Mostrando postagens com marcador historia. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador historia. Mostrar todas as postagens

15 de mai. de 2016

Ligazóns ao desvío para un quince de maio

  • "Atónito", Francisco Rodríguez. "Nin nos seis meses que houbo de lexislatura interviñeron os seis deputados e deputadas de En Marea o que, en dúas semanas, dous deputados-as do BNG de calquera das lexislaturas, entre 1996 e 2015." 
  • "Delincuentes con uniforme policial", Íñigo Sáenz de Ugarte. 
  • Espazo web da exposición "Galicia Cen". Desde esta ligazón pódese descargar en pdf o catálogo da exposición.
  • Un rapaz de once anos pasa horas illado nunha aula en Becerreá porque deixou en branco o exame da reválida, tal e como lle indicaran os pais. O castigo foi unha orde da inspección... Máis información nesta nova do La Voz de Galicia.
  • "A mãe da nossa língua está escondida no sótão?", Marco Neves.

16 de jan. de 2016

"El mayor cuidado en introducir la lengua castellana"

Hoxe fanse 300 anos dos coñecidos Decretos de Nueva Planta. Porén, no ámbito da lingua, foron máis importantes as instrucións secretas que enviou uns días máis tarde, o 29 de xaneiro de 1716, o Fiscal do Consejo de Castilla.

Nesas instrucións avísase de que hai que castelanizar Cataluña, igual que se castelanizaran antes outros territorios do imperio español (citan Navarra e Nápoles; poderían citar Galiza, que levaba tempo sometida). Iso si, a imposición da lingua de Castela deberían facela con toda a camuflaxe da que fosen capaces. Tratábase de desnaturalizaren o catalán evitando as protestas sociais:
"Pondrá el mayor cuidado en introducir la lengua castellana, a cuyo fin dará las providencias más templadas y disimuladas para que se consiga el efecto sin que se note el cuidado".
Ese principio de conseguir "el efecto sin que se note el cuidado", posto por escrito (aínda que en secreto) no século XVIII, é o mesmo que se segue na proscrición do galego, o catalán ou o vasco no século XXI.

Tócanos renaturalizar o desnaturalizado, facer visíbeis as "providencias más templadas y disimuladas" (por exemplo, nos medios de comunicación), crermos en nós mesmas, en nós mesmos. Avante!

19 de ago. de 2015

Castelao coa estreleira


Entre as pertenzas de Castelao que se poden ver no Museo de Pontevedra están dúas insignias do Partido Galeguista. Unha, coa estrela de cinco puntas coa bandeira dentro e a fouce ao carón; a outra, cunha bandeira galega coa estrela de cinco puntas no centro, a tamén chamada estreleira.

A principal diferenza coa actual é que daquela a estrela non era vermella, senón prateada ou amarela. Algunha vez lin que era un deseño do propio Castelao, mais non sei se existe esa certeza.

A estrela tórnase vermella durante a resistencia antifranquista, mais redescóbrese e xeneralízase nas mobilizacións da década dos 70.

6 de out. de 2011

Auga de varias fontes

Antes de pendurar aquí diversas cousas que penso que poden ser de interese, non quero deixar de agradecer a toda a xente que participastes onte no acto de presentación no Dezaseis do libro Como defenderes os teus dereitos lingüísticos. Moi moi obrigado!

Agora, xa me contaredes que tal vos vai pondo en práctica os consellos que aí se poñen! Como os adaptades ao voso día a día? Funciónanvos? Que modificaríades?

Mañá continúa a xira de presentación do libriño. Será ás 20 h na libraría A Tenda dos Libros de Ponteceso. O convite está feito! ;)

Polo demais, como antes dicía, vou deixar que pasen por esta canle augas de varias fontes, por se vos apetecer beber delas:

- "Cal é o significado de 'abrirse á sociedade'?", Xosé Ramón Freixeiro Mato, Terra e Tempo.

- "A CIG convoca unha manifestación nacional o 23 de outubro en defensa do emprego e dos servizos públicos", Avantar - CIG.

- "Fermín Bouza Brey, xuíz e parte", Xoán Carlos Garrido Couceiro, Terra e Tempo.

