30 de set de 2011

Para defendermos os nosos dereitos


Este serán presentarase en Pontedeume o libro Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, que nas próximas semanas tamén centrará cadanseus actos en Santiago de Compostela, Ponteceso e Lalín.

O de hoxe será ás 19.30 h. na Biblioteca Municipal de Pontedeume, organizado polo colectivo cultural Terra e pola Mesa da zona. Acompañarame no evento Miguel Rodríguez Carnota e, con certeza, todas as persoas que quixerdes e puiderdes.

O libro recibiu esta mesma semana a atención crítica de Manuel Rodríguez Alonso, no seu referencial blogue Bouvard e Pécuchet. Fico obrigado polas consideracións e polos parabéns, que dan moitos ánimos para continuar.

"Para defendermos os nosos dereitos", Manuel Rodríguez Alonso

Carlos Callón ofrécenos neste libro un manual que resulta imprescincible se queremos facer valer os nosos dereitos para usar o galego en todos os ámbitos da vida, desde o Ensino ou a Administración de Xustiza ata ás comunicacións coas empresas de telefonía ou cos empregados que nos atenden, por exemplo, nos grandes almacéns ou nos bancos. Libro que, nos tempos que corren de novas persecucións contra o galego, é máis ca oportuno.

Fronte a aqueles que parten de trangalladas como o bilingüismo harmónico, o bilingüismo cordial ou o bilingüismo restitutivo, Callón parte do feito de que o galego é incuestionable e legalmente a lingua propia de Galicia, polo que debe usarse prioritariamente en todos os eidos da actividade. O ensaísta explica como temos dereito a vivir en galego e para iso repasa con rigor os textos legais que nos amparan desde o propio Estatuto de Autonomía, a aínda vixente Lei de Normalización ou mesmo a Carta Europea de Linguas Rexionais ou Minoritarias.

Importante é a desfeita que realiza o ensaísta de tópicos sobre a suposta imposición do galego, que se fai desde medios como a fundación FAES do PP, Galicia Bilingüe ou mesmo medios galegos como Faro de Vigo ou La Voz de Galicia. Gústanos tamén de Callón que subliña o momento difícil que está a vivir o galego, ameazado pola perda de falantes iniciais (o que leva a algúns a pensar na posible morte do galego), mais onde é cada vez maior o número dos falantes concienciados, aqueles que queren galego en todos os ámbitos. A nota optimista para o galego é que cada vez son máis estes falantes concienciados.

Moi apropiados son os consellos que o autor nos ofrece ante casos concretos en que nos tentan impor o castelán como os que nos responden en castelán cando lles falamos en galego, por exemplo. Tamén para non meternos en leas con aqueles que nos din que usamos en galego por sermos do Bloque, nacionalistas ou aldeáns. Por certo, como ben sinala Callón, que hai de malo en ser nacionalista?

Gústanos o ánimo que lles dá aos novos falantes do galego, para os que propoño que se deixe de utilizar ese termo pexorativo de neofalantes e se empregue o de novos falantes. Aínda que usen un galego castelanizado ou pouco enxebre hai que apoialos. Isto non quere dicir que non lles teñamos que esixir un galego de calidade aos profesionais da palabra, como escritores, xornalistas ou mesmo profesores e políticos ou funcionarios.

Moi boas son as páxinas dedicadas ao dereito a usar o galego no Ensino e a forma de conseguilo para paliar os danos do cinicamente denominado Decreto de plurilingüismo. Deben lerse con atención as páxinas dedicadas ao ensino do portugués en Galicia. Moi conseguido está ese decálogo das páxinas 63-64, conxunto de dez consellos para usar o galego en todas as situacións e ámbitos.

En fin, o libro dános unha manchea de consellos para exercer o noso dereito a vivir en galego en todos os eidos da vida, desde a Administración de Xustiza ou o Ensino ata as nosas xestións nos bancos ou á compra nun hipermercado. Mesmo ofrece modelos de instancias para solicitar que se cumpra o noso dereito a usar o galego.

Xa que logo, libro imprescindible para todos os que queiran vivir en galego. Callón ademais é sumamente prudente e cortés con todos, malia que algúns digan que a Mesa e os seus voceiros, como Callón, son unha sorte de talibán e falen de imposicións e doutras parvadas. Eu completaría os consellos, tan prudentes de Callón, con outro un pouco máis arriscado. Todos aqueles que queremos a presenza do galego como lingua oficial en Galicia, debemos rexeitar, mesmo deixar de consumir, aqueles produtos que se opoñen ao galego, entre os que coloco La Voz de Galicia, Faro de Vigo, El Mundo, El País e tantos máis, que só teñen orellas para Galicia Bilingüe, FAES e non lles conceden nin unha liña a libros coma este (por exemplo, o progre El País faltoulle tempo para publicar o manifesto pola lingua común de Savater e compaña, pero nas páxinas de Galicia nunca alude a libros coma este, aínda que si lle concede espazo xeneroso ao bilingüismo restitutivo. Por certo, na crítica desta pasada semana sobre novidades editoriais do diario madrileño da progresía hispana, D. Vilavedra nin sequera alude a este libro de Callón, unha das grandes novidades destes días).

