Mostrando postagens com marcador Benigno López. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador Benigno López. Mostrar todas as postagens

20 de dez. de 2011

A cantiga do Valedor



Miren señores que historia
que non lles é ningún xogo
aconteceu na Galiza
coa lingua deste pobo.

Pois que un ilustre doutor
de galega namorado,
por culpa do noso idioma
anda todo cabreado.

A causa do seu cabreo
segundo temos noticia
é por chamar ao galego
“lingua propia de Galiza”

Ao ler esta frase dixo:
“No puedo pasar por esto.
Voy a junto el Valedor,
Para que retire el texto”.

Cando se enteirou Benigno,
quixo ser el o primeiro
en arranxar o problema
e chamou ao Conselleiro

Cunha recomendación
e unha poliña de acivro:
“Mira Xesús, por Nadal,
hai que retirar o libro”.

Non sexa que os nosos nenos
até na Constitución
atopen claves que berren
que Galiza é unha nación”.

E xa andan coa instrución
como foi na Ditadura,
para aillaren o libro
volve o tempo da censura.

Para cuestionar o texto
fai falta serche ben bruto
pois só reproduce o artigo
5.1 do Estatuto.

Temos que estar preparados
para que a loita non mingüe
fronte ao PP, ao Valedor
e á de Galicia Bilingüe.

Valedor e Conselleiro,
escoiten este recado:
Nós temos o noso idioma,
nós non somos renegados.

E xa para rematar,
berramos pese a quen pese
Do Valedor quen nos vale?
Exiximos o seu cese!

Aí vos vai a despedida.
Ten que ser nesta ocasión:
Valedor e Conselleiro
exiximos demisión!

17 de dez. de 2011

"O castelán é a lingua oficial de España"

Na páxina 57, o libro de texto de Coñecemento do Medio que queren censurar o Valedor do Pobo e o Conselleiro de Educación reproduce o artigo 5.1 do Estatuto de Autonomía. En fin, xa sabedes, que recoñece que o galego é a lingua propia de Galiza.

O españolismo botou as mans á cabeza ao ver que o manual reproducía unha idea que quererían que non fose realidade. O argumento que utilizaron é que o libro debería censurarse porque non se dicía que o español era oficial.

Mais, claro, se imos consultar a anterior páxina dese mesmo libro de texto, a 56, encontrámonos con que, no mesmo ángulo superior dereito se di "A Constitución establece que o castelán é a lingua oficial de España". Aquí o podedes ver:

Que escusa teñen entón para pretender censurar que este libro reproduza o artigo 5.1 do Estatuto?

Mobilicémonos para deter esta caza de bruxas contra a existencia e o recoñecemento da nosa cultura!

Hoxe, ás 17 h temos unha cita na praza do Toural!

Porque o galego é a lingua propia de Galiza!

16 de dez. de 2011

A lingua propia de Galiza é o malaio

Este sábado 17 ás 17 h a praza do Toural acollerá un grupo de persoas provenientes de diferentes lugares de Galiza para exclamar que a lingua propia de Galiza é o galego. Xa sei que soa moi radical iso de dicir que o galego é a lingua propia de Galiza, cando todo o mundo sabe que a lingua propia de Galiza é o malaio ou o alemán ou o quimbundo, como brincaba alguén.

Mobilizarémonos para defender o evidente e para reclamar que se deteña a caza de bruxas contra a nosa cultura. Non é de recibo que o Valedor do Pobo pida a censura dun libro de texto por reproducir o artigo 5.1 do Estatuto de Autonomía e moito menos é presentábel que a Xunta execute o acto censorial.

Sobre o tema publicáronse moitas cousas ao longo destes días. Dous días antes de que se fixese eco desta situación a TVG xa o tema saíra en diferentes medios de todo o Estado español. Ficaba tan ás claras a súa censura que finalmente recolleron dous dos actos de Queremos Galego:







Da concentración de onte tamén fixo o seguinte vídeo Terra e Tempo TV:

Concentración de Queremos Galego exixindo o cesamento do Valedor do Pobo de Terra e Tempo Tv en Vimeo.



Hai varios artigos que están a saír sobre o tema da censura deste manual escolar. Deles, hai tres que quero recomendar de forma especial. Pídovos que atendades moito as palabras de Manuel Rodríguez Alonso, pois fan referencia a un dos efectos inmediatos desta caza de bruxas que non debemos pasar por alto:
Continuamos! Temos lingua propia!

15 de dez. de 2011

Dío ben alto: A LINGUA PROPIA DE GALIZA É O GALEGO!


Hoxe concentrámonos diante da sede do Valedor do Pobo, entregamos un escrito no seu rexistro exixindo a súa dimisión e, despois, outro dirixido aos grupos do Parlamento galego para que o cesen.

Esta mobilización terá continuidade nunha concentración que se desenvolverá o vindeiro sábado ás 17 h na praza do Toural de Santiago de Compostela. Alí exclamaremos alto e forte unha evidencia que queren censurar nesta caza de bruxas contra a nosa cultura: a lingua propia de Galiza é o galego.

Ademais, lembra que desde a plataforma Queremos Galego e desde A Mesa se fai tamén un chamamento para que todas e todos reclamemos o cesamento do Valedor do Pobo e do conselleiro de Educación, para iso:

a) Envía un correo electrónico á presidenta do Parlamento (pilar.rojo.noguera@parlamentodegalicia.com) para que os grupos políticos cesen o Valedor. Ligazón ao texto do correo.

b) Envía un correo electrónico ao presidente da Xunta (secretaria.presidente@xunta.es) para que cese o conselleiro de Educación. Ligazón ao texto do correo.

