Mostrando postagens com marcador José Luis Rodríguez Zapatero. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador José Luis Rodríguez Zapatero. Mostrar todas as postagens

9 de set. de 2011

Anxo Lorenzo e a mascarada


Anxo Lorenzo, o nefasto secretario xeral de Política Lingüística de Alberto Núñez Feijóo, anda empeñado no twitter en explicar que é culpa de Zapatero que a Xunta decidise desconvocar as ordes de apoio á edición de materiais didácticos en galego e de promoción da nosa lingua na administración municipal.

A pesar do esforzo tuiteiro-propagandístico de última hora, ao señor Lorenzo mesmo lle faltaron as mínimas formas, pois por exemplo os editores, que teñen xa os libros fóra do prelo, souberon a través do DOG de hoxe que ficarían sen as axudas comprometidas hai medio ano. Máis tarde, unha vez que algúns medios se fixeron eco desta decisión tan agresiva, os de Núñez Feijóo retrucaron que non quitarán tales axudas na súa totalidade, senón que as reconvocarán dentro dunhas semanas, de forma que cobrarán moito máis tarde e moito menos. Sobre o xa gastado que non cubrirán aínda non dixeron nadiña. Sobre se as haberá outros anos, tampouco.

Mais non me quero pór apocalíptico (tal e como nos insultou Anxo Lorenzo aos que defendemos o noso idioma, por certo o mesmo día que conseguiu que fechase Galicia Hoxe). Tamén hai dúas boas noticias para festexarmos como parvos:

1. O alcalde de Santiago de Compostela, que se nega a usar o galego na súa condición de alcalde, a pesar de saber falalo, decidiu onte unirse á Rede de Normalización Lingüística da Xunta.

2. O mesmo goberno da Xunta que comezou a non usar o galego na publicidade institucional anuncia que vai promocionar o galego na publicidade institucional.

O esperpento continúa!

24 de mar. de 2011

Pola paz


Collo estas tres elocuentes fotografías do blogue de Rubén Cela, que inclúe tamén na súa páxina outras instantáneas que amosan á perfección a hipocrisía dos pacificadores a bombazos.

Lembrade que hoxe hai concentracións convocadas nas sete cidades, Foz e Vilagarcía. Movámonos contra a guerra, contra o imperialismo.

5 de dez. de 2010

Cansos

Hai un pouquiño que chegamos a Barcelona. Tras o caos aéreo, non nos quedou outra que tirar de carro e cruzar a Península a través das paisaxes nevadas. Cansos estamos, si, mais temos ben claro que a responsabilidade principal desta situación non é dos controladores aéreos, senón do Goberno español.

Entre as filtracións de wikileaks, as novas privatizacións e as manipulacións e prepotencias destes días contra os controladores, está máis claro que nunca que todo o que tiña Zapatero de rexeneración xa quedou hai tempo esquecido. A actual política de dereitas que leva a cabo o PSOE parece só un prólogo para deixarlle o camiño máis fácil ao PP. Unha mágoa.

12 de jan. de 2009

Diversas olladas sobre a actualidade

Recoméndovos este artigo de Elvira Souto en Xornal de Galicia, con diferentes olladas sobre a actualidade coas que son totalmente coincidente (excepto, permitídeme a brincadeira, coa referencia á OCU):

Escándalos

Com a mesma regularidade com que em Janeiro chegam as rebaixas, as denúncias de escándalos irrompem na vida política assim que se avista umha batalha eleitoral. Umhas vezes com razom e outras sem ela.

Di a OCU que os saldos ocultam fraudes e aconselha-nos nom comprar irreflexivamente e denunciar qualquer irregularidade. Na vida política as cousas som mais complicadas porque ninguém dá conselhos de balde e nom hai oficina onde reclamar. Separar o que é verdade do que é engano, relativizar a importáncia dos erros e dos acertos, é responsabilidade própria e nom toda a gente dispom de tempo e vagar para o fazer. O que dá vantagem a quem tem poucos escrúpulos e muitos meios para misturar o trigo com a erva cativa, a rebaixa com a fraude.

Que o Sr. Pérez Touriño seja incapaz de anunciar em directo a assinatura da convocatória das eleiçons de Março e busque refúgio num discurso gravado, é ridículo, umha peninha, mas nom é um escándalo. O escándalo é que ainda nom se debatesse e aprovasse a lei que permita acabar com a fraude desta TVG posta ao serviço do presidente da Junta.

Que a Sra. Villarino teime em ir à catedral de Compostela pedir ao santo soluçom aos nossos problemas é também umha peninha. Que o faga no nosso nome é um escándalo.

