Mostrando postagens com marcador Evo Morales. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador Evo Morales. Mostrar todas as postagens

22 de mar. de 2011

Outras visións do que acontece en Libia

Para alén das intoxicacións habituais, que converten masacres en actos humanitarios e bombardeos en democracia, hai moitos outros medios, artigos e informacións que nos permiten formarnos un criterio máis acertado do que está a acontecer:
Do pensamento á acción

O BNG convoca concentracións contra a guerra en Libia. Ergamos a nosa voz en defensa da paz!
  • Lugo: Praza de Armañá (diante da Subdelagación do Goberno), ás 20:30 horas.
  • Santiago: Praza de Cervantes, ás 20:30 horas.
  • Ourense: Subdelegación do Goberno de Ourense, ás 20:30 horas.
  • Foz: Praza do Concello, ás 20:30 horas.
  • Pontevedra: Praza da Peregrina, ás 20:30 horas.
  • A Coruña: no Obelisco, ás 20:30 horas
  • Vigo: diante do Museo Marco (Rúa do Príncipe), ás 19:30 horas.
  • Ferrol: Praza de Armas, ás 19 horas.

29 de abr. de 2010

Dúas boas noticias para os dereitos das e dos homosexuais

Para alén da polémica sobre as palabras de Evo Morales, nas que entrou moita xente con boa intención, levada pola deformación dos medios, estes días producíronse dúas moi boas noticias para os dereitos das e dos homosexuais no Estado español.

A primeira, que o Tribunal Supremo confirmase a inhabilitación por dez anos ao xuíz homófobo Fernando Ferrín Calamita. A xustiza considera probado que este maxistrado prevaricou ao atrasar de forma deliberada e maliciosa durante case dous anos a adopción dunha nena por un matrimonio lésbico; en concreto, que a filla biolóxica dunha das mulleres, concibida por inseminación artificial, fose filla adoptiva da outra. Que lle acontecería á pequena se durante este tempo lle pasase algo á nai biolóxica e a outra nai ficase sen dereitos por causa da homofobia deste xuíz? E que acontecerá cando dentro dunha década este señor volva pór a toga?

A outra boa noticia desta semana é esta publicidade da Caja Mediterráneo:

Oxalá se concrete a fusión, polo ben do noso desenvolvemento, e a caixa galega resultante faga algunha campaña publicitaria coma esta, polo ben tamén do noso desenvolvemento e da convivencia. Porque os homosexuais tamén existimos!

28 de abr. de 2010

Noticias e noticias

O goberno boliviano manifestou que as palabras de Evo Morales foron terxiversadas e confirmaron que el en ningún momento se referiu á homosexualidade como desviación. No entanto, algúns medios do Estado español continúan coa farsa asegurando que iso é unha desculpa. Pareceume interesante que o portavoz da Presidencia de Bolivia, Iván Canelas, vinculase ese recoñecemento da diversidade sexual cunha "profunda tradición indíxena".

Coa polémica, souben tamén que non só é que Evo Morales teña sido "acusado" de maricón por sectores que se opoñen á súa política transformadora, senón que tamén fixeron campaña contra a nova Constitución de Bolivia (do ano pasado) porque a proposta de Evo pasaba a "prohibir e sancionar" a discriminación por "orientación sexual". De feito, é das poucas constitucións do mundo que inclúen tal aspecto no seu articulado; a do Estado español, por certo, non o recolle.

A dupla vara de medir dos medios máis decisivos do mundo non é novidade, xa o sei. Mais cando esta mañá lin que expulsaron uns pallasos por iren de acción humanitaria a Palestina, despois de detelos e interrogalos sen as garantías procesuais debidas (sen acusación, incomunicados...), imaxinei que acontecería se iso mesmo que fai Israel o fixese Bolivia ou Cuba...

22 de abr. de 2010

Evo Morales e a homosexualidade

Unhas declaracións de Evo Morales contra os efectos na saúde humana dos alimentos transxénicos ou adulterados deu pé a unha serie de manipulacións bastante impresentábeis, tamén en medios considerados formalmente de esquerdas. Mesmo se puxeron titulares asegurando que o mandatario boliviano achacaba a causa da homosexualidade estaba en comer polo. Os medios máis homófobos, como Intereconomía (e prefiro non pór ligazón para non lle dar visitas) tamén se despacharon contra o presidente Morales.

Velaquí tedes o vídeo coas declaracións concretas:



Como vedes, aínda que esa emisora de televisión poña como texto sobreimpreso "Hay más gays porque comen pollo", o que escoitamos non é iso, senón: "El pollo que comemos está cargado de hormonas femeninas. Por eso, cuando los hombres comen esos pollos, tienen desviaciones en su ser como hombres."

De onde se tira que a "desviación" sexa a homosexualidade? Quen di que o "ser como homes" sexa a heterosexualidade? A homofobia está nas palabras de Morales ou en quen reinterpreta o seu discurso?

Agardo que alguén desde Bolivia poña orde nesta manipulación que pretende desprestixiar internacionalmente as profundas e xustas transformacións sociais que están a protagonizar nese país. Á espera diso, o que me parece máis claro na literalidade das súas palabras é que fala dalgunhas das causas fisiolóxicas que se lle atribúen á impotencia ou disfunción eréctil; aínda que tamén podería ser ao comentado aumento da esterilidade masculina pola má alimentación e a contaminación ambiental, de que falan os medios de comunicación cada certo tempo.

O que tamén me chama a antención é a alegría coa que os grupos e medios de comunicación máis combativamente homófobos tamén se unen ao carro de criticar a Evo Morales. Non é curioso que un presidente que foi e é "acusado" de homosexual sexa agora polos mesmos sectores acusado de homófobo?

4 de ago. de 2008

Evo Morales

Hai moitas razóns para admirar a Evo Morales e apoiar o proxecto político que el encabeza. A creación de tres universidades que ministrarán as súas aulas en aimara, quechua e guaraní, son máis unha.