Mostrando postagens com marcador Anxo Lorenzo. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador Anxo Lorenzo. Mostrar todas as postagens

1 de jul. de 2018

"Falando ás claras", por Manuel Rodríguez Alonso

Coa desaparición de Blogaliza, moitos textos importantes da cultura galega perdéronse ou pasan a estar de difícil acceso. Nunha cultura como a nosa, sen apoios institucionais nin mediáticos sólidos, todo isto supón unha enorme perda, que se suma a outras clausuras dixitais dos últimos anos.

Pola miña banda, dei recuperado só algunhas cousas. Por exemplo, gardei textos do blogue do lingüista e profesor Manuel Rodríguez Alonso, quen se tiña ocupado, con moita amabilidade, de varias obras que publiquei.

Deixo aquí a súa reseña de En castellano no hay problema, que publicou no 15 de maio de 2010:

Falando ás claras
Manuel Rodríguez Alonso

Carlos Callón reúne neste libros un feixe de artigos que publicou ao longo de varios anos no xornal Galicia Hoxe, todos eles dedicados a analizar a situación pola que vén pasando o galego nestes últimos tempos, especialmente desde os ataques que a súa normalización está a sufrir por parte de colectivos como Galicia Bilingüe ou o Partido Popular e o seu goberno.
Callón defende dun xeito apropiado o labor da Mesa pola Normalización Lingüística ante as críticas de extremismo que recibe de parte dalgúns colectivos ou mesmo de arroutados, que lle dedican outros. Os argumentos de Callón resultan convincentes.

Gústanos tamén a ironía con que están escritas moitas das páxinas do libro. Así cando se compara o comportamento da Generalitat de Cataluña, que subvenciona as traducións ao catalán das películas de Disney ou do Windows, co da Xunta, que gasta os mesmos cartos nun estudo etnolingüístico sobre a vaca. Iso si, sinala que con estes estudos, como as da vaca, a Xunta tece unha boa rede clientelar.

Sen dramatismos, mais con rigor Callón amosa como resulta imposible hoxe por hoxe tentar vivir en galego ou facer efectivo o dereito ao uso do galego en moitos espazos da Administración, nas notarías, no exército, nos bancos, en moitas grandes empresas, na sanidade. Desmonta o tópico de defensa do bilingüismo que fan institucións como Galicia bilingüe, o PP ou mesmo sectores do PSOE (como os do antigo alcalde coruñés Francisco Vázquez), que é realmente defensa do unilingüismo castelán. Sinala, con argumentos e razóns, como en Galicia non se están realmente a cumprir as normas derivadas do Estatuto de Autonomía, da Lei de Normalización Lingüística ou da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias. Xa dicimos, non é esta unha crítica arroutada, senón alicerzada en datos e argumentos sólidos e dunha obxectivade indiscutible.

Desmonta os tópicos repetidos por toda a prensa españolista de Galicia e de fóra de Galicia, autoridades lingüísticas (a propia RAE) ou o propio Partido Popular, como o de que está a impoñerse o galego pola forza. A mellor proba da falacia destes argumentos españolistas –que só buscan que o galego desapareza– é a análise que Callón fai dos datos que nos proporciona  a sociolingüísticia científica. Abonde con dicir que só un 25% dos centros escolares vigueses cumpría co Decreto de impartir en galego un determinado número de materias. O 75% non cumpría este Decreto e primaba, xa que logo, contra a lei, o uso do castelán.

Hai que ler con suma atención os textos que dedica á análise da última edición do Mapa Sociolingüístico de Galicia (2009), que presenta a evolución no uso do galego entre 1992 e 2004. Callón analiza os datos con obxectividade e sinala o descenso que sufriu o galego, tanto cualitativa como cuantitativamente, nestes doce anos, fronte á interpretación optimista, pouco científica e interesada do que el chama narcosociolingüística (representada por analistas como H. Monteagudo ou M. Fernández). Outros, como Pilar García Negro, denominan a narcosociolingüística, suciolingüística. Cómpre ler a Callón e comparar co que din Fernández e Monteagudo no españolista El País. O lector decidirá quen ten razón.

O relato da presentación do Mapa o ano 2009 parece un esperpento de Valle. Nin a RAG nin o Goberno galego o querían presentar e tivo que facelo a Mesa. Léase este artigo porque é indispensable para comprender moitas das cousas que están a acontecer hoxe sobre o galego en Galicia.

Por outra banda, é moi ilustrativa a situación que dá do galego en eidos como a sanidade, a xustiza, a Administración, as notarías, a empresa privada, os medios de comunicación… Certamente que a situación é grave. Rechamante é a castelanización da universidade: na Coruña só é lingua das aulas nun 8%; en Vigo, nun 16% e en Santiago, nun 20%. Non é de estrañar o comportamento dos actuais conselleiros de Educación e do Secretario Xeral de Política Lingüística, pois os dous  proceden deste mundo castelanizado da universidade galega. Por certo, a análise do que pensaba en 2008 o actual Secretario Xeral de Política Lingüística e o que fai agora hai que lela nunhas das páxinas máis brillantes e incisivas deste libro de Callón.

Pero Callón non é pesimista sobre o galego e isto é o mellor. Malia que a situación sexa preocupante e que os inimigos do galego sexan poderosos, os que defendemos o galego tamén somos moitos e contamos, se non coa razón da forza, si coa forza da razón, como dixo o outro. Aí están os movementos cívicos de defensa do galego, como a propia Mesa ou a plataforma Queremos galego, que non están polo labor da castelanización monolingüe. Ademais, Callón ofrece solucións para que o galego supere esta situación de minorización, especialmente tomadas do Plan Xeral de Normalización do Galego de 2004.

Non o di Callón, pero dicímolo nós. Desde o remate dos anos sesenta a defensa do galego únese á defensa dunha sociedade progresista, multicultural, diversa e moderna. O problema do galego xa non é agora, desde o meu punto de vista, que se relacione a nosa lingua co mundo rural e o atraso. Os inimigos do galego están tan alporizados porque hoxe a defensa do galego e o propio galego, como acontece desde o remate dos anos sesenta, son sinónimos de progresismo, antiglobalización e  superación do pensamento único dos neocon. Por iso está a sufrir o galego tantos ataques. Mais nunca foi tanta a forza do galego, posto que, como xa dicimos, defender o galego é defender o progresismo e a liberdade e a multiplicidade do pensamento e da cultura e formas de vida diferentes fronte ao pensamento único globalizador neocon.

Non hai que deixar de ler, especialmente os que nos dedicamos ao ensino, o capítulo que dedica á estandarización do galego. Callón advirte contra a tendencia a usar os termos e estruturas comúns co castelán (aparato e non aparello, alcohol e non alcol, eliminación do infinitivo conxugado etc.). Esta postura é común, por exemplo, en moitos dos nosos libros de texto para ensino primario e secundario.
Desgraciadamente esta é tamén a postura da RAG no seu último dicionario (o castelán-galego, publicado en 2004) onde aínda que, por exemplo, considera igualmente correctos os membros de parellas como aparato-aparello, vegonza-vergoña, poñer-pór e tantas outras, no exemplo sempre usa a forma común co castelán, polo que a información oculta deste dicionario aposta claramente polo termo común co castelán. Xa non digamos do xeito como este dicionario evita o uso do infinitivo conxugado nos seus exemplos ou como, contra o que di a propia Normativa, non rexistra as formas en –bel e así dá só como equivalente dos adxectivos en –ble castelán os en –ble galegos e non os en –bel (este dicionario só ofrece como equivalente do amable castelán o amable galego, mais non amábel).

Por todo o dito, nesta semana do Día das Letras Galegas temos que ler o libro de Callón. É a mellor homenaxe que lle podemos facer por estas datas de exaltación do galego á nosa lingua propia.

5 de jul. de 2012

-10,2%

Parabéns a Anxo Lorenzo, a Valentín García, a Jesús Vázquez Abad e, como non, ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.

