Mostrando postagens com marcador Helena González. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador Helena González. Mostrar todas as postagens

9 de dez. de 2011

El País faise eco das xornadas sobre homosexualidade e literatura galega


A edición galega de El País de hoxe recolle unha completa reportaxe de Montse Dopico sobre a homosexualidade na literatura galega, partindo dos contidos que se trataron nas xornadas de Ourense. Podedes lela aquí.

Por se tamén tiverdes interese, o especial da Revista das Letras de que se fala na reportaxe podédelo consultar nestoutra ligazón (en pdf).

25 de jun. de 2011

A presentación en Barcelona do libro Amigos e sodomitas




´

Deixo aquí algunhas fotografías da presentación do libro Amigos e sodomitas o pasado 15 de xuño na Galería Sargadelos de Barcelona. Se algo lamento dese evento é non ter unha gravación do tremendo discursazo, do maxistral discursazo que realizou Helena González.

Polo demais, xa vedes os continuos sorrisos que temos todas as persoas que saímos nas fotografías.

Á parte de me encontrar con caras amigas, unha das sorpresas do evento foi a asistencia ao mesmo dunha profesora catalá de lingua e literatura e unha activista lgtb de orixe arxentina. Nunca antes ouviran o galego, mais non tiveron ningún problema para seguir as conversas. Para que despois digan.

Estas dúas mulleres souberon do acto porque se fixeron eco do mesmo varios xornais electrónicos latinoamericanos (até onde sei, un chileno, un arxentino e un mexicano); curiosamente, poucos galegos e ningún catalán. Un dato que serve para reflexionarmos sobre como é a exportación da nosa imaxe como país e como cultura, e tamén da nosa produción editorial.

Na vindeira terza feira (martes) será a presentación do libro en Galiza, ás 20 h na Libraría Couceiro de Compostela, desde onde partiremos por un roteiro sobre a homosexualidade na Idade Media en Santiago.

O seguinte acto de presentación será o 2 de xullo en Ribeira. Por vez primeira, na miña vila natal van organizar o Día do Orgullo e estou moi feliz de poder colaborar.

12 de jun. de 2011

Chega ás librarías Amigos e sodomitas


Presentación do libro Amigos e sodomitas. A configuración da homosexualidade na Idade Media (Premio Vicente Risco de Ensaio 2011)

Cando? Esta cuarta feira (mércores) 15 de xuño, ás 19.30 h.

Onde? Na Galería Sargadelos de Barcelona (carrer Provença, 276).

Quen estará?
- Olegario Sotelo Blanco, editor.
- Helena González, profesora da Universitat de Barcelona.
- Carlos Callón, autor.

De que vai o libro?

Botando man dunha ampla documentación medieval (sobre todo galega), en Amigos e sodomitas explícase como entre os séculos XI e XIV se configurou o pecado-delito de sodomía, inexistente nos mil primeiros anos de historia do cristianismo.

Para analizar esta evolución da tolerancia á intolerancia, amósase a institucionalización documental máis antiga da unión entre dous homes na Península Ibérica, que se produce en Galiza no século XI (Pedro Díaz e Muño Vandilaz, 16 de abril de 1061), analízase a homofobia como arma política contra a nobreza galega que se enfronta a Afonso X e repásase a evolución dalgunhas historias moi divulgadas na Galiza medieval, como o martirio do santo galego Paio.

Obsérvanse tamén desde outro prisma moitos textos do trobadorismo galego-portugués: unha enigmática cantiga amatoria entre dous homes, a sátira contra o lesbianismo en que se fala do amor de dúas prostitutas compostelás ou os indicios dunha identidade grupal homosexual análoga á estabelecida por Michel Foucault para o século XIX.

Esta mesma semana chega ás librarías galegas, cando faltan xa poucos días para a celebración internacional do Día do Orgullo Gai, Lésbico, Bisexual e Transexual.