5 de out. de 2014
Ligazóns ao desvío para un cinco de outubro
"As mentiras do PP sobre a lingua galega", Cibrán Arxibai.
"As dez cousas que nom lhe deves dizer a um galego-falante", Ramiro Vidal Alvarinho.
"Actualidade e historia", Francisco Rodríguez.
A Mesa denuncia os incumprimentos da Carta Europea das Linguas perante o Consello de Europa.
8 de jun. de 2014
Ligazóns ao desvío para un oito de xuño
Xosé Alberte Lorenzo sempre na nosa memoria!
Só tres das dez casas de Compostela en que morou Rosalía están sinalizadas.
Entrevista a Miquel Bassols, presidente da Asociación Mundial da Psicanálise.
"Arredor dunha resposta", Cibrán Arxibai.
"El establishment no tiene mucho sentido del humor y además ha perdido el juicio", Íñigo Sáez de Ugarte.
Hai probas de que existise unha civilización de ananos, como sostiveron algúns medios de comunicación estes días?
10 de mai. de 2013
Virán Xesús Alonso Montero e Valentín García?
Desde A Mesa pola Normalización Lingüística convidamos o actual presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, a que acudan á vista que teño hoxe na Audiencia Provincial da Coruña. A Mesa non fai ese convite nin tan sequera para que eses homes tomen posición, senón para que vexan e ouzan en primeira persoa o que alí vai acontecer, a ver se dese xeito pasan a ter unha postura activa de defensa do noso idioma, que é o que correspondería aos seus cargos.Como sabedes as persoas que pasades habitualmente por este blogue, o que imos presenciar esta mañá é un novo episodio no kafkiano caso en que un xuíz, o ex decano da Coruña, Antonio Fraga Mandián, decidiu denunciarme porque lle recordei que tiña que cumprir e facer cumprir a Lei de normalización lingüística. Por tan gravísima ofensa, realizada en 2008, pídeme 15.000 euros de indemnización. Como tamén sabedes, non é a primeira vez que este home interpón denuncia contra alguén polo feito de defender o galego: xa antes aconteceu cos veciños de Oleiros Eduardo Álvarez e Carlos Aymerich.
Que se encause a quen solicita o cumprimento da Lei de normalización lingüística (considerada unha das leis básicas de desenvolvemento estatutario) é un xeito moi peculiar de festexar o 30 aniversario desta norma, que se fai xustamente nestas semanas. Que ademais para este proceso en concreto haxa procedementos xudiciais extraordinarios dá para pensar sobre a igualdade de todas e todos perante a Xustiza.
Non é só que se pertences a determinadas familias de sangue azul poidas resultar inmune, como vimos nestes días, senón que se defendes o galego ou lle recordas a un xuíz que temos dereitos lingüísticos debes pasar por un vía crucis de burocracia xusticeira, parece que até conseguir por fin un tribunal que condene. Se non é así, que expliquen como é que a Audiencia Provincial fai hoxe vista para un recurso contra unha sentenza contundentemente absolutoria, situación insólita que habería que sumar ao feito de que xa no seu día houbese xuízo a pesar de que tanto a xuíza instrutora como a Fiscalía consideraban que non había nin delito nin falta en recordar que hai que cumprir a Lei.
Non podo finalizar esta entrada sen agradecer desde aquí todas as mensaxes de apoio que me están a chegar. Tede a certeza de que non vou calar, de que non imos calar!
Continuamos!
5 de jul. de 2012
-10,2%
O seu traballo de ataque contra o noso idioma acaba de ofrecer un novo resultado: o número de títulos en galego descendeu no ano pasado un 10,2%. É a lingua do Estado español que máis cae. O castelán é a que máis crece, por se alguén acreditaba nas campañas vitimistas que queren presentalo como "idioma en perigo" (!).
Cos datos na man, A Mesa pediu hoxe a "resurrección" dunha política cultural que nos aparte do nefasto camiño en que estamos
Adiante!
26 de abr. de 2012
«As maiores manifestacións do mundo en defensa dunha lingua nos últimos anos foron en Galiza»
Reproduzo aquí, por se vos for de interese, a entrevista que me fixo hai uns días Nel Vidal para a páxina web da CTNL:
«As maiores manifestacións do mundo en defensa dunha lingua nos últimos anos foron en Galiza» Entrevista a Carlos Callón
Carlos, vai agora para dez anos que fuches elixido presidente da Mesa, naquela disputada asemblea con dúas candidaturas en xuño de 2002. Que valoración xeral fas desta etapa?