O seu traballo de ataque contra o noso idioma acaba de ofrecer un novo resultado: o número de títulos en galego descendeu no ano pasado un 10,2%. É a lingua do Estado español que máis cae. O castelán é a que máis crece, por se alguén acreditaba nas campañas vitimistas que queren presentalo como "idioma en perigo" (!).

Cos datos na man, A Mesa pediu hoxe a "resurrección" dunha política cultural que nos aparte do nefasto camiño en que estamos

Adiante!


26 de abr. de 2012

«As maiores manifestacións do mundo en defensa dunha lingua nos últimos anos foron en Galiza»



Reproduzo aquí, por se vos for de interese, a entrevista que me fixo hai uns días Nel Vidal para a páxina web da CTNL:

«As maiores manifestacións do mundo en defensa dunha lingua nos últimos anos foron en Galiza» Entrevista a Carlos Callón

ENTREVISTA: por Nel Vidal 

Carlos Callón preside a Mesa desde hai 10 anos e di estar con enerxía e novas ideas para continuar á fronte da asociación en defensa da lingua, que desenvolverá asemblea xeral o vindeiro 28 de abril en Ourense. Desta etapa como presidente da entidade destaca o aumento da afiliación, a mellor estrutura organizativa e a maior capacidade mobilizadora. Conversamos con el sobre a Mesa, o discurso e as mensaxes a prol da normalización lingüística, a colaboración entre o social e o institucional, etc.


Carlos, vai agora para dez anos que fuches elixido presidente da Mesa, naquela disputada asemblea con dúas candidaturas en xuño de 2002. Que valoración xeral fas desta etapa?
Participei nas directivas dos dous anteriores presidentes da Mesa e por iso sei de primeira man que os adiantos para a asociación son acumulativos.
Se teño que avaliar esta última etapa salientaría como moi negativo que non damos tido a suficiente forza para mudar as políticas lingüísticas oficiais e poría no lado positivo o aumento da afiliación, a mellor estrutura organizativa e a maior capacidade mobilizadora. Mais isto non é resultado do traballo dunha persoa: é un labor de equipo.

De que accións desenvolvidas pola Mesa nestes 10 anos contigo como presidente te sentes máis satisfeito?

Talvez noutro momento dixese ou diga outra cousa, mais agora véñenme á cabeza a campaña de galeguización dos bancos e caixas de aforros, os paros estudantís, o proxecto Abertos ao Galego e todo o esforzo de resposta aos ataques contra a lingua que desembocou na constitución de Queremos Galego.

E de cales menos orgulloso?, ou, que cousas cres que se poderían facer mellor ou que aínda están por facer?
Por facer hai demasiado, porque só hai que ver como está o galego nos diferentes sectores...
Estou menos orgulloso de cando non temos suficiente capacidade de resposta a algunha agresión e síntome moi insatisfeito naquelas campañas que se planifican durante meses e que despois non se poden levar a cabo ou hai que aplicar as tesoiras económicas até que fican con moita menos forza que a que se pretendía. As nosas carencias económicas impídennos que moitas campañas que quereriamos facer se poidan levar a cabo e iso obríganos a deixalas na gabeta e agudizar o enxeño para tentar chegar aos mesmos obxectivos.
De calquera xeito, entre a acción e a inacción, escollo a primeira. Aínda que sexa imperfecta.
É sabido que a carón do ideal todos saímos perdendo, mais fai falta actuar.

O vindeiro 28 de abril está convocada asemblea xeral da Mesa, que terá lugar en Ourense. Haberá cambios na xunta directiva?
A Mesa realiza todos os anos unha asemblea xeral para se avaliar no curto prazo e, cada tres, para escoller nova Permanente e debater máis en profundidade. A do 28 de abril no Auditorio Municipal de Ourense será destas últimas.

Encabezarás unha candidatura?
Estiven moitos meses pensando se candidatarme para continuar na presidencia ou colaborar coa Mesa desde outras funcións, xa que traballo para facer hai abondo e desde moitos lugares. Non é unha decisión doada, sobre todo na situación actual para a lingua e para A Mesa. Falei con moita xente e só encontrei ánimos para continuar, así que todo apunta a que encabezarei unha candidatura.
A pesar de que o traballo nunha asociación como A Mesa resulta moi absorbente, estou con enerxía e novas ideas para levar a cabo. Falaremos de todo iso na Asemblea Xeral do 28!

Será o teu cuarto mandato. Hai limitacións no número de eleccións?
Tecnicamente sería o meu quinto mandato. O primeiro é de 2002 a 2003, o resto xa de tres en tres anos. Non hai esa restrición, aínda que non sei se propola, a verdade!

Nos últimos anos a Mesa centrou a súa actividade, principalmente, na denuncia dos ataques contra o galego e da conculcación dos dereitos lingüísticos. Cres que é mellor que a Mesa manteña unha liña máis defensiva ou reactiva ca unha liña máis proactiva na procura da normalización lingüística?
A Mesa sempre presentou propostas de actuación e procurou crear debates novos ("proactivos"). Outra cousa é que por razóns políticas non fosen suficientemente tidas en conta (pénsese no contexto mediático galego...) ou non se aplicasen (pénsese na correlación de forzas partidarias en Galiza e o que defenden...).
Ora ben, os ataques e as agresións precisan respostas, aínda que estas deban modularse segundo a situación. Mais que ninguén esqueza tampouco que con estas respostas se crean "marcos" novos.
Por outra banda, a min persoalmente toda esta terminoloxía de Lakoff paréceme moi feble. Penso que teñen unha aplicación difícil, bastante distorsionada, unhas ideas nadas para os debates electorais dos multimillonarios partidos estadounidenses a realidades como a galega.

E cres que o discurso a prol da normalización lingüística está sendo o suficientemente eficaz? Estamos convencendo socialmente?
O discurso haino que ir puíndo sempre, sen dúbidas, mais penso que o problema central non está aí. O reto é como facelo chegar máis e mellor e, sobre todo, como conseguir que se aplique máis e mellor, sen máis políticas de homenaxe (que ás veces se converten en debates sen fin sobre o discurso).
Non é un problema de discurso que se eliminen servizos municipais de normalización, que a nosa mensaxe non poida acceder aos medios de comunicación de acordo coa nosa representatividade social, que a maioría das institucións non cumpran cos mínimos da legalidade lingüística, etc. Iso non muda se á rosa a chamamos caravel.
Penso que todas as emendas que vaiamos decidindo facer teñen que ir tamén coa consciencia do que xa conseguimos. Por exemplo, as maiores manifestacións en Europa (e, até onde eu sei, no mundo) en defensa dunha lingua nestes tres últimos anos foron en Galiza.
En fin, coido que está moi de actualidade e é moi necesario revisitarmos ese gran pensador que é Daniel Castelao a respecto dese debate sobre os discursos: "hai que loitar e crear, e non imos perder a vida metidos nas tripas dos problemas".

Entón, que mensaxe ou mensaxes principais cres que deben ser as que a cidadanía debe percibir desde o movemento en defensa da lingua para que se sume ao uso e defensa do galego, para que cada vez haxa máis xente que defenda a normalización lingüística?
Esta resposta tería que ser amplísima, porque o corpo doutrinal tamén o é. Pódeselle dar prioridade a unhas ou outras ideas segundo a situación (falo un pouco diso no libro Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, p. ex.)
Mais xa que me pides escoller unhas poucas, alá van:
- O galego é a lingua propia de Galiza e non é porque o inventase ninguén. É a única lingua que naceu aquí e a que nos identifica.
- O galego únenos a todas as galegas e todos os galegos, mesmo a aqueles que non o falan ou aínda non o falan.
- As políticas de normalización son políticas democratizadoras: evitan discriminacións, que aínda persisten; crean igualdade de oportunidades, que aínda non hai.
- As políticas normalizadoras son políticas de cohesión social, necesaria para avanzarmos en novos retos sociais e económicos.
- Unha sociedade que non acredita nas súas propias capacidades mal pode avanzar con forza.
- Os mellores exemplos de que as políticas de normalización lingüística van acompañadas do desenvolvemento económico témolas ao carón: Cataluña e Euskadi.
- Se pensas que é posíbel vivir en galego sen problemas e que non fan falta políticas normalizadoras, tenta facelo, procura vivir en galego de forma plena as próximas 24 horas.
- Nestes momentos unha persoa que queira vivir en galego en Galiza non ten garantido ese dereito. Son necesarias as medidas para o garantir.
- As linguas suman. O galego, tamén. Aprendéndoo e usándoo serache máis doado aprender e usar tamén outros idiomas (por fonética, léxico, etc.).
- Todas as nenas e todos os nenos deberían saír da escola con competencias lingüísticas boas, como mínimo, en galego e español. Iso, agora mesmo, non acontece co galego, polo cal son necesarias medidas.
- Nun mundo cada vez máis intercomunicado, non aproveitarmos as oportunidades que nos brinda o galego a través do portugués é como dilapidar o patrimonio. Grazas ao galego, todo o alumnado de Galiza podería saír do instituto cun certificado oficial de coñecemento de portugués, en moi poucas horas.
- Non hai maior defensa dunha lingua que o seu uso. Usa galego, escolle galego, solicita galego, organízate polo galego!
- Etc.