En fin, parabéns para Callón e tamén para a Mesa polo moito que fan a prol da normalización do galego, aínda que non lles guste aos voceiros da prensa editada en Galicia ou ao órgano oficial da progresía hispana, El País.

29 de set de 2011

Canonizacións e descanonizacións


Hoxe ás 16.30 h participo no paraninfo da Universidade da Coruña no congreso sobre Álvaro Cunqueiro que organiza o Consello da Cultura Galega.

O título da miña comunicación é "Por que o Consello da Cultura Galega dedica un congreso ao centenario de Álvaro Cunqueiro e non ao de Ricardo Carvalho Calero e outras reflexións sobre as canonizacións".

Entre esas reflexións, recordarei que o ano pasado foi o 125 aniversario da morte de Rosalía de Castro e que en 2011 estamos no 125 aniversario do nacemento de Daniel Castelao. Ambas as efemérides pasaron desapercibidas para as nosas institucións culturais.

28 de set de 2011

Reportaxe sobre Amigos e sodomitas no xornal Certo


Certo, un medio dixital en galego que se define como Xornal Virtual do Barbanza, chegou até A Mariña luguesa para cubrir a presentación en Foz do libro Amigos e sodomitas.

Podedes consultar aquí a ampla reportaxe, de onde tiro a imaxe que ilustra esta entrada e os vídeos seguintes:









Non podo máis que agradecerlle a este medio, impulsado desde o voluntarismo, a súa xenerosa receptividade.

27 de set de 2011

Reseña de Amigos e sodomitas no portal do Consello da Cultura

"Libro de amar e maldizer" é como titula Xurxo M. Ayán a súa recensión de Amigos e sodomitas, publicada esta semana no portal do Consello da Cultura Galega. Obrigado!

"Libro de amar e maldizer", Xurxo M. Ayán

A penúltima entrega editorial do comprometido e prolífico filólogo Carlos Callón sae do prelo coma unha obra de investigación galardoada co XVI Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais 2011. Todo un novo exemplo dunha tendencia constatada no eido do ensaio galego nos últimos anos: obras rachadoras coma esta non adoitan proceder do mundo académico e universitario senón do ceibe e anónimo mundo dos certames ou das editoriais que dan voz a autores á marxe dos paradigmas científicos oficiais.

Un libro revolucionario

Desta volta, Carlos Callón leva a cabo unha pescuda que deixa en evidencia as inercias seculares do medievalismo como práctica investigadora tradicional. Basta con lembrar a polémica do Dicionario da Real Academia da Historia ou as reaccións de senlleiros investigadores co gallo do roubo do Códice Calixtino para decatarse da liña predominante nos estudos medievais a nivel do Estado: rendas, nobres, fundacións de mosteiros e coleccións diplomáticas seguen focalizando o discurso historiográfico deixando á beira aquela renovación que ampliou as miras coa Historia das mentalidades e a Historia cultural. Asemade, cómpre recordar que mentres no eido da Historia Antiga os estudantes da licenciatura de Historia na facultade compostelá recibían xa nos comezos da década de 1990 unha boa formación no tocante aos temas da sexualidade, o xénero e maila homosexualidade no mundo clásico, nada disto acontecía nas asignaturas centradas no período medieval.

Dentro deste contexto atopámonos diante dunha obra verdadeiramente revolucionaria dentro do sistema cultural galego, xa que aborda directamente un tabú que segue a eivar o tratamento historiográfico que se fai incluso de esgrevios persoeiros da cultura galega. Os corenta anos de nacionalcatolicismo e mailo tradicionalismo conservador de grande parte do galeguismo cultural explican en parte esta triste realidade. Neste senso, o autor desmárcase dos prexuízos anacrónicos e enceta unha aproximación valente e innovadora á configuración da homosexualidade na Idade Media, e faino botando man da súa excelente formación filolóxica e da súa curiosidade intelectual, cunha edición crítica dun monllo de textos tirados dos cancioneiros, da Crónica Troiana e das áridas compilacións documentais de tumbos eclesiásticos. O mero feito de que estes piares fundamentais do legado medieval galego (encarcerados até o de agora no mundo académico e erudito) teñan chegado á sociedade en xeral e aos medios de comunicación grazas a Carlos Callón, xa é razón abonda para mercar e ler este libro. Neste senso, a descuberta polo autor desa unión institucionalizada entre dous homes en Rairiz de Veiga no século XI entre a documentación do mosteiro de Celanova (capítulo 14) conlevou un impacto mediático e unha posterior polémica que pasará aos anais da propia historia cultural galega do século XXI.