Participei nas directivas dos dous anteriores presidentes da Mesa e por iso sei de primeira man que os adiantos para a asociación son acumulativos.
Se teño que avaliar esta última etapa salientaría como moi negativo que non damos tido a suficiente forza para mudar as políticas lingüísticas oficiais e poría no lado positivo o aumento da afiliación, a mellor estrutura organizativa e a maior capacidade mobilizadora. Mais isto non é resultado do traballo dunha persoa: é un labor de equipo.
De que accións desenvolvidas pola Mesa nestes 10 anos contigo como presidente te sentes máis satisfeito?
Talvez noutro momento dixese ou diga outra cousa, mais agora véñenme á cabeza a campaña de galeguización dos bancos e caixas de aforros, os paros estudantís, o proxecto Abertos ao Galego e todo o esforzo de resposta aos ataques contra a lingua que desembocou na constitución de Queremos Galego.
E de cales menos orgulloso?, ou, que cousas cres que se poderían facer mellor ou que aínda están por facer?
Por facer hai demasiado, porque só hai que ver como está o galego nos diferentes sectores...
Estou menos orgulloso de cando non temos suficiente capacidade de resposta a algunha agresión e síntome moi insatisfeito naquelas campañas que se planifican durante meses e que despois non se poden levar a cabo ou hai que aplicar as tesoiras económicas até que fican con moita menos forza que a que se pretendía. As nosas carencias económicas impídennos que moitas campañas que quereriamos facer se poidan levar a cabo e iso obríganos a deixalas na gabeta e agudizar o enxeño para tentar chegar aos mesmos obxectivos.
De calquera xeito, entre a acción e a inacción, escollo a primeira. Aínda que sexa imperfecta.
É sabido que a carón do ideal todos saímos perdendo, mais fai falta actuar.
O vindeiro 28 de abril está convocada asemblea xeral da Mesa, que terá lugar en Ourense. Haberá cambios na xunta directiva?
A Mesa realiza todos os anos unha asemblea xeral para se avaliar no curto prazo e, cada tres, para escoller nova Permanente e debater máis en profundidade. A do 28 de abril no Auditorio Municipal de Ourense será destas últimas.
Encabezarás unha candidatura?
Estiven moitos meses pensando se candidatarme para continuar na presidencia ou colaborar coa Mesa desde outras funcións, xa que traballo para facer hai abondo e desde moitos lugares. Non é unha decisión doada, sobre todo na situación actual para a lingua e para A Mesa. Falei con moita xente e só encontrei ánimos para continuar, así que todo apunta a que encabezarei unha candidatura.
A pesar de que o traballo nunha asociación como A Mesa resulta moi absorbente, estou con enerxía e novas ideas para levar a cabo. Falaremos de todo iso na Asemblea Xeral do 28!
Será o teu cuarto mandato. Hai limitacións no número de eleccións?
Tecnicamente sería o meu quinto mandato. O primeiro é de 2002 a 2003, o resto xa de tres en tres anos. Non hai esa restrición, aínda que non sei se propola, a verdade!
Nos últimos anos a Mesa centrou a súa actividade, principalmente, na denuncia dos ataques contra o galego e da conculcación dos dereitos lingüísticos. Cres que é mellor que a Mesa manteña unha liña máis defensiva ou reactiva ca unha liña máis proactiva na procura da normalización lingüística?
A Mesa sempre presentou propostas de actuación e procurou crear debates novos ("proactivos"). Outra cousa é que por razóns políticas non fosen suficientemente tidas en conta (pénsese no contexto mediático galego...) ou non se aplicasen (pénsese na correlación de forzas partidarias en Galiza e o que defenden...).
Ora ben, os ataques e as agresións precisan respostas, aínda que estas deban modularse segundo a situación. Mais que ninguén esqueza tampouco que con estas respostas se crean "marcos" novos.
Por outra banda, a min persoalmente toda esta terminoloxía de Lakoff paréceme moi feble. Penso que teñen unha aplicación difícil, bastante distorsionada, unhas ideas nadas para os debates electorais dos multimillonarios partidos estadounidenses a realidades como a galega.
E cres que o discurso a prol da normalización lingüística está sendo o suficientemente eficaz? Estamos convencendo socialmente?
O discurso haino que ir puíndo sempre, sen dúbidas, mais penso que o problema central non está aí. O reto é como facelo chegar máis e mellor e, sobre todo, como conseguir que se aplique máis e mellor, sen máis políticas de homenaxe (que ás veces se converten en debates sen fin sobre o discurso).