Cres que se debe coordinar ou manter unha maior colaboración entre o traballo social a prol da lingua e o traballo institucional? Como? De que maneira?
É desexábel esa colaboración entre o movemento social e as institucións, sen dúbida, tanto no ámbito na defensa da lingua como noutros. O que resulta paradoxal, por non dicir nada democrático, é que entidades sociais representativas non teñan posibilidade de colaboración con algunhas institucións por motivos de sectarismo político. É presentábel que a maior asociación cultural de Galiza non recibise nin un só céntimo de axuda do Goberno galego para ningún dos seus proxectos en todo o que levamos de lexislatura?
En ocasións ténsenos insinuado que se queremos recibir ese apoio económico temos que deixar de ser combativos contra o Goberno. Haberá quen estea disposto a dicir que o rei vai nu para levar as prebendas, e mostras hai algunha nos xornais estes días, mais ese nin foi nin será o xeito de proceder da asociación.
Tamén me parece que non ten moito xeito que entidades como A Mesa ou a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega estean excluídas do Consello da Cultura Galega. No caso concreto da Mesa non é só que non poida ter voz no plenario (como si pertencen entidades sen case actividade coñecida ou mesmo sen vinculación coa vida cultural galega) senón que a representación da entidade está vetada na Sección de Lingua e no Centro de Documentación Sociolingüística do Consello. É iso presentábel?
A Mesa pode colaborar coas institucións coa súa experiencia, a súa información e as súas moitas e fundamentadas propostas de actuación, como o ten demostrado durante os seus 26 anos de existencia.

Hai quen acusa A Mesa de estar politizada... Que lles dirías?
Calquera que faga un traballo en defensa da lingua recibe esa acusación, porque a defensa do galego entra en contradición cos principios ideolóxicos que defenden algúns dunha España monolítica. Vexamos se non os ataques que reciben os equipos de normalización lingüística dos centros de ensino polo seu traballo, 100% formativo e non só legal, senón emanado dun mandato legal. Porén, mesmo se chegou a dicir deles que son niños de formación de terroristas... Así está o nivel!
No caso concreto da Mesa temos que destacar que está conformada por socias e socios que pertencen a todas as formacións partidarias presentes no Parlamento galego e tamén a varias que non están representadas no Hórreo. Estou seguro de que a maioría, que non a totalidade, da afiliación é nacionalista, porque é un movemento que ten a defensa da lingua na súa razón de ser; tan na súa razón de ser que ten como obxectivo que o galego sexa defendido por todas as formacións, alén do nacionalismo.
Sen dúbida que A Mesa fai política: política lingüística. Non política partidaria: non nos presentamos ás eleccións, claro, e só en casos moi puntuais entramos en cuestións que non sexan lingüísticas. (Teñen que ser de emerxencia nacional e que aprobarse por unanimidade na dirección. Que eu recorde, nos últimos dez anos só se fixo co caso do Prestige.) O que xa me parece que é unha estupidez que insulta a intelixencia é dicir que politizas a lingua por usala ou defendela. Que eu use un idioma impídelle ao do lado usalo tamén? Entón debería deixar de usalo e defendelo? Se se pensa un pouco na cuestión, percíbese axiña a trampa.
O que non imos facer é deixar nin de realizar propostas nin de expresar as críticas que consideremos polo feito de que nos vaian acusar disto ou do outro.

Retirada de colaboración e difamación sobre o Correlingua, recortes brutais nos orzamentos para o fomento do galego, retirada dun libro de texto por dicir que o galego é a lingua propia... O 19 de abril folga no ensino e o 17 de maio manifestación en defensa do galego. Parece que sobran os motivos...
Movámonos, pois!


PERFIL

Carlos Manuel Callón Torres (Castiñeiras, Ribeira, 1978)
Preside a Mesa pola Normalización Lingüística desde o 15 de xuño de 2002. Tamén é voceiro da plataforma Queremos Galego.
É profesor de lingua e literatura galegas desde 2004, e exerceu no IES Castroalobre de Vilagarcía e no IES de Bertamiráns. Ten o seu destino definitivo no CPI Afonso VII de Caldas de Reis.
Ademais de varios estudos literarios, no ámbito da lingua publicou En castellano no hay problema (2010) e Como defenderes os teus dereitos lingüísticos (2011), ambos en Xerais.

Nas redes sociais
-Facebook: www.facebook.com/carloscallon
-Twitter: @carloscallon
-Blog: www.carloscallon.com

9 de mar. de 2012

"Tanatomaquillaxe", artigo hoxe en El País

"Tanatomaquillaxe", por Carlos Callón

Causou abraio en moita xente que Alberto Núñez Feijóo fichase dous lingüistas para executaren as políticas máis agresivas contra o galego en trinta anos. Como se pode comprobar cunha simple procura en internet, antes da derrota electoral do bipartito as persoas que porían rostro á desfeita defendían –ou dicían defender?– todo aquilo que despois destruíron de xeito activo.

Aínda que sexa verdade que tanto Anxo Lorenzo como Valentín García colaboraron co departamento de Política Lingüística que dirixiu o PSOE entre 2005 e 2009, non é menos certo que as participacións de ambos foron xusto no peoriño e no máis criticado desa etapa por parte do movemento social do idioma propio. Quen o quixer comprobar pode consultar as hemerotecas, onde se garda testemuño de proxectos tan fastuosos como inútiles, aínda que nin ás hemerotecas chegaron outras accións burocráticas que foron puro malgasto.

Para alén dos resultados concretos de xestión, moitas e moitos preguntámonos xa entón que tipo de confiabilidade teñen para desempeñar calquera cargo público –enfatizo: calquera– aqueles que viran total e inmediatamente os seus criterios intelectuais ou políticos segundo os euros que houber enriba da mesa. O problema non é, pois, nin só lingüístico (ou cultural ou educativo) nin só de ética en abstracto, senón en que haxa gobernantes que se caractericen por actuar como mercenarios en troca de pensaren con honestidade no ben colectivo.

Coa perspectiva destes tres anos de mandato parece claro que a pretensión de Feijóo co nomeamento de Lorenzo foi acadar un gran pacto PP-PSOE para producir un retroceso moito maior na oficialidade do idioma propio. A histórica participación social nas mobilizacións convocadas pola Mesa e por Queremos Galego, así como a postura non colaboracionista da inmensa maioría da vida cultural do país, desbaratárono. Lorenzo, por riba, non tivo outra que asumir no seu departamento os maiores recortes orzamentarios da Xunta. Ficou así sen case posibilidades de usar a chequeira que precisaría para estender unha rede “amiga” na cultura, tan práctica durante o fraguismo. Aínda que con limitacións polas prexudicadas partidas, é isto o que se pode agardar das súas novas funcións.

