Mostrando postagens com marcador lit med. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador lit med. Mostrar todas as postagens

2 de dez. de 2011

Fermín Bouza Brey, a lírica medieval, a sexualidade na Antigüidade e, como colofón, un recital

Esta tarde fecharemos as xornadas sobre homosexualidade na cultura e, en especial, na literatura galega. Como cada un dos outros días, os relatorios desenvolveranse a partir das 18 h no IES Blanco Amor. Porén, o recital, ás 21 h, será no Liceo.

A primeira sesión, sobre Fermín Bouza Brey, correrá a cargo do escritor Antón Lopo. Despois, a profesora da Universidade de Santiago Isabel Morán falaranos sobre a homosexualidade nas sátiras medievais galego-portuguesas. Finalizará a parte de intervencións académicas Susana Reboreda, da Universidade de Vigo, comentando a sexualidade na época clásica.

O recital da noite acollerá sobre todo novas propostas creativas. Haberá sorpresas, así que vos recomendo vivamente a asistencia!

A actividade destes días tivo unha pequena acollida onte no programa Zigzag Diario da TVG, como podedes ver no seguinte vídeo, entre o minuto 8.24 e o 9.03


27 de nov. de 2011

Reportaxe en México sobre Amigos e sodomitas

A revista mexicana M Semanal, pertencente ao grupo Milenio de comunicación, colocou como unha das súas informacións de portada desta semana unha reportaxe sobre o libro Amigos e sodomitas, cuxa tradución ao español sairá en 2012.

Agradezo os recoñecementos que lle chegan a este libro, non só pola satisfacción persoal ante o traballo realizado, senón tamén porque todo o que ten esta obriña de novidoso ou particular se debe ao noso inmenso tesouro cultural medieval.

Obrigado!

28 de set. de 2011

Reportaxe sobre Amigos e sodomitas no xornal Certo


Certo, un medio dixital en galego que se define como Xornal Virtual do Barbanza, chegou até A Mariña luguesa para cubrir a presentación en Foz do libro Amigos e sodomitas.

Podedes consultar aquí a ampla reportaxe, de onde tiro a imaxe que ilustra esta entrada e os vídeos seguintes:









Non podo máis que agradecerlle a este medio, impulsado desde o voluntarismo, a súa xenerosa receptividade.

27 de set. de 2011

Reseña de Amigos e sodomitas no portal do Consello da Cultura

"Libro de amar e maldizer" é como titula Xurxo M. Ayán a súa recensión de Amigos e sodomitas, publicada esta semana no portal do Consello da Cultura Galega. Obrigado!

"Libro de amar e maldizer", Xurxo M. Ayán

A penúltima entrega editorial do comprometido e prolífico filólogo Carlos Callón sae do prelo coma unha obra de investigación galardoada co XVI Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais 2011. Todo un novo exemplo dunha tendencia constatada no eido do ensaio galego nos últimos anos: obras rachadoras coma esta non adoitan proceder do mundo académico e universitario senón do ceibe e anónimo mundo dos certames ou das editoriais que dan voz a autores á marxe dos paradigmas científicos oficiais.

Un libro revolucionario

Desta volta, Carlos Callón leva a cabo unha pescuda que deixa en evidencia as inercias seculares do medievalismo como práctica investigadora tradicional. Basta con lembrar a polémica do Dicionario da Real Academia da Historia ou as reaccións de senlleiros investigadores co gallo do roubo do Códice Calixtino para decatarse da liña predominante nos estudos medievais a nivel do Estado: rendas, nobres, fundacións de mosteiros e coleccións diplomáticas seguen focalizando o discurso historiográfico deixando á beira aquela renovación que ampliou as miras coa Historia das mentalidades e a Historia cultural. Asemade, cómpre recordar que mentres no eido da Historia Antiga os estudantes da licenciatura de Historia na facultade compostelá recibían xa nos comezos da década de 1990 unha boa formación no tocante aos temas da sexualidade, o xénero e maila homosexualidade no mundo clásico, nada disto acontecía nas asignaturas centradas no período medieval.