Unha obra rigorosa e suxerinte

Pero ademais, o autor agasalla ao leitor cun texto áxil e postmoderno, artellado a partir de pequenos capítulos centrados na análise dun texto medieval concreto. A pericia de Carlos Callón fornece a chave para garantir a transversalidade entre as diferentes pezas, sen perder de vista a argumentación lóxica que alicerza e vertebra a tese defendida polo autor: a condea da homosexualidade é unha estratexia de construción da realidade social que se reflicte no marco político e xurídico dende a época plenomedieval. Pero este prexuízo homófobo tamén se rexistra no propio tratamento historiográfico das fontes literarias. Así pois, ao longo do libro amósase ben ás claras a man dunha censura que levou a terxiversar en edicións contemporáneas o verdadeiro sentido dalgunhas composicións obscenas, irreverentes e heterodoxas: A censura, nas súas diferentes vertentes, é un trazo esencial do funcionamento social da homosexualidade páx. 72). Desta volta, Carlos Callón reinterpreta de xeito crítico e suxerinte parte da obra de xograres esgrevios como Pero da Ponte e contribúe a comprendermos mellor o verdadeiro contexto do que xorden as cantigas de maldizer. Malia formaren parte do xénero chave da lírica medieval galaicoportuguesa, semella que tradicionalmente as cantigas de amor gozaron de meirande éxito entre a crítica, dando lugar a visións idealizadas como se puido comprobar en 1998 co gallo da dedicatoria do Día das Letras Galegas aos tres poetas do mar de Vigo. Neste senso, Amigos e sodomitas é auténtica investigación de rescate, máis tamén un libro que se achega á realidade social do presente, grazas tamén ao perfil comunicador e divulgador dun autor que se atopa preto da rúa, dos leitores, como se puido comprobar na presentación peripapética da obra, cun percorrido comentado polas rúas compostelás, un terreo fronteirizo, coma o amor, onde transitaron amigos e sodomitas na Idade Media.

Se che quito a carteira, serei máis rico



Tranquiliño e requetepeiteado, este axente bursátil colocouse como portavoz dos mercados.

Nesta entrevista di sen eufemismos cousas como que "quen goberna o mundo é Goldamn Sachs" ou "á maioría dos especuladores non nos preocupa como arranxar a situación; o noso traballo é gañar diñeiro con isto". Ou, talvez o máis cru: "Teño de confesar que vou á cama cada noite soñando cunha nova recesión."

25 de set de 2011

Con voz de noso

Reproduzo este texto da páxina da iniciativa Sermos Galiza, que cómpre apoiarmos todas as persoas que sabemos que Galiza pode ser outra cousa, que o mundo pode ser outra cousa:

Sermos Galiza, iniciativa que convoca a sociedade máis concienciada na procura dos apoios precisos para o lanzamento dun semanario en papel e dun diario dixital en galego que teñan a Galiza como centro de atención informativa, continúa a explicar o proxecto. Após o suceso da presentación na Coruña, as próximas citas están xa marcadas:
    • VIGO – Quinta feira, 29 de setembro, ás 8 da tarde na Casa Galega da Cultura (Praza da princesa nº 2), organizada pola Asociación Cultural O Castro.
    • SANTIAGO DE COMPOSTELA – Terza feira, 4 de outubro, ás 8 da tarde no auditorio de Nova Caixa Galicia (Praza de Cervantes), organizada pola Asociación Cultural O Galo.
Queremos agradecer publicamente a inestimábel colaboración das asociacións culturais O Castro e O Galo para a difusión do proxecto.

A convocatoria da presentación en Vigo, feita por O Castro vai acompañada do texto que reproducimos a seguir.

Afirma un proverbio suahili, que agora facemos galego, que quen sabe falar nunca é pobre. Hoxe somos, como pobo, un pouco máis pobres que onte. Nestes últimos tempos nós fomos quedando case sen fala, de vagar, case que por descoido, como quen queda de portas para fóra por deixar o chaveiro dentro da casa. A nosa voz esvause no vento como minguaba a imaxe daquel científico tolo que experimentaba con beberaxes na procura da invisibilidade.