Mentres, Valentín García chegou ao cargo cun continuísmo que mantén en precario os dereitos lingüísticos. Hai que recoñecer que mellorou a corrección institucional, de que sempre careceu Lorenzo, mais nesa luva de veludo non se agocha máis que un esforzado aprendiz de tanatomaquillaxe. Abonda con ler –quen non o fixese, por favor, que o faga– a entrevista que esta semana publicaba El País, na cal realiza afirmacións que enrubian a calquera sociolingüista ou calquera persoa con amor pola cultura.

O seu obxectivo é conseguir unha morte doce para o galego, un declinio sen contestación social, e para iso acode ao mesmiño termo que acuñou hai xa lustros Fraga Iribarne: a “pax lingüística”. Non sei se remedando o retranqueiro título dun libro da miña autoría, En castellano no hay problema, anímanos ás persoas que queremos galego a que baixemos “la presión del gas para decir de una vez que no hay tanto problema”. O caso é que a súa función sería evitar que teñamos problemas para vivir en galego, non alentarnos a que mudemos de idioma para non os ter!

Ademais da súa atufante demagoxia, entra no terreo das mentiras cando nos presenta un mundo feliz, por exemplo no ensino. Neste curso non se cumpre nin co mínimo do teórico 33% do ensino en galego; no mellor dos casos será un 20%, cunha exclusión total no horario do 90% dos nenos e das nenas de menos de seis anos nas sete cidades. Ningún territorio do Estado ten un modelo tan retrógrado!

Mais o cénite do disparate chega cando o gobernante lle pregunta ao xornalista “¿Tú crees que la lengua vehicular es tan importante en la vida de un ciudadano?” Nese momento matinei en que acontecería se unha conselleira ou un conselleiro, por exemplo de pesca, interrogase cun “Pensas que a pesca é tan importante?” O triste é que concluín que, en Galiza, tan estupefacta cos continuados ataques do goberno de Feijóo contra o pobo que debería defender, talvez pouco ou nada acontecese. Mais se Valentín García considera que non é “tan importante” que as persoas queiramos vivir en galego, o mínimo que podería facer era deixar o cargo, porque a verdade é que non hai pan para tanto chourizo.

13 de dez. de 2011

E a TVG tampouco estivo

A última vez que participei nunha reunión en Madrid co Consello de Europa non asistiu ningún xornalista da TVG, a pesar de que se lles enviara a convocatoria. Unha hora ou dúas máis tarde, as persoas que participamos naquela xuntanza pasamos diante do mesmo predio e alí nos encontramos un xornalista e un cámara da TVG. Agardaban a que saísen o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, e o conselleiro de Educación, Jesús Vázquez Abad, para lles solicitaren declaracións. Protestamos enerxicamente e, ao final, unha migalliña da nosa opinión saíu no informativo; só unha migalliña onde non ficaba claro nin tan sequera a mensaxe que trasladáramos ao Consello, mais cando menos viuse a nosa existencia.

Onte, como presidente da Mesa, dei unha conferencia de imprensa onde falei de que desde o Consello de Europa convocaban a entidade a unha nova reunión, para abordar cuestións lingüísticas e culturais porén desde a perspectiva doutro tratado internacional. Tamén comentei temas de actualidade como as últimas barbaridades do Valedor do Pobo. Nin a Radio Galega nin a TVG se presentaron.

Hoxe, a TVG tiña oportunidade de tomarme declaracións en calquera momento do día sobre a xuntanza mantida en Madrid con representantes do Consello de Europa. Nin apareceron nin chamaron.

Non nos confundamos. As e os xornalistas, con certeza, non son responsábeis desta situación. A responsabilidade está nos comisarios políticos que, con este tipo de actuacións, devalúan os nosos queridos medios públicos e pretenden silenciar a pluralidade existente en Galiza.

Queremos a Radio Galega, queremos a TVG, queremos pluralidade, queremos galego!

17 de nov. de 2011

Pola continuidade do SNL de Ames

Se non queres que feche o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames e llelo queres facer saber aos responsábeis da situación, podes copiar o texto a partir do seguinte parágrafo, colalo nun correo novo e envialo aos seguintes enderezos: gabinete@concellodeames.org, alfonso.rey@concellodeames.org, argibay@concellodeames.org, anxo.manuel.lorenzo.suarez@xunta.es; sxpl.secretaria@xunta.es; valentin@aestrada.com

Tamén podes copiar e pegar a mensaxe completa e enviarlla aos teus contactos, para que fagan o mesmo.

Velaquí a proposta de mensaxe:

Ante a proposta do alcalde de Ames de suprimir o Servizo de Normalización Lingüística do seu concello, quero expresar:

-O SNL do Concello de Ames vén desenvolvendo desde hai anos un labor fundamental no municipio, coa organización de importantes accións que van desde a acollida lingüística e integración da poboación inmigrante até o desenvolvemento de campañas de fomento do galego no comercio ou a hostalaría, a organización de cursos de lingua para o conxunto da poboación ou o desenvolvemento de múltiplas actividades dirixidas á poboación escolar, como obradoiros, concursos, etc., ademais de traballar pola calidade lingüística e comunicativa da institución. En definitiva, moitas e importantes accións para o imprescindíbel labor que unha administración pública debe facer para o fomento do uso e prestixio da lingua galega, labor en que o Concello de Ames veu sobranceando até agora, como demostra a concesión do Premio Lois Peña Novo, que recolleu o mesmo alcalde que agora propón o feche do SNL. Así, non é a única función deste SNL a formación lingüística do funcionariado, como sinala o Concello na súa argumentación.

-É falso que o SNL dependa de subvencións, como indica o propio Concello, xa que é un servizo estrutural inserido no organigrama, cun posto de traballo que fai parte da relación de postos de traballo municipal e, desde hai anos, con partida orzamentaria para a execución de programas normalizadores, aínda que si é certo que en 2011 (e só neste ano) a Xunta de Galiza eliminou as subvencións para o desenvolvemento deses programas, o que tamén fai responsábel a Secretaría Xeral de Política Lingüística desta grave situación.

-Esta decisión de eliminación do SNL é totalmente incoherente coa recente constitución da Rede de Dinamización Lingüística por parte da Xunta de Galiza, Rede que, en teoría, ten a función de coordinar e impulsar o labor dos SNL e na cal o Concello de Ames está inserida. Así, que sentido ten, por un lado, inserirse nunha Rede para coordinar coa Xunta e con outros concellos o traballo do SNL e, por outro lado, eliminalo? E que sentido ten crear esa Rede é, ao mesmo tempo, eliminar as axudas para o mantemento dos SNL? Por esta razón, é necesario que desde Política Lingüística da Xunta de Galiza muden os criterios desa Rede e eviten que baixo ningún concepto nin o Concello de Ames nin ningún outro elimine o seu servizo de normalización lingüística, polo que debe intervir para solucionar esta situación.

-Por todo isto, é fundamental que o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames continúe a desenvolver o seu traballo como até agora e que o goberno desbote canto antes a proposta de eliminalo.

Porque quero que mude esta situación, envíovos este correo a:

-Alcalde de Ames, Santiago Amor: gabinete@concellodeames.org

-Concelleiro de Normalización Lingüística de Ames, Alfonso Rey: alfonso.rey@concellodeames.org

-Concelleiro de Persoal de Ames, Ramón G. Argibay: argibay@concellodeames.org

-Secretario xeral de Política Lingüística da Xunta, Anxo Lorenzo Suárez: anxo.manuel.lorenzo.suarez@xunta.es; sxpl.secretaria@xunta.es

-Coordinador da Rede de Dinamización Lingüística, Valentín García Gómez: valentin@aestrada.com

Cumprimentos cordiais.

22 de set. de 2011

Y el gallego, que se muera de una vez

Orzamentos dedicados desde a Xunta á promoción do galego nos concellos no último ano dos gobernos Fraga, no último do bipartito e nos dous de Alberto Núñez Feijóo:



Collido aquí.

Máis claro, auga.

9 de set. de 2011

Anxo Lorenzo e a mascarada


Anxo Lorenzo, o nefasto secretario xeral de Política Lingüística de Alberto Núñez Feijóo, anda empeñado no twitter en explicar que é culpa de Zapatero que a Xunta decidise desconvocar as ordes de apoio á edición de materiais didácticos en galego e de promoción da nosa lingua na administración municipal.