Dentro deste contexto atopámonos diante dunha obra verdadeiramente revolucionaria dentro do sistema cultural galego, xa que aborda directamente un tabú que segue a eivar o tratamento historiográfico que se fai incluso de esgrevios persoeiros da cultura galega. Os corenta anos de nacionalcatolicismo e mailo tradicionalismo conservador de grande parte do galeguismo cultural explican en parte esta triste realidade. Neste senso, o autor desmárcase dos prexuízos anacrónicos e enceta unha aproximación valente e innovadora á configuración da homosexualidade na Idade Media, e faino botando man da súa excelente formación filolóxica e da súa curiosidade intelectual, cunha edición crítica dun monllo de textos tirados dos cancioneiros, da Crónica Troiana e das áridas compilacións documentais de tumbos eclesiásticos. O mero feito de que estes piares fundamentais do legado medieval galego (encarcerados até o de agora no mundo académico e erudito) teñan chegado á sociedade en xeral e aos medios de comunicación grazas a Carlos Callón, xa é razón abonda para mercar e ler este libro. Neste senso, a descuberta polo autor desa unión institucionalizada entre dous homes en Rairiz de Veiga no século XI entre a documentación do mosteiro de Celanova (capítulo 14) conlevou un impacto mediático e unha posterior polémica que pasará aos anais da propia historia cultural galega do século XXI.

Unha obra rigorosa e suxerinte

Pero ademais, o autor agasalla ao leitor cun texto áxil e postmoderno, artellado a partir de pequenos capítulos centrados na análise dun texto medieval concreto. A pericia de Carlos Callón fornece a chave para garantir a transversalidade entre as diferentes pezas, sen perder de vista a argumentación lóxica que alicerza e vertebra a tese defendida polo autor: a condea da homosexualidade é unha estratexia de construción da realidade social que se reflicte no marco político e xurídico dende a época plenomedieval. Pero este prexuízo homófobo tamén se rexistra no propio tratamento historiográfico das fontes literarias. Así pois, ao longo do libro amósase ben ás claras a man dunha censura que levou a terxiversar en edicións contemporáneas o verdadeiro sentido dalgunhas composicións obscenas, irreverentes e heterodoxas: A censura, nas súas diferentes vertentes, é un trazo esencial do funcionamento social da homosexualidade páx. 72). Desta volta, Carlos Callón reinterpreta de xeito crítico e suxerinte parte da obra de xograres esgrevios como Pero da Ponte e contribúe a comprendermos mellor o verdadeiro contexto do que xorden as cantigas de maldizer. Malia formaren parte do xénero chave da lírica medieval galaicoportuguesa, semella que tradicionalmente as cantigas de amor gozaron de meirande éxito entre a crítica, dando lugar a visións idealizadas como se puido comprobar en 1998 co gallo da dedicatoria do Día das Letras Galegas aos tres poetas do mar de Vigo. Neste senso, Amigos e sodomitas é auténtica investigación de rescate, máis tamén un libro que se achega á realidade social do presente, grazas tamén ao perfil comunicador e divulgador dun autor que se atopa preto da rúa, dos leitores, como se puido comprobar na presentación peripapética da obra, cun percorrido comentado polas rúas compostelás, un terreo fronteirizo, coma o amor, onde transitaron amigos e sodomitas na Idade Media.

21 de set. de 2011

A execución das cantigas

Esta semana vou falar por partida dupla sobre a nosa literatura medieval. Primeiro tratarei en xeral sobre as cuestións da execución do noso trobadorismo nun congreso que se realiza en Madrid. Comentarei aí a diferenza existente entre o moito que presupomos sobre a súa representación e o pouco que en realidade sabemos sobre iso. Ás veces hai que desandar o camiño para poder explorar novas vías de coñecemento.

Ademais, na sexta, día 23, estarei coas compañeiros e cos compañeiros da asociación A Pomba do Arco de Foz para presentar aló o libro Amigos e sodomitas. A configuración da homosexualidade na Idade Media. Será ás 20.30 h na Casa da Cultura. Neste acto contarei cun padriño moi especial: o historiador Xosé Ramón Fernández Pacios.

Convidadas e convidados ficades!

5 de set. de 2011

A homosexualidade en primeira persoa na lírica medieval


Estou camiño de Murcia, onde se vai desenvolver esta semana o XIV Congreso da Asociación Hispánica de Literatura Medieval, no cal participarán investigadoras e investigadores procedentes de diferentes lugares.

O meu contributo ao evento inscríbese nunha das liñas de traballo que sigo no libro Amigos e sodomitas: a de analizar as cantigas da nosa lírica profana medieval en que se describen desde a primeira persoa afectos ou prácticas homosexuais.

Para min será unha honra compartir esa mesa do Congreso con dous reputados medievalistas galegos como son Elvira Fidalgo e José António Souto Cabo, que abordarán outros aspectos da literatura galego-portuguesa baixomedieval.