Non nos referimos con esta imaxe ao estado da saúde de cadaquén, senón á desaparición de medios de comunicación galegos. Foise a histórica cabeceira A Nosa Terra, recluída nas hemerotecas como Merlín en Brocellanda, xunto con Galicia Hoxe e finalmente a edición impresa do Xornal de Galicia. Xa se anunciou tamén o peche da súa edición dixital para finais de ano. Debemos lembrar que con anterioridade xa desapareceran Vieiros e A Peneira entre outros. Dun tempo para esta parte desapareceron case todos os medios de comunicación en galego.

Alguén podería pensar que esta afonía social se debe a un mal aire, como se fose unha gripe de outono. Tamén podería pensar, no mesmo sentido naturista, que o seu carácter é pasaxeiro e que logo dun tempo prudencial as nosas voces volverán a se escoitar, se cadra con maior vigor. Falso. Non ten nada de natural que este andazo de afonías afecte só a medios en galego. Do mesmo xeito, tampouco é natural que unha gripe afecte unicamente ás persoas que levan o pelo curto, por poñer un exemplo de arbitrariedade.

A verdade é que non podemos falar porque nos estrangulan, porque queren afogar a nosa voz debido a que as nosas palabras molestan. As rudas e as feas anoxan, as cultas e elegantes incomodan, as túzaras e as máis intelixentes estorban, as maliciosas e as ben intencionadas chinchan por igual, as críticas proen como a rabia. Mesmo as palabras máis simples e inocentes provocan incomodo. Causan unha aguda e impertinente irritación nos oídos de quen nos odia.

Estamos nunha disxuntiva. Podemos non facer nada, ou laiarnos como moito e, xogando con aquela idea, se as persoas de ben non fan nada, daquela o mal triunfará. Deste xeito ficaremos sen voz, mudas e mudos todos, para sempre. A segunda posibilidade, en troca, consiste en loitar e ceibarse do xugo que nos afoga.

No segundo caso, o camiño que debemos tomar é construírmos o noso espazo comunicativo propio, do mesmo xeito que, nas épocas de seca sen chuvias, se cava un pozo para poder ter de onde sacar auga. Chamamos pois a coller a pa e a luxar as mans co traballo. Unha xigantesca tarefa vólvese pequena se traballamos todos e todas. Somos conscientes das posibilidades que abre o proxecto que nos dispoñemos presentar. Saudamos, pois, a Iniciativa social por un medio de comunicación «Sermos Galiza».

23 de set de 2011

Aínda a intolerancia

Hoxe ás 20.30 h presentarase na Casa da Cultura de Foz o libro Amigos e sodomitas. Como xa sabedes as persoas que pasades por este blogue de cando en vez, é un traballo que fala sobre como se deu o paso da tolerancia á intolerancia contra os afectos e prácticas homosexuais.

É un traballo que fala, pois, do pasado, mais tamén de como aínda no presente estamos a pagar a hipoteca dese odio.

Como é posíbel, se non, que haxa figuras públicas das chamadas "respectábeis" que consideren o matrimonio entre dous homes ou entre dúas mulleres como o fin da civilización?

Como pode ser que a relixión fundada nunha mensaxe de amor do mesías Xesús Cristo acabase en pleno século XXI saíndo á rúa varias veces para se manifestar contra a igualdade de dereitos para as relacións homosexuais, cando en ningún momento o deus encarnado transmitiu tal condena?

Hoxe falaremos dos inicios deste odio na Baixa Idade Media. Mais se hai a quen lle proe cando falamos do pasado é por algo.

22 de set de 2011

Y el gallego, que se muera de una vez

Orzamentos dedicados desde a Xunta á promoción do galego nos concellos no último ano dos gobernos Fraga, no último do bipartito e nos dous de Alberto Núñez Feijóo:



Collido aquí.

Máis claro, auga.

21 de set de 2011

A execución das cantigas

Esta semana vou falar por partida dupla sobre a nosa literatura medieval. Primeiro tratarei en xeral sobre as cuestións da execución do noso trobadorismo nun congreso que se realiza en Madrid. Comentarei aí a diferenza existente entre o moito que presupomos sobre a súa representación e o pouco que en realidade sabemos sobre iso. Ás veces hai que desandar o camiño para poder explorar novas vías de coñecemento.

Ademais, na sexta, día 23, estarei coas compañeiros e cos compañeiros da asociación A Pomba do Arco de Foz para presentar aló o libro Amigos e sodomitas. A configuración da homosexualidade na Idade Media. Será ás 20.30 h na Casa da Cultura. Neste acto contarei cun padriño moi especial: o historiador Xosé Ramón Fernández Pacios.