A pesar do esforzo tuiteiro-propagandístico de última hora, ao señor Lorenzo mesmo lle faltaron as mínimas formas, pois por exemplo os editores, que teñen xa os libros fóra do prelo, souberon a través do DOG de hoxe que ficarían sen as axudas comprometidas hai medio ano. Máis tarde, unha vez que algúns medios se fixeron eco desta decisión tan agresiva, os de Núñez Feijóo retrucaron que non quitarán tales axudas na súa totalidade, senón que as reconvocarán dentro dunhas semanas, de forma que cobrarán moito máis tarde e moito menos. Sobre o xa gastado que non cubrirán aínda non dixeron nadiña. Sobre se as haberá outros anos, tampouco.

Mais non me quero pór apocalíptico (tal e como nos insultou Anxo Lorenzo aos que defendemos o noso idioma, por certo o mesmo día que conseguiu que fechase Galicia Hoxe). Tamén hai dúas boas noticias para festexarmos como parvos:

1. O alcalde de Santiago de Compostela, que se nega a usar o galego na súa condición de alcalde, a pesar de saber falalo, decidiu onte unirse á Rede de Normalización Lingüística da Xunta.

2. O mesmo goberno da Xunta que comezou a non usar o galego na publicidade institucional anuncia que vai promocionar o galego na publicidade institucional.

O esperpento continúa!

6 de jul. de 2011

O Consello de Europa, as mentiras da Xunta e os nosos dereitos

Hoxe ás 15 h un grupo de entidades galegas de diferente natureza, entre as cales tamén se encontrarán A Mesa -coma sempre, desde que se se comezaron a realizar estas reunións, hai anos- e Queremos Galego, manteremos unha reunión co Comité de Expertos do Consello de Europa encargado de facer seguimento do nivel de cumprimento da Carta Europea das Linguas.

Calquera persoa que lea ese tratado internacional tal e como foi ratificado no ano 2001 verá que en todos os seus puntos cruciais está a ser incumprido en Galiza, con letal insistencia desde que Alberto Núñez Feijóo preside a Xunta.

No ensino, na Administración, nos medios de comunicación, no ámbito socioeconómico... só podemos falar de vulneración clarísima dos dereitos lingüísticos que ás galegas e aos galegos nos son recoñecidos por tratados internacionais de obrigada aplicación no Estado.

Sobre iso -sobre a realidade!- falaremos nós. Mentres, desde a Xunta farán todos os esforzos posíbeis para evitar o anunciado correctivo. Cara a dentro de Galiza, a súa enerxía concentrarase en soltar toda a propaganda posíbel e aínda máis. Comprobámolo á perfección no comunicado enviado onte polo Goberno galego, no cal sinala que o Consello de Europa só avaliará o período 2006-08. E é mentira!

Primeiro, é falso porque o período de avaliación do relatorio elaborado polo Estado é 2006-09. Non podía ser doutro xeito, pois cando o Goberno español entregou o seu primeiro informe para este período de avaliación da Carta foi a finais de 2009. Debido a que inicialmente só o enviou en español e non en inglés, non se puido facer oficial até o verán de 2010.

E é falso tamén porque calquera persoa que lea os relatorios do Comité de Expertos dos anteriores períodos verá que non cometen o erro burocrático de se cinxiren a unha etapa que xa estivese ultrapasada. Poño un exemplo, para ser máis claro. No relatorio de hai tres anos tamén tiveron en conta o decreto do 50% ou as Galescolas, a pesar de que non chegaran a ser unha realidade antes do ano 2006. Observemos que, segundo a propaganda da Xunta, o Consello de Europa tería que falar agora do período do bipartito, xa que tería que tratar só os adiantos tímidos que se produciron na segunda metade do goberno PSOE-BNG.

Se a Xunta de Núñez Feijóo quere recibir unha valoración positiva por parte do Consello de Europa en relación cos nosos dereitos lingüísticos, non debería recorrer á propaganda e ás mentiras. O que debería facer é garantir eses dereitos!

27 de mai. de 2011

A perda dunha lingua non é un proceso espontáneo

Para xustificar a súa acción letal contra o noso idioma, o autodenominado ex sociolingüista e actual verdugo do galego, Anxo Lorenzo, afirma de cando en vez que a política dun goberno non repercute sobre a saúde dun idioma. Se en realidade pensase iso, por honestidade debería propor que se fechase a Secretaría Xeral de Política Lingüística, pois non se entendería moi ben xa non só a súa existencia continxente, senón a súa propia razón de ser.

Mais non nos enganemos; non nos deixemos enganar. Se o galego é a única lingua con algún rango de oficialidade no Estado que perde falantes é por algo. A desprotección xurídica real e a farsa que moitas veces se agocha en supostas promocións institucionais do noso idioma explícannos esta situación.

Comparemos, por exemplo, o que o PP fai aquí en Galiza co que acontece en Euskadi, onde este partido dá soporte a un goberno do PSOE que mantén modelos de inmersión lingüística aquí prohibidos, que financia no País Vasco francés escolas en euskara (aquí prohibidas para o galego!) e que agora, por exemplo, acaba de destinar 12,5 millóns de euros a proxectos que serven para promocionar este milenario idioma no día a día.

Non digo isto para que nos queimemos pensando o mal que estamos, senón para que tomemos forzas e nos decatemos de que, a pesar das moitas dificultades, outra realidade é posíbel.

O euskara encontrouse en momentos de menor vitalidade que a que ten hoxe o galego e porén foi capaz de tomar o camiño da súa restauración e recuperación. A perda dunha lingua non é un proceso espontáneo. A súa revitalización, tampouco.

1 de mai. de 2011

Para que queredes que vos recibamos se non vos imos dar nada?

Mañá comeza en Santiago de Compostela a edición 2011 do Correlingua, na cal se inscribiron xa 45.000 rapazas e rapaces.

Igual que o ano pasado, a Xunta de Galiza negouse a colaborar con esta actividade. Desde as entidades que organizamos o Correlingua solicitamos unha entrevista co secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, e a resposta que obtivemosfoi telefónica: "Para que queredes que vos recibamos se non vos imos dar nada?" E, efectivamente, nin tan sequera nos recibiron. Que magnífico exemplo de corrección institucional e de vontade de diálogo!

A pesar das dificultades e dos paus nas rodas, continuamos. Porque en galego sempre somos e por moitos motivos queremos continuar a selo, como nos lembran estas mozas e mozos que gañaron o premio de vídeo do Correlingua 2011:

1 de fev. de 2011

Para lermos e ouvirmos

Deixo aquí algunhas ligazóns que me parecen de interese, sobre diferentes temas:

1) Un artigo de Xosé Ramón Freixeiro Mato sobre a vixencia do pensamento lingüístico de Ricardo Carvalho Calero. O subtítulo por si só xa chama á reflexión: "Aínda non houbo un oco para lle dedicar o Día das Letras Galegas a quen as simbolizou durante case medio século".

2) A última entrada no blog da investigadora Rosa Sala Rose aborda a coñecida cita "Cando escoito a palabra cultura, desenfundo a pistola", atribuída a varios fascistas. A súa conclusión, que traduzo, é tamén para pensarmos detidamente:
Por incómodo que nos resultar, os nazis non rexeitaban a cultura. Ao contrario, críanse os seus lexítimos representantes, os seus salvadores, os seus depuradores. Sen dúbida, equivocáronse por completo, mais o caso é que lían, algúns posibelmente moito máis ca nós. E amaban a arte. E escoitaban música. E a pesar de todo foron uns bárbaros. Este é o grande enigma.

Así que máis vale que os "lidos" non nos descoidemos e esteamos sempre alerta. O nazismo non foi obra de monstros, senón de seres humanos coma nós, e iso é precisamente o que o volve tan temíbel.
3) É extraordinaria a última entrada de Fran P. Lorenzo no seu blog. O título é engrazado, "Anxo Lorenzo e a Lei do pinganillo: 'mientras pueda chupo y pillo'" e o contido resulta moi esclarecedor.