Non é un problema de discurso que se eliminen servizos municipais de normalización, que a nosa mensaxe non poida acceder aos medios de comunicación de acordo coa nosa representatividade social, que a maioría das institucións non cumpran cos mínimos da legalidade lingüística, etc. Iso non muda se á rosa a chamamos caravel.
Penso que todas as emendas que vaiamos decidindo facer teñen que ir tamén coa consciencia do que xa conseguimos. Por exemplo, as maiores manifestacións en Europa (e, até onde eu sei, no mundo) en defensa dunha lingua nestes tres últimos anos foron en Galiza.
En fin, coido que está moi de actualidade e é moi necesario revisitarmos ese gran pensador que é Daniel Castelao a respecto dese debate sobre os discursos: "hai que loitar e crear, e non imos perder a vida metidos nas tripas dos problemas".
Entón, que mensaxe ou mensaxes principais cres que deben ser as que a cidadanía debe percibir desde o movemento en defensa da lingua para que se sume ao uso e defensa do galego, para que cada vez haxa máis xente que defenda a normalización lingüística?
Esta resposta tería que ser amplísima, porque o corpo doutrinal tamén o é. Pódeselle dar prioridade a unhas ou outras ideas segundo a situación (falo un pouco diso no libro Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, p. ex.)
Mais xa que me pides escoller unhas poucas, alá van:
- O galego é a lingua propia de Galiza e non é porque o inventase ninguén. É a única lingua que naceu aquí e a que nos identifica.
- O galego únenos a todas as galegas e todos os galegos, mesmo a aqueles que non o falan ou aínda non o falan.
- As políticas de normalización son políticas democratizadoras: evitan discriminacións, que aínda persisten; crean igualdade de oportunidades, que aínda non hai.
- As políticas normalizadoras son políticas de cohesión social, necesaria para avanzarmos en novos retos sociais e económicos.
- Unha sociedade que non acredita nas súas propias capacidades mal pode avanzar con forza.
- Os mellores exemplos de que as políticas de normalización lingüística van acompañadas do desenvolvemento económico témolas ao carón: Cataluña e Euskadi.
- Se pensas que é posíbel vivir en galego sen problemas e que non fan falta políticas normalizadoras, tenta facelo, procura vivir en galego de forma plena as próximas 24 horas.
- Nestes momentos unha persoa que queira vivir en galego en Galiza non ten garantido ese dereito. Son necesarias as medidas para o garantir.
- As linguas suman. O galego, tamén. Aprendéndoo e usándoo serache máis doado aprender e usar tamén outros idiomas (por fonética, léxico, etc.).
- Todas as nenas e todos os nenos deberían saír da escola con competencias lingüísticas boas, como mínimo, en galego e español. Iso, agora mesmo, non acontece co galego, polo cal son necesarias medidas.
- Nun mundo cada vez máis intercomunicado, non aproveitarmos as oportunidades que nos brinda o galego a través do portugués é como dilapidar o patrimonio. Grazas ao galego, todo o alumnado de Galiza podería saír do instituto cun certificado oficial de coñecemento de portugués, en moi poucas horas.
- Non hai maior defensa dunha lingua que o seu uso. Usa galego, escolle galego, solicita galego, organízate polo galego!
- Etc.
Cres que se debe coordinar ou manter unha maior colaboración entre o traballo social a prol da lingua e o traballo institucional? Como? De que maneira?
É desexábel esa colaboración entre o movemento social e as institucións, sen dúbida, tanto no ámbito na defensa da lingua como noutros. O que resulta paradoxal, por non dicir nada democrático, é que entidades sociais representativas non teñan posibilidade de colaboración con algunhas institucións por motivos de sectarismo político. É presentábel que a maior asociación cultural de Galiza non recibise nin un só céntimo de axuda do Goberno galego para ningún dos seus proxectos en todo o que levamos de lexislatura?
En ocasións ténsenos insinuado que se queremos recibir ese apoio económico temos que deixar de ser combativos contra o Goberno. Haberá quen estea disposto a dicir que o rei vai nu para levar as prebendas, e mostras hai algunha nos xornais estes días, mais ese nin foi nin será o xeito de proceder da asociación.