19 de ago. de 2011

Desocultar o desviado

Marta Pérez Pereiro publica unha recensión de Amigos e sodomitas no último número de Protexta (que podedes descargar aquí en pdf).

Agradezo a atención, a lectura divertida, os recoñecementos e, tamén, as dúas pexas que observa.

Outro día estabelecerei un diálogo con esta e outra reseñas, pois penso que pode ser enriquecedor.

21 de jul. de 2011

El País publica unha reportaxe sobre Amigos e sodomitas

O diario El País publica hoxe nas súas páxinas para Galiza unha magnífica reportaxe de Diana Mandiá sobre o libro Amigos e sodomitas, ilustrada con esta fotografía de Anxo Iglesias.

Igual que o excelente traballo de Manuel Gago para o portal do Consello da Cultura Galega, a traballada información parte do roteiro que se organizou para o 28 de xuño pola cidade de Santiago de Compostela con motivo da saída desta obra.

Talvez poidamos mirar, pois, novas datas para este roteiro por Santiago e, por que non, por outros lugares do país.

A parroquia de Santa María de Ordes, en Rairiz de Veiga, e Albeos, en Crecente, son outros espazos centrais a través dos cales podemos recuperar estes importantes episodios da Historia, adulterados ou esquecidos por non diciren o que se querería que dixesen.

19 de jul. de 2011

10 de jul. de 2011

A presentación en Compostela do libro Amigos e sodomitas





Deixo aquí catro fotografías que tirou Pauloff do comezo do acto de presentación do libro Amigos e sodomitas, o pasado 28 de xuño na libraría Couceiro de Santiago.

Tras as intervencións de Francisco Fernández Rei e Olegario Sotelo Blanco (que publicou no seu blogue a crónica do día), fixemos un roteiro por algúns puntos da cidade vinculados con varios capítulos do libro. Sobre este itinerario sairán esta semana entrante dúas reportaxes en cadanseu medio de comunicación. Irei informando ;)

8 de jul. de 2011

Crítica de Armando Requeixo ao libro Amigos e sodomitas


O crítico Armando Requeixo publicou hai uns días unha reseña do libro Amigos e sodomitas, que se difundiu a través dos xornais El Ideal Gallego, Diario de Ferrol, Diario de Arousa e Diario de Bergantiños. Tamén se pode consultar no seu blogue, Criticalia.

Debo agradecelo, igual que a atención e a repercusión que lle están a prestar diferente medios a esta obra. Agardo que sirva para coñecermos mellor a nosa historia e para nos fornecermos de armas culturais contra a intolerancia.

7 de jul. de 2011

Continúa o espolio


Amencemos coa nova do roubo do Códice Calixtino, como se estivésemos vivindo un best seller danbrowniano. Lemos agora nos medios as valoracións "incalculábeis" deses manuscritos, procedentes dunha época de esplendor do reino de Galiza.

Serviranos a ausencia do obxecto para coñecermos a súa riqueza? Axudará -ironicamente- a súa falta a sabermos un pouco máis da nosa incríbel documentación medieval, vítima dun proceso histórico de destrución e espolio?

28 de jun. de 2011

O noso orgullo, a nosa historia

Hoxe festexarei o Día do Orgullo GLBT coa presentación en Galiza do libro Amigos e sodomitas e co posterior roteiro sobre a homosexualidade na Compostela medieval.

Non é que queira repetilo por enésima vez. Só subo esta entrada porque, contra o costume habitual en Galiza, o acto comezará puntualmente, ás 20 h na libraría Couceiro (praza de Cervantes). Se non puiderdes chegar antes, o seguinte punto na paraxe será a praza da Quintana, ás 20.15-20.20. O seguinte, a fachada de Pratarías.

E xa non vos digo máis lugares onde faremos paraxe, que se non perde a graza!

Vémonos este serán!

25 de jun. de 2011

A presentación en Barcelona do libro Amigos e sodomitas




´

Deixo aquí algunhas fotografías da presentación do libro Amigos e sodomitas o pasado 15 de xuño na Galería Sargadelos de Barcelona. Se algo lamento dese evento é non ter unha gravación do tremendo discursazo, do maxistral discursazo que realizou Helena González.

Polo demais, xa vedes os continuos sorrisos que temos todas as persoas que saímos nas fotografías.

