22 de nov. de 2011

O logro positivo e a audacia necesaria

Prometo escribir unhas liñas máis polo miúdo sobre a miña visión do resultado das eleccións xerais, mais xa podo adiantar que concordo co dito polo sensatísimo editorial do Terra e Tempo sobre os resultados e os retos do nacionalismo:

O logro positivo e a audacia necesaria

Os resultados do nacionalismo galego o 20 de Novembro representan o logro dun obxectivo: manter os dous deputados do BNG no Congreso. Este obxectivo pode parecer moi pouco ambicioso, en abstracto, sen termos en consideración importantes factores que limitan a expansión electoral neste momento. O BNG ten detrás un coherente e significativo traballo desenvolvido no Congreso dos Deputados e no Senado desde 1996, e concretamente, na última lexislatura. As iniciativas e debates parlamentares fixeron do BNG a única forza política realmente interesada na defensa dos intereses do pobo galego e a máis comprometida coas maiorías sociais. Esta traxectoria é o mellor aval para defender a alternativa política nacionalista no contexto estatal. A militancia nacionalista foi consciente da importancia da presenza do BNG nas Cortes Xerais. A campaña electoral tivo dinamismo, impacto e incidencia social grazas ao esforzo da organización e dos e das militantes conscientes do que nos xogabamos neste proceso.

Certamente non se cumpriu o obxectivo de subir lixeiramente en porcentaxes de voto, agás na circunscrición de Pontevedra. Alguén pode preguntarse por que razón, nun contexto de claro retroceso do PSOE, o BNG non ten capacidade para atraer unha parte importante deste electorado. A resposta está en tres factores que lastran a potencialidade do nacionalismo neste momento. O primeiro é a carencia de cohesión interna que aparece magnificada para fóra. Esta carencia réstalle credibilidade e mesmo eficiencia na súa actuación na sociedade. Só a asunción do principio de unidade na acción, após os debates democráticos previos, pode superar esta eiva. Naturalmente nunha organización política estase para construír e defender a alternativa que representa, non para desprestixiala e destruíla. A próxima Asemblea Nacional do BNG debe restaurar a unidade interna, provocando o debate político que conduza a unha unidade operativa, onde non estea excluída a discrepancia leal, pero onde non se permitan comportamentos e actitudes deslexitimadoras das decisións democraticamente tomadas.

O segundo factor é un certo descrédito e frustración derivados dalgunhas experiencias de goberno que pesan, inxustificada ou xustificadamente, máis que os acertos. Restaurar a confianza esixe un certo tempo, empeño que guía a política do BNG.

O terceiro factor está na indefensión e fraxilidade da sociedade galega no aspecto informativo e a falta de confianza nas súas propias capacidades. En ningunha parte do Estado español como aquí se practica unha política informativa, en medios públicos e privados, tan descaradamente agresiva e manipuladora, cando non ocultadora, coa alternativa nacionalista. Non cómpre lembrar as diferenzas sociais e económicas de Galiza verbo de Euskal Herria e Catalunya, nin a distinta cobertura que as institucións dan nestes países aos seus intereses e á súa lingua e cultura nacional. O proceso de globalización está incidindo dunha maneira especialmente destrutiva da base económica do noso país e, como corolario, na conciencia social en relación ás nosas posibilidades de futuro como pobo. Certamente, unha alternativa política nacionalista como a do BNG ten que estar especialmente comprometida no combate contra este devalar, sendo capaz de orientar a sociedade nunha dirección que a leve a asumir as súas responsabilidades, opóndose construtivamente aos deseños que a anulan. Debemos valorar que contamos cun instrumento político moi útil, o único existente na sociedade galega, para lograr este obxectivo, o BNG, mais tamén recoñecer que as mudanzas negativas no país están indo máis apresa que o fortalecemento da nosa capacidade para paralizalas, sendo quen de executar políticas alternativas.

No panorama dunha evolución económica, social e política como a que estamos a vivir, o BNG está empeñado en ser vangarda na defensa de Galiza e das clases sociais maioritarias, como fixo até agora. A súa opción a prol das clases populares e contra políticas de axustes e de recortes de dereitos sociais vai emparellada coa súa proposta de mudanza institucional do Estado español, para facelo realmente democrático e representativo das nacións que o integran, entre elas Galiza, así como coa súa aposta por un modelo radicalmente diferente de Unión Europea. En ambos os dous casos, o BNG representa o esforzo pola capacidade de decidir do pobo galego no contexto antidemocrático e desigual da globalización. A presenza do BNG no Congreso dos Deputados é a única garantía de participación do pobo galego, desde a perspectiva dos seus intereses, nos debates sobre o presente e o futuro do Estado español e a Unión Europea. A maioría absoluta do Partido Popular, xa cantada triunfalmente polos medios de comunicación antes de se producir nas urnas, vai significar seguir afondando nunha política suicida para as maiorías sociais e de clara recentralización do Estado e dunha construción europea xerarquizada e desigual. O nacionalismo galego será a nivel social e institucional unha punta de lanza na oposición a esta política.

O instrumento con que contamos para participar no contexto da vida política estatal é humilde pero digno. Todos os inimigos de Galiza agardaban, con satisfacción mal disimulada, a nosa desaparición das Cortes. A nosa representación pode ser mellorada cuantitativamente se somos quen de eliminar ou mitigar algunhas das carencias devanditas. A esta tarefa están dedicados todos os homes e mulleres e correntes de opinión que no BNG, construtivamente, traballan para o pobo galego ter representación política de seu en defensa dos seus lexítimos dereitos. Vimos de revalidar esta presenza na política estatal. Non é un logro desprezábel, se temos en conta as fraxilidades descritas. Non nos vai faltar audacia para mellorar social e politicamente esta situación.

Nenhum comentário:

Postar um comentário