Tamén me parece que non ten moito xeito que entidades como A Mesa ou a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega estean excluídas do Consello da Cultura Galega. No caso concreto da Mesa non é só que non poida ter voz no plenario (como si pertencen entidades sen case actividade coñecida ou mesmo sen vinculación coa vida cultural galega) senón que a representación da entidade está vetada na Sección de Lingua e no Centro de Documentación Sociolingüística do Consello. É iso presentábel?
A Mesa pode colaborar coas institucións coa súa experiencia, a súa información e as súas moitas e fundamentadas propostas de actuación, como o ten demostrado durante os seus 26 anos de existencia.
Hai quen acusa A Mesa de estar politizada... Que lles dirías?
Calquera que faga un traballo en defensa da lingua recibe esa acusación, porque a defensa do galego entra en contradición cos principios ideolóxicos que defenden algúns dunha España monolítica. Vexamos se non os ataques que reciben os equipos de normalización lingüística dos centros de ensino polo seu traballo, 100% formativo e non só legal, senón emanado dun mandato legal. Porén, mesmo se chegou a dicir deles que son niños de formación de terroristas... Así está o nivel!
No caso concreto da Mesa temos que destacar que está conformada por socias e socios que pertencen a todas as formacións partidarias presentes no Parlamento galego e tamén a varias que non están representadas no Hórreo. Estou seguro de que a maioría, que non a totalidade, da afiliación é nacionalista, porque é un movemento que ten a defensa da lingua na súa razón de ser; tan na súa razón de ser que ten como obxectivo que o galego sexa defendido por todas as formacións, alén do nacionalismo.
Sen dúbida que A Mesa fai política: política lingüística. Non política partidaria: non nos presentamos ás eleccións, claro, e só en casos moi puntuais entramos en cuestións que non sexan lingüísticas. (Teñen que ser de emerxencia nacional e que aprobarse por unanimidade na dirección. Que eu recorde, nos últimos dez anos só se fixo co caso do Prestige.) O que xa me parece que é unha estupidez que insulta a intelixencia é dicir que politizas a lingua por usala ou defendela. Que eu use un idioma impídelle ao do lado usalo tamén? Entón debería deixar de usalo e defendelo? Se se pensa un pouco na cuestión, percíbese axiña a trampa.
O que non imos facer é deixar nin de realizar propostas nin de expresar as críticas que consideremos polo feito de que nos vaian acusar disto ou do outro.
Retirada de colaboración e difamación sobre o Correlingua, recortes brutais nos orzamentos para o fomento do galego, retirada dun libro de texto por dicir que o galego é a lingua propia... O 19 de abril folga no ensino e o 17 de maio manifestación en defensa do galego. Parece que sobran os motivos...
Movámonos, pois!
PERFIL
Carlos Manuel Callón Torres (Castiñeiras, Ribeira, 1978)
Preside a Mesa pola Normalización Lingüística desde o 15 de xuño de 2002. Tamén é voceiro da plataforma Queremos Galego.
É profesor de lingua e literatura galegas desde 2004, e exerceu no IES Castroalobre de Vilagarcía e no IES de Bertamiráns. Ten o seu destino definitivo no CPI Afonso VII de Caldas de Reis.
Ademais de varios estudos literarios, no ámbito da lingua publicou En castellano no hay problema (2010) e Como defenderes os teus dereitos lingüísticos (2011), ambos en Xerais.
Nas redes sociais
-Facebook: www.facebook.com/carloscallon
-Twitter: @carloscallon
-Blog: www.carloscallon.com
9 de mar. de 2012
"Tanatomaquillaxe", artigo hoxe en El País
30 de jan. de 2012
Por se vos apetecer ler

Hoxe vou facer unha desas entradas xerais onde inclúo temas variados que me parecen de interese. Comezo cun recomendábel artigo de Xoán Carlos Garrido Couceiro sobre Castelao. Aconsélloo, primeiro, pola súa utilidade para o presente; segundo, porque como estou a terminar de escribir o libro sobre Valentín Paz-Andrade (cantor e biógrafo de Daniel), son temas sobre os que me estou a debruzar moito nos últimos meses e que terán novo protagonismo neste Día das Letras, e, terceiro, porque hoxe é o aniversario do nacemento do líder nacionalista.
Tamén vos recomendo a lectura dos outros textos que aquí inclúo: un caso de represión lingüística grave no Reino Unido, unha reflexión sobre os conceptos galeguismo / nacionalismo, unha clara análise da mudanza na secretaría xeral de Política Lingüísica e por último, dúas boas novas para o noso idioma.