Á parte de me encontrar con caras amigas, unha das sorpresas do evento foi a asistencia ao mesmo dunha profesora catalá de lingua e literatura e unha activista lgtb de orixe arxentina. Nunca antes ouviran o galego, mais non tiveron ningún problema para seguir as conversas. Para que despois digan.

Estas dúas mulleres souberon do acto porque se fixeron eco do mesmo varios xornais electrónicos latinoamericanos (até onde sei, un chileno, un arxentino e un mexicano); curiosamente, poucos galegos e ningún catalán. Un dato que serve para reflexionarmos sobre como é a exportación da nosa imaxe como país e como cultura, e tamén da nosa produción editorial.

Na vindeira terza feira (martes) será a presentación do libro en Galiza, ás 20 h na Libraría Couceiro de Compostela, desde onde partiremos por un roteiro sobre a homosexualidade na Idade Media en Santiago.

O seguinte acto de presentación será o 2 de xullo en Ribeira. Por vez primeira, na miña vila natal van organizar o Día do Orgullo e estou moi feliz de poder colaborar.

20 de jun. de 2011

Unha parella lésbica na Compostela do século XIII


No seu discurso como mantedora dos premios Xerais 2011, María Xosé Queizán amosounos un poema asinado por unha trobadora occitana, unha trobairitz, que tiña como cantado obxecto de desexo outra muller. A autora d’O despertar das amantes indicounos tamén que houbera bastantes esforzos da crítica contemporánea para tentar evitar a tan explícita lectura lésbica.

No trobadorismo galego-portugués aconteceu un procedemento semellante por parte da crítica cun par de composicións que falan de relacións homosexuais masculinas: unha cantiga de autoría de Rodrigo Eanes de Vasconcelos e outra de Pero da Ponte. Porén, non hai nada que se lle pareza ao caso que nos comentou María Xosé Queizán, entre dúas mulleres. Dificilmente podería ser, claro, cando das ruínas que conservamos do noso esplendor trobadoresco baixomedieval non temos nada que nos faga nin intuír que houbese tan sequera versos escritos por esa discriminada metade da humanidade.

No caso galego-portugués o lesbianismo só aparece como elemento temático nas cantigas satíricas e protagonizado por soldadeiras, por prostitutas –aínda que algúns, como o historiador José Mattoso, coidan que tamén habería que englobar aquí outros textos referidos a monxas, que eu non vexo moi claros–. A súa situación marxinal facía posíbel que mantivesen uns vencellos entre elas, mesmo con certo cariz público, que serían inviábeis para outras mulleres.

A dúas destas soldadeiras do século XIII que foron satirizadas polos seus relacionamentos sexuais ou afectivos con outras mulleres coñecémolas polo nome: Sancha e María. Delas mesmo sabemos que foron vivir á rúa da Moeda Vella, en Santiago de Compostela, ben pertiño da catedral. As súas figuras, que trato máis polo miúdo nun dos capítulos do ensaio Amigos e sodomitas, terán un protagonismo especial cando o vindeiro 28 de xuño se realice o roteiro sobre a homosexualidade na Compostela medieval (lembrade: o punto de saída é a libraría Couceiro ás 20 h e a asistencia é libre).
Así comezo esta semana o artigo de Galicia Hoxe, que podedes consultar completo nesta ligazón. Para máis información, xa sabedes: o libro Amigos e sodomitas e o roteiro do vindeiro 28.

19 de jun. de 2011

O amor de Sancha e María

Estou agora mesmo no Prat, a piques de tomar o avión de regreso a Galiza.

Xa no país, ultimarei o artigo que publicarei mañá en Galicia Hoxe, sobre a satirizada relación lésbica de Sancha e María.

Segundo se extrae de dúas cantigas do noso trobadorismo, que comento nun capítulo do libro Amigos e sodomitas, esta parella viviu no século XIII na compostelá rúa da Moeda Vella, a carón de San Martiño Pinario.

Sancha e María terán un espazo moi especial no roteiro que sairá o vindeiro 28 de xuño ás 20 h da libraría Couceiro de Compostela. Xa sabedes que estades convidadas e convidados!

15 de jun. de 2011

Que fan os Reis Magos durmindo xuntos?


Esta imaxe pertence a unha arquivolta da igrexa románica de San Domingos en Soria. Aí vemos aos treis Reis Magos durmindo xuntos, no momento en que o anxo da dereita os sorprende coa boa nova da chegada do Mesías.