- "De la alianza de civilizaciones al escudo antimisiles", Escolar.net.

- "Priberam lança o guia "Nova Ortografia - Modo de Usar", Academia Galega da Língua Portuguesa.

- "How Language Shapes Thought. The languages we speak affect our perceptions of the world", Scientific American.

- "Roteiro. Entre Roma e o feudalismo na Amaía. 15 de outubro", Asociación Cultural O Galo, impartido por Manuel Gago.

- "IV Xornadas de Literatura de Tradición Oral. Lendas urbanas: mitos e ritos dos tempos modernos", Asociación Socio-Pedagóxica Galega.

- "AGLP organiza I Colóquio Guerra da Cal", Academia Galega da Língua Portuguesa.

- "Carta a Angela Merkel", Escolar.net.

- "A visita do Papa a Reino Unido", Terra e Tempo. Cadernos de Pensamento Nacionalista 11, Robert Neal Baxter (en pdf).

25 de abr. de 2009

Vinte e cincos de abril, sempre!

Estaba eu en primeiro de bacharelato, o da LOXSE, daquela en fase de probas no meu instituto. Na materia de lingua e literatura galega estudabamos nese momento a lírica medieval a través dun libro moi completiño editado por Via Láctea, que ao final traía unha escolma de textos contemporáneos que seguían algún recurso formal semellante ao que rexistraban as cantigas dos nosos cancioneiros.

Nesa antoloxía final aparecían, entre outros, uns versos que comezaban "Grândola, Vila Morena", que eu lera na casa, curioseando no libro. Comenteille á profesora, Fefa, que ese poema me parecía especialmente bonito e ela preguntoume, sorprendida, se eu non coñecía José Afonso. Ao día seguinte, tróuxome casetes e información sobre o que fora o 25 de Abril e eu fiquei entusiasmado por ese cantor e por todo o que acontecera nesa xornada. Eu tiña 17 anos, era un estudante de bo expediente e non tiña nin idea nin do feito histórico nin de quen era ese artista que tantas vinculacións tiña, ademais, co noso país. Nada novo neste sistema educativo que continúa a dar as costas á propia cultura e á propia historia.

O 25 de abril é tamén a data do principio dunha outra revolución aquí en Galiza. En 1467, comeza a Gran Guerra Irmandiña, seguramente a maior revolta social de toda Europa no século XV. Canta xente coñece hoxe este episodio da nosa historia?

5 de mar. de 2009

Dúas presentacións e unhas xornadas de interese

Ademais do convite que tedes aí arriba para a presentación desta obra de teatro dunha das miñas poetas preferidas, fágome eco de que mañá, sexta feira, finaliza en Lugo a campaña de divulgación por parte do autor do romance O Globo de Shakespeare, de Santiago Jaureguizar. Podedes estar alí ás 20 h do serán na libraría Trama.

Aliás, quero que saibades das interesantísimas II Xornadas de Historia de Galiza, que se realizarán en Ferrol entre mañá e o 15 de maio, organizadas pola Sociedade Cultural Medulio e a Universidade da Coruña. A asistencia é libre, co horario de 19 a 21 h, no auditorio da UDC nese campus. As conferencias serán as seguintes:

6 de marzo: "Prisciliano", Xosé Carlos Santos
13 de marzo: "San Rosendo e o reino orixinario", André Pena Graña
20 de marzo: "Xelmírez, os Traba, o emperador Afonso VII", Santiago Jiménez
27 de marzo: "O reinado de Fernando II e Afonso IX", Camilo Nogueira
3 de abril: "A historia medieval galega nos libros de texto de ensino secundario", José Manuel Barbosa
17 de abril: "A guerra transnacionalizada a mediados do século XIV", Francisco Rodríguez
24 de abril: "Os Castro e outras familias da nobreza galega en Portugal", Luís Duarte
8 de maio: "Fernán Pérez de Andrade, a nobreza trastamarista en Galiza", Xosé Francisco Correa
15 de maio: "Información sobre Pardo de Cela", Carlos Breixo

Se estiverdes por Lugo, por Santiago ou por Ferrol neses días, xa sabedes!