- "Castelao: vida e teoría", Xoán Carlos Garrido Couceiro no Terra e Tempo.
- "Poder e oficio na SXPL", Cibrán no seu blogue Carta Xeométrica.
- Prohiben a un preso que poida falar en galés por teléfono coa súa familia, na BBC.
- "Encol do galeguismo", Xosé Ramón Ermida Meilán no Terra e Tempo.
- O novo libro de Paul Auster, en galego antes que en inglés, no blogue de Galaxia.
- "Galego: todo o que buscas. Bota a andar o Correlingua 2012", no web da Mesa
17 de nov. de 2011
Pola continuidade do SNL de Ames
Se non queres que feche o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames e llelo queres facer saber aos responsábeis da situación, podes copiar o texto a partir do seguinte parágrafo, colalo nun correo novo e envialo aos seguintes enderezos: gabinete@concellodeames.org, alfonso.rey@concellodeames.org, argibay@concellodeames.org, anxo.manuel.lorenzo.suarez@xunta.es; sxpl.secretaria@xunta.es; valentin@aestrada.com
Tamén podes copiar e pegar a mensaxe completa e enviarlla aos teus contactos, para que fagan o mesmo.
Velaquí a proposta de mensaxe:
Ante a proposta do alcalde de Ames de suprimir o Servizo de Normalización Lingüística do seu concello, quero expresar:
-O SNL do Concello de Ames vén desenvolvendo desde hai anos un labor fundamental no municipio, coa organización de importantes accións que van desde a acollida lingüística e integración da poboación inmigrante até o desenvolvemento de campañas de fomento do galego no comercio ou a hostalaría, a organización de cursos de lingua para o conxunto da poboación ou o desenvolvemento de múltiplas actividades dirixidas á poboación escolar, como obradoiros, concursos, etc., ademais de traballar pola calidade lingüística e comunicativa da institución. En definitiva, moitas e importantes accións para o imprescindíbel labor que unha administración pública debe facer para o fomento do uso e prestixio da lingua galega, labor en que o Concello de Ames veu sobranceando até agora, como demostra a concesión do Premio Lois Peña Novo, que recolleu o mesmo alcalde que agora propón o feche do SNL. Así, non é a única función deste SNL a formación lingüística do funcionariado, como sinala o Concello na súa argumentación.-É falso que o SNL dependa de subvencións, como indica o propio Concello, xa que é un servizo estrutural inserido no organigrama, cun posto de traballo que fai parte da relación de postos de traballo municipal e, desde hai anos, con partida orzamentaria para a execución de programas normalizadores, aínda que si é certo que en 2011 (e só neste ano) a Xunta de Galiza eliminou as subvencións para o desenvolvemento deses programas, o que tamén fai responsábel a Secretaría Xeral de Política Lingüística desta grave situación.
-Esta decisión de eliminación do SNL é totalmente incoherente coa recente constitución da Rede de Dinamización Lingüística por parte da Xunta de Galiza, Rede que, en teoría, ten a función de coordinar e impulsar o labor dos SNL e na cal o Concello de Ames está inserida. Así, que sentido ten, por un lado, inserirse nunha Rede para coordinar coa Xunta e con outros concellos o traballo do SNL e, por outro lado, eliminalo? E que sentido ten crear esa Rede é, ao mesmo tempo, eliminar as axudas para o mantemento dos SNL? Por esta razón, é necesario que desde Política Lingüística da Xunta de Galiza muden os criterios desa Rede e eviten que baixo ningún concepto nin o Concello de Ames nin ningún outro elimine o seu servizo de normalización lingüística, polo que debe intervir para solucionar esta situación.
-Por todo isto, é fundamental que o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames continúe a desenvolver o seu traballo como até agora e que o goberno desbote canto antes a proposta de eliminalo.
Porque quero que mude esta situación, envíovos este correo a:
-Alcalde de Ames, Santiago Amor: gabinete@concellodeames.org
-Concelleiro de Normalización Lingüística de Ames, Alfonso Rey: alfonso.rey@concellodeames.org
-Concelleiro de Persoal de Ames, Ramón G. Argibay: argibay@concellodeames.org
-Secretario xeral de Política Lingüística da Xunta, Anxo Lorenzo Suárez: anxo.manuel.lorenzo.suarez@xunta.es; sxpl.secretaria@xunta.es
-Coordinador da Rede de Dinamización Lingüística, Valentín García Gómez: valentin@aestrada.com
Cumprimentos cordiais.