Que um governo aprove as bases de um concurso, aplique o baremo aprovado e admita a trámite as solicitudes que, no entender da comissom avaliadora, reúnem as melhores condiçons , nom é um escándalo. É um procedimento normal. Um escándalo é que dous funcionários declarem que se negam a fazer o seu trabalho e ninguém tome medidas.

Se, como denuncia o támdem PP-CCOO, em Sogama nom se realizarom auditorias periódicas e se adjudicarom contratos de maneira irregular, é um escándalo.

Que nom se tenha resolvido a grande fraude do voto emigrante, é um escándalo.

Que o Sr. Zapatero chame 'amigo' o estado genocida de Israel e tenha tardado 1000 mortos, 3000 feridos e a destruiçom total da Faixa de Gaza para pedir o cessamento do fogo nom é um escándalo. É umha vileza.

Para o prolongado silêncio covarde do PSdG e o seu secretário, Sr. Pérez Touriño, nom tenho palavras.

O próximo domingo, às 12:00, em Compostela, Galiza será Gaza.

11 de jan. de 2009

Que Rajoy diga algo?

Hoxe, nun mitin en Galiza, José Luis Rodríguez Zapatero instou Mariano Rajoy a que diga algo sobre o masacre contra o pobo palestino. Sería ben que se deixase de hipocrisías e que, como presidente do Goberno, faga algo.

Ou é que o presidente do Estado non pode facer máis que lamentarse, mentres continúa a autorizar a venda de armas ao exército israelí e mantén as relacións económicas e diplomáticas como se non se estiver a cometer un xenocidio?

Cómpre que nos movamos para que a manifestación do vindeiro domingo en Santiago teña un respaldo masivo. Ninguén debería faltar. Porque esta vergoña non pode continuar:

5 de jan. de 2009

Adhirámonos ao boicote a Israel

O artigo desta semana en Galicia Hoxe, "Boicote a Israel", céntrase nas posibilidades de reaccionarmos desde Galiza contra o masacre de Palestina.

Desmontar a propaganda de guerra, solidarizármonos a través das mobilizacións, exixirlle ao Estado español que non autorice a venda de armas a Israel e apoiar a campaña de boicote aos produtos deste país e das empresas que fagan negocios alí. Coido que estes son os principais camiños que podemos seguir.

Algunhas das grandes marcas afectadas son Nanas, Alcampo, Carrefour, Coca-Cola, Danone, Motorola, L'Oreal, Nestlé, Nokia, Calvin Klein e Jonhson & Jonhson. Aquí tedes unha listaxe completa.

Ademais, podemos estar atentos/as para non mercarmos produtos fabricados en Israel. Son sobretodo froitas e verduras, viños, cosméticos e materiais agrícolas. Recoñécense a través da cifra 729 na parte de diante do código de barras.

30 de dez. de 2008

Boicote a Israel

Ademais da mobilización de hoxe ás 8 do serán contra a barbarie sionista en Gaza, pola miña banda comezarei a aplicar a proposta de boicote a Israel. Sei que se o fai unha soa persoa será puro testemuñalismo; se o facemos máis, poderemos ao menos axudar a que algo muden as cousas.

Algunhas das grandes marcas afectadas son Coca-Cola, Danone, L'Oreal, Nestlé, Nokia, Calvin Klein, Alcampo ou Carrefour. Tedes máis información sobre o boicote aquí e, especialmente, aquí.

Pola miña banda, voulles escribir a Alcampo e Carrefour para devolverlles os cartóns de cliente, que saiban da miña decisión e por que a adopto. Sumádevos!

Como di o Mario Benedetti nun dos seus poemas máis emotivos:

Uno no siempre hace lo que quiere
pero tiene el derecho de no hacer
lo que no quiere.



Ademais da presión comercial, urxe que se adopten decisións políticas de presión. Por exemplo, vai manter o Estado español o comercio de armas con Israel ou vaise deter tal e como solicitaron entidades como Amnistía Internacional?

O presidente do Goberno central, o señor Rodríguez Zapatero, debería explicarnos por que autoriza a venda de armas para asasinar poboación civil indefensa.

8 de dez. de 2008

Sean Penn e Venezuela

Hoxe teño un día blogueiro, polo que se ve, e non me podo resistir a pendurar este vídeo que collo da bitácora de Xosé Mexuto, cun fragmento dunha entrevista ao actor Sean Penn nun late show:



Pódese expresar máis alto, porén non máis claro: "Unha das cousas que se dixeron sobre Hugo Chávez é que fechou unha estación de televisión. O que sucedeu é que desde 1998 estiveron exhortando ao asasinato de Chávez todos os días nese canal. Algo polo que irían presos se estivesen aquí [nos USA]. El simplemente non lles renovou a licenza."

Que acontecería no Estado español se Antena 3 ou Tele 5 estivesen chamando ao asasinato de Zapatero ou de Juan Carlos I?