4) Recomendo tamén que se bote unha ollada á análise da repercusión mediática da folga xeral da semana pasada. Lémbrese que a afluencia ás manifestacións foi na Coruña probabelmente a maior da historia do nacionalismo e en Vigo moi superior á xente congregada na anterior folga xeral, convocada tamén por CCOO e UXT.

A entrevista realizada ao secretario xeral da CIG na mesma xornada da folga tamén é de interese:

14 de jan. de 2011

Lentitudes

Como é ben sabido, un dos grandes problemas que lastran a administración de xustiza é a súa lentitude. Ben, iso se optas polo castelán, porque se queres usar o galego tes que fornecerte da paciencia do santo Xob para que aquilo que indica a lei que é o teu dereito poidas de verdade exercelo.

Onte A Mesa denunciou que o novo programa informático proporcionado pola Xunta aos departamentos de xustiza impide o uso do galego. A data fatídica disto foi o pasado 4 de maio, pouco máis dun ano despois de que comezase o goberno de Alberto Núñez Feijóo.

A situación é alarmante: o número de actos xurídicos no idioma propio de Galiza caíu en picado (en 2010, a metade que en 2009) e, desde que se aplica o novo programa, os xuízos rápidos deixaron de existir no noso idioma nacional. É isto xusto?

Ante o escandaloso da situación, a Xunta tentou -como de costume- botarlle a culpa ao Goberno central, de quen tomaron e distribuíron o programa informático sen se preguntaren antes, en ningún momento, cales ían ser as consecuencias para as cidadás e os cidadáns de Galiza. Esta Xunta presume de actuar como se fose unha delegación do goberno e non un goberno.

Ademais, nunha nota de réplica á Mesa, desde a Secretaría Xeral de Modernización da Xunta argumentan que tentaron corrixir a situación desde setembro: catro longos meses despois de que comezase o impedimento ao uso do galego. Isto si que é axilidade e bo facer!

P.S.: E Anxo Lorenzo, mentres tanto...?

1 de nov. de 2010

25, 33, 50

Antes de deixar paso ao artigo en Galicia Hoxe, quero comentar que todas as mañás desta semana participo nunha iniciativa de Radiofusión a través da cal recomendo unha canción para cada día. Foi unha escolla difícil, mais divertida, que poderedes ouvir na emisora (tamén a través da rede) aproximadamente ás 9.55 h, desde hoxe até esta sexta feira.

Dito isto, velaquí está a páxina desta semana:

25, 33, 50
Teoría e realidade do ensino en galego de 1995 a 2004


No momento da Transición, Galiza era o territorio do Estado onde máis se falaba unha lingua propia diferente ao castelán, aínda que era na súa maioría a través de esquemas diglósicos e carecendo de alfabetización na mesma. Porén, en toda a etapa autonómica o galego está a sufrir unha drástica caída de falantes, que non se rexistra nos outros idiomas que teñen tamén recoñecemento oficial nos seus respectivos estatutos. Parece contraditorio: Como é posíbel que unha lingua que foi proscrita e mesmo prohibida e perseguida durante quiñentos anos padeza o seu maior declinio cando por fin consegue certo estatus legal?

A resposta sería longa de dar, mais podémola bosquexar cunha idea bastante simple: Se un idioma está en perigo de se perder é porque non se está a facer abondo para evitar esa perda. Descúlpeseme a perogrullada mais é que, ás veces, con tan excesivas doses de propaganda e grandilocuencia, custa mesmo dicir o evidente. Fixeron e fan os poderes públicos de / en Galiza o minimamente exixíbel para que a lingua galega continúe viva? Fixeron e fan o minimamente exixíbel para que os seus falantes teñan dereitos lingüísticos na súa propia terra? Fixeron e fan o necesario para que as e os estudantes finalicen cada etapa educativa con suficientes competencias comunicativas non só en castelán, senón tamén en galego?

Un dos piares para a conservación, recuperación e normalización dunha lingua é o sector educativo. Como xa se ten estudado abondosamente desde a sociolingüística, trátase dunha condición non suficiente mais sempre necesaria. Necesarísima. Non hai ningún caso coñecido ao longo e largo da Terra onde unha lingua se conseguise normalizar sen contar co apoio do ensino.

A uña de cabalo, no artigo desta semana e nos das dúas seguintes, sintetizarei as liñas fundamentais do proceso de galeguización e desgaleguización do sistema educativo non universitario nos últimos quince anos. Penso que é importante recordar esta historia recente para continuarmos con máis forza e argumentos no traballo que temos por diante.

Os cinco cortes básicos que podemos facer neste período son: primeiro, de 1995 (aprobación do decreto do 33%) a 2001 (ratificación estatal da Carta Europea das Linguas); segundo, de 2001 a 2004 (aprobación do Plan xeral de normalización da lingua galega); terceiro, de 2004 a 2007 (promulgación do decreto do 50%); cuarto, de 2007 a 2010, que é a etapa que o decreto consensuado está en vigor. De 2010 ao futuro é unha historia que está aínda por escribir. Na nosa man está que sexa dun ou doutro xeito.

a) 1995 – 2001

En setembro de 1995, cando Manuel Fraga Iribarne xa levaba un lustro como presidente da Xunta de Galiza, con maioría absoluta no Parlamento, apróbase un decreto que regula unha serie de materias mínimas que se deben ministrar en galego. Con anterioridade, a porcentaxe chan que, na teoría, se debería recibir en colexios e institutos era do 25%; a partir deste momento, ascendía levemente, a unha de cada tres horas. A pesar do pouco ambicioso, recibiuse como un paso adiante e tamén se saudou como moi importante que se marcasen en concreto cales eran as disciplinas que en cada etapa terían que vehicularse en galego.

Como comentabamos xa no artigo da semana pasada, este novo decreto promulgouse a petición da maioría das comunidades escolares, con especial protagonismo dos sindicatos do profesorado, e ante a obriga autonómica de aggiornar a lexislación debido á aprobación estatal dun novo marco educativo.

Houbo campañas sociais do máis diferente tipo, mesmo folgas estudantís, para instar o Goberno galego a que adoptase medidas para aplicar este decreto. No entanto, non houbo ningún esforzo institucional para que for así. A norma marcaba un camiño, mais nacía morta. A verdade era que a maioría dos centros de ensino non chegaban a cumprir nin tan sequera a norma anterior. Da actitude oficial é boa mostra o feito de que, no mesmo mes no que se aprobou esta norma, a Xunta chegou a ameazar cun expediente ao Colexio de Palmeira por utilizar o galego con normalidade...

A pesar de o decreto ser, tristemente, unha pantomima, houbo tamén campañas orquestradas contra el por parte da extrema dereita, dalgúns grupúsculos creados para atacar o galego e dos medios de comunicación madrileños na órbita do PP. A habitual guerra preventiva contra a posibilidade de que o noso idioma levante cabeza.

A título de exemplo, o diario ABC chegaba a titular, totalmente fóra da realidade, que moitos nenos galegos “ya no saben contar de 1 a 10 en castellano” porque en Galiza había políticas de “inmersión lingüística”. Porén, o PP está neses momentos no goberno en Galiza e acantoa os discursos exaltados. Prefire aplicar unha política de narcotización, máis efectiva: aparentan que fan algo polo galego, para evitaren as mobilizacións cidadás, mais na práctica evitan calquera adianto real.

b) 2001 – 2004

A Xunta –onde Manuel Fraga Iribarne segue gañando as eleccións por maioría absoluta– persiste sen facer nada para que se aplique o decreto, a pesar de que varios colectivos educativos, culturais, sindicais ou partidarios continúan a reclamalo curso tras curso. Mentres, o propio PP, que preside tamén o Goberno español con maioría absoluta, ratifica un tratado internacional promovido polo Consello de Europa: a Carta Europea de Linguas Rexionais ou Minoritarias. A Carta, tal e como a subscribe o Estado, obriga os poderes públicos a que garantan “modelos educativos esencialmente en galego”. Tal mandato, no entanto, é desatendido de vez.

