debería cumprir escrupulosamente coa Lei é unha sanción de 150 euros por “resitencia, obstrucción, excusa a las actuaciones de la Administración Tributaria” (!!!). Dito rapidamente, a Axencia Tributaria non só incumpre a Lei senón que sanciona a quen pide o seu cumprimento. Todo nunha comunicación escrita única e exclusivamente en español, para subliñar o seu desprezo ao noso idioma e á lexislación que o recoñece.

O presidente da Mesa, Marcos Maceira, ten toda a razón cando cualifica o feito de "ilegal e indecente" e cando valora esta disparatada sanción como "mostra de como o Goberno do PP usa as administracións de todas e todos para impor a súa ideoloxía excluínte por medio da represión".

Temos que activarnos e mobilizarnos contra toda esta represión. Só así poderemos conquistar o futuro que nos queren negar.

29 de out. de 2014

Atravesar o fantasma chega nestes días

Velaquí o primeiriño exemplar impreso de Atravesar o fantasma, o primeiro poemario que publico. Confirmáronme onte da editora, Xerais, que ao final vai chegar ás librarías antes do inicialmente planificado e que xa poderá comezar a encontrarse nestes días en todas as que distribúen novidades en galego.

Espero as vosas opinións!!!

28 de out. de 2014

Begoña Caamaño

É certo que ante a morte nunca estamos preparadas e que non hai consolo posíbel, mais tamén é certo que hai persoas que, polo seu exemplo vital e pola súa obra, nunca morren. Desas últimas é Begoña Caamaño



- Morre Begoña Caamaño, a voz lila da literatura galega, no Sermos Galiza, o medio que máis profundamente tratou esta triste nova.
- "Begoña Caamaño. Palabras como esporas", Goretti Sanmartín.
- "Pésame polo falecemento de Begoña Caamaño", A Mesa pola Normalización Lingüística.
- "Begoña Caamaño", por Manuel Bragado.
- "No pasamento de Begoña Caamaño", Editorial Galaxia.
- "Comunidades dos afectos", María Reimóndez.
- Begoña Caamaño na Wikipedia.

24 de out. de 2014

A Esmorga: un novo salto para o cinema galego

O 21 de novembro chega a todas as cidades e vilas galegas que contan con sala de cinema o novo traballo do director Ignacio Vilar. Xa iso por si só é todo un acontecemento, pois nunca antes un filme rodado en galego lograra tal nivel de distribución para a súa estrea.

Temos que acrecentar que se trata dunha adaptación desa obra mestra de Eduardo Blanco Amor que é A esmorga e os motivos para reservar eses días do mes próximo para ir vela xa se multiplican.

Porén aínda hai máis. Tiven a oportunidade de ver a película nunha preestrea e podo constatar que se trata non só dun salto cuantitativo, senón tamén de consolidación cualitativa, para o noso cinema.

Eu vouna ir ver de novo na fin de semana do 21 de novembro. Anímovos a que vós tamén vaiades: para apoiarmos a nosa lingua, para apoiarmos a nosa cultura, para apoiarmos o noso cinema e, sobre todo, para desfrutarmos dun moi bo filme.

21 de out. de 2014

14 de out. de 2014

A cuberta de Atravesar o fantasma

 

A editora Xerais xa pendurou da súa páxina web a cuberta do meu poemario Atravesar o fantasma. O libro comezará a se distribuír dentro de máis ou menos un mes (aínda que xa vin librarías que abriron a posibilidade da reserva electrónica; cousa dos novos tempos).

Esta cuberta está deseñada por Miguel Vigo e a fotografía é do artista Pauloff, a quen lle propuxen partirmos do cadro "Virgin of Sorrows" de John Kirby. A imaxe resultante concentra moito, moito do que expreso no poemario. É evidente tamén a vinculación coas cabezas cubertas de Magritte -que eran á súa vez un dos exemplos dos cales botaba man Lacan para explicar o significado do fantasma-. Estou moi contento, pois, por ver como conseguimos que o primeiro contacto coa obra sexa un bo anticipo do que se pretendeu transmitir cos versos que nela se conteñen.

A vós que vos suxire?

13 de out. de 2014

Música para a segunda feira: Ataque Escampe

Só quero entender,
sen lume na man,
as cousas que arden
e as que ficarán.

Un enorme plas, plas, plas como o que aparece na súa letra para a magnífica canción "Arder", do último disco de Ataque Escampe, e outro tamén moi forte para o lindísimo vídeo:


12 de out. de 2014

Ligazóns ao desvío para un doce de outubro

Os Premios da Crítica deste ano. Participei como membro do xurado do galardón de Iniciativas Culturais, que decidimos que recaese no exemplar labor dinamizador de Yolanda Castaño. Xosé Ramón Freixeiro Mato, Xosé María Lema, Berrogüetto, Antón Pulido, Lois Patiño e o Grupo Cuevas son os premiados nas outras categorías.

Outras dúas ligazóns ao desvío para este domingo:

"Podemos pero no queremos", Cibrán Arxibai.

"Alonso Montero e o franquismo que 'ya no era muy duro'", Manuel Monge.


6 de out. de 2014

Música para a segunda feira: Rosa Cedrón e Cristina Pato cantan a Rosalía

Por se for pouco a combinación anunciada no título, de tres primeiras espadas, aínda por riba contan coa colaboración da Orquestra Sinfónica de Bratislava e o vídeo é magnífico. Todo un pracer para os sentidos!


1 de out. de 2014

Nimbos de luz

O día de hoxe tivo varios bos momentos no instituto. Mais, postos a seleccionar un, escollo cando todo un grupo de 3º da ESO se me puxo a cantar "Esa lus", que aprenderon o ano pasado. Hai profesoras, como as que lles ensinaron esta canción e lles prenderon ese entusiasmo, que abofé que son enormes nimbos de luz.