Desde os ollos de hoxe etiquetariámolo cando menos de homoerótico. De feito, na Idade Media son moi frecuentes estas representacións, mais non noutras etapas posteriores, onde cada Rei Mago anda por libre. Se Xerardo Conde Roa vise unha obra dun artista contemporáneo con esta ilustración, é probábel que pedise que a censurasen, como fixo co cadro do Cristo crucificado nu.

Podemos ver outras representacións dos Reis Magos partillando cama tamén nun retábulo tardomedieval da catedral de Barcelona, cidade onde me encontro hoxe para presentar o libro Amigos e sodomitas. Tamén achamos a mesma imaxinaría nun dos capiteis da igrexa de Santiago en Vilafranca do Bierzo.

Mais voltemos á primeira imaxe, á que inicia esta entrada. Resulta que é de Soria, a mesma cidade que ten o foro que no século XIII é, se non o máis cruel, dos máis crueis de toda a Península Ibérica na condena da sodomía. Ordena arrestrar os culpados, castralos en público, arrastralos polas rúas e, como colofón, queimalos.

Porén, a sociedade que tal norma atende non ve indicio de sodomía nin censura posíbel nesta representación. Por que? Por que a mesma sociedade ou as mesmas clases dirixentes que colocan a sodomía no centro dos pecados representan ou permiten a representación no entanto escenas como esta, permiten os bicos en público entre varóns ou consideran normal que dous homes se deiten xuntos, como nos demostran con naturalidade por exemplo algúns relatos da época ou cartas conservadas?

A tentar responder estas preguntas dedico dous dos capítulos do libro Amigos e sodomitas. Sobre iso falaremos hoxe tamén ás 19.30 h na Galería Sargadelos de Barcelona e o vindeiro 28 de xuño ás 20 h no roteiro en Santiago de Compostela que partirá da libraría Couceiro.

13 de jun. de 2011

Contra a falsificación da historia da sexualidade


No artigo desta semana en Galicia Hoxe comento algúns dos obxectivos e camiños percorridos na investigación Amigos e sodomitas e convido aos seus dous actos de presentación, que serán o 15 de xuño na Galería Sargadelos de Barcelona e o 28 de xuño desde a libraría Couceiro de Santiago.

Neste último caso, será só un punto de partida para despois facermos un itinerario por algúns espazos da homosexualidade na Idade Media compostelá. Visitaremos a rúa onde vivían Sancha e María, satirizadas no século XIII polo seu amor; confrontaremos a evolución das representacións do santo galego Paio, de efebo desexado polo califa de Córdoba a soldado homófobo da Cristiandade; repararemos en representacións positivas das relacións entre dous homes nalgunha arte relixiosa, etc.

Convidadas e convidados ficades!

12 de jun. de 2011

Chega ás librarías Amigos e sodomitas


Presentación do libro Amigos e sodomitas. A configuración da homosexualidade na Idade Media (Premio Vicente Risco de Ensaio 2011)

Cando? Esta cuarta feira (mércores) 15 de xuño, ás 19.30 h.

Onde? Na Galería Sargadelos de Barcelona (carrer Provença, 276).

Quen estará?
- Olegario Sotelo Blanco, editor.
- Helena González, profesora da Universitat de Barcelona.
- Carlos Callón, autor.

De que vai o libro?

Botando man dunha ampla documentación medieval (sobre todo galega), en Amigos e sodomitas explícase como entre os séculos XI e XIV se configurou o pecado-delito de sodomía, inexistente nos mil primeiros anos de historia do cristianismo.

Para analizar esta evolución da tolerancia á intolerancia, amósase a institucionalización documental máis antiga da unión entre dous homes na Península Ibérica, que se produce en Galiza no século XI (Pedro Díaz e Muño Vandilaz, 16 de abril de 1061), analízase a homofobia como arma política contra a nobreza galega que se enfronta a Afonso X e repásase a evolución dalgunhas historias moi divulgadas na Galiza medieval, como o martirio do santo galego Paio.

Obsérvanse tamén desde outro prisma moitos textos do trobadorismo galego-portugués: unha enigmática cantiga amatoria entre dous homes, a sátira contra o lesbianismo en que se fala do amor de dúas prostitutas compostelás ou os indicios dunha identidade grupal homosexual análoga á estabelecida por Michel Foucault para o século XIX.

Esta mesma semana chega ás librarías galegas, cando faltan xa poucos días para a celebración internacional do Día do Orgullo Gai, Lésbico, Bisexual e Transexual.