23 de jul. de 2011

De En castellano no hay problema a Como defenderes os teus dereitos lingüísticos








Mañá, 24 de xullo, ás 18.30 h, presentarase no Festigal o libro Como defenderes os teus dereitos lingüísticos. Debo agradecer desde xa ás máis de 600 persoas que apoiastes o evento a través das redes sociais. Agardo que a obra estea á altura das expectativas e sexa útil para a batalla cívica que temos por diante.

A presentación será puntual e áxil, para cumprir coa ampla programación do Festigal. Para o acto preparei unha pequenísima sorpresa, así que recomendo vir con ganas de xogar ;)

Teño que manifestar tamén o meu agradecemento aos medios de comunicación que se están a facer eco da saída do volume. Así, antonte tiven unha entrevista en Radiofusión, mañá sairá outra en RNE e na segunda feira outra máis para a SER. Grazas!

As fotos que encabezan esta entrada pertencen á derradeira presentación do anterior libro que publiquei sobre o noso idoma, En castellano no hay problema. O acto tivo lugar no Centro Galego de Madrid, despois dunha sucesión de obstáculos e censuras para facelo no salón da Delegación da Xunta, a Casa de Galiza.

O caso é que ao final puido haber acto, aínda que fose noutro sitio e non día máis propicio: nin pola tremenda calor nin por unha sucesión de problemas que tiven na xornada, que agora non veñen a conto, mais que axudan a explicar a cara de canso que se me ve nas fotos.

Mais a presentación pagou a pena, e moito. Foi unha delicia podermos partillar opinións sobre a situación do galego e tamén sobre as alternativas de futuro, aspectos ambos en que achegou a súa acertada análise o deputado Francisco Jorquera. Ademais, alegroume a xornada ver moitos rostros inesperados.

En fin, que continuamos!

Nenhum comentário:

Postar um comentário