Convidadas e convidados ficades!

20 de set de 2011

Presentacións de Como defenderes os teus dereitos lingüísticos en Compostela, Ponteceso e Lalín


Santiago de Compostela
5 de outubro
20.30 h
Restaurante O Dezaseis (rúa de San Pedro, 16, Santiago de Compostela)

Participarán:
  • Francisco Rodríguez, sociolingüista.
  • Ramón Mariño Paz, profesor da USC.
  • Noelia Fernández Sánchez, responsábel da Mesa en Compostela.
  • Manuel Bragado, director de Edicións Xerais.
  • Carlos Callón, autor.
Organizan: O Dezaseis e A Mesa pola Normalización Lingüística.

Para veres ou para te anotares ao evento no facebook, clica aquí.


Ponteceso
7 de outubro
20 h
Libraría A Tenda dos Libros
Avda. de Anllóns, 2 – baixo, A Trabe, Ponteceso
Participarán:
  • Silvana Castro, profesora.
  • Pepe Alborés, pola libraría A Tenda dos Libros.
  • Carlos Callón, autor.
Organiza: Libraría A Tenda dos Libros.

Para veres ou para te anotares ao evento no facebook, clica aquí.


Lalín
21 de outubro
20.30 h
Museo Ramón Aller
(Rúa Ramón Aller, 9, Lalín)
Participarán:
  • Luís Couto, responsábel da Mesa no Deza
  • Carlos Callón, autor
Organiza: A Mesa pola Normalización Lingüística do Deza.

Para veres ou para te anotares ao evento no facebook, clica aquí.

19 de set de 2011

Os que falamos galego somos xente?


En Turgalicia continúan coa súa cruzada negando a posibilidade de que poidamos recibir información en galego a través das redes sociais. A súa última resposta é ben pavera: din que non usan o idioma de Galiza porque non llelo permiten nin o facebook nin o twitter. Neste último caso, as queixas conseguiron que a maioría da información que presentan si estea bilingüe. A que non chega a estar bilingüe está só en español.

No facebook, Turgalicia opta por manter a total e plena exclusión do noso idioma. Como a xustificación é que non o usan porque o facebook non o permite (?!), Antía Otero preguntábase no propio facebook se estamos a escribir en élfico. O Iago, pola súa vez, láiase tamén nesta rede social de que a el lle responderon que non o usan para así poderen chegar a máis xente.

As persoas que falamos en galego somos xente?

Será que as e os que falamos galego somos elfos?

18 de set de 2011

17 de set de 2011

Presentación en Compostela de Como defenderes os teus dereitos lingüísticos


Co comezo do novo curso académico, Como defenderes os teus dereitos lingüísticos será escusa para outro debate en Santiago de Compostela sobre o que podemos facer para darlle máis vida e máis forza ao noso idioma.

O acto será o 5 de outubro ás 20.30 h no restaurante O Dezaseis de Santiago, na rúa de San Pedro, 16. Acompañaranme no evento Francisco Rodríguez, Ramón Mariño Paz, Noelia Fernández Sánchez, Manuel Bragado e, en fin, todas e todos os que quixerdes e puiderdes.

Continuamos!

15 de set de 2011

Liberdade para Rafah Nached


A psicanalista siria Rafah Nached foi detida sen cargos o pasado 10 de setembro. Desde ese momento, encóntrase en paradoiro descoñecido. As autoridades néganse a ofrecer información sobre a súa situación, mesmo a nivel médico (precisa de menciñas para o corazón).

Apoiemos o movemento internacional para a súa liberación enviando un correo-e a: rafah.navarin@gmail.com

Presentación en Foz do libro Amigos e sodomitas

A sexta feira (venres) 23 de setembro, ás 20.30 h, presentarase na Casa da Cultura de Foz o libro Amigos e sodomitas.

O acto organízao a asociación cultural A Pomba do Arco, presidida polo historiador Xosé Ramón Fernández Pacios.

Se quixerdes e puiderdes, vémonos por alí.

[A imaxe pertence á igrexa de Saint Nicolás, en Vendée Maillezais (Deux-Sèvres) .]

14 de set de 2011

Prontuario de dereitos lingüísticos

Armando Requeixo publica na súa páxina, Criticalia, unha reseña de Como defenderes os teus dereitos lingüísticos. Moi obrigado pola atención!