Continuamos!

12 de dez. de 2011

La lengua propia de Galicia es el gallego en el sentido peyorativo de la palabra


Talvez se o libro de texto de primaria que reproduce o artigo 5.1 do Estatuto de Autonomía dixese algo como o que poño no título non habería críticas por parte do grupo que con tal histrionismo o denunciou. O máis grave, porén, non é que os extremistas e galegófobos de UPyD continúen coa caza de bruxas contra a nosa cultura; o máis grave é que a institución do Valedor do Pobo lle dea cobertura e chegue a pedir a retirada dun manual escolar que, dentro das características distintivas de Galiza, recorda que... temos lingua de noso!

A plataforma Queremos Galego, que coordina e impulsa A Mesa, convocou un primeiro acto de repulsa para esta quinta feira (xoves) 15 de decembro ás 11.30 h diante da sede do Valedor (na rúa do Hórreo, en Santiago). Ao finalizar a concentración entregarase un escrito exixindo a dimisión de Benigno López.

Axiña anunciaremos tamén novas actividades!

Queremos galego!

27 de jul. de 2011

O xulgado, co apoio da Fiscalía, desestimou a denuncia do xuíz decano da Coruña

O 26 de xuño de 2008 varios xornais reproducían as palabras que se poden ver na imaxe.

Como non podía ser doutro xeito, desde A Mesa pola Normalización Lingüística criticamos con dureza que un maxistrado puidese afirmar que había leis que incumpría descaradamente.

Esas declaracións do xuíz decano, Antonio Fraga Mandián, hai que enmarcalas ademais nunha denuncia que presentara o xuíz contra un veciño que pedira a documentación en galego e co topónimo oficial. Si, xa sei, canto máis se relé o comezo deste parágrafo máis parece o mundo ao revés. Non te estrañes. É o mundo ao revés.

O disparate continuou cando este maxistrado decidiu denunciarme por criticalo. Xa se sabe: Se defendemos o noso idioma, inxuriamos. Onde se viu que teñamos dereitos e que os reclamemos?

Mais o xulgado non permitiu que continuase esta inxustísima criminalización e decidiu -co apoio da Fiscalía- arquivar esa denuncia, pola cal eu tivera que comparecer o verán pasado.

Hai moitas cousas que podemos concluír deste caso. Unha, moi importante, é que a pesar de todas as campañas de difamación que padeceu A Mesa, a xustiza sempre ratificou a plena legalidade e corrección das nosas actuacións. Sempre.

E así seguiremos. Dixémolo moitas veces e dirémolo as veces que fixeren falta: Non nos calarán!

23 de mar. de 2010

'Teño dereito a ler sen darme conta'

Estou pendente de falar aquí máis polo miúdo das últimas manipulacións informativas da TVG, do novo paso da Xunta reducindo a presenza do galego en campañas institucionais, así como da actitude chulesca e obsesiva do Valedor do Pobo contra o noso idioma.

Mais permitídeme que hoxe só chame a atención sobre esa frase que puxen como título desta entrada e que inaugura un novo dereito humano, a sumar ao dereito á ignorancia do galego que tanto tempo leva defendendo o PP. A idea dese novo dereito soltouna hoxe o conselleiro de Cultura no Parlamento galego.

Improvisouna? Ou escribíronlla e leuna sen darse conta?

17 de jun. de 2009

A xustiza, a lingua e as faltas de ortografía

Nos últimos días estou a faltar con demasiada frecuencia á miña obriga autoimposta de actualizar ao menos unha vez ao día esta páxina. Tentarei corrixilo. Xa saberedes máis ou menos os motivos desta falta de vagar, pois pola Mesa estamos até o curuto de traballo con todos estes ataques contra o galego, en especial do PP desde a Xunta. A parte boa e esperanzadora é a inmensa reacción social, tanto por xente falante de galego (de forma consciente ou non) como por persoas que falan en castelán mais senten o galego como algo propio, para o que queren un presente sen discriminación e un futuro de igualdade.

Mais os ataques, como sabedes tamén, veñen por moitas outras bandas. Non se pode esquecer a dimensión mediática do asunto e vermos noticias que se silencian ou terxiversan ou magnifican, segundo conviñer ao propósito de ir contra o noso idioma propio. Nin tampouco podemos deixar fóra as posicións vergoñentas que desde outros espazos institucionais diferentes aos gobernamentais asumen cargos como por exemplo o Valedor do Pobo.

Esta mañá hai tamén unha outra face destes ataques contra o galego. Ás 12, comparezo nos xulgados de Fontiñas, en Santiago, pola denuncia que interpuxo o xuíz decano da Coruña contra min, como presidente da Mesa pola Normalización Lingüística. O motivo foi que rexeitei e critiquei, como non podía ser doutro xeito, a frase deste maxistrado que reproduciran os medios de comunicación: "No tengo ningún rubor en usar la ilegalidad del topónimo La Coruña".

Lembremos que estas palabras que citaron os medios foron pronunciadas nun xuízo no que o maxistrado era parte denunciante contra un veciño da Coruña que solicitara que a documentación lle fose remitida en galego e co topónimo oficial. O xuíz decano considerara daquela que o uso de "La Coruña" era un "erro ortográfico". Tal "desliz" repítese agora, dúas veces, no escrito que presentou nos xulgados contra min. Casualidades da vida, problemas serios coa ortografía ou desobediencia consciente da lei por parte dun funcionario que non debería guiarse por outro criterio que non fose o da plena aplicación da legalidade?