Mostrando postagens com marcador Miguel Anxo Murado. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador Miguel Anxo Murado. Mostrar todas as postagens

21 de set. de 2014

Ligazóns ao desvío para un vinte e un de setembro

Ebook no Brasil con presenza galega. Outro éxito de Carlos Quiroga.

"Vai de centenarios". Artigo onde Román Arén nos recorda que en 2014 son os centenarios destas figuras: Ramón de Valenzuela, José Rubia Barcia, Xosé María Díaz Castro, Fernando Mon Rodríguez, Juan Naya e Dionisio Gamallo Fierros.

Miguel Anxo Murado: "Israel non é unha democracia". De toda a interesantísima entrevista, talvez salientaría as respostas a estas dúas preguntas:
É un erro recoñecer a Israel?
É un erro admitir que a creación do Estado no 1948 foi lexítima. O 70% do territorio no que se instalaron os primeiros israelís foilles roubado aos árabes, que tiveron que deixar as súas casas e terras e ir viviren por décadas en campos de refuxiados. A resistencia palestina baséase na dignidade e sobre todo no dereito ao retorno.

Así que a idea dos dous Estados non lle parece xusta.
Penso que é imposíbel que haxa dous Estados porque o territorio palestino está tan ocupado que non hai espazo físico para iso. Coido que no futuro haberá un só Estado, que se chamará Palestina. Se antes falaba das semellanzas entre Israel e Sudáfrica, coido que a evolución pode ser parecida. A nivel demográfico, a poboación xudía diminúe e a árabe medra cun desequilibrio tan grande que en poucas décadas vai ser inviábel un Estado racista. Se en Sudáfrica se puido cambiar de réxime en calma, en Palestina tamén é posíbel.

4 de nov. de 2013

Auguiña de sete fontes (14)

27 de jul. de 2013

Oito ligazóns sobre a traxedia de Angrois

Penduro aquí algunhas ligazóns que me están a ser de especial utilidade para ir sabendo e comprendendo máis sobre o que está a acontecer por volta do horríbel accidente do 24 de xullo:

1 de abr. de 2009

Algúns textos interesantes

Hai textos que a un lle chaman a atención especialmente e que non pode deixar de recomendar. Seguramente quen pasades por aquí con frecuencia xa leríades estes artigos ou estas entradas en blogs; se non, recoméndovos que o fagades e, se tedes vagar, que me digades que foi o que vos pareceron:

- "O galego, o inglés e Feijoo", Miguel Anxo Murado, La Voz de Galicia, 12 de marzo de 2009.

- "A realidade explicada a nenas e nenos", Arturo Casas, Blog Lándoas, 12 de marzo de 2009.

- "O idioma como conciencia", Francisco Rodríguez, Xornal de Galicia, 15 de marzo de 2009.

- "Democracia", de Xoán Carlos Garrido, Vieiros, 27 de marzo de 2009.

- "De como un xornal bota abaixo un goberno", Carlos Neira, Blog Calidonia, 28 de marzo de 2009.

- Discurso de Xabier P. Docampo no acto de entrega dos Premios Irmandade do Libro 2008, reproducido no blog do autor, 28 de marzo de 2009.

- "O asalto contra as identidades", Henrique del Bosque, Vieiros, 30 de marzo de 2009.

18 de mar. de 2009

Unha boa resposta

A min de neno non se me daban ben as matemáticas, pero o meu pai non recolleu sinaturas para prohibilas, axudoume a aprobalas. Claro que o meu pai non me usaba como vehículo das súas fobias, quería que aprendese todo o que me fose útil na vida. Por exemplo, a Núñez Feijóo foille moi útil o galego. Ensinar non é impoñer, e cantas máis cousas nos aprenda gratis o Estado, mellor.
(Miguel Anxo Murado)

7 de jan. de 2009

Mobilizacións en toda Galiza en apoio a Palestina

Na reunión de hoxe en autoconvocatoria na Galería Sargadelos de Santiago había case cen persoas, algunhas a nivel individual coma min e outras representando a diferentes organizacións. Todas unidas polo desexo de responder aos ataques de Israel e por apoiar o pobo palestino.

