Mostrando postagens com marcador Uxío Breogán Diéguez. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador Uxío Breogán Diéguez. Mostrar todas as postagens

30 de out. de 2012

A situación lingüística de Galiza, en TV3

Dentro dunha serie de pequenas reportaxes sobre a situación de Galiza diante das eleccións autonómicas, a televisión autonómica de Cataluña cubriu unha conferencia de imprensa de Queremos Galego e interesouse pola nosa visión das cousas. Podedes ver a noticia se clicades enriba da imaxe.

É moi diferente a actitude do medio público catalán da que mantén a TVG, que en todo o ano 2012 só sacou unha única vez, hai xa meses, unha noticia de Queremos Galego, a plataforma unitaria que agrupa a máis de 700 entidades. Talvez para demostraren que son plurais, dirán que tamén en todo 2012 sacaron outra da Mesa. A pesar de que A Mesa pola Normalización Lingüística é, a pesar das moitas dificultades, a maior asociación cultural de Galiza, polos medios dependentes do PP podería parecer que deixou de existir.

A pesar desas formas tan pouco democráticas de procederen, non teñades dúbida de que non nos calarán!


30 de nov. de 2011

Rosalía de Castro, Antón Lopo e a prosa medieval


Onte as xornadas sobre homosexualidade e literatura galega tiveron un comezo de luxo coa intervención de Teresa Moure, que abofé que estará carburando nas nosas cabezas ao longo destes días. Despois, o historiador Uxío Diéguez comentounos as viravoltas vitais de Álvaro de las Casas e os escándalos sexuais en que se viu envolto.

As xornadas comezarán hoxe ás 18 h con outra intervención de primeirísimo nivel. Francisco Rodríguez falaranos sobre a androxinia como cobertura da homosexualidade na obra de Rosalía de Castro. O autor do principal estudo sobre a obra rosaliana achegaranos chaves analíticas e interpretativas de grande relevo.

A continuación, Paulo Filgueiras falaranos sobre o recomendabilísimo romance Ganga, de Antón Lopo, co atractivo título "Ganga ou da importancia de ser un marica con problemas". O investigador confrontará esta obra con outras producións narrativas da literatura galega recente.

Tócame a min fechar as xornadas por hoxe e fareino comentando as amizades intensas e o amor entre homes na prosa galega medieval, na liña de dous dos capítulos do libro Amigos e sodomitas.

Por se vos interesar, a entrevista que onte emitiu o Diario Cultural da Radio Galega sobre estas xornadas podedes ouvila no seu facebook.

29 de nov. de 2011

Literatura galega, literatura queer

Hoxe comezan no IES Blanco Amor de Ourense as xornadas sobre homosexualidade na cultura, que se centrarán sobre todo no feito literario no noso país. Así, o evento abrirao un relatorio dunha das nosas mellores escritoras e ensaístas, Teresa Moure. O título da súa intervención podería ser, abofé, un bo nome para todas as xornadas: "Literatura galega, literatura queer".

A seguinte intervención será do historiador Uxío Breogán Diéguez, que nos falará do escritor e político Álvaro de las Casas, coas lendas negras que o acompañaron. A respecto da cuestión homosexual, é de grandísimo interese un pedazo do seu libro Xornadas de Bastián Albor, de 1931, que incluín no seu día nesta antoloxía que vai "Da sátira ao orgullo".

Por se vos interesar, hoxe o Diario Cultural da Radio Galega emitirá unha entrevista sobre os actos de Ourense, que tamén terán eco mañá no magazine matutino de Radiofusión.

[Ilustración do artista brasileiro Francisco Hurtz.]