Desde A Mesa pola Normalización Lingüística iníciase un proceso xudicial contra a Xunta, acusada de neglixente. Un estudo sinalaba, case unha década despois de se aprobar aquel decreto, que tres de cada catro colexios non ministraban en galego as aulas mínimas que deberían e que un de cada tres centros de secundaria non cumpría nin tan sequera á hora de ter en galego os libros de texto que correspondía.

A presión social si consegue que unha iniciativa lexislativa do nacionalismo no Parlamento acabe frutificando na elaboración e aprobación dun Plan xeral de normalización da lingua galega, que secundaron en 2004 todas as forzas políticas con representación na cámara lexislativa. Ese Plan recoñecía pública e oficialmente o incumprimento do decreto en vigor e puña como obxectivo que cando menos un 50% do ensino debería ser en galego. Anxo Lorenzo foi, daquela, o secretario da comisión de educación, familia e sociedade do devantido Plan xeral. Para algúns, está visto, o fundamental é comer do galego, sen ningún dilema ético nin intelectual se é para afortalalo ou para matalo.

27 de out. de 2010

Mexan na lingua

Reparade neste cadro:
Non é o declive acusado de falantes de galego que Anxo Lorenzo tanto gosta de negar, igual que agora dubida de que unha política lingüística teña responsabilidade directa en que aumenten ou diminúan os usuarios dun idioma. Cousas veredes e ouviredes!

O cadro amosa a evolución dos orzamentos da Secretaría Xeral de Política Lingüística desde o último ano de goberno de Manuel Fraga Iribarne até o proxecto de contas para 2011. A gráfica, elaborada pola CTNL, fala por si soa. E non imos dicir que chove.

20 de set. de 2010

Contra a prohibición

A actualidade manda e non puiden continuar coa liña iniciada no artigo da segunda feira pasada. Tentarei facelo ben axiña.

O texto desta semana en Galicia Hoxe aborda o auto (que non sentenza) do TSXG e recolle algunhas das ideas expostas pola Mesa nestes días e que cómpre darmos a coñecer nas comunidades educativas e na sociedade en xeral:

Contra a prohibición
Non aplicar o decretazo é cumprir a Lei


Esta semana sóubose do auto do TSXG no que se desestima a solicitude da Mesa pola Normalización Lingüística para que se suspendese cautelarmente o decretazo contra o galego. A Xunta coñeceu o posicionamento do Tribunal un día antes que a entidade recorrente e deu aos medios de comunicación a súa lectura terxiversada. A CRTVG serviu como triste comparsa, mesmo dándolle as dimensións dunha noticia histórica, que cumpría anunciar no medio dun partido de fútbol, aínda que só ofrecendo un equívoco titular. Non é nova tal manipulación por parte do PP, mais por habitual non debe ser menos denunciada.

Malias as terxiversacións, hai que dicilo alto e claro: O auto do TSXG non referenda a legalidade do decretazo nin é unha sentenza. O Tribunal tampouco di, por moito que o repitan Alberto Núñez Feijóo ou o virachaquetas de Anxo Lorenzo, que non encontre indicios de ilegalidade no mal chamado decreto do plurilingüismo. Ben ao contrario, o que fai é pospor totalmente a súa decisión, pois será “a sentenza a que determine se o decreto impugnado implica unha desigualdade e discriminación da lingua galega ou unha violación tanto da normativa interna como da normativa internacional”. Se tales indicios de ilegalidade non existiren, é evidente que o recurso da Mesa non continuaría o seu trámite.

É de lamentar que a Consellaría de Educación continúe coa súa política de mentiras compulsivas e de xogar a confundir a opinión pública, facendo pasar un auto por unha sentenza. A verdade é que unha resolución denegando unhas medidas cautelares non fornece o decretazo de ningún verniz de legalidade. De feito, a historia da xustiza no Estado español está inzada de medidas cautelares denegadas que despois desembocaron en sentenzas contundentes. Seguro que este vai ser tamén ese caso, á vista de todos os relatorios xurídicos existentes. A vía xudicial de oposición ao decretazo non fixo máis que comezar. Este camiño debe ir xunto coa loita social contra esta norma tan lesiva para a nosa cultura e para a convivencia.

Nun punto especialmente grotesco da nota da Consellaría de Educación chégase a dicir que o auto do TSXG “demostra que a normativa impulsada pola actual administración responde ás peticións da sociedade” (sic). Terá tales poderes o Tribunal, como para obrigar a mudar de opinión a todos os sindicatos, asociacións de nais e pais, organizacións estudantís e movementos de renovación pedagóxica que rexeitaron de forma unánime esta norma? Por que, facendo ouvidos xordos á Xunta, todos estes representantes da comunidade educativa continúan nas súas trece de teren opinións propias, lexitimamente discrepantes do PP?!

Movámonos!

Sen dúbidas, é ben triste que en pleno século XXI aínda teñamos que mobilizarnos contra a prohibición do galego e contra a destrución de libros en galego, feitos ambos que parecen propios do franquismo. Cómpre, ademais, falarmos de “prohibición”, con exactitude, sen eufemismos nin autocensura. Non se pode utilizar ningunha outra palabra cando se quere impedir que unha profesora ou un profesor puider ministrar en galego as disciplinas de física e química, tecnoloxía e matemáticas, ou cando se quere impedir tamén que se puideren recomendar manuais no noso milenario idioma.

Teremos que agardar aínda á resolución da sentenza, algo que pode demorar arredor de dous anos, para vermos como se posiciona o TSXG sobre o fondo do asunto. Mais o que nos indican de momento todos os informes xurídicos, mesmo do Consello Consultivo de Galiza, é que este decretazo conculca normas de rango superior, desde a Lei de normalización lingüística até a Constitución española, pasando pola Lei orgánica de educación, o Estatuto de Autonomía e a Carta Europea de Linguas Rexionais ou Minoritarias. Por iso, non aplicar o decretazo é cumprir a Lei con maiúsculas.

De feito, como teñen advertido prestixiosos xuristas, obrigar o profesorado a cumprir o decreto 79/2010 é un acto de insubmisión por parte da Xunta de Galiza, pois promove a violación de tratados internacionais e de leis estabelecidas. Todas as profesoras e profesores que vaian contra a prohibición de ensinar en galego ou recomendar libros neste idioma estarán a defender de xeito activo o cumprimento da legalidade, ao mesmo tempo que darán exemplo de civismo e sementarán o futuro da nosa cultura.

Sobre isto mesmo, debemos subliñar unha parte do auto do TSXG que a Xunta saltou premeditamente na súa nota aos medios. O Tribunal sinala que sería un motivo fundamento para suspender este decretazo que se sancionase un profesor ou unha profesora por se expresar en lingua galega. Esta valoración dá novos azos a todos os docentes para que continúen a impartir as aulas en galego con seguridade, liberdade e normalidade.

En concreto, na páxina 7 do auto, o TSXG indica que se cumpriría o requisito do “periculum in mora” á hora de suspender o decreto se existiren “ameazas de sanción aos profesores que se expresen na lingua galega” (sic). Porén, non chega a tomar tal decisión porque non considera probado que tal situación se for producir. Isto significa que, no caso de que a Xunta chegue a sancionar un profesor ou profesora por impartir as aulas en galego ou recomendar libros de texto neste idioma, o decreto podería suspenderse. A Mesa podería volver a solicitar as medidas cautelares nese momento. E farao se fixer falta, acompasando a batalla xudicial da imprescindíbel batalla social.

18 de mai. de 2010

Pactos e otorrinos

Alberto Núñez Feijóo propón un "pacto pola lingua" que consiste en que todo o mundo apoie a súa política de agresión contra o galego. "Consenso mortal" sería o título do filme, como brinca Pilar García Negro no seu recomendábel De fala a lingua: un proceso inacabado.

Que "pacto" é ese no que un non está disposto a ceder nada nin a cumprir outros pactos xa asinados con anterioridade? Que tipo de palabra ten Alberto Núñez Feijóo cando o mesmo respalda o Plan xeral de normalización en 2004 ou o decreto en 2007 que os ataca?