Saíron moitas propostas e unha das conclusións foi apoiar a convocatoria para este sábado, en todos os concellos que for posíbel, de mobilizacións. Toda a información se pendurará nas próximas horas do blog de Galiza por Palestina, incluídas outras mobilizacións que poidan non desenvolverse no sábado. Referenciádevos, pois, nesa páxina unitaria e participade.

Recoméndovos tamén que lle botedes un ollo ao correo electrónico de Miguel Anxo Murado que se reproduce no blog Brétemas. Di o xornalista galego que entre os israelís "hai de todo, pero o que predomina é isto". Que curioso escoitar o insulto nazi en alguén que actúa, pensa e se expresa dese xeito, non si?

4 de jan. de 2009

O soño da febre

Aínda non lin O soño da febre, do Miguel Anxo Murado, mais seguro que é unha obra recomendábel, tanto polos premios que está gañando como, sobre todo, pola garantía que supón o nome do autor, que debo recoñecer como un dos meus favoritos tanto na súa faceta de articulista e ensaísta como de creador. Cáusame mágoa, iso si, que moitas veces non poidamos acceder aos seus textos en galego en Galiza.

Esta noite, padecendo eu febre e sen tomar ningún antipirético, pasei as horas durmindo e sen durmir no medio dun pequeno delirio no cal, entre outras cousas realistas/fantásticas (un protocolo de chamadas telefónicas, Palestina...), tamén se me aparecía esta portada.

Talvez sexa un presaxio. Mañá fágome co libro.

25 de ago. de 2008

Necesítase un código ético

Neste artigo Miguel Anxo Murado di, tan ben como el o sabe expresar, algo no cal levo matinando a respecto do tratamento informativo da traxedia de Barajas. Tamén para isto sería necesario un código ético. E que se respeitase.

Contar a traxedia, Miguel-Anxo Murado

Esa enorme tristeza que se debruzou de repente sobre o mundo cando caeu o avión de Barajas volveu demostrar que os xornalistas non sabemos tratar a dor. O xornalismo escrito aínda permite un mínimo de tempo para reflectir no que se di e como se di, e mesmo se ás veces hai redaccións desafortunadas, os xornais, polo xeral, van librando.

Pero a radio e a televisión, que son un xornalismo permanentemente empurrado polas présas, convértense nestes casos nunha sucesión de desconsideracións, de faltas de tacto, de crueldades innecesarias, de inhumanidade gratuíta.

Falo da reporteira que dicía que se ían pedir mostras do «DNI» dos familiares para comprobar as identidades dos corpos. Falo da insistencia en referirse a ese corpos como «cadáveres», a expresión menos humana de todas cantas hai para falar dunha vítima, un falecido, un defunto.

Falo do acoso dos micrófonos a familiares para preguntarlles como se sentían, unha pregunta tan banal como cruel. «Están traendo os cadáveres aquí porque hai unha inmensa neveira na que caben todos e así non se descompoñen», dicía un locutor; «vin un ferido tan queimado que pensei que era un negro, pero era un branco», dicía outra; «as caixas negras do avión, que todos coñecemos polas películas de Hollywood», comentaban desde o estudio, sorrindo. Non se trata de adoptar un xesto compunxido nin de ocultar información, senón de pensar un pouco no que se di.

A televisión e radio presumen do directo como se fose o seu grande tesouro, cando é a peor das servidumes. Cando se fai mal, o directo convértese nunha tortuosa sucesión de reporteiros que se quedan en branco ou din o primeiro que se lles pasa pola cabeza, utilizan verbos estraños ou van ás apalpadelas intentando saír como poden dunha frase subordinada na que se meteron como quen se perde nun xardín.

Polo xeral non importa moito, só é incómodo. Pero cando do que se fala é dunha cousa tan sensible como a morte brutal de familias enteiras, convértese en grotesco o que xa de por si é abondo tráxico.

É certo que é difícil enfrontarse á dor, mesmo á dos demais. Por iso a sociedade inventou lugares comúns («acompáñote no sentimento») para permitir mostrar solidariedade sen meter a pata. O xornalismo ten que aprender dese vello tacto popular e comprender que a dor é unha substancia que hai que manexar con coidado, porque queima coma o lume e é fráxil coma o cristal.