Outra boa noticia para a divulgación deste volume deuma onte Marcus no seu twitter: que este libro está dispoñíbel tamén en Amazon.es. De calquera xeito, non esquezades que as librarías de toda a vida continúan a existir (a maioría, con dificultades) e son o sustento fundamental da distribución da nosa literatura e, con ela, do que se chama a bibliodiversidade.

13 de set de 2011

Gloria Lago si, Fernández Paz non


O telexornal do mediodía daba conta dunha conferencia de imprensa de Galicia Bilingüe e doutras entidades que están contra a diversidade cultural e lingüística no Estado español. Presentaban as súas falacias habituais: que defenden a "liberdade" contra a "imposición" e todas esas mentiras que escoitamos tantas veces. Que tal e como está o noso idioma continúen igual non só é cansativo, senón tamén algo repulsivo. Tan incómodo lles resulta que, a pesar de todo, aínda existamos?

Mais non quero chamar a atención sobre as súas proclamas de odio vestidas de veludo, senón ao papel megafónico das mesmas que teñen os medios públicos autonómicos (autoanémicos, máis que nunca). Cada vez que hai un pronunciamento ou unha conferencia de imprensa desta entidade contra o galego teñen espazo si ou si na Radio Galega ou na TVG. Non gozan de tal fortuna as institucións ou asociacións que traballan na defensa do noso idioma e da nosa cultura, como por exemplo A Mesa ou Queremos Galego.

Tampouco teñen ese espazo, que lles correspondería, creadores que apostan por esta lingua, por esta literatura, por esta cultura. Como é posíbel que, por exemplo, os telexornais non desen a noticia de que Agustín Fernández Paz foi recoñecido co Premio Iberoamericano SM de Literatura Infantil e Xuvenil? Sería por falta de espazo?

Non hai noite tan longa, non

Para os que din que a cultura galega limita.

Para os que din que a nosa lingua é unha barreira para o futuro.

Para os que pensan que o de fóra é mellor, porque para algo é de fóra.

Para os que pensan que apostar polo noso é apostar polo fracaso seguro.

Agustín Fernández Paz, escritor monolingüe neste noso idioma, acaba de ser recoñecido co Premio Iberoamericano SM de Literatura Infantil e Xuvenil.

Parabéns! Grazas!

12 de set de 2011

Xustificando a censura

Xa comentei no seu día o lamentábel episodio coa Delegación da Xunta en Madrid, a Casa de Galiza, que se negou a conceder a súa sala para poder presentar alí o libro En castellano no hay problema. Dixéronme literalmente que non darían a licenza até que o delegado da Xunta lese o libro.

Tras catro meses de burla e censura, tiven que procurar outro lugar onde poder desenvolver o acto. Para culminar a bufonada, a Casa de Galiza comunicaba, o día anterior ao acto xa programado en Madrid (como eles ben sabían, mesmo por min), que poderían concederme a sala para finais do mes de xullo.

O BNG presentou unha pregunta no Parlamento galego para saber como puido producirse este acto de censura nunhas dependencias públicas. A resposta, coa desvergoña característica do goberno de Alberto Núñez Feijóo, é a seguinte:

Como xa expliquei no seu día, mesmo tiñan o libro no seu poder desde había meses. E, así, co libro na man, puideron comprobar cal era o título, a editora, etc. Imaxinade que non o tivesen! Como poderían saber se non cal é o autor, o título e a editora? Non é censura, claro que non. É "información", só que no sentido franquista do termo.

Se o que querían era ler o título do libro no propio libro e xa tiñan o libro, por que tardaron catro meses en conseguir ter unha data dispoñíbel?

De verdade non tivo nada a ver con esta situación que neste libro se criticase -lexitimamente!- a política lingüística, educativa e cultural aplicada contra o galego por parte de Alberto Núñez Feijóo? De verdade?

Este tipo de argumentacións non recorda demasiado a outros tempos?

10 de set de 2011

Dicir que non





Decir que no


Ya lo sabemos

es difícil
decir que no
decir no quiero

ver que el dinero forma un cerco
alrededor de tu esperanza
sentir que otros
los peores
entran a saco por tu sueño

ya lo sabemos
es difícil
decir que no
decir no quiero

no obstante
cómo desalienta
verte bajar tu esperanza
saberte lejos de ti mismo

oírte
primero despacito
decir que sí
decir sí quiero
comunicarlo luego al mundo
con un orgullo enajenado

y ver que un día
pobre diablo
ya para siempre pordiosero
poquito a poco
abres la mano

y nunca más
puedes cerrarla.