Ante a propagandística proposta presidencial, Manuel Rivas publicou hoxe no seu blog este "poema xornalístico" que o di todo:
PACTO E DECRETO (poema xornalístico)

O Presidente trouxo unha gran noticia: o gran pacto.
Queremos un gran pacto, dixo.
Queremos a paz, dixo.
Entón, retirarán a declaración de guerra,
o decreto de hostilidades?,
preguntou o xornalista máis inxenuo.
Ah, iso non!, respondeu o Presidente.
Non oíron falar da "paz hostil"?

Na súa prepotencia, os dirixentes do PP seguen sen escoitar nin a sociedade nin as institucións nin os contundentes informes xurídicos. Ou insultan ou menosprezan.

Ben elocuente é que o secretario xeral de Política Lingüística diga que non escoitou ningunha crítica no acto da Real Academia Galega. Xa se sabe que non hai peor xordo que o que non quere ouvir, mais este comportamento e estas declaracións son impropias dun gobernante. Por fortuna, onte vimos de novo que o pobo galego aínda ten capacidade para se indignar e para responder ás inxustizas. Existimos e resistimos!

17 de mai. de 2010

A falsa escolla

Velaquí o meu artigo desta semana en Galicia Hoxe.

Vémonos todas e todos ás 12 na Alameda de Santiago!

A falsa escolla
Polo verdadeiro dereito a vivirmos en galego


O número dous da sucursal galega do PP e do Goberno de Núñez Feijóo, Alfonso Rueda, declarou que a manifestación convocada para hoxe por Queremos Galego é para clamar por unha ditadura lingüística. É certo que este señor non se caracteriza pola súa capacidade para o diálogo nin para concitar consensos, igual que é coñecida a súa propensión case doentía á mentira; no entanto, realizar afirmacións públicas dese calibre é aprofundar un degrao máis nunha fenda social moi grave. Hai piares básicos da convivencia e da democracia que o PP quere esnaquizar desde a Xunta e a todas e todos nós nos corresponde evitalo.

Rueda pertence ao sector máis extremista do PP contra o galego. Sendo conselleiro levou a cabo por vía de urxencia a primeira medida para desmantelar na práctica a oficialidade da nosa lingua (a reforma unilateral da Lei de función pública) e nomeou altos cargos con currículo de extrema dereita que, desde San Caetano, se encargan de enviar cartas admonitorias aos concellos que queren defender e potenciar o idioma natural de Galiza; isto é, que queren cumprir co Estatuto. Antes, na precampaña das autonómicas, Alfonso Rueda foi un dos asistentes á manifestación convocada polo grupúsculo Galicia Bilingüe contra o galego “en el sentido peyorativo”, como diría Rosa Díez, que tamén era das que encabezaban esa marcha do odio.

Vistas as compañas das que se rodea, non sería estraño que fose o propio Rueda o que orquestrase os exercicios de ventriloquía con Galicia Bilingüe. Que o PP precisa vender a imaxe de que está no “centro” para ver se así logra atraer algún incauto ao seu consenso mortal para o galego? Pois entón que saia esa asociación criticando, para dar a impresión de que non se contenta nin a uns nin a outros. Que o PP non consegue ningún apoio ao seu decretazo? Pois entón que este grupúsculo sen presenza social e que só conta con sustento mediático e económico (sobre o cal, por certo, reina a escuridade) saia aclamando a Alberto Núñez Feijóo.

É nese contexto de falsa distribución de papeis onde hai que situar o comunicado de Galicia Bilingüe da semana pasada. Na nota, a entidade satélite do PP reclámalle ao conselleiro de Educación que evite, coas medidas cautelares que foren precisas, que os consellos escolares debatan (quero subliñalo: debatan) o decretazo.

Jesús Vázquez Abad e Anxo Lorenzo teñen así quen lle faga o traballo sucio de intimidación e criminalización do contraste e intercambio de pareceres. Para que pensarán que están os consellos escolares, se mesmo lles queren impedir dar a súa opinión sobre aspectos centrais do funcionamento dos propios centros e que afectan a toda a comunidade educativa?

Sen opción

A mesma semana pasada, a entidade galegófoba iniciaba tamén unha campaña ás portas dalgúns colexios e institutos. A través dela, supostamente animaban á xente a que escollese o idioma para a educación dos seus fillos ou fillas, aínda que dando a entender en todo momento que optar polo galego sería crear problemas no proceso de ensino-aprendizaxe. Na súa basta propaganda, lembran que a materia de Coñecemento do medio ten “máis terminoloxía e texto”, mais que nas Matemáticas “a dificultade (...) estriba principalemente na comprensión dos enunciados dos exercicios”. Vaia, que o galego é unha incomodidade en calquera caso, polo que a medio prazo debería irse reducindo aínda máis a súa presenza...

Nos materiais que editaron, inclúen textos desas dúas disciplinas, para os cales seleccionaron en todos os casos as palabras que poderían resultar máis diferentes entre os dous idiomas romances que son oficiais en Galiza, mesmo con manipulacións tan grotescas como esta que cito a seguir de “zorra” e “carrito de madera”:
A modo de breve pincelada ofrecémosvos unhas frases de mostra. En que idioma aprenderán mellor os vosos fillos?
A modo de breve pincelada os ofrecemos unas frases de muestra. ¿En qué idioma aprenderán mejor vuestros hijos? (...)

No Reino Unido os pescadores utilizan a zorra para escorregar sobre a lama das marismas e así poder transportar os mexilóns que recolleron.
En el Reino Unido los pescadores utilizan un carrito de madera para deslizarse sobre el barro de las marismas y así poder transportar los mejillones que recogieron.

É como se eu digo que o castelán é máis difícil porque a frase “Después de enjalbegar, recogieron el pan revenido” en galego se diría “Despois de pintaren as casas de branco, recolleron o pan reseso.”

Esta campaña lembroume ao convite que me fixo un amigo a semana anterior. El propúxome de irmos ao cinema os dous xuntos e deume a entender que eu podería escoller cal era o filme que iriamos ver. Porén, cando lle preguntei que era o que botaban nesa sesión el explicoume con enorme entusiasmo que podiamos ir ver “a última de Tim Burton, que ten pintas de estar moi ben e o pasaremos xenial” ou, se non, indicoume con cara de reprobación que eu tamén podería optar por “algunha destas pelis aborrecidas que falan da guerra de Iraq”. A aparente opción de escolla, claro, era falsa, pois xa na súa presentación me deixaba ben claro que no seu convite só podería ter unha resposta que el dese por válida, polo que non quedou outra que ir ver esa malograda versión de Alicia no país das marabillas.

Isto é xustamente o que nos di Galicia Bilingüe tanto na súa campaña como cando reclama que non se poida debater nos consellos escolares. Isto é, nin máis nin menos, ao que se refire Alberto Núñez Feijóo cando fala de “libertad lingüística”: “mientras pueda, escoja usted entre el castellano, un idioma de verdad, o el gallego, esa cosa”. Vaia, que a hipócrita “libertad para elegir” significa “escoja usted, pero escoja castellano”.

Do Courel a Compostela

A pesar de todos estes feroces ataques, a lingua galega existe e resiste. Ben o imos amosar neste Día das Letras no que se escoitarán voces na defensa da nosa cultura desde o Courel até Compostela. Da capital de Galiza sairá hoxe ás 12 do mediodía unha manifestación unitaria, convocada por Queremos Galego e da cal só se autoexclúe o Partido Popular. É unha marcha en defensa do noso idioma, pola retirada do inconstitucional decretazo e por unhas políticas de normalización lingüística acordes cos consensos aos que chegamos entre todas e todos.

Non defendemos nesta manifestación que se lle retire ningún dereito a ninguén, senón que haxa todas as garantías para que, tanto individual como colectivamente, poidamos vivir na lingua que nos une como galegas e como galegos. Porque, tal e como dixo Castelao, todo dereito non garantido deixa de ser un dereito.