Mostrando postagens com marcador Mariano Vidal. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador Mariano Vidal. Mostrar todas as postagens

24 de fev. de 2015

Un cartaz histórico de recuperación da memoria rosaliana

Acho que este cartaz sen asinar o imprimiu na década de 80 a Federación de Asociacións Culturais Galegas, xogando coa edición por parte do Banco de España do billete de 500 pesetas coa efixie Rosaliana e cuns versiños de Follas novas.

Na década seguinte aínda era posíbel encontrar dito cartaz sen problema en moitos locais nacionalistas e, de feito, sería arredor do ano 1995 cando eu o vin na sede do BNG de Ribeira. Recordo que me chocara. Eu aínda só sabía de Rosalía o exterior do iceberg que vira na escola. Moita paixón moveu despois en min ir descubrindo todo o que aínda había por debaixo da auga! Como era posíbel que dunha autora da que tantas veces me falaran non me contaran nunca todo aquilo?

A reprodución do cartaz tomeina da Fundación Bautista Álvarez, do Arquivo do Nacionalismo Galego:

4 de set. de 2011

Vídeo da homenaxe a Mariano Vidal

A Fundación Bautista Álvarez pendurou na rede un vídeo onde se sintetizan os actos de homenaxe a Mariano Vidal en 2006, cando foi o primeiro cabodano da súa morte.

Camaradiña, continuamos co teu exemplo ben presente!

Homenaxe a Mariano Vidal from Terra e Tempo Tv on Vimeo.


21 de mar. de 2009

Ánimo!

Onte, dando unha volta por Santiago, achegáronseme dous homes de trinta e pico que non coñecía de nada e soltáronme: "¡Tú eres Carlos Callón! ¡Hombre, ahora te vas a joder, que hemos ganado nosotros! ¡Ahora con el PP te vas a joder! ¡Se acabó la imposición del gallego! ¡Viva el castellano!" Como comprenderedes, non me puxen cun diálogo con semellantes energúmenos e seguín ao meu. Un bo amigo que estaba comigo neses momentos, castelán falante, quixo replicarlles algo, sorprendido.

Este desagradábel incidente recordoume a outros de hai non tanto tempo, cando o PP gobernaba con maioría absoluta non só na Xunta, senón tamén no Goberno central e nos concellos, e había militantes e simpatizantes seus que saían á rúa nas noites electorais co conciliador e repetido lema de "Si no eres del PP, jodeté, jodeté". Non lle coñezo retrouso semellante nin ao PSOE nin ao BNG.

Eu son de Ribeira. Aló, desde hai ben de anos, o PP goberna con maioría absoluta. Lembro como, non hai moito, un militante desa formación tamén realizaba cánticos e danzas o día das municipais, non tanto para festexar a súa vitoria (o cal sería comprensíbel), senón para menosprezar e ridiculizar os rivais. Esa noite cruzouse con Mariano Vidal, histórico e recordado dirixente nacionalista da comarca da Barbanza, que lle soltou unha frase, con tal dose de seriedade e dignidade que fixo que o outro parase nas súas chanzas: "Nunca choveu que non escampase".

A pesar deste tipo de actitudes e do envío cada certo tempo dalgúns anónimos insultantes a través do correo electrónico, debedes saber que o máis habitual desde o 1 de marzo é que haxa xente que nos deteña aos compañeiros da directiva da Mesa pola rúa para nos desexaren ánimo (esa é a exclamación máis reiterada, con diferenza: "Ánimo!") e ofreceren o seu ombreiro para arrimalo a colaborar, así como persoas que dan o paso para se afiliaren.

Se pensan que nos van parar, van bos! Xa pasamos tempos moi duros e, con entusiasmo, tesón e intelixencia, pasaremos tamén estes!