9 de set de 2011

Anxo Lorenzo e a mascarada


Anxo Lorenzo, o nefasto secretario xeral de Política Lingüística de Alberto Núñez Feijóo, anda empeñado no twitter en explicar que é culpa de Zapatero que a Xunta decidise desconvocar as ordes de apoio á edición de materiais didácticos en galego e de promoción da nosa lingua na administración municipal.

A pesar do esforzo tuiteiro-propagandístico de última hora, ao señor Lorenzo mesmo lle faltaron as mínimas formas, pois por exemplo os editores, que teñen xa os libros fóra do prelo, souberon a través do DOG de hoxe que ficarían sen as axudas comprometidas hai medio ano. Máis tarde, unha vez que algúns medios se fixeron eco desta decisión tan agresiva, os de Núñez Feijóo retrucaron que non quitarán tales axudas na súa totalidade, senón que as reconvocarán dentro dunhas semanas, de forma que cobrarán moito máis tarde e moito menos. Sobre o xa gastado que non cubrirán aínda non dixeron nadiña. Sobre se as haberá outros anos, tampouco.

Mais non me quero pór apocalíptico (tal e como nos insultou Anxo Lorenzo aos que defendemos o noso idioma, por certo o mesmo día que conseguiu que fechase Galicia Hoxe). Tamén hai dúas boas noticias para festexarmos como parvos:

1. O alcalde de Santiago de Compostela, que se nega a usar o galego na súa condición de alcalde, a pesar de saber falalo, decidiu onte unirse á Rede de Normalización Lingüística da Xunta.

2. O mesmo goberno da Xunta que comezou a non usar o galego na publicidade institucional anuncia que vai promocionar o galego na publicidade institucional.

O esperpento continúa!

Existimos! Defendámonos!



Xa hai tempo que puxera este vídeo no blogue, para denunciar desde o humor unha situación que tamén padecemos na nosa comunidade lingüística.

A este tipo de problemáticas dedico boa parte do libro Como defenderes os teus dereitos lingüísticos. Nel achego unha serie de pautas para dar unha saída cómoda e favorábel a estes momentos desagradábeis.

Moitas grazas a todas as persoas que me achegades mensaxes indicando como vos deron resultado en concreto estas ideas. Dades unha forza e unha esperanza tremenda!

Iso si: non esquezades que as críticas (sobre todo, con afecto) e as suxestións tamén son ben recibidas.

Obrigado tamén ás profesoras e aos profesores de lingua e literatura galega que o estades a considerar un libro aproveitábel para o curso que agora vai comezar. Se quixerdes, non deixedes de comentarme, no seu momento, que tal vos foi con el.

Axiña continuarei coa xira de presentacións desta obra polas diferentes comarcas, tras os actos en Compostela, A Coruña e Carballo. Penso que pode ser un libro útil para revitalizarmos o noso idioma, así que farei os quilómetros que fixeren falta para divulgalo.

Continuamos, porque existimos!

Hai outros camiños

7 de set de 2011

A Mesa pregunta ao PP por que só vale o dereito de escoller lingua no ensino se escolles o castelán

Achego o comunicado enviado hoxe mesmo pola Mesa pola Normalización Lingüística. Ao ensino, recordemos, non se vai a escoller idioma, senón a formarse; tamén no idioma propio. Sen coñecemento e igualdade non hai liberdade.

A Mesa pregunta ao PP 'por que só vale o dereito de escoller lingua no ensino se se escolle o castelán'

A entidade recorda que no curso pasado o 40% das familias das cidades galegas con crianzas en educación infantil solicitaron ensino en galego, mais este só se impartiu nun 10% das aulas

Carlos Callón: “Para o PP, tres familias concretas de Cataluña valen máis que ese 30% de familias galegas que non tiveron garantido o ensino en galego”

A media de presenza do galego no último curso escolar rondou o 20% do horario, a máis baixa de todos os idiomas no Estado

Ao fío do debate suscitado polo último ditame do Tribunal Superior de Justícia de Catalunya sobre o ensino en catalán no Principat, A Mesa pola Normalización Lingüística subliña que “comparar ambas realidades é como comparar a noite co día”. O presidente da entidade, Carlos Callón, pon como exemplo ilustrativo que “a media de presenza de galego no último curso escolar, 2010/11, en todas as etapas non universitarias, rondou o 20% do horario. Até o momento, en ningún outro lugar do Estado con lingua propia oficial se dá unha situación de tal precariedade”.

Callón cualifica ademais o PP de “extremadamente cínico” pola súa “defensa farisaica do dereito a escoller lingua”, pois “é un dereito que só amparan se a lingua pola que optas é o castelán”. A Mesa pon como mellor exemplo que no curso pasado o 40% das familias das cidades galegas con crianzas en educación infantil solicitaron ensino en galego, mais este só se impartiu nun 10% das aulas. “Abofé que o ensino á carta non é pedagóxico, porén o tope do cinismo dáse cando só o defenden se a escolla é o español”, salienta.

