Mostrando postagens com marcador Goretti Sanmartín Rei. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador Goretti Sanmartín Rei. Mostrar todas as postagens

28 de out. de 2014

Begoña Caamaño

É certo que ante a morte nunca estamos preparadas e que non hai consolo posíbel, mais tamén é certo que hai persoas que, polo seu exemplo vital e pola súa obra, nunca morren. Desas últimas é Begoña Caamaño



- Morre Begoña Caamaño, a voz lila da literatura galega, no Sermos Galiza, o medio que máis profundamente tratou esta triste nova.
- "Begoña Caamaño. Palabras como esporas", Goretti Sanmartín.
- "Pésame polo falecemento de Begoña Caamaño", A Mesa pola Normalización Lingüística.
- "Begoña Caamaño", por Manuel Bragado.
- "No pasamento de Begoña Caamaño", Editorial Galaxia.
- "Comunidades dos afectos", María Reimóndez.
- Begoña Caamaño na Wikipedia.

21 de ago. de 2011

De Carballo a Carballo






En Carballo foi a "previa" á presentación nacional de Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, adiantándose dous días ao acto do Festigal. A esa "previa" pertencen as fotografías que penduro hoxe.

Porén, ese acto tivo dúas particularidades a respecto da presentación deste mesmo libro que se vai realizar tamén en Carballo o vindeiro 25 de agosto. A primeira, que o de xullo foi un acto para o público asistente ao Curso de Verán en que colaboran cada ano a Universidade da Coruña e a Coordinadora de Técnicas/os de Normalización da Lingua, mentres que estoutro está aberto a todo o mundo que quixer ou puider participar. A segunda diferenza é que daquela os libros aínda non se distribuíran e agora si, de xeito que poderá adquirilo quen quixer ou mesmo vir a debater sobre el xa coñecéndoo.

En fin, que, se vos apetecer, vémonos o 25 de agosto ás oito e media do serán na Praza dos Libros de Carballo.

Defendamos os nosos dereitos lingüísticos!

18 de ago. de 2010

Debater e actuar


Os meus artigos das dúas últimas semanas en Galicia Hoxe ("Para sandar as feridas" e "As palabras perdidas?") deron lugar a un debate sobre se a nosa lingua se encontra ou non nun proceso de hibridación e, sobre todo, o máis importante, que é o que podemos facer para mellorar a calidade do noso idioma e aumentar a súa extensión social. A discusión foi inagardada, porén é oportuna e necesaria, polo que a festexo.

Partindo destes escritos, que foron motivo de réplicas e contrarréplicas en varios foros da rede, expuxeron as súas opinións sobre o tema, entre outras e outros, Xosé Luís Méndez Ferrín, Francisco Fernández Rei, Xosé Ramón Freixeiro Mato, Xosé Manuel Sánchez Rei, Henrique Monteagudo, Goretti Sanmartín Rei, Valentim Rodrigues Fagim, Filipe Díez, Isabel Rei, etc. Na reportaxe "O risco da dialectalización", que Montse Dopico elaborou para Galicia Hoxe, poderedes ler en síntese os diferentes posicionamentos.

Nalgún caso, ao longo do debate, apóñenseme posturas que eu non defendo. Por iso, quen tiver interese en coñecer de modo directo o que eu si penso, pode ler os dous textos supracitados, así como o libro En castellano no hay problema, onde me debruzo en varias ocasións sobre o tema (especialmente, aínda que non só, nas páxs. 135-139 e 243-246).

Varios dos artigos que publicarei en Galicia Hoxe nas próximas semanas abordarán desde outras perspectivas esta mesma cuestión. Agardo que tamén resulten de proveito e utilidade, tanto para a reflexión como para a acción.

23 de jul. de 2009

Festigal 2009

Como cada ano, A Mesa e a Fundación Via Galego estarán presentes no Festigal coa súa propia carpa. Non deixedes de pasar por alí, para verdes as últimas campañas e os últimos materiais!

A miña axenda particular para o Festigal inclúe tamén unha entrevista en Radiofusión o día 24 de xullo ás 19.45, dentro da programación especial para o evento, e a participación o día 25 de xullo ás 18 h nunha mesa redonda na Galería das Ideas. Versará sobre a situación da lingua galega e tamén participarán Teresa Varela, Bieito Lobeira, Goretti Sanmartín e Domingo Díaz, contando coa moderación de Antón Figueira, o director de GzNación.

12 de mai. de 2009

Con Goretti Sanmartín e Yolanda Castaño

Hoxe ás 20 h, na antiga Reitoría, no Areal de Vigo, presento unha mesa redonda organizada polas compañeiras e compañeiros da Mesa pola Normalización Lingüística desta comarca na cal participarán Goretti Sanmartín e Yolanda Castaño. Se estiverdes por aí, vémonos!

11 de fev. de 2009

Presentación de Nos camiños do entusiasmo

Mañá, quinta feira 12 de febreiro, ás 20:30 h do serán, a Libraría Pedreira de Santiago acolle a presentación da última obra de Goretti Sanmartín Rei, Nos camiños do entusiasmo, que se pon mañá mesmo á venda.

Ademais da autora, no acto intervirán Xosé Manuel Sánchez Rei, Teresa Moure e Manuel Bragado.

Vémonos alí!

9 de dez. de 2008

Para, contra a violencia, recuperarmos a lingua

Recomendo a leitura deste artigo de Goretti Sanmartín Rei (profesora da Universidade da Coruña, directora do Servizo de Normalización Lingüística desa universidade e activista feminista) para non nos deixarmos intoxicar por unha desas periódicas e feroces campaña de terxiversación e caricaturización que temos que padecer.

"Para, contra a violencia, recuperarmos a lingua", por Goretti Sanmartín Rei

Desde unha perspectiva científica, os estudos sociolóxicos coinciden coas análises lingüísticas en interpretaren a fala das mulleres como máis próxima á norma de prestixio, quer no interior dunha única lingua, quer na situación coñecida como contacto de linguas. A explicación deste feito reside na necesidade de as mulleres se construíren nun modelo non estigmatizado por mor da súa maior vulnerabilidade social, para fuxir, deste xeito, dunha posición aínda máis subordinada da que xa posúen socialmente. Bourdieu, no seu xa clásico Ce que parler veut dire? (1982), indica que se comprende, como tantas veces observaron os sociolingüistas, que sexan as mulleres as que antes adoptan a lingua ou a pronuncia que máis as lexitime socialmente e Pilar García Mouton, no seu Cómo hablan las mujeres (1999), insiste en que da análise das contradicións das enquisas dialectolóxicas o que se extrae como consecuencia é o rexeitamento xeral das mulleres polo que consideran lingüisticamente marcado de xeito negativo, de onde se deriva a súa adhesión á norma de prestixio. Non é, pois, casual nin específica do caso galego unha situación en que as mulleres (historicamente, por factores de conformación da sociedade galega, das pertencentes ás clases medias e elevadas, que eran as que podían exercer tal escolla) empregasen menos o galego e decidisen instalarse en español, abandonando a súa lingua inicial ou non dando os pasos necesarios para se construíren na lingua propia do país.

Porén, este feito non significa nin que esas mulleres castelán falantes sexan unhas consentidoras nin que os varóns españolfalantes sexan uns maltratadores, como demagoxicamente algunhas persoas están a interpretar a campaña que desenvolvemos as institucións que abaixo nomeamos este 25 de novembro, que insiste en aspectos documentados en moita da tradición que a este respecto nos conformou. Trátase da descrición dunha realidade onde subxace unha violencia sutil, non expresada fisicamente, que está debaixo de moitos contextos onde se produce unha substitución lingüística. Cando falamos de violencia (de calquera tipo de violencia, tal como se recolle na Declaración da ONU sobre a eliminación da violencia contra as mulleres do 20 de decembro de 1993) non nos referimos unicamente aos extremos máis graves dese comportamento –a morte–, senón que tamén debemos reparar nos diferentes graos e formas en que se manifesta, ás veces simbolicamente, e tamén a través da lingua (por exemplo, con insultos), para alén de ligar e procurar a solidariedade no combate contra todas as súas expresións. Ninguén dubidaría en cualificar como violenta a imposición do español a tantos territorios americanos cunha lingua propia hoxe desaparecida ou marxinada socialmente. Existe, pois, unha violencia social que fai que as mulleres sintan unha maior presión para abandonaren a lingua (ou a variedade lingüística) menos prestixiada socialmente? Existe. Significa iso cualificar de maltratadores os castelán falantes? Non significa iso.

Por outra parte, no caso galego, os estudos cuantitativos máis relevantes indican esta tendencia de menor uso por parte das mulleres a respecto dos varóns, nun índices que non mudan co paso do tempo. No estudo realizado polo Consello da Cultura Galega en que se observa a evolución sociolingüística galega no período entre 1992 e 2003, datas de dúas importantes recollidas de información sociolingüística (o Mapa Sociolingüístico Galego e a Enquisa de Condicións de Vida das Familias), aparecen os seguintes datos significativos:
- Hai unha maior incidencia de monolingües en castelán entre as mulleres.
- Son menos as mulleres que se declaran bilingües con predominio do galego.
- A categoría de "Só galego" crece máis no caso dos homes.

É tamén relevante o feito de que, a pesar de teren as mulleres uns usos lixeiramente máis favorables ao castelán, as diferenzas non mudan no intervalo que se considera no estudo (1992-2003), o que significa que ningunha das accións de política lingüística que se desenvolveron conseguiron corrixir este desaxuste que provoca, como coñecemos por percepción social, que fillos varóns castelánfalantes iniciais restauren o galego como lingua propia, lingua que tamén o era dos seus pais en moitas ocasións, fronte a fillas mulleres que non sofren ese proceso ou que, de o faceren, constitúen un grupo máis reducido que xustamente hai que apoiar por se decidiren a combater esa dependencia a respecto do imposto polo sistema.

Por outra parte, nun estudo cualitativo realizado polo Seminario de Sociolingüística da Real Academia Galega (O galego segundo a mocidade. Unha achega ás actitudes e discursos sociais baseado en técnicas experimentais e cualitativas), tras concluír que as persoas que empregan variedades lingüísticas con acento galego son aínda percibidas pola xente nova como un grupo pouco dotado para o éxito social, sinálase que estes resultados son máis rotundos no caso das mulleres, o que evidencia que existe un control social máis severo sobre o seu comportamento lingüístico.

A campaña, pois, desenvolvida polo Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña, en colaboración coa Concellaría de Mocidade, Solidariedade e Normalización Lingüística do Concello da Coruña e a Área de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña pretendía, por un lado, comprometerse publicamente contra a violencia de xénero no seu grao máis elevado a través da palabra, a través da lingua (e a análise de moitos dos textos que se leron no propio acto así o confirma) e contribuír, desde unha outra perspectiva tamén posible, á reflexión sobre distintas situacións de dominio e á análise das súas causas para, séndomos máis conscientes e coñecéndomonos mellor, podermos ser máis libres e podermos exercer a nosa vontade individual e reclamar os nosos dereitos colectivos.