“A todo isto habería que sumar a eliminación da rede de escolas infantís para menores de 3 anos que garantían o uso do galego –as Galescolas–, a prohibición da docencia en galego nas materias científico-técnicas e, ademais, o notorio incumprimento dos teóricos mínimos de uso do noso idioma”, sinalan desde A Mesa. Matizan ademais que “a situación máis grave de precariedade da lingua propia se dá en educación infantil, nos conservatorios –onde é estraño que se chegue ao 1% de uso do galego– e nos ciclos formativos”.

Para Callón, “esta exclusión do galego é unha irregularidade e unha vergoña democrática de primeiro nivel, mais o PP non só non se preocupa de solucionala, senón que é o causante da situación”. “Para o partido que goberna a Xunta de Galiza, as tres familias concretas que pediron non ter ensino en catalán valen máis que ese 40% das familias galegas que solicitaron na matrícula ensino en galego o pasado curso escolar”.

Carlos Callón conclúe que “fronte á crispación e á segregación, A Mesa defende un modelo educativo que garanta competencias lingüísticas, que conte cun apoio social sólido e que teña o galego como centro de gravitación; nestes momentos, o modelo educativo de Alberto Núñez Feijóo non cumpre con ningunha desas tres cuestións básicas”.

6 de set de 2011

Que está a acontecer en Catalunya?


Os ventos de involución lingüística non só queren destruír o sementado nestes anos en Galiza, Balears ou València. Tamén chegan, aínda que con menos capacidade de aniquilación, ao mesmo corazón do proceso de recuperación do catalán no Principat: a escola.

Desde RadioVoz convidáronme para participar mañá ás 9.30 h nun debate sobre o que está a acontecer coas traídas e levadas sentenzas contra o catalán no ensino. Algunhas das cuestións que tentarei abordar son as seguintes:
Que significan en realidade estes ditames xudiciais e como debemos contextualizalos?

Por que o PP defende o "dereito a escoller lingua" só se escolles castelán?

Como pode falar do "dereito de escolla" o mesmo partido que en Galiza nega a posibilidade de optar polo ensino en galego, que elimina a rede de escolas infantís neste idioma e que prohibe o seu uso nas materias científico-técnicas?

Que di o Consello de Europa sobre todo isto, en Catalunya e en Galiza?

Como afecta a Galiza este debate?
En fin, que continuamos!

5 de set de 2011

A homosexualidade en primeira persoa na lírica medieval


Estou camiño de Murcia, onde se vai desenvolver esta semana o XIV Congreso da Asociación Hispánica de Literatura Medieval, no cal participarán investigadoras e investigadores procedentes de diferentes lugares.

O meu contributo ao evento inscríbese nunha das liñas de traballo que sigo no libro Amigos e sodomitas: a de analizar as cantigas da nosa lírica profana medieval en que se describen desde a primeira persoa afectos ou prácticas homosexuais.

Para min será unha honra compartir esa mesa do Congreso con dous reputados medievalistas galegos como son Elvira Fidalgo e José António Souto Cabo, que abordarán outros aspectos da literatura galego-portuguesa baixomedieval.

4 de set de 2011

Vídeo da homenaxe a Mariano Vidal

A Fundación Bautista Álvarez pendurou na rede un vídeo onde se sintetizan os actos de homenaxe a Mariano Vidal en 2006, cando foi o primeiro cabodano da súa morte.

Camaradiña, continuamos co teu exemplo ben presente!

Homenaxe a Mariano Vidal from Terra e Tempo Tv on Vimeo.


3 de set de 2011

Como escribe os artigos Santiago Jaureguizar


A entrada de Santiago Jaureguizar no seu blogue o pasado 29 de agosto, ademais de moi interesante, penso que tamén é moi útil para as aulas.

Recoméndovos vivamente estes trece (máis dous) consellos con que nos agasalla un dos nosos escritores máis populares, aínda que non sexa para seguilos sempre, senón para os termos en conta.

2 de set de 2011

O único clip en que Lady Gaga non cambia de vestido

Pode parecer unha progresión estraña a de pór unha entrada con Uxía, outra con Mercedes Peón e outra con Lady Gaga. Cousas da vida!

Canto me enerxizou esta mañá "The Edge of Glory"!


1 de set de 2011

Ingrávida

Velaquí o clip da canción "Ingrávida" de Mercedes Peón